Victorino Verea Montero naceu o 23 de setembro de 1927 no lugar de Casas Novas, preto da aldea de Cas en
San Mamede dos Ánxeles (Oroso). Era o 5º de 7
irmáns (Elisa, María, Antonia, Jesús, Victorino, José e Mercedes).
Foi á escola de Sar ata os catorce anos e logo
axudou aos seus pais traballando a terra. En 1956 casou con Carmen Ferreiro Iglesias do lugar de Arderís
en Senra (Oroso) coa que tería catro fillos: Mercedes, Ramón, Mª Carmen e
Manuel Verea Ferreiro.
A finais de 1957, Victorino recibiu un agasallo do seu irmán menor José Verea*,
que estaba embarcado no buque escola Juan Sebastián Elcano. Mercoulle en Honolulu (Hawaii) unha cámara Kodak
Brownie Hawkeye, coa que Victorino descubriu a afección pola fotografía. Xa na
década dos 60, o seu cuñado Antonio Ferreiro Iglesias, emigrado en Suíza,
traeríalle outras dúas cámaras: una Zeiss Ikon contessamat SE e unha Zeiss Ikon
Contaflex S. Con eses tres aparellos victorino retrataría multitude de persoas
e acontecementos.
Naquela época non existía a abundancia de
cámaras que hai na actualidade. En Oroso non apareceran aínda Foto Carvajal e
José Fernando García de la Torre, así que os que necesitaban unhas fotos tiñan
que desprazarse ata Santiago ou Ordes.
Por iso Victorino atopou un gran mercado para
o seu oficio. Comezou a documentar eventos (vodas, bautizos, comuñóns,
festas...) e tamén realizar fotos de tipo administrativo (retratos de familia
numerosa, para solicitar unha pensión, imaxes para mandar a familiares
emigrados...). Esas fotos eran reveladas no laboratorio Bescansa de Santiago e
non chegaban ás mans dos clientes antes duns oito días como mínimo.
Deste xeito Victorino puido vivir do oficio
de fotógrafo, aínda que moitas veces aos seus veciños máis pobres lles fixera
algunha foto de balde.
Aínda así Non foi a súa única actividade
destacada: estivo 18 anos á fronte da Cooperativa del Campo de Calvente, Ángeles y San Román
e tamén participou en política, pois pertenceu a Coalición Galega, partido polo
que saíu elixido concelleiro no período
comprendido entre 1983 e 1987.
No século XXI comezaron a chegarlle os
recoñecementos pola súa obra. A
principios do ano 2015, o Concello
de Oroso comezou a recompilar o seu legado en colaboración co propio Victorino
e a súa familia, que cederon ao Arquivo Histórico de Imaxes, entón dirixido por
Manuel Pazos Gómez (principal
impulsor do proxecto), un cento de fotografías en branco e negro e uns
oitocentos negativos en cor, datados entre 1968 e 1982. O froito dese traballo
sería unha exposición fotográfica no centro cultural de Sigüeiro titulada
«Imaxes contra o esquecemento», que permaneceu aberta ata o 8 de xaneiro de
2016, xunto a un catálogo, que foi enviado a moitos
centros de arte contemporáneo. Á inauguración daquel emotivo acto, presentado
por Xurxo Souto, asistiu a corporación municipal e centos de veciños de todo o
concello que testemuñaron a súa admiración pola figura de Victorino.
Faleceu o día 20 de setembro do 2026, faltándolle só un par de días
para cumprir os 99 anos de idade.
O legado que deixou Victorino Verea son unhas
fotos tomadas entre 1957 e 1980 que teñen un enorme valor etnográfico porque
permiten ver como era a vida no Oroso dos anos 60 e 70 (aínda que tamén ten
unha reportaxe realizada no Rocío, na provincia de Huelva, que el valoraba
moito).
Pero ademais son obras de arte. A maioría das súas fotos
teñen ese "algo" innegable que atrapa ao espectador. Mesturan a
cotidianidade co surrealismo. Unha nena leva un bolso e un neno unha carteira
de adulto, un globo terráqueo está no medio dun alpendre, uhas galiñas leghorn
comparten plano coa familia vestida de gala e outro grupo familiar posa no
medio da leira de millo en Pasarelos, un deles cunha pomba na man.
Definitivamente Victorino, fotógrafo
autodidacta, non foi un mero "premedor" da cámara. Nas súas imaxes
hai luz, cor e sobre todo alma.
Abaixo unha pequena mostra.
|
*José Verea Montero, que naceu en 1931 era o 6º dos irmáns. Cursou
estudos musicais nos conservatorios de Santiago de Compostela, A Coruña e o Conservatorio
Real Superior de Madrid, sendo alumno de destacados músicos como Puig, Juez
Rojas, Halfter, Markevich, Rivó, etc.
Ingresou no corpo de directores de banda de
música da Armada e dirixiu desde 1976 a Banda da Zona Marítima do Cantábrico e
a da Escola Naval Militar de Marín desde 1977. Desde 1980 tamén foi director
da Coral Polifónica de Pontevedra. En 1987 publicou o libro "Cultura
Musical. Evolución histórica de la música universal". En 1988 foi
condecorado coa Cruz ao Mérito Naval de 1ª Clase. Compuxo numerosas obras
musicais.
No ano 2007
o concello de Oroso honrouno poñéndolle o seu nome á Escola Oficial de
Música. Morreu en Marín, onde residía,
en febreiro de 2017.
|


.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario