miércoles, 22 de septiembre de 2021

1938: A Guerra dos Mundos

 
 1938 tampouco foi un bo ano. Ata o tempo foi peculiar, cun inverno dos máis xélidos da historia. Mesmo houbo unha aurora boreal en latitudes tan meridionais como España (para que falemos agora de cambio climático!).
  Si, naceu un coñecido coello, Bugs Bunny, e o extraterrestre máis famoso de todos os tempos chegou ao noso planeta procedente de Krypton. Tamén naceu en Suíza a primeira fábrica de café instantáneo (Nescafé), o químico Roy J. Plunkett descubriu o teflón nun laboratorio da empresa DuPont en Texas, o químico suízo Albert Hofmann nos laboratorios Sandoz de Basilea sintetizaba o LSD e Otto Hahn, director de química do Instituto Kaiser Wilhelm de Berlín, logrou a primeira fisión nuclear da historia (estas dúas últimas non sei se foron tan boas novas).
  Ah! e tamén foi o ano en que Orson Welles aterrorizou aos USA coa súa emisión radiofónica de "The War of the Worlds".
  Pero maioritariamente as cousas seguiron indo moi mal. Mentres na URSS se constituía o novo Soviet Supremo e Trotski creaba a IV Internacional, en Alemaña Hitler continuaba coa súa agresiva política. En febreiro autoproclamábase comandante supremo das forzas armadas, en marzo anexionaba Austria (o chamado Anschluss) e en outubro os Sudetes checos. En novembro tiña lugar a "Noite dos cristais rotos". O camiño cara á gran guerra europea era imparable.
  Tampouco en Oriente medio había paz e en outubro produciuse a masacre de Tiberíades (70 palestinos asasinaron a 19 colonos xudeus, 11 dos cales eran nenos). Só en América do Sur mellorou a situación coa finalización da Guerra del Chaco entre Bolivia e Paraguay.
 

   En España a guerra civil continuaba e xa se albiscaba un gañador. Puido haber dúbidas ao reconquistar a República Teruel pero disipáronse cando ao mes seguinte os nacionais entraron de novo na cidade facendo máis de 14.000 prisioneiros. Franco, asumidos oficialmente os cargos de Xefe de Estado e de Goberno, decidiu pospoñer o ataque a Madrid e concentrar os seus esforzos na ofensiva de Aragón. En abril as tropas franquistas, comandadas por Alonso Vega, ocuparon Vinaroz, dividindo a España republicana en dúas partes e illando Cataluña.
  Algúns políticos republicanos xa comezaron a pensar en negociacións para unha rendición (discurso de Azaña o 18 de xullo en Barcelona "Paz, piedad y perdón") mentres outros confiaban en resistir esperando un inminente estalido da guerra europea que lles brindase a hipotética axuda do RU e de Francia.
  Franco decidiu atacar Valencia pero foi interrompido polo último cartucho republicano: unha furiosa ofensiva atravesando o río Ebro en xullo. Catro meses despois, a vitoria franquista na máis longa e cruenta batalla de toda a guerra deixou á República sentenciada. O ano acabou cos nacionais entrando en Cataluña que apenas ofreceu resistencia.
  Ese ano 1938 foi o 2º do século XX con máis defuncións en España. Morreron 484.940 persoas, 19 de cada 1.000 habitantes. Só foi superado polo lendario 1918 (o ano da gripe).
 
 En Galicia ese ano El Correo Gallego, un xornal que nacera no Ferrol en 1878 (sendo por tanto o máis antigo da rexión) fusionouse con El Eco de Santiago trasladándose á cidade compostelá. E como se non houbera guerra celebrouse o Campionato Galego de Fútbol que gañou o Racing de Ferrol. Tamén foi o ano no que naceu unha agrupación musical mítica: Los Satélites.

   En Ordes era alcalde o militar Arturo Pérez Loureiro, xuíz de 1ª instancia José Samuel Roberes García e secretario do xulgado Ubaldo Rivas Martínez. Ese ano morreu gran cantidade de xente importante, entre eles aos 56 anos de idade Aurora Graña dos Graña da Maquía de Leira.
XANEIRO: Festa da Árbore en 10 das parroquias. En Ordes os mestres Nicolas del Río, Conchita Moar Vázquez, Maruja Cimadevila Anido e Piedad Carnota Soto levaron aos nenos e nenas ao lugar da plantación cantando himnos e acompañados de todas as autoridades locais (aínda que o alcalde, enfermo, foi substituído polo secretario municipal Juan Campos Fernández).
FEBREIRO:  A represión continuaba e agora tocoulle o turno a José Areoso Vieites, un labrego do Bidueiro de 45 anos, que fora militante do Partido Galeguista e síndico no Goberno municipal da Fronte Popular. Foi xulgado por rebelión co resultado de sentenza a cadea perpétua, que lle sería conmutada no ano 1941.  Outra forma de represión eran as multas que ademais aportaban diñeiro ao réxime. Así, por exemplo, Cayetano García Gestal pagou unha de 2.000 pesetas "por hacer manifestaciones improcedentes". o día 21 morreu José Concheiro García, xefe da Falange en Pontevea.
MARZO: Pedida de man da entón mestra de Visantoña Ángela Stolle para o futuro alcalde Juan Liñares Castro. O cerimonia sería moi discreta porque ela estaba de loito pola morte do seu pai (o xefe da oficina de telegráfos Pastor Stolle). Morreu Manuel Mosquera de Vilaverde aos 67 anos.
ABRIL: Morreu na fronte de Levante o mozo Ramón Calvo Abeijón.
MAIO: Faleceron Emilia Pardo con 21 anos e o notario César Antonio Sánchez Paniagua
XUÑO: Morreu na guerra o mozo Joaquín Verea Remeseiro. O día 27 faleceu o xefe local da Falange Policarpo Galán Pérez.
XULLO: Morreron Benardo García Suárez (marido da mestra Juana Caramelo) con 73 anos e Antón de Simón* aos 64 anos de idade.
*Antonio Viqueira Fuentes Antón de Simón (1874-1938): comerciante que viviu na rúa Alfonso Senra (hoxe a panadería de Nogallás). Casou con Josefa Ramos Botana coa que tivo 5 fillos: Arturo, Mª Carmen, Segismundo Mundito, Clotilde e Mª del Olvido.
O día 31 morreu na fronte o sarxento de Infantería Jesús Mosquera Candal (dos Mosqueiras de Montaos).
SETEMBRO: Naceu o futuro empresario Ramón Carro fillo.
OUTUBRO: Constituída a nova Xunta de subsidios para os combatentes integrada por Juan Liñares Castro (presidente), Nicolás del Río, José Mariño, Antonio Verea Fandiño, Ramón Calvo (vogais) e Manuel Delgado Criado (secretario por ser o mestre máis xoven do concello).
NOVEMBRO: Solemne funeral por José Antonio Primo de Rivera.
DECEMBRO:  Morreron o secretario do Xulgado Manuel Patiño aos 47 anos, José Abeijón Suárez, irmán de Ramón, o patriarca dos Abeijón, e a mestra de Ferdentes (Aranga) Mercedes Castro Amor. O ano rematou cunha visita de Franco a Galicia. Pasou por Ordes no seu traxecto da Coruña a Santiago e foi a primeira de moitas veces que se vivirían escenas de "adhesión inquebrantable" con escolares axitando pequenas bandeiras e xente "entusiasmada" co brazo en alto e berrando vivas a España e ao seu caudillo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario