Foi carpinteiro ebanista de profesión con taller en Ordes. Dominaba a
talla e o torno, como dan proba os mobles, feitos por el, que aínda conserva a súa familia. Era
un home moi culto para esa época, cunha biblioteca con obras de Voltaire, Quevedo, Ortega y Gasset ou Pondal,
ademais de libros relacionados co seu oficio. Outra das súas afeccións era a música e
gustáballe tocar a gaita nas festas.
Casou
con Pilar Naveira Golán (1909-2009),
máis coñecida como Pilar da Ruca*, unha moza de Ordes coa que viviu onde agora
están os Parques Municipais e coa que tivo 4 fillos (unha nena e tres varóns).
Foi
membro das Xuventudes Socialistas e pasou logo a militar no PSOE, do que era o
máximo responsable en Ordes.
A súa
participación no Comité da Fronte Popular que se formou en Ordes para defender a
República foi bastante discreta, así que cando os militares entraron na vila
non foi detido inmediatamente, pero algo máis de dous meses despois apareceu un
falanxista pola súa casa que o levou preso.
A súa muller, Pilar, foi suplicar pola súa
vida ao tenente coronel Arturo Pérez Loureiro que naquel momento ostentaba a alcaldía da vila. Este nun
principio prometeulle que mediaría cos seus captores pero máis tarde, despois dunha agónica espera, deulle a
amarga noticia de que non podía facer nada por salvalo.
Manuel
foi paseado na madrugada do 5 de outubro
de 1936 no cemiterio de Boisaca en Santiago e alí foi soterrado nunha fosa
común, xunto con outras vítimas.
O seu
nome aparece nun informe do garda civil José Pérez Pérez onde fala dos seus
"malos antecedentes" por ter ideas comunistas e menciona que
participou no movemento revolucionario con armas e bombas e que se distinguiu
na requisa de coches para as forzas marxistas.
Como
esperpéntico epílogo, debido á descoordinación dos represores, o delegado de
Orde Pública da Comandancia Militar, descoñecendo a súa morte, incluíu o seu
nome para ser procesado e xulgado. Como obviamente non se presentou ás
autoridades, foi declarado en rebeldía e ordenouse a súa busca e captura.
A súa
muller, Pilar Naveira, quedou con catro fillos ao seu cargo pero contou coa
axuda da familia Concheiro García e puido saír adiante traballando nun estanco,
primeiro fronte a Alameda, e máis tarde na esquina do Nogallás. A filla maior e
outro irmán morreron moi novos. Quedaron Manuel Antonio (1934-1991) que emigrou
ao Uruguay pero volveu a Ordes, e Leandro del Río Naveira (1936-2002) que
traballou no Banco Pastor e na Caixa de Aforros.
* A Ruca era a súa nai, María Golán Vieites (1873-1961).
FONTES: "A Guerra Silenciada" de
Manuel Pazos Gómez e "Vilaverde" (Os Viqueiras). Fotos tomadas desas publicacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario