Naceu no verán
de 1878 e foi o primeiro xornal
que se publicou fóra dunha das 7 cidades de Galicia. En 1879 había publicacións en
Vilagarcia, Tui, Noia e Ribadeo, pero "El
Fomento" de Ordes adiantouse a todas elas.
Tense escrito que era republicano e anticlerical.
O primeiro parece algo dubidoso porque o seu director, Antonio del Río, entrou posteriormente en política e foi un seguidor
acérrimo do conservador Romero Robledo.
Si era claramente anticlerical. Aínda que
nesa época a inxerencia e censura da Igrexa era tan grande que a gran maioría
da prensa (agás a pagada directamente por ela) estaba na súa contra, pero normalmente era bastante coidadosa e evitaba os enfrontamentos mentres que "El Fomento" parecía buscalos.
Basicamente era un instrumento de denuncia.
Había artigos falando da mala situación do campesiñado, do pésimo estado de camiños e
pontes, do excesivo tamaño dos concellos, do mal servizo de transporte ...
A súa vida foi curta (apenas dous anos) e
conflitiva. Xa en agosto, o seu número 5 foi suspendido por meterse co
arcebispo. Tamén foi suspendido de paso "El
Comercio Gallego" por reproducir o mesmo artigo -cousa moi frecuente na
prensa da época-. Foi defendido con gran elocuencia por Buenaventura Plá de Huidobro en outubro
pero non puido evitar un par de meses de suspensión.
Na súa volta, no saúdo de
benvida, nomeou como inspiración a Jan Hus e Prisciliano (ambos os dous
coñecidos herexes), provocación pola que foi novamente apercibido.
En decembro de 1879 converteuse en semanario político (ata ese momento era de
"intereses xerais" e ese mesmo mes o número do 22 volveu ser
denunciado, retirado e multado.
En xaneiro de 1880 o seu número 56 co artigo "Al
25º Aniversario del dogma de la Inmaculada Concepción de la Virgen María" supúxolle
unha suspensión de 75 números, ou sexa, máis de 18 meses e a excomuñón do cardeal Miguel Payá.
No seu lugar apareceu "Fray Junípero" un semanario satírico que durou pouco
tempo porque "El Fomento" foi indultado en maio. Pero o primeiro
número da súa reaparición, o 63, xa tivo problemas co alcalde. Pouco despois
pechou as súas portas definitivamente.
Como total punto final, en novembro de 1881 a imprenta onde se
publicaba foi comprada e trasladouse a Santiago para imprimir "La Reforma" e "El Avance".
No hay comentarios:
Publicar un comentario