O
pronunciamento era unha sublevación militar que buscaba o apoio das forzas
armadas ou dun sector das mesmas, dos partidos e faccións políticas e, por fin,
da opinión pública. Pretendía a conquista do poder ou unha rectificación da
liña política do goberno existente nese intre.
Os pronunciamentos adoitaban ser incruentos,
cunha acción militar indirecta. Desenvolvíanse en diferentes fases.
En primeiro
lugar nacían como complot militar e civil, xa que a presenza de civís sempre foi
moi destacada nos pronunciamentos. Unha vez que se poñían en marcha sondábase a outros militares para que se comprometesen. Outro aspecto importante era
o manifesto, declaración ou "berro", que era o programa onde os que
se "pronunciaban" anunciaban as súas intencións, de aí o nome deste
tipo de sublevación.
Por fin,
chegaba a acción. Aínda que non adoitaba haber baños de sangue
tratábase dun acto violento fronte ao mecanismo
electoral (aínda que este estivese moi viciado).
O termo "pronunciamiento"
xurdiu cando Riego pronunciouse en
Cabezas de San Juan contra o réxime absolutista restaurado de Fernando VII en
1820, aínda que non sería o primeiro, xa que ese foi o do xeneral
absolutista Elío en 1814.
En Galicia
houbo dous pronunciamentos e en ambos os dous casos a comarca de Ordes tivo
bastante protagonismo.
O primeiro
foi o de Juan Díaz Porlier en
setembro de 1815 contra o réxime absolutista de Fernando VII. Dirixiuse coas súas tropas de Coruña a Santiago e,
cando estaba a descansar no Mesón de Deus en Merelle, foi traizoado e apresado. En outubro foi aforcado no Campo
da Leña en Coruña.
O segundo foi o de Miguel Solís en abril de 1846 contra o goberno do Partido Moderado de Narváez durante o reinado de Isabel II. Partindo de Lugo co seu
exército chegou a Santiago e logo dirixiuse a Sigüeiro onde tivo lugar unha
pequena batalla contra as tropas gobernamentais de Puig Samper ás que non puido
vencer. Posteriormente foi derrotado na batalla de Cacheiras polas tropas de José Gutiérrez de la Concha. Despois
de tentar xulgalo en Ordes, o xuízo tivo lugar en Carral e alí foi fusilado inmediatamente. Solís e
os seus compañeiros son coñecidos como "Os mártires de Carral".
No hay comentarios:
Publicar un comentario