domingo, 24 de julio de 2016

Renda da comarca (2013)

  En xullo de 2016 a Axencia Tributaria ofreceu os datos das declaracións de renda do ano 2013 desglosadas por concellos.
  A renda bruta media en Galicia era de 21.394 €. O concello máis rico era Oleiros (34.698 euros) e, entre os dez concellos con maior riqueza, sete estaban na provincia da Coruña (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, Santiago, Bergondo, Cabanas e Teo) e tres (Nigrán -4º posto-, Vigo e Baiona) na de Pontevedra.
  Por suposto, se os concellos ricos están na Galicia atlántica e cidadá, os pobres son os pequenos e de interior. Dos 288 concellos dos que o fisco aporta datos (só os que superan os mil habitantes) o máis pobre era Cervantes (11.061 €) e o 2º pola cola Toques, ambos os dous tamén entre os 10 españois máis pobres, dubidosa honra que comparten con Zafarraya (Granada, 10.293 €, 1º) e Zahínos (Badajoz, 10.301 €).
  Pola parte alta, non hai localidades galegas no top ten estatal, xa que Oleiros ocupa o posto 38. En cabeza están concellos cataláns e madrileños, con Pozuelo de Alarcón como Nº 1 cuns ingresos medios de 59.279 euros.

  A nosa comarca está no lado pobre. Todos os concellos están por debaixo do promedio galego e só un, Oroso, rebasa os 20.000 €.
  Como sempre podemos distinguir 2 áreas perfectamente diferenciadas:
- Os 3 concellos centrais (Cerceda, Ordes e Oroso) que superan os 17.000 €.
- Os 4 concellos periféricos (Tordoia, Trazo, Mesía e Frades) que non chegan a 16.000 €.
  Se nos fixamos no PIB per cápita vemos como non hai unha exacta correspondencia. Oroso (cun PIB de 15.000 €/hab) supera a renda de Cerceda (59.000 €/hab!!!) e de Ordes (16.000 €) grazas á poboación que ten traballando en Santiago. Tampouco Mesía (case 21.000 € de PIB/hab) ten unha renda en consoancia e está case igual que Frades e Tordoia, sendo superado por Trazo.


viernes, 22 de julio de 2016

Florencio Pol Ramos España

  Se hai un personaxe curioso e extravagante dentro da historia de Ordes, este é Florencio Pol.
  Naceu en 1824. Era o 4º de cinco fillos de Juan Pol, pertencente á distinguida familia dos Pol de Lermo de Santiago (emparentados cos propietarios do pazo de Codeseda en Leira). Juan fora xuíz de primeira instancia en Xallas "y estuvo despreciado de su familia por casar con una hermosa y gentil aldeana llamada Manuela Ramos".
  Desde 1852 (aos 28 anos) foi notario en Ordes. Tiña unha considerable fortuna e gran cantidade de terreo no que hoxe é a parte norte da vila.  
  Casou con Francisca Caamaño y Quiroga, tamén de moi distinguida familia, os Caamaño de Andeiro (o seu pai era o importante militar José Mª de Caamaño Sotomayor y Romero). Con ela tivo 10 fillos: Carmen, Sofía, Clotilde Elisa, Pastora, Rita, Julio, Carlos, Aurora e dous varóns chamados Florencio como el e mortos sendo nenos.
  En xeral, os fillos herdaron as súas ideas progresistas, participando en loxas masónicas.
 A súa evolución política foi contraditoria: coa chegada da I República (1873), participa na constitución dun comité federal na localidade, pero 15 anos máis tarde viaxa a Barcelona para apoiar a Romero Robledo, un político conservador.

  No ano 1873 é cando empeza a dar mostras do seu lado máis estrafalario: Forma un Grupo espiritista en Ordes. Doutra banda tamén fundou unha Sociedade de Excursións científicas na que tiña a presidencia honoraria o ex deputado Antonio del Río Castro (tamén conservador e romerista).
 No ano 1891 achégase á Teosofía, un movemento esotérico que funde elementos de varias relixións. De feito el non era ateo e unha das súas afeccións era estudar a Biblia, libro do que tiña un profundo coñecemento.
  Nestes anos morre a súa esposa, que é soterrada na súa finca O Laranxal de forma civil, e unha das fillas, Clotilde Elisa, mestra en Parada.

  Pero, indubidablemente, o máis rechamante da súa biografía foron as súas curacións "magnéticas". Efectivamente, era un recoñecido curandeiro e ademais non cobraba por ese traballo. E ata magnetizaba botellas de auga! Supoño que son esaxeradas e autopropagandísticas as cifras de miles de pacientes, pero fixo algunhas actuacións públicas que aínda a prensa escéptica tivo que recoñecer.

GACETA DE GALICIA: 14 de marzo de 1890. 
  Hemos tenido el gusto de saludar en esta población (Santiago) al opulento e ilustrado notario de la villa de Órdenes D. Florencio Pol España [...] Presenciamos una sesión de magnetismo improvisada por varios alumnos de medicina y por un distinguido médico [...] Presentáronse al Sr. Pol varios enfermos y llámanos grandemente la atención ver como dicho señor valiéndose de los pases magnéticos calmaba los intensos dolores que los pacientes sufrían casi instantáneamente. 
  No somos partidarios de las doctrinas del Sr. Pol, antes por el contrario las repelemos, pero debemos confesar que nos produjo impresión ver los satisfactorios resultados que en sus experimentos obtuvo [...] Conste que los señores que lo presenciaron instaron al Sr. Pol a que de nuevo repitiese sus ensayos y esta es para nosotros una prueba de que alguna atención merece su estudio. Sin que por esto nos mostremos partidarios de las doctrinas de este señor, le felicitamos, puesto que sus estudios los emplea en conseguir el alivio de los que se someten a su cuidado sin admitir retribución alguna.

GACETA DE GALICIA: 17 de septiembre de 1896
«Leemos en un periódico coruñés: Imposibilitado por una indisposición catarral, don Florencio Pol, para una sesión teórico práctica de magnetismo curativo, limitaráse de tres a siete de la tarde del 14 del corriente a saturar de fluido vital, en el local que se designara, las botellas que se le presenten llenas de agua, bien encorchadas y cubiertas de papel azul ajustado con goma, por o a nombre y para uso de enfermos desahuciados, acompañando tarjeta de algún señor médico o persona de satisfacción».

  Faleceu na Coruña, na rúa Real, 28 (e non en Ordes, como se ten dito) o 3 de xuño de 1902. E, por suposto, o seu enterro foi civil, no “cemiterio de disidentes”.

  O seu fillo Carlos Pol (n.1862), procurador, mestre, escritor e xornalista, casado con Josefa Crespo Puente emigrou a Arxentina en 1906. Alí viven a maioría dos seus descendentes.
   A súa filla Sofía Pol casou co farmacéutico José Mª Carballido. Foron pais de Josefina Carballido Pol que casaría co tamén farmacéutico Santiago del Río Seoane, orixe da familia del Río Carballido.
  Julio Pol Caamaño (1860-1941), militar e fiscal municipal, foi un personaxe moi importante na historia comarcal e ostentou brevemente a alcaldía de Ordes.
  
  Para saber máis de tan especial personaxe tedes este artigo de Carlos Pereira Martínez.

domingo, 17 de julio de 2016

Enterro civil

  No século XIX empeza a haber enterros civís e esta tendencia acentúase durante o primeiro terzo do século XX. O enterro civil, fóra do recinto sacro, pasa de ser unha forma de exclusión a converterse na última afirmación ante a colectividade dunha vontade de rexeitamento á Igrexa, adoptada sobre todo por republicanos, socialistas e anarquistas.
  A propia morte convertíase no último acto político dunha vida entregada á causa do progreso. Nesta "hora da verdade" moitos fraqueaban ante as presións sociais e familiares e o número dos que se mantiñan firmes non era moi alto, sobre todo fóra das cidades. 
  O repouso ou non en terra sacra dun cadáver non era unha cuestión baladí. Para os católicos o funeral relixioso dun anticlerical supoñía un triunfo, mentres que para os anticlericais o enterro civil era un motivo de alegría e unha demostración da forza das súas ideas.
  Tanta importancia se lle daba, que houbo conversións de última hora falsas ou forzadas e, doutra banda, tamén compañeiros laicos que se negaban a aceptalas e tentaban impedir un enterro eclesiástico ou mesmo chegaban a "secuestrar" o cadáver para facer á forza un enterro civil.

  Para rematar de complicar o asunto, non faltaba o caso contrario de pobos enteiros rebelándose contra algún sacerdote que se negaba a soterrar en terra sacra a algunha persoa cuxa vida non se ativo aos canons relixiosos habituais. Aquí aínda persistía a visión do enterro fóra do cemiterio como un castigo infamante, como unha mancha á memoria do defunto e como unha deshonra xeral de todo o pobo.

  En Ordes, lonxe de todas estas polémicas, tamén houbo enterros civís. O primeiro foi o dunha muller, dona Francisca Caamaño Quiroga, esposa do  notario da vila don Florencio Pol.

  Morreu o 17 de setembro de 1892 e, dado que compartía as ideas teosóficas do seu marido, enterrouse civilmente o día 19. O viúvo presidiu o dó. Levou o cadáver, que vestía un hábito branco, nun cadaleito tamén branco ata unha das súas leiras, chamada "O Laranxal" (o que hoxe é a esquina nordeste do cemiterio vello). Alí don Florencio deu un discurso á numerosa concorrencia (a súa familia, amigos e moitos curiosos que se achegaron a ver de que ía o asunto) e procedeuse ao enterro. Máis tarde deu aos pobres os cartos que tería gastado no funeral relixioso e así todos contentos!

martes, 12 de julio de 2016

Feiras antigas


  As feiras naceron en Galicia, como en todas partes, pola necesidade que tiñan os campesiños de dar saída aos seus produtos e mercar outros dos que eles non dispoñían. A renovación técnica da agricultura e a importancia do movemento exportador de gando vacún que afectou a Galicia fixo que, no século XIX e primeiro terzo do XX, as feiras e mercados alcanzasen un gran protagonismo na vida económica da rexión (aínda que gran parte da renovación tecnolóxica tivo que ver coas ferraxerías de vilas e cidades).
  A importancia das feiras fai que aumente o número de intermediarios, os tratantes coas súas estacas e blusóns negros. Os campesiños sempre estaban en desventaxa fronte a eles, os irregulares impostos, o descoñocemento de prezos e a confusión entre os distintos sistemas de medida.
  Con todo iso as feiras eran a mellor forma de conseguir algunhas moedas vendendo os excedentes agrarios. E non só iso, tamén tiñan un importante compoñente lúdico e festivo.
  Estas reunións rompían a monotonía do duro traballo diario e daban lugar a contactos sociais fóra do ordinario: desde visitar ao médico ou avogado (se a feira era nunha vila) a coñecer xente doutras parroquias e concellos. A festa era tanto maior canto máis importante fose a feira e máis xente atraese. Os galanteos e bailes daban lugar a unha gran cantidade de noivados e vodas, a pesar das prevencións do refraneiro que dicía: "Non busques muller na feira, nin menos na romaría".
  Este aspecto festivo tamén deu lugar a excesos. O abuso de alcol e as pelexas a navalla ou garrote por discusións case sempre monetarias eran habituais. A finais do século XVIII quíxose limitar o número de feiras polo suposto perxuízo que producían á agricultura por fomentar o seu abandono. Igualmente se quixo suprimir as que se celebraban en domingo por ir contra os valores cristiáns. Pero non se chegou nunca a nada.
  A comarca de Ordes non difería do resto de Galicia. A dispersión poboacional e os malos camiños explican o alto número de feiras. No ano 1900 (contando o Val do Dubra, entón chamado "Ayuntamiento de Buján") celebrábanse feiras en 16 lugares. Como en catro destes lugares eran dúas mensuais, había en total 20 feiras nun mes.


  Algunhas delas eran máis locais e outras, como a feira da Garabanxa ou a da Adina no Mesón do Vento, eran visitadas por xente de moi lonxe. Distinguíanse en que no interior (na montaña, como se nos chamaba entón) había unha maior produción de trigo e centeo e non tanta de millo como na costa e, ademais de vacas, porcos e cabalgaduras, tamén había ovellas e cabras e, por suposto, hortalizas, ovos, mel, manteiga ...

Para rematar unha anécdota que me contou o meu pai.
 Nos anos 50 aínda non había patacas de semente. Cada campesiño reservaba algunhas para plantar pero as colleitas eran malas empregando as propias patacas. Empezáronse a poñer de moda as patacas de Trazo, así que moita xente ía á feira de San Luca en Benza a comprar patacas porque con elas lográbanse mellores colleitas. A demanda foi tan grande que os tracenses non daban abasto, pero sempre había patacas. Como era posible? Un campesiño de Ordes perdeu unha pequena navalla e un día atopouna nun saco de patacas que comprou na San Luca ... Estaba recomprando por un prezo maior as súas propias patacas!!!  

jueves, 7 de julio de 2016

Alfonso Lesta Cernadas

  Alfonso Lesta naceu en Visantoña (Mesía) o 15 de agosto de 1907 no seo dunha familia entregada totalmente ao ensino.
  O seu pai, José Mª Lesta Gómez, era mestre en Visantoña e a súa nai, María Cernadas Naveira, era mestra en Olas. Tiveron nove fillos, dos que a maioría tamén se dedicaron á docencia. Un deles, Benjamín (1893-1960), foi sacerdote en Santo Tomé de Salto (Oza dos Ríos). Outro, José María (1900-1979), foi perito agrícola e xuíz municipal en Mesía. Estrella casou con Ángel Concheiro Rodríguez, irmán menor do médico e o avogado que dominaron Ordes a principios de século.
  Sabemos que polo menos cinco irmáns, dúas mulleres (Mª Asunción e María) e tres homes (Ezequiel Agustín, Antonio e Alfonso) foron mestres.
  Asunción foi mestra na Rúa de Buscás e Antonio estivo en Ardemil pero morreu moi novo, no ano 1935, aos 29 anos.
  De Alfonso sabemos que era moi relixioso e en 1935 era membro da "Venerable Orden Tercera" de San Francisco.
  En 1936, o ano da guerra, era mestre na escola do Casal. Os outros mestres que había en Ordes aquel ano eran Nicolás del Río, Manuel González Faya, Juana Soto Menlle Doña Juanita e Concepción Moar Vázquez Doña Conchita.

  No Casal botou máis de tres décadas, mentres vivía no Recreo. Nos últimos anos compartiu a escola con Belia Fernández Fuentes, irmá do párroco. Ela daba clase ás nenas no piso mentres el atendía aos rapaces no baixo.

   Cando se suprimiu a escola a finais dos 60, aínda deu clase na vila ata a súa xubilación. Morreu no ano 1978, aos 70 anos de idade, e está soterrado no cemiterio de Visantoña.
  Alfonso Lesta foi un home serio e discreto, un bo profesional que educou a varias xeracións de nenos. O Concello honrouno poñendo o seu nome á rúa que desemboca no Campo da Feira polo suroeste.

miércoles, 6 de julio de 2016

Os anos da fame (S. XVIII)

  A introdución do cultivo do millo nos anos 30 do século XVII mellorou moito a alimentación da xente e ocasionou unha dinámica de crecemento poboacional en Galicia. A pesar diso, o equilibrio era sempre moi precario: un par de anos con mala climatoloxía, ou un excepcionalmente adverso, producían de inmediato carencia de alimentos e unha mortalidade máis alta. Así pasou en 1687 e en 1694-95.
  No século XVIII houbo dúas grandes catástrofes:

  A primeira foi no ano 1709. Un inverno especialmente virulento en Galicia causou moita fame e os pobres correron a refuxiarse ás cidades e aos mosteiros. A gran concentración de pobres en Santiago provocou a inevitable alza de prezos e un motín o 16 de agosto onde foron queimadas varias casas nobiliarias (entre elas a do marqués de Monterroso). As medidas do capitán xeneral, os esforzos do clero (Monroy, por exemplo, contribuíu con 25.000 pesos) e a habilitación de casas no Hórreo e na Quintana para combatir a falta de capacidade do Hospital Real e de San Roque lograron controlar a situación.
  Este é o relato que fixo un fidalgo da casa do Peñasco sobre a situación:
  "El año de 1709 fue el más estéril que acuerdan los vivientes, en tanta manera, que llegó a valer el ferrado de trigo a Veinte y Dos reales y el de centeno y mijo menudo a Diez y Ocho (en Santiago el año 1708, el ferrado de trigo se cotizó a siete reales y el de centeno a cuatro).
  Fue tanta la necesidad, que los pobres por este paraxe llegaron a comer las ortigas, labazos, brezos y cardos, liñaza y otras legumbres. La mayor parte de la gente se echó a pedir y alguno a hurtar y a robar, rompiendo casas e iglesias, matando vacas, bueyes, carneros y castrones por el día y por la noche, en tanta forma que no había cosa segura; y por tan necesidad, la justicia no osaba castigar estos delitos. Y los pobres se amotinaban. Y este año los frutos que Dios me dio los consumí con la pobreza y en remediar alguna necesidad: no digo esto por vanagloria (...) Y muchos de los naturales se retiraron a las ciudades donde se han muerto más de dos o tres Mil personas de aquí al contorno, y algunos de ellos no había quien los llevase a las iglesias, y en algunas partes se juntaron a trescientos y cuatrocientos pobres. Y fue el año de la epidemia, que le pusieron los pobres este nombre.
  El siguiente de 1710, fue más abundante y no hubo tantos pobres: permita Dios nuestro Señor no venga otro semejante y nos dé gracia para que le sirvamos".

 Os anos 1738-39 ("escasísimas cosechas en todo el reino") e 1747-48 (houbo que traer gran de Castela debido á escaseza) foron só un preludio da gran catástrofe dos anos 70. En 1763 choveu case todo o verán e o ano 1764 houbo unha gran mortandade, pero o peor estaba por vir: en 1769 despois de soportar chuvias desde maio do 68 ata abril do 69, a crise foi horrible. Os campesiños chegaron por centos a Santiago ata tal punto que na mesma cama do Hospital Real había dous ou tres enfermos e, se eran convalecentes, catro ou cinco. A pesar dos grandes esforzos realizados polo concello de Santiago e as abadías (había 3.200 pobres só en San Martiño Pinario) e do arcebispado-cabildo (promovendo a compra de 150.000 ferrados de cereal de Francia e 50.000 de Santander) non se puido evitar que a mortalidade fose tan alta que os cemiterios non tiñan espazo suficiente para as inhumacións.
  No Hospital chegaron a ingresar 4.278 enfermos dos cales faleceron 800, procedentes no seu maior parte dos Partidos de Ordes, Arzúa e Negreira. Segundo nota facilitada pola Confraría das Ánimas foron 1.458 o total de falecidos nesta epidemia.
  Pero a pesar do dramático da escena, no interior as cousas foron peores. Lonxe dos portos de onde podía vir a axuda, calcúlase que a mortalidade podía multiplicarse por sete. Así debeu suceder na comarca de Ordes.

  O século XIX tamén tivo os seus anos de fame, pero esa xa é outra historia. 

sábado, 2 de julio de 2016

O Mesón de Deus


  No último tercio do século XVIII, concretamente en 1764, comezou a construción do Camiño Novo (a actual estrada N-550) que substituíu ao antigo Camiño Real ou "Camiño Inglés" que pasaba por Cabeza de Lobo, A Rúa de Buscás e A Calle de Poulo.

  Nesta nova ruta inmediatamente empezáronse a construír casas de postas para cambiar as monturas e descansar os viaxeiros. Unha destas foi o Mesón de Deus, feito en 1772, polo que é o edificio máis antigo da zona urbana de Ordes. Na foto inferior pódense observar as cortes para os cabalos diante da fachada.
 

  O Mesón de Deus entrou na historia grazas a un dos múltiples alzamentos militares do século XIX, o pronunciamento de Porlier en 1815.

  O 21 de setembro Juan Díaz Porlier, á fronte de varios corpos sublevados que sumaban 864 homes, dirixiuse a Santiago de Compostela con intención de que as autoridades e corpos militares alí acuartelados se unisen ao pronunciamento. Entre tanto, as tropas reunidas en Santiago polo arcebispo Rafael de Múzquiz y Aldunate e o xeneral Pesci avanzaron ata Sigüeiro baixo as ordes do xeneral don José Javier de Imaz y Altolaguirre, naquel momento comandante militar daquela praza.
  Nun descanso no camiño, no Mesón de Deus, ou de Viqueira como tamén se lle coñecía, mentres escribía á beira do lume, Porlier foi traizoado por un grupo de 39 sarxentos do 6º Rexemento de Mariña comprados por un axente infiltrado na columna. Os sarxentos mandados por Antonio Chacón logran tomalo prisioneiro xunto cos seus oficiais. As súas tropas, ao verse sen xefes, non ofreceron resistencia. A acción comezou cara ás 10 da noite e ás dúas e media da madrugada o sarxento 2º Juan Félix Chaves, da 1ª compañía de cazadores de mariña foi enviado cun aviso para o xeneral Imaz, no que se lle poñía ao corrente do acontecido.
  Nas primeiras horas do día 22 Porlier foi detido polo xuíz don Tomás Antonio de la Iglesia á fronte dun grupo de paisanos da xurisdición de Folgoso. Días despois, o 3 de outubro, foi aforcado no Campo da Leña (hoxe Praza de España) en Coruña.

  Durante a maior parte do século XX, e cando xa non se usaba como pousada, pertenceu, xunto cunha grande cantidade de terreo que o arrodeaba, á familia del Río, coñecidos peritos de Ordes. Finalmente foi vendido e, despois dunha controvertida reforma que eliminou moitas das súas singularidades, o Mesón de Deus converteuse a partir do ano 2005 nun dos restaurantes máis exitosos da zona ata a pandemia. Posteriormente o empresario mudouse a Oroso e o Mesón volveu a ser unha casa particular ata febreiro de 2024, momento no que se trasladou alí o restaurante "O Rancho" que estaba na rúa da Canteira.