1945 será sempre lembrado cunha mestura
de alegría e de tristeza porque se ben foi o ano en que acabou a 2ª GM, tamén foi
no que se sufriu por primeira vez o terror atómico.
O día 8 de maio Alemaña rendeuse
incondicionalmente despois de sufrir copiosos bombardeos. Nos catro meses
anteriores foron "liberados" polos soviéticos países como Polonia,
Hungría ou Checoslovaquia, mentres as tropas aliadas avanzaban polo oeste e o
sur cara a Berlín, liberando Francia e Italia, onde Mussolini achou a morte a
mans de partisanos antifascistas.
A guerra
prolongouse uns tres meses máis en Asia custando miles de vidas ata que o 6 e o 9 de agosto os americanos lanzaron
dúas bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki respectivamente (aínda que a primeira
explosión nuclear fora o 16 de xullo en Alamogordo, Novo México). Xapón
asinaría a acta de rendición o 2 de
setembro.
Chegou a paz
pero sentáronse as bases para a guerra fría. En Europa os países do leste
quedaron baixo a órbita soviética e no Pacífico tamén ocuparon Corea do Norte,
mentres Hồ Chí Minh tomou posesión de Hanoi, independizándose de Francia. Máis
ao sur Indonesia liberouse dos holandeses, sendo Sukarno o seu primeiro
presidente.
1945 ademais
foi o ano da creación da ONU (en
outubro) e da voda de Juan Domingo Perón coa carismática Evita. Ah, e tamén foi
o ano en que desapareceron 5 avións da mariña dos USA no logo famosísimo
"Triángulo das Bermudas".
En España a inminencia da vitoria aliada supuxo un enorme problema para
o réxime franquista, dado o seu pasado apoio ás potencias do Eixo. Unha forma de
tentar capear o temporal foi minimizar o legado fascista e centrarse no
anticomunismo. Así, cando en febreiro -mesmo mes que se creou o monopolio de
Tabacalera- tivo lugar un atentado comunista nunha subdelegación da Falange en Cuatro Caminos, en lugar de ocultalo como era habitual, soubo
aproveitar ao seu favor a crueldade dos dous asasinatos e organizou unha enorme
manifestación de repulsa (300.000 persoas nunha cidade de apenas un millón).
En marzo D. Juan de Borbón publicou o Manifesto de Lausana, rompendo co Réxime e pedindo unha monarquía liberal, pero en España os monárquicos opostos a Franco eran moi poucos, especialmente no exército.
O 18 de xullo formouse o Quinto Goberno
(1945-1951) de Franco coa incorporación do católico Alberto Martín Artajo como ministro de Asuntos Exteriores para resaltar o cambio de imaxe do franquismo. O mes seguinte en México capital constituíuse o
Goberno Español no exilio, presidido por José Giral, que rapidamente foi
recoñecido como lexítimo por México e os países comunistas, pero que non logrou o apoio das potencias occidentais.
O Réxime continuou
"moderándose": en xullo aprobou o "Fuero de los Españoles" e en outubro decretou un indulto para os condenados á morte por
rebelión militar e aprobou a Ley de Referéndum para consultar
directamente ao pobo asuntos de especial transcendencia (obviamente os dous referendos que se fixeron no franquismo -1947 e 1967- careceron de calquera tipo de credibilidade).
Foi un ano de gran seca e as malas colleitas notaríanse ao ano seguinte.
A nivel cultural 1945 empezou co primeiro
Premio Nadal a Carmen Laforet pola súa novela "Nada" e rematou coa
estrea da gran película "Los últimos de Filipinas". Ese ano o ponteareán Delio Rodríguez gañou a volta ciclista.
En Galicia os galeguistas editaron "Roteiros" en maio e continuaba actuando a resistencia antifranquista. A acción máis destacada foi un tiroteo en Valdeorras onde morreron catro gardas civís e un guerrilleiro en xullo. Un mes despois outro tiroteo en Budiño (Pontevedra) rematou con dous guerrilleiros mortos. En decembro chegaron novos cadros do PCE e Radio Pirenaica comezou a emisión do programa "De Ribadeo a Tui".
E en Ordes? Pois a principal noticia foi a destitución de Rafael Mariño do seu posto de alcalde por ter organizado unha reunión cos fuxidos ao monte, tentando unha mediación.
XANEIRO: Morte de Francisco
Eiras Sampedro, mestre de 31 anos que levaba só catro meses en Ordes. Veu para substituílo Manuel Picallo Ameijeiras (1920-2005) que casaría e se establecería na vila. Morreu en Poulo Andrés Figueira Varela aos 84 anos.
FEBREIRO: Cando ía á feira
do Mesón foi morto a paus en Vilar (Mercurín) Manuel Martínez Boquete, en vinganza pola súa implicación nos
paseos despois do Alzamento. Aos 75 anos morreu Josefa Boquete Bello en Lesta e aos 79 anos Fernando Mira Berdomás en Beán.
MARZO: Repartiuse un millón de pesetas entre os obreiros agrícolas
subvencionados nun acto nacionalsindicalista. Inauguración da policlínica "18 de junio" da Obra Sindical na entón Calle Calvo Sotelo (Lagartos) preto do cruce. Ángel Villaverde Bello Ángelito de Monteiro (Arxentina 1918), expedientado en 1939 por simpatías esquerdistas, logrou o libre acceso aos seus bens. O día 16 naceu o futuro escritor Euloxio Rodíguez Ruibal. O día 3 faleceu
o comerciante Manuel Barreiro Uzal.
Tamén morreron o oficial do concello Laureano Iglesias García (pai do funcionario de igual nome), Manuela Sánchez Platas aos 78 anos en Poulo, Antonio Gómez Vázquez aos 85 anos en Leira, e o traballador
ferroviario Claudio García, este último en accidente laboral na estación da
Pontraga.
ABRIL: Jesús Iglesias
Manteiga Jesús das Corredoiras condenado por
venda clandestina de explosivos o ano anterior. Morreron José Amor Santos do
Canedo aos 63 anos e Josefa Recouso Calvo (1861-1945), viúva de José Conde Barreiro e matriarca dos Condes do Bidueiro.
MAIO: Restriccións de
electricidade. Abatido en Queis o guerrilleiro Manuel del Río Botana, natural de Sar. Faleceu na súa casa de Bama (Touro) o párroco de Beán don Pedro Fernández Otero.
XUÑO: Enfermo o
párroco de Ardemil don Manuel García Castro.
XULLO: Morreu María
Castro Ferreiro, muller de José González Faya, fillo do Capitán. Tamén faleceron en Montaos o capataz de
legoeiros Andrés Candal Mosquera e en Poulo a moza de 17 anos Elisa García Candamio. En Ardemil unha discusión por lindes remata coa morte de Antonio Noya Louro.
AGOSTO: Descarrilou un
tren na Pontraga e estivo o tráfico cortado varias horas. Mercedes Mosquera Ascart destinada como mestra a Leira. Antonio Nouche Costa* desertou do exército e botouse ao monte. Morreron en Meitufe Dolores Gestal Gestal aos 23 anos e Ambrosio Álvarez Boga aos 71 anos, e en Vilamaior Leonor Sánchez Monteagudo con só 23 anos.
SETEMBRO: Morreu aos 76
anos Ramón Faya Fernández, dono da
fábrica de curtidos.
OUTUBRO: Alcalde Manuel Verea. Mes fatídico: Morreron Clotilde Viqueira Ramos Tilita, irmá de Mundito e Miss Órdenes en 1933, o
avogado Jaime Concheiro Iglesias con
39 anos, apenas tres días depois a súa nai Asunción Iglesias Rápela con 66, e o día 19 en Leira Ramona Cadaveira Folla (1875-1945), viúva de Pedro Liñares. Tamén morreu en Santiago Carlos
Otero Ulloa, recadador de contribucións na 2ª zona de Ordes. Marchou para Vigo
o xuíz de instrución Fernando Roldán
Martínez Bolaño. Pasou a Volta a Galicia por Ordes, onde había unha meta voante
con 50 pesetas de premio que gañou Emilio Rodríguez, irmán do gran Delio. 1º Concurso de Calidade de Patacas dotado con 965 pesetas en premios.
NOVEMBRO: Bautizo de Mª
Elena Concheiro Nine. Morreu aos 45 anos Manuel Souto Vázquez de Parada.
DECEMBRO: Voda na igrexa
parroquial do tenente do Rexemento de Isabel a Católica Arturo Giner Escribano
con Mary Moreno Moreno, filla do xefe da estación ferroviaria de Ordes, Lázaro
Moreno. Suicidio do sarxento da Garda Civil e comandante do posto de Ordes Andrés Cuesta Antón con 44 anos. Novo accidente na estación da Pontraga, sen vítimas.
* Antonio Nouche Costa (1924-1948) naceu en Bouzalonga,
Deixebre (Oroso). Era fillo de Jesús Nouche García (n.1883) e de Dolores Costa
Liste (n.1889). En 1945, estando no
servizo militar no Batallón de Transmisións na Coruña recibiu un permiso en
agosto. O día 17 decidiu non reincorporarse e botouse ao monte. Iso custoulle o desterro a Soria a tres irmás (María, Isolina e Dolores). Tamén houbo desterro para a súa cuñada e unha irmá desta. Foi membro do
Destacamento Manuel del Río Botana da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro
coa que participou en varias accións. Caería abatido o 4 de marzo de 1948 en
Carres (Cesuras).
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario