domingo, 13 de noviembre de 2022

Rafael Mariño Vilela

   A partir do ano 1944 a previsible victoria aliada fronte ao Eixo na 2ª Guerra Mundial foi un estímulo para os opositores ao rexime franquista. A Ordes tamén chegou esta corrente de esperanza de poder cambiar o Statu quo e varios esquerdistas botáronse ao monte. O alcalde, Rafael Mariño, tentou unha mediación que non chegou a bo porto.

  Rafael Mariño Vilela naceu en Ordes arredor do ano 1909. Foi o segundo dos 5 fillos do comerciante e empresario asentado na "Calle Nueva" (hoxe rúa dos Lagartos) José Mariño García (1880-1947) e da primeira muller deste, Soledad Vilela, filla dun dos xastres da vila. Era unha familia con posibles, pois durante os anos 20 José estaba entre os 10 maiores contribuíntes do concello.
  Tendo Rafael 8 anos, el e os seus irmáns sufriron unha dorosa perda: a súa nai morreu en 1918 a causa da epidemia de gripe española. O seu pai volvería a casar con Ramona Iglesias Noya, coa que tería 4 fillos máis.
  Sendo mozo estudou na escola de radiotelegrafistas de Madrid pero unha enfermidade acabou coa súa estancia alí. Tamén foi un experto electricista que axudaba coa iluminación eléctrica das festas.
  Estableceuse no que hoxe é o Recreo 24 e alí montou un comercio de ultramarinos e ferraxería. En marzo de 1935 casou con María Franqueira Regos (1911-1985), filla do tamén comerciante Manuel Franqueira Manolo da Ponte e de Carmen Regos Caramelo. Con ela tería dous fillos: Rafael e Mari Carmen Mariño Franqueira.
  Paralelamente Rafael herdou do seu pai o interese pola política. Primeiro foi membro de Renovación Española, o partido de Calvo Sotelo, e logo integrouse na Falange.
  Despois do Alzamento, ao contrario que outros dereitistas, non participou na represión dos vencidos. Polo contrario, destacou protexendo dentro do posible aos seus veciños. En novembro de 1942 foi nomeado alcalde.
  Eran tempos moi duros pero aproveitou a súa amizade con Diego Salas Pombo, o xefe provincial da Falange da Coruña, para axudar aos veciños máis necesitados. Tamén logrou traer ás festas de 1943 e 1944 á Banda da Infantería de Mariña de Ferrol que era a maior atracción posible naquela época. O seu labor na alcaldía non foi do agrado de Antonio Concheiro e o seu círculo e tampouco de varios panadeiros que o criticaron. 
 
  E chegamos a finais de 1944 e principios de 1945. Rafael Mariño contactou cos fuxidos ao monte e propúxolles unha reunión na súa casa. Pretendía que renunciaran á loita naquel momento no que non estaban aínda acusados de delitos de sangue. Como acostuma suceder cando un segredo o coñece moita xente, houbo un chivatazo. A Garda Civil, enterada da reunión, chegou á súa casa disparando, pero el non abriu a porta ata que todos os asistentes puideron escapar polo tellado.
  Esa actuación custoulle por suposto unha tempada no cárcere da Coruña e a destitución da alcaldía, posto que recaería interinamente en Manuel Verea Remeseiro. Rafael tivo, iso si, a satisfacción de ver que varias persoas intercederon por el, o primeiro de todos o párroco don Joaquín Andrade.
  Hoxe é inevitable pensar que podería ter sucedido se aquela reunión non fose interrompida. Pode que tampouco chegasen a un acordo ou ao mellor si. A realidade é que pouco tempo despois todos aqueles guerrilleiros tiveron un tráxico final.
 
  Rafael Mariño deixou a política e dedicouse só á familia e ao seu traballo que tamén incluíu logo organizar bailes no antigo Salón Troche. 
  Morreu o 18 de febreiro de 1983 e está soterrado no cemiterio do Piñeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario