viernes, 29 de diciembre de 2023

Rodando por Vilagudín

  No xornal La Voz de Galicia aparecen habitualmente uns artigos de Cristóbal Ramírez onde descobre lugares naturais pouco coñecidos e interesantes para percorrer a pé ou en bicicleta. Hai varios deles dedicados á comarca de Ordes. Este foi publicado o 7 de xaneiro de 2023.
 
  Está en el extremo sur de Cerceda, en ese territorio que ni es golfo Ártabro ni se incluye en las tierras de Compostela. Y el de Vilagudín, que comparten Ordes, Cerceda y Tordoia, es otro de esos espacios modificados por el hombre que está infravalorado. Porque es un embalse, así que obra humana, y no consta para el turismo, lo cual, vista la belleza de sus orillas, de su isla y de sus alrededores, resulta simplemente incomprensible. O sobrevuelan razones de fuerza mayor o no se puede entender cómo no se ha diseñado una ruta que lo rodee y no se haya promocionado. En la actualidad, tal y como está, resulta un espacio idóneo para los amigos de la bicicleta de montaña.
 
  Sobre mapa aparecen varias maneras de acercarse hasta allí. Por ejemplo, desde Cerceda a Xesteda y en el medio de este núcleo, girando a la derecha (señalizado Boimil y Espiñeira). La carretera, de notable alto, se convierte a partir de ahí en una pista estrecha, sin señalización, sin irregularidades y generosa en curvas.
 
  Al llegar a una parada de autobús (eso es Socastro) procede descender por la diestra, bordeando una aldea, para meterse en un bosque de eucaliptos primero y gozar de la compañía de especies autóctonas más adelante. Bien en Xesteda, bien en Socastro y como muy lejos en esa aldea, el coche debe quedar aparcado. Y así, poco después el excursionista se encontrará cruzando el embalse por un pequeño puente que deja a una mano y otra un auténtico bosque que emerge de las aguas. Ese es el punto donde el río Biduído remata su aventura.
 
 
  Pegándose a la ribera se acomete la única y minúscula subida y poco después de haber dado pedales dos mil metros desde el puente una gran curva invita a detenerse y a acercarse a la ribera para admirar la isla.
 
 
  Continuando, 600 metros más adelante aparece un muy corto tramo embarrado, y más en estos días, pero su paso no presenta dificultad alguna. Y así, después de cruzar el puente Castelo (que salva los últimos metros del río Paradela) se alcanza la única aldea que está justo tocando el embalse. Una aldea normal y corriente, como tantas otras de Galicia, pero con una particularidad: esconde la grata sorpresa de la capilla de Santa Susana, un edificio con encanto, con algún adorno en su parte superior y el testero hacia las aguas como no queriendo saber nada de ellas.
 
  Mil cuatrocientos metros más allá el excursionista ha llegado al comienzo de la gran presa que frena las aguas. Por el otro lado, abajo, sigue su curso el Paradela. El cruce de esa gran barrera de medio kilómetro de longitud depara, al final, el único punto negro de la jornada: un área recreativa abandonada por completo. Existe un sendero que va literalmente pegado a la orilla, pero además de que está prohibido el paso en alguna zona, no es recomendable en esta época de lluvias y terreno muy resbaladizo.
 
  A los 800 metros, desvío a la izquierda por una pista que conduce a las casas de A Brea, antesala de aquella parada de autobús de Socastro y que anuncia el fin del viaje.
Cristóbal Ramírez
INICIO: 43º06'48”N 8º29'55”W.
LA FOTO MÁS PERSONAL: Con la isla al fondo.
PARA NIÑOS: Óptimo en bicicleta, aunque se les puede hacer algo largo.
MAPA RECOMENDADO: Instituto Geográfico Nacional 70-I.

martes, 26 de diciembre de 2023

Sexo, mentiras e CDs

  Se hai un feito recente que coñecen todos os ordenses e do que todos teñen falado algunha vez é, sen dúbida, o caso dos vídeos íntimos dunha moza da localidade. Por tanto non me estenderei e só darei unhas rápidas pinceladas.
 
TEMPOS FELICES
  Os primeiros anos do novo milenio foron moi bos tempos para a maioría da xente. Para a nosa protagonista tamén. Se isto fose unha película americana estariamos a falar da animadora que sae co quaterback de fútbol e está preocupada por ser a raíña do baile de fin de curso. Á nosa moza tamén lle ían ben as cousas. Alta e de boa figura, vivía no sur da vila cunha familia agradable, tiña boas e populares amigas, un aposto mozo que xogaba no equipo de hoquei e todo un esplendoroso futuro por diante.
  No ano 2004, tendo 21 anos de idade, decidiu facer unha gravación masturbándose. Posteriormente levaría o ordenador a unha nova tenda de informática "Ordes Dixital" para que lle instalasen unha copiadora de discos compactos. Mandou á papeleira o vídeo pero non o eliminou desta.
  Javier MB, empregado que traballaba nesa tenda, deu co vídeo e fíxolle unha copia que distribuíu entre algún dos seus amigos de modo privado.
 
MASCÁNDOSE A TRAXEDIA
  Apareceu o consabido efecto bóla de neve. Os amigos foron creando novas copias que á súa vez lle pasaron a outros amigos e o número das persoas que o viron foi aumentando de forma exponencial. Internet estaba nos seus inicios, non había facebook nin whatsap, pero as gravadoras de CDs vivían unha burbulla. 
  Nalgúns lugares ata había locais que alugaban ordenadores con copiadora para que os clientes fixesen os seus discos piratas (maiormente de música). Neste contexto era inevitable que a algún "emprendedor" se lle ocorrese a idea de vender ese vídeo. Comentouse que algún o levou á piscina e cobraba 5 euros por disco. Pero non parou aquí a cousa: comezou a haber proxeccións do vídeo en casas particulares, nun bar e ata nas dependencias de Protección Civil. Só era cuestión de tempo que o coñecera o mundo.
 
O ESTOUPIDO
  Sobre o 5 de agosto do ano 2005 chegou a nova do vídeo rulante á súa protagonista. O presidente de Protección Civil pasou unha copia ao seu pai e por amigos comúns deduciron quen fora o primeiro difusor. O luns, día 8 (unha semana antes das festas), os seus familiares presentaron unha denuncia por subtracción e distribución do vídeo íntimo.
  Ata ese momento os coñecedores do vídeo eran moitos aínda que todos dentro dunha franxa de idade xuvenil, pero aí puxéronse mans á obra as amigas da moza que da noite á mañá empapelaron a vila cuns rechamantes carteis onde esixían "¡Solidaridad con Noelia!". Naturalmente os pasmados viandantes preguntabamos quen demos era esa Noelia e porque necesitaba a nosa solidariedade. De modo que o que ata ese momento era un secreto a voces agora era coñecido polos 12.000 ordenses.
  Aínda quedaba o peor, pois o vídeo sería subido á Internet e sería visto por milleiros e milleiros de persoas que en moitos casos deixaban ademais comentarios bastante desagradables.
 
CONSECUENCIAS
  A nosa protagonista puxo boa cara e deixouse ver durante as festas, pero a súa vida dera un cambio que non tiña volta atrás. A súa familia quedou moi afectada e ela tamén. Segundo o seu mozo, que declarou ser o último que coñeceu o asunto, "se non fose pola familia ela teríase suicidado porque estivo moi mal". Rematou por deixar a vila e só volve a ela puntualmente. A relación co seu mozo durou outros 5 anos ata que se separaron.
  Doutra banda a tenda de informática viuse obrigada a pechar, perdida a confianza dos clientes.
  O caso fíxose famoso a nivel nacional e recordo que durante anos se un poñía "Ordes" en Google, a 3ª entrada xa era sobre Noelia e o seu vídeo.
 
O XUÍZO
  En xuño de 2014 (9 anos despois!) tivo lugar o xuízo contra os 18 acusados pola difusión do video. Esta tardanza foi denunciada pola defensa, pois moitos dos acusados eran agora xente máis ou menos seria con responsabilidades familiares e non os posadolescentes descerebrados dunha década atrás.
  O primeiro en declarar foi o principal acusado, o empregado da tenda, que negou que quitara o vídeo do PC e declarou que o baixou de Internet. O resto recoñeceron a difusión e o visionado do vídeo pero todos negaron a venda. Afirmaron non saber que o vídeo fora roubado e que estaban cometendo actos ilegais.
  A fiscalía solicitou para a maioría dos acusados dous anos de prisión por un delito de descubrimento e revelación de secretos. Para o empregado da tenda solicitou unha pena máis grave, xa que considerou demostrado que foi a persoa que gravou o vídeo desde o PC a reparar. A acusación particular elevou esta petición a 5 anos. Tamén deberon indemnizar á vítima con 24.000 euros.
  Un ano despois o Supremo rexeitou os recursos de 13 dos acusados e confirmou as penas de entre 21 meses (para o empregado) a 7 meses, o que implicaba que ningún dos 15 mozos finalmente condenados pisou o cárcere.

domingo, 24 de diciembre de 2023

Pazo do Peñasco

   O pazo do Peñasco está localizado na parroquia de Abellá (Frades) na imaxinaria liña fronteiriza coa parroquia de Vilamaior (Ordes). Construído o corpo principal a finais do século XVII en pleno barroco, é un exemplo do que foi a evolución construtiva deste tipo de edificacións ao longo do tempo, xa que a partir dese corpo fóronse apegando novas construcións, segundo as necesidades dos distintos propietarios, ata ter a actual planta en forma de U.
 
 
  A entrada pode realizarse de dúas formas, ben a través do elegante portón que hai no muro de peche (culminado por unha cornixa moldurada e coroada con pináculos de bóla)  polo que se accede ao patio descuberto, ou ben ben directamente á vivenda no volume situado a dereita do devandito acceso.
  Nese corpo aparece apegada unha pequena capela que mantén a tipoloxía dos vans, distinguíndose só pola presenza dunha sinxela espadana que racha a liña da cornixa.
  Outros elementos que podemos apreciar son un pequeno balcón de madeira sostido sobre canzorros de pedra enriba da porta de entrada e as ventás que contan cun mainel ou montante sobre elas.
  Non podía faltar o escudo de armas con catro cuarteis: a cabeza de lobo dos Moscoso, o M dos Montenegro, o xaquelado dos Bermúdez e unha torre probablemente polos Vázquez.
 

  O pazo do Peñasco foi edificado a finais do século XVII por Pedro Vázquez Vaamonde de la Fuente, quen en 1691 fundou o vínculo e instituíu padroado de legos. Casou con María Gónzalez de Verea y Aguiar y Caamaño, probablemente do pazo de Codeseda, coa que tivo polo menos sete fillos.
  O maior e herdeiro, Andrés Vázquez Vaamonde y González de Verea casou con María Eulalia Martínez España. Os España eran burgueses composteláns moi distinguidos e con certa relación tamén cos Pol de Codeseda.
  Herdou logo o pazo o seu fillo Joaquín Vázquez Vaamonde, quen casou con Fabiana Uzal y Gómez de Andrade. O matrimonio tivo dúas fillas, Manuela e María Josefa.
  A maior Manuela Vázquez casaría con Antonio Tojo Mariño de Lobera, da casa de Orxal en Calvos de Socamiño. Nacido en 1791, seguiu a carreira das armas e foi un destacado militar que alcanzou o grao de brigadier. Loitou na batalla de Medina de Ríoseco contra os franceses, foi feito prisioneiro, fugouse e volveu a ser prendido e trasladado a Francia. Logo tamén estivo do lado dos absolutistas contra os constitucionalistas e foi de novo preso e deportado polo xeneral Quiroga. Volveu a fugarse e tomou parte no sitio da Coruña cando viñeron os 100.000 fillos de San Luis. Loitou en Cataluña contra Espoz y Mina e aínda participou na campaña do Norte da 1ª Guerra Carlista. Logo, máis tranquilo, ocupou os gobernos militares de Pontevedra e Ourense... E por riba tivo tempo de restaurar e reformar o pazo e construír o notable hórreo que aínda permanece en pé.
 A 2ª filla, Mª Josefa Vázquez, casou con Manuel Somoza y Moscoso, dono do pazo de Santa María de Melide, algo emparentado tamén cos Verea do pazo de Vieite en Boimorto.
  José Tojo Vázquez, herdeiro do pazo á morte da súa nai, casou con Manuela Barreiro Oro con quen non tivo descendencia, así que o pazo foi herdado por Joaquín Varela Tojo, fillo da súa irmá Carmen Tojo e de Fernando Varela y Acuña.
  Joaquín casaría con Purificación Rendueles y Menéndez, de orixe asturiana. O seu fillo José María Varela Rendueles herdou en propiedade o pazo, pero tanto el como o seu fillo non tiñan interés en habitalo, así que vendeuno á súa sobriña María Teresa Varela Nine, filla do seu irmán Joaquín, casada con Manuel María Concheiro Barreiro.
 

sábado, 23 de diciembre de 2023

Fútbol ata 1952

  Aínda que houbo partidos antes, sempre se considerou que a data oficial de nacemento do F.C. Órdenes foi o ano 1929. Naqueles duros tempos os xogadores eran todos mozos de familias distinguidas, pois os campesiños tiñan o tempo demasiado ocupado como para preocuparse por tales nimiedades coma o deporte. Eles xa baixaban o lombo de máis nas leiras como para poñerse a correr detrás dun balón.
  Así que algúns dos integrantes daquel equipo dos anos 20 e 30 foron Segismundo Viqueira Mundito, Juan Liñares Castro ou Antonio Concheiro, que nos 50 formarían parte da directiva. Eses primeiros anos 30 antes da guerra foron moi bos para o equipo. Xogaban con frecuencia e perdían pouco.
 
 
  Nos anos 40 desenvolvéronse épicas rivalidades especialmente contra o Bergantiños de Carballo e o equipo de Carral. Xa preto dos 50 o rival máis duro era o Arzúa. Novos futbolistas apareceron nesa segunda metade dos anos 40 como o lonxevo Antonio del Río Pampín Toniño, que xogou máis dunha década e era o capitán en 1952, Antonio Álvarez, o pequeno Luis Astray Rivas ou Julián Marcos Romero. Tamén estaban o coruñés Jesús Mª García del Río Fefé, fillo de dous mestres (a ordense Isabel del Río Castro e Federico García Expósito), e os irmáns Pedro e Chicho Losa Concheiro, composteláns pero fillos da ordense Amalia Concheiro García. Por certo que Chicho era moi bo e acabou xogando no Arenal e no Pontevedra da época do "Hai que roelo", tamén sería bioquímico e participaría en política sendo tenente de alcalde de Santiago desde 1983 a 1991 e responsable da área de cultura.
 

  Nos anos 50 o fútbol alcanzou unha enorme repercusión en España. Moitos dos mellores futbolistas internacionais xogaban na nosa liga e o Real Madrid arrasaría en Europa. Neses tempos a paixón polo fútbol axudaba a aturar as dificultades diarias. Pero ver fútbol en directo de 1ª división era para a maioría unha utopía, así que o futbol rexional tamén viu un auxe sen precedentes.
  No ano 1952 o presidente do Órdenes era Mundito e o secretario Francisco Concheiro García, ambos os dous traballadores no gremio da banca. O adestrador (provisional e sen remuneración) Ignacio Castro Ramos organizaba tres sesións semanais para os seus xogadores. Pero o máis significativo é que ese ano comezou a construción dun campo de gran nivel en Vista Alegre.
  Aínda faltaba un ano para que o equipo comezase a ser presidido por Antonio Concheiro e se federase na categoría A rexional.
 
  O domingo 24 de agosto de 1952 houbo un partido de adestramento en Santa Isabel onde o Órdenes actuou de contrincante do anfitrión, que pareceu xogar fóra de casa pois as gradas estabn tomadas polos seareiros verdes, tal como relatou La Noche o martes 26. 
 
¡BIEN POR LOS DE ÓRDENES!
  Para nosotros, esta del domingo último fue la primera visita de un equipo de fútbol de la villa de Órdenes a Compostela. Cuando menos, fue la mejor organizada.
  Invitado por la comisión gestora del Club Santiago, los del Órdenes se desplazaron a nuestra ciudad para actuar de equipo entrenador y como siempre ocurre, el encuentro ha llegado a adquirir un matiz tan serio que cualquiera pensaría que de allí dependía un campeonato. Y es que los chicos del Órdenes sienten con orgullo el entusiasmo por los colores que defienden y no se resignaban a ser derrotados por su adversario.
  El ardor combativo de los jugadores del Órdenes, el entendimiento que a ratos había en sus filas y la resistencia física del equipo "verde" nos causaron muy buena impresión. Es bastante para augurarles muchos triunfos dentro de su categoría. Pero hay otro punto interesante en esta visita del Órdenes y es el grado de simpatía que tiene en su pueblo, ya que si en un simple amistoso hubo excursionistas para llenar tres autocares y media docena de autos de turismo, cuando el Órdenes vaya en plan de competidor la caravana de seguidores no va a ser pequeña.
  Salimos de Santa Isabel unos minutos antes de terminar el encuentro cuando se nos acercó un buen hombre que llevaba camino de Casas Nuevas.
- ¿Me hace el favor? ¿Y todos estos coches?
- Es verdad, no habíamos reparado en ellos...
- ¿Está el Celta ahí dentro?
- No, señor, no. Es el Órdenes.
- Perdone usted -insistió- yo no entiendo de fútbol ni de equipos. Pero, dígame ¿el Órdenes es muy importante?
- Si que debe de serlo -respondimos.
  Tiene la importancia del equipo modesto al que no falta el apoyo y cuando hay tan buena política a su favor, sobra motivo para considerarse orgullosos, particularmente en el caso de un equipo que no da un solo paso sin que con él vayan viejos y jóvenes. ¡Ah! y una representación femenina muy simpática aunque con demasiados nervios. El grupito de señoritas de Órdenes que presenciaron el partido en localidad próxima a la nuestra, sufrió el domingo la gran tortura de ver perder a sus muchachos que ganaron en cambio las simpatías del público. -A*.
 
* O artigo quizais esaxere un pouco, pois sospeito que o autor foi o ordense Manuel Astray, quen empregou nalgunha ocasión o recurso de finxir ser doutro lugar para dar a impresión de maior obxectividade.   

miércoles, 20 de diciembre de 2023

Escudo do pazo do Peñasco

  Mentres que o lugar do Peñasco e o rochedo que lle da nome están en territorio ordense*, o pazo do Peñasco áchase na mesma fronteira pero dentro da parroquia de Abellá, no concello de Frades.
   O escudo do pazo, moi sinxelo, consta dunha cimeira con liñas curvas de adorno a ambos os dous lados, enriba dunha pequena cruz de Malta. Debaixo o escudo propiamente dito que está dividido en catro cuarteis.
   No primeiro vese a cabeza de lobo dos Moscoso, nome achegado á casa por matrimonio. No segundo podemos ver o M dos Montenegro e no terceiro atopamos o coñecido xaquelado dos Bermúdez que tamén está no actual escudo municipal.

  Estes blasóns repítense por toda a comarca. En Ordes concretamente, a cabeza de lobo dos Moscoso está no escudo do pazo de Bidueiro e no da Casa grande de Parada, o M dos Montenegro tamén está na Casa grande e o xaquelado dos Bermúdez podémolo ver no escudo do pazo do Bidueiro e no dos Carrucheiros en Ardemil.
 
 
 
O último cuartel é unha torre ou castelo, tamén un blasón moi habitual. Non podemos precisar con exactitude a que familia está dedicado pero dado que o fundador do pazo  a finais do século XVII foi don Pedro Vázquez Vaamonde de la Fuente podemos aventurar que representa a familia Vázquez (de feito, no val do Salnés en Cambados hai un escudo descrito como un castelo de ouro sobre fondo de goles e en Bergondo tamén hai outro castelo -neste caso de prata e con outros elementos de adorno- que representa a esta familia). 
  Outra posibilidade máis débil é que aluda á familia González, pois don Pedro casou con dona María Gónzalez de Verea y Aguiar y Caamaño (posiblemente orixinaria do pazo de Codeseda en Leira). Os fillos deste matrimonio recibiron os apelidos Vázquez Vaamonde y González de Verea. Por último tamén podería representar conxuntamente ao matrimonio dos dous fundadores.
 
 *Algunha casa do Peñasco tamén pertence a Abellá.

viernes, 15 de diciembre de 2023

Festas patronais de 1952

   O mundo seguía padecendo as consecuencias da Guerra Fría coa terrible guerra de Corea mentres Galicia contemplaba o final da guerrilla antifranquista, pero Ordes parecía alleo a todas as preocupacións porque chegaba o momento máis esperado do ano: as súas festas patronais.
  Para poñernos en contexto Ordes era entón unha pequena vila. A rúa máis importante, Alfonso Senra, ao pé da estrada a Santiago, estaba chea de casiñas dun só piso (e unha única de dous pisos, a da familia de Mundito). Destacaba a súa preciosa alameda e a caron dela a flamante -aínda sen rematar- Casa do Concello. Nesa rúa tamén había dous templos, a entón capela de Lourdes e a moderna parroquial (cunha soa torre e máis pequena que na actualidade). O "progresivo" comercio constaba de ultramarinos, froiterías, carnicerías, tecidos ("El comercio nuevo" de Viriato), ferraxerías, talleres, fondas e tascas... Tamén había 3 bancos, 2 farmacias, un cine e nos arredores muíños fariñeiros, unha fábrica hidroeléctrica, serradoiros e unha moderna factoría leiteira. Igualmente había servizo telegráfico e telefónico. Ordes non era moi grande pero estaba ben comunicado e tiña moito potencial.
 
 
  Sete días despois da morte de Foucellas, iniciaron as festas que ese ano quedaron limitadas a catro días, pero igual que en 1951 contaron coa artística iluminación do empresario pontevedrés Miguel Romero e fogos artificiais a cargo dos industriais pirotécnicos irmáns Rocha. Tamén novamente o xornal compostelán La Noche dedicoulle un par de páxinas.
  O xoves 14 comezaron as celebracións a mediodía con repenique xeral de campás, intenso ruído das bombas e a chegada da Banda da Grabanxa que amenizaría o baile da tarde e a verbena nocturna.
  O venres 15 fixo a súa entrada na vila pola mañá a Banda do Rexemento de Infantería de Mariña do Ferrol que percorreu as rúas anunciando o día grande. A misa solemne non tivo nesta ocasión procesión, que foi posposta ata o domingo. A mediodía houbo concerto na Alameda amenizado pola banda militar. Ás 6 da tarde chegou o turno do fútbol: houbo partido de máxima rivalidade entre o Arzúa e o FC Órdenes. Sería o primeiro "Torneo Viriato" (pois a copa foi doada por dito industrial), que se convertería nun clásico daquela época. Nos bailes de tarde e noite tocarían a banda e a Orquesta López Malde do Ferrol.
  O sábado 16 houbo dianas e alboradas, xigantes e cabezudos, misa solemne na honra de San Roque e os bailes de rigor.
  O domingo 17 si houbo procesión con todas as autoridades despois da misa solemne. Ese día, ao coincidir coa feira, celebrouse un concurso de gando ademais dos bailes habituais.
  E así remataron as festas de 1952.

martes, 12 de diciembre de 2023

Parroquias da comarca no A.R.

  No Antigo Réxime as parroquias non estaban agrupadas en concellos senón nunhas entidades chamadas xurisdicións (ou coutos se constaban dunha soa parroquia), que procedían dos antigos señoríos medievais. Deste xeito o seu tamaño e forma non respondían a un criterio físico ou económico senón a razóns puramente históricas.

 
 
  As parroquias da actual comarca de Ordes, como podedes observar no mapa (premede nel para velo ao seu tamaño orixinal), formaban parte de varias xurisdicións sendo as catro máis importantes as de Mesía, Folgoso, Vilarprego e Montaos.
  A xurisdición de Mesía*, señorío do arcebispo de Santiago, era a máis grande, superando os 200 km² e contendo ata 45 parroquias, 23 da actual comarca e 22 fóra dos límites dela. Folgoso, señorío do conde de Altamira, tiña uns 188 km² e todas as súas parroquias (21) estaban dentro dos límites da actual comarca. Vilarprego, señorío do conde do Graxal, tiña uns 94 km² distribuídos en 6 parroquias. Montaos (que contra o esperado non incluía a freguesía do mesmo nome) comprendía 11 parroquias que alcanzaban uns 92 km².
   Se querede ver máis datos, premede en Ordes no Antigo Réxime.
 
* A xurisdición de Mesía comprendía as seguintes parroquias: Abellá, Albixoi. os Anxos (San Mamede), os Anxos (Santa María), Añá, Ardemil, Armental, Aiazo, Bascoi, Boado, Boimil, Brates, Bruma, Buazo, Buscás, Calvente, Campo, Cardeiro, Carres, Castro, Céltigos, Cerceda, Ciadella, Corneda, Cumbraos, Curtis, Cutián, Dormeá, Filgueira, Folgoso, Gafoi, Gonzar, Lanzá, Ledoira, Leira, Mesía, Olas, Paderne, Pasarelos, Poulo, Rodieiros, Vilariño, Visantoña, Vitre e Xanceda. O señorío era exercido polo arcebispo de Santiago -compartido con D. Juan Pimentel na parroquia de Xanceda-.
 

  Nese tempo Galicia estaba dividida en 7 provincias, motivo de haber no noso escudo sete cruces brancas. A maior parte da comarca pertencía á provincia de Santiago. As parroquias do actual concello de Cerceda, a maioría das de Tordoia e... Mercurín! pertencían á provincia da Coruña, mentres que só Cabrui e Cumbraos pertencían á de Betanzos. Isto durou ata 1812, data na que se promulgou a Constitución que creou a provincia única de Galicia. Despois da división territorial acordada entre o 27 de xaneiro de 1822 e o 30 de novembro de 1833, toda a comarca quedou adscrita á nova provincia da Coruña, na que continúa na actualidade.

 

 

Os primeiros concellos constitucionais
  Neste período e, no que hoxe é o concello de Ordes e o seu termo, figuran dous concellos constitucionais, Poulo e Folgoso, que pertencían ambos os dous ao partido de Poulo. Esta situación non cambiou en 1822 coa nova división provincial.
 
En 1821 o Partido de Poulo constaba de 9 concellos: Poulo, Encrobas, Pasarelos, Valle de Barcia, Montaos (+- o actual Trazo), Dubra, Villarprego (+- Tordoia), Folgoso e Mesía.
 
  Pero co Real Decreto de 21 de abril de 1834 houbo unha nova modificación e o partido xudicial de Poulo pasou a chamarse partido xudicial de Ordes. Co Real Decreto do 23 de xullo de 1835 xa apareceu o concello de Ordes. O proxecto foi levado á sesión da Deputación da Coruña do 6 de xuño de 1836, e nela resultou modificado, engadindo ao concello a parroquia de San Pedro de Ardemil, alcanzando deste xeito os 160,1 km² de superficie total, poboados por 4.190 almas. Aínda habería outras modificacións en 1867, das que a máis importante foi a supresión da parroquia de Faramilláns, pasando o seu pequeno territorio a formar parte da de Buscás.
 
  A situación do partido xudicial mantívose ata o Decreto 3388/1965 de 11 de novembro, no que foi disolto, pasando a formar parte do partido xudicial de Santiago. Na actualidade, desde a Lei 38/1988, de 28 de decembro, volveu a ser reposto o partido xudicial de Ordes. 

sábado, 9 de diciembre de 2023

Consello de Guerra a Foucellas

  O Consello de Guerra da causa 53-52 seguida contra o famoso guerrilleiro Benigno Andrade Foucellas tivo lugar o sábado 26 de xullo de 1952 no salón de actos do cuartel da Agrupación de Sanidade Militar da Coruña. Foucellas, acusado de "bandolerismo" e de diversos delitos de roubo e asasinato, era tan coñecido que a sala estaba chea de público entre o que había algúns familiares, incluída a súa filla maior María Josefa. A noticia saiu nos principais xornais provinciais como La Noche, El Correo Gallego ou El Pueblo Gallego, pero foi La Voz de Galicia quen lle dedicou máis amplo espazo (unha páxina enteira).
 
 
Pouco despois das 10 da mañá quedou constituído o tribunal, presidido polo coronel de Enxeñeiros Gaspar Herraiz Llorens, sendo auditor o capitán Narciso Alonso Olmedo e fiscal o tenente Balbino Teijeiro Piñón. A difícil tarea de avogado defensor recaeu no capitán de Artillería Benito Rivas Pichel.
  Benigno Andrade, de 45 anos, delgado e de baixa estatura, entrou na sala apoiado nunha muleta e nun bastón pois fora ferido na perna dereita ao ser capturado e quedoulle 5 centímetros máis curta. Vestía ese día traxe azul, camisa branca e zapatos escuros. A pesar da coxeira e das súas negras perspectivas mostrouse tranquilo e animado.
  Ás 10:10 comezou o xuizo, sendo o xuíz instrutor do sumario o comandante de Artilleria José Santamaría Viso quen leu o longo apuntamento sobre as actividades do acusado.
 
Xullo de 1936: Foucellas fuxe ao monte temendo represalias polas súas simpatías esquerdistas e polas súas accións na defensa da República durante o Alzamento.
De 1936 a 1945: sobrevive cometendo numerosos atracos.
Marzo de 1940: acompañado de Eduardo Sánchez Lata intenta roubar no muíño de Ramón Sar. Este xunto a máis veciños capturan a Eduardo e fan fuxir a Foucellas.
Abril de 1942: tres guerrilleiros rouban mil pesetas a Cesáreo García, veciño de Boimorto. 15 días despois rouban outras 3 mil a Domingo Bergoña, veciño de Frades.
Xuño de 1944: Foucellas e outro guerrilleiro rouban 3.500 pesetas a José Lago e Ángel Pérez que volvían da feira de Melide e matan a Ángel Sánchez Rodríguez, conveciño destes.
Novembro de 1944: Foucellas e outros dous guerrilleiros esixiron cartos a José García Peteiro. Este pediu auxilio, momento en que o mataron e roubáronlle 1.150 pesetas.
Febreiro de 1945: unha partida de guerrilleiros comandada por Foucellas mata ao cabo Manuel López Bello en Curtis.
Marzo de 1945: fírese coa súa propia arma e ocúltase todo un ano, curándose en distintos lugares. Pasa 6 meses no sanatorio San Nicolás da Coruña baixo o nome de Juan Fernández.
Xullo de 1945: participa nunha refrega en Fervenzas coa Garda Civil onde morren tres guerrilleiros e resulta ferido o brigada Alejandro Rodrigo.
Xaneiro de 1946: nas Travesas (Carral) 9 guerrilleiros mandados por Foucellas entran na casa de Ricardo Rivas, enfermo na cama, e rouban 20 mil pesetas e unha escopeta.
Xuño de 1946: a Garda Civil ten un encontro cos guerrilleiros resultando mortos tres deles e ferido un brigada do corpo.
Neste ano 1946, en data sen precisar, Foucellas e dous dos seus homes entregaron armas a Manuel Bello Parga e outros guerrilleiros que estes empregaron para matar ao xornalista coruñés Arcadio Vilela e tamén a Manuel Doval de Cambre.
Xaneiro de 1947: participa na morte de Antonio Mosquera e Manuel Sánchez en Olas.
Xaneiro de 1948: pasou a operar na provincia de Pontevedra.
Febreiro de 1948: en Cercio (Lalín) entraron no establecemento de Jesús Cuñarro, sacárono á eira e alí matárono, intentando matar tamén ao fillo. O mesmo día roubaron 6 mil pesetas e unha carruaxe a Marcelino González despois de esixirlle 55 mil.
Marzo de 1948: durante un atraco a unha panadería en Taragoña (Rianxo) matan ao oficial da Marina Mercante Ramón Mosquera.
Abril de 1948: en Carracedo (Caldas de Reis) Foucellas e tres guerrilleiros entraron no establecemento de Dolores de la Torre e roubaron 3 mil pesetas, un anel de ouro... e dúas botellas de xerez.
Maio de 1948: roubaron a Herminia Botana 500 pesetas, unha escopeta e outros efectos.
Maio de 1948: participou no tiroteo de Loureiro (Teo) onde morreron 4 guerrilleiros e o garda cival do posto de Ordes Manuel Gardón Castro.
Xaneiro de 1949: en Soutelo dos Montes a partida de Foucellas mata ao mestre José Couceiro. A muller deste, a mestra María Constenla, recrimínallo e tamén a matan a ela.
Este ano 1949 igualmente mata a Ángel Pazos, veciño da parroquia de Aranga.
Outubro de 1949: rouba 5 mil pesetas ao médico de Curtis Emilio Martínez.
Marzo de 1952: na refrega da súa detención morreron o seu compañeiro Manuel Vilar, o garda civil Cesáreo Díaz Pérez e resultou ferido o garda Nicanor Álvarez.
 
  Nas súas declaracións Foucellas exculpouse de diversas formas. Negou os feitos que lle imputaban antes de 1945. Non recordaba o atraco e morte de Ángel Sánchez. Na morte de García Peteiro negou que se atopase alí e inculpou ao guerrilleiro Tino o Asturiano, feito corroborado por outras testemuñas. Na morte do cabo Manuel López Bello recoñeceu que participou pero o autor material foi o guerrilleiro Freijo.
  Punto e aparte foi a morte de Manuel Mosquera e Manuel Sánchez pois a viúva de Mosquera fora testemuña do crime. Foucellas non o negou pero alegou que viuse obrigado pola presión dos compañeiros e que disparou despois de que o fixera Ferreirín.
  No atraco de Taragoña onde morreu Ramón Mosquera dixo que o que disparara fora o seu compañeiro Remuiñán. No tiroteo de Loureiro onde morreu o garda civil Manuel Gardón Castro negou terlle disparado, como declarou o cabo primeiro Antonio Peña, e dixo que Remuiñán e el escaparon sen usar as súas armas. Na morte dos mestres José Couceiro e a súa muller alegou que xa non era o xefe da partida. Da morte de Ángel Pazos da que confesara a unha testemuña ser autor, dixo que foi para infundirlle medo e que o verdadeiro autor fora Riobóo.  Finalmente, na refrega da súa detención, declarou non ter utilizado a súa arma.
 
  O fiscal Teijeiro volveu mencionar a longa lista de delitos deténdose nos maís rechamantes e pedindo en consecuencia non unha senón dúas penas de morte. Ademais tamén solicitou 50 mil pesetas de indemnización por cada unha das vítimas e outra de 44.150 pesetas polos roubos. "Es imprescindible que se ahogue el último aliento del bandolerismo. ¡Sed inflexibles porque la ley os lo manda!" Dixo, dirixíndose ao tribunal.
 
  O capitán Benito Pichel, avogado defensor, alegou que desde 1940 houbo moitos roubos que lle foron atribuídos falsamente a Foucellas por culpa de Manuel Ponte. Resaltou que nos atracos que participou non resultou morta ningunha persoa e que, se ben algunhas veces participou nos grupos que cometeron asasinatos el non interveu materialmente. Engadiu que varias persoas salvaron a súa vida porque Foucellas, ao ter noticias de que ían ser asasinados, corría ao seu domicilio para avisalos. Mesmo chegou a finxir un falso aforcamento para evitar a morte de dous homes a mans dos guerrilleiros.
  Rematou suplicando que ao amparo do párrafo noveno do artigo 186 do Código de Xustiza Militar fosen rebaixadas as penas nun grao.
  Logo foi o turno do alegato final de Benigno Andrade que declarou esperar unha sentenza verdadeiramente xusta, negando ter cometido ningún crime.
 
  A sentenza, como era de esperar, foi de morte. Benigno Andrade sería executado 12 días despois mediante garrote vil no cárcere da Coruña. Nos seus últimos momentos tivo a compañía da súa filla María Josefa que lle ofreceu coñac pero Foucellas rexeitouno dicindo que quería morrer tranquilo, polas ideas que defendeu, a democracia e a liberdade.
  Os seus restos repousan nunha fosa común no cemiterio de San Amaro.