jueves, 30 de agosto de 2018

Máis bailes

  Se hai algo que caracteriza aos ordenses de calquera época é o noso gusto pola festa. Nos peores momentos da nosa historia, incluída a guerra civil, non faltou a música e o baile. Como din os escasos críticos (seres tristes e amargados de dubidosa ordesidade): "Non haberá cartos para comer, pero sempre hai para festas".
  No ano 1921 houbo diversas desgrazas, pero non afectaron para nada ás festas patronais que foron tan concorridas e buliciosas como de costume. Pero a cousa non parou aí. Para despedir adecuadamente á multitude de forasteiros que veraneaban en Ordes celebrouse a finais de agosto na aula da Escola nacional de nenos outro baile máis. As mozas do pobo, por suposto, encargáronse "con exquisito gusto" da decoración.
  Grazas a La Voz de Galicia e El Correo de Galicia de Arxentina coñecemos o nome de moitas das "bellas señoritas" da boa sociedade que acudiron ao baile: Maruja e Piedad Carnota, Pilar Astray, Rita Castro Bao, Encarnación Castro, Higinia del Río, María, Amalia e Asunción Concheiro, Pilar e Carmen del Río Barros, María e Antonia Amigo, María Iglesias Romero, Carmen Blanco, Isabel e Celia del Río Castro, Amparo Castro, Mª Cruz García "y otras muchas que no es fácil recordar".
  A velada rematou ás catro! da noite deixando "imperecedero recuerdo entre los concurrentes".

  Pero non foi o último baile dese ano. En decembro varias "simpáticas y elegantes" mozas da localidade (Lola Calviño Rama, Lola Caramelo, Moncha Faya Vilariño e Obdulia Abeijón Sánchez) decidiron celebrar a "Festa da bandeira" e organizar outro baile co obxectivo de recadar fondos* para os soldados ordenses ou galegos que estaban en Marrocos.
  Contaron coa axuda de Carlos Troche Rivas (da familia propietaria do Salón Troche, que estaba no que hoxe é o "Bar Saloon" nos Parques Municipais), Pedro del Río (que era o encargado do salón) e Manuel Franqueira (acomodado propietario do Recreo).
 Foi un éxito. Entre os que acudiron ao baile estaban Ezequiel Astray, Alfonso e Enrique García, Jaime Veiga, José Maceiras, Luis Faya, Juan Calviño, Antonio Platas, Segundo Ferreiro, Emilio Sánchez, Luis Barros, Ricardo e Eduardo Villar, Manuel Regos, Ramón Abeijón, Segundo Faya e José Castro Liste.
  As mozas recibiron ademais unha carta dun soldado de Tui, Ma­riano Victorio Rey, que pertencía á compañía de ametralladoras do Rexemento de Zaragoza, na que lles daba as grazas no seu nome e no dos seus compañeiros por ese agasallo de Nadal.

* O total da recadación foron 407,50 pesetas, das que 100 foron doadas pola comisión das festas patronais. O resto foron achegas particulares encabezadas por Manuel García Bermúdez e José Mariño, ambos os dous con 10 pesetas.

lunes, 27 de agosto de 2018

Infanticidios

  A taxa de criminalidade a comezos do século XX era moito máis alta que na actualidade, pero había un tipo de crimes onde a diferenza era especialmente notable: os infanticidios.
  Se en España na última década a media é de ao redor de 20 menores asasinados polos seus pais anualmente, naquela época eran centos.

  Non era un problema exclusivo de España, senón de toda Europa. O ríxido sentido da honra e unha moralidade mal entendida eran a principal causa dos infanticidios. Mulleres solteiras ou casadas adúlteras víanse enfrontadas ao drama de desfacerse dos seus fillos ou vivir desde ese momento unha permanente exclusión social.

  Nas cidades existían as inclusas ou casas de expósitos que albergaban aos nenos abandonados. Estes establecementos dispoñían de pequenos tornos con apertura á rúa. Había unha persoa na habitación inmediata que acudía ao son da campaíña para recoller á criatura (e que non podía facer preguntas a quen a deixase para garantir o seu anonimato). Así evitábanse moitos infanticidios nas cidades, pero nas zonas rurais non existían estes establecementos.

  En Galicia o problema era incluso maior porque, ademais da gran porcentaxe de poboación rural que non tiña preto unha inclusa, engadíanse dous factores que o agravaban: unha enorme emigración masculina a América que deixou practicamente soas e abandonadas a un gran número de mulleres casadas e un tipo de asentamento moi disperso que facilitaba a ocultación do crime.
  Por iso, aínda que o número de casos que chegaban á xustiza era alto, podemos supoñer que o número real de crimes aínda sería moito máis alto.

  En 1913 segundo o xornalista Juan Castrillo Santos "Hoy son frecuentísimos los infanticidios para ocultar la deshonra de la madre".
  En 1929 as cosas non melloraran nada: O xornalista Matías Usero Torrente, ante a ameaza de suprimir a Casa cuna de Ferrol escribía con dramatismo: «Desde el mes de julio (hasta el 4 de enero de 1929) pasan de 80 los infanticidios* perpetrados en ese tiempo y la mayor parte, por ahora, han quedado impunes. Ayer apareció otro niño, recién nacido, muerto y envuelto en papeles, en el camino de la Graña. Una víctima inocente más para unir a mi estadística macabra. [...] Infelices criaturillas muertas al nacer o después de haber vivido unos días, abandonadas en los caminos, arrojadas al mar, enterradas vivas, descuartizadas, heridas, degolladas, escondidas en estercoleros y retretes, quemadas, estranguladas y hasta dadas como comida a animales voraces y caseros

  A comarca de Ordes non era unha excepción. No ano 1921 houbo dous infanticidios e ademais na mesma parroquia, Ardemil.
  Manuela Bustelo Sánchez, unha muller de 28 anos, que levaba 8 anos separada do seu marido por emigrar este a América, supostamente estrangulou ao seu fillo recentemente nado. Con todo, no xuízo a que foi sometida, o xurado deu veredicto de inculpabilidade.
  Poucos meses despois María Martínez Bolaño denunciou ao ancián Domingo Noya Sanjurjo por facer desaparecer unha criatura que ela dera a luz na casa de Domingo.
  En Buscás, no mesmo ano, María Martínez Botana estaba en boca de toda a veciñanza que sospeitaba que se desfixera dun fillo ... por 2ª vez! A Garda Civil investigou o suceso pero non chegou a ningunha conclusión.
  Tamén en 1923 en Tordoia o matrimonio formado por Por Pablo Costa e Dominga Martínez foron sospeitosos de infanticidio.
  Como vemos, eran tempos perigosos para a infancia.  

*Datos que recollía dos diversos xornais españois que chegaban ao seu poder.

martes, 21 de agosto de 2018

Domingo Calviño Viqueira

  Domingo Calviño Viqueira naceu na parroquia de Buscás o 21 de xuño de 1920*. Sempre lle gustou a música e aprendeu a tocar a gaita moi novo.
  Decidiu que esa sería a súa profesión. Como dicía cando xa era vello: "O gaiteiro saía de casa pola mañá con dous reais e á noite volvía con dúas pesetas porque todo o mundo trataba de pagarlle na man". Así que con apenas 13 anos botouse aos camiños a tocar.
  En 1940, xuntou a tres nenos de Buscás amigos seus e comezaron a ensaiar de forma compulsiva. Dous anos despois, nas festas de Ordes de 1942, cando tiña 22 anos, debutou o grupo que naquel momento non tiña nome (a xente chamáballe simplemente "os de Calviño" ou "os gaiteiros de Buscás") pero anos despois sería coñecido como "Airiños de Buscás".
  Xunto cos irmáns Ruibal Rivas, aínda adolescentes (Florentino Flor da Maquía, o gaiteiro, tiña uns 13 anos e José María, que tocaba a caixa, un menos), acompañados ao bombo por Cesáreo Liñares Cesáreo da Rúa que tiña 15, Calviño, que tocaba o clarinete, era o líder natural por esa diferenza de idade.
  O grupo funcionou uns 10 anos de forma habitual e logo outros 10 de maneira moi intermitente, ata 1962 en que se disolveron. Pero ese tempo bastou para deixar unha fonda pegada nos que os oíron.
  Eran unha tremenda atracción porque xuntaban alto nivel musical con presenza e carisma. Sobre todo Calviño e Flor eran apostos e falangueiros e tiñan moitas seguidoras. Tamén eran moi eclécticos e apostaban pola variedade, tocaban tangos, rumbas, pasodobles ... calquera estilo que estivese de moda para competir coas primeiras orquestras e as bandas máis tradicionais. De feito Flor da Maquía contaba que a banda da Garabanxa tíñalles bastante xenreira porque eran máis exitosos facendo bailar á xente ca eles.

  Casou con Visitación Mosquera Botana (1923-2019) coa que viviu preto da Rúa de Buscás (na Calzada) e coa que tivo 4 fillos: José Mª, Manuel Domingo, Mª Mercedes e Antonio. Os dous primeiros saíron algunha vez a tocar con el.
  Nos anos 90 coa revitalización da música tradicional, á que tanto axudou "Luar" da TVG, Calviño volveu á música. Acudiu moitas veces ao programa, levando a outros músicos e bailaríns da zona e demostrando que era un auténtico home-espectáculo, gañándose ao público coa súa simpatía. Nesta época atopou unha nova paixón: deseñar e construir estrambóticos instrumentos de nomes tan sonoros como Peño, Lorgo, Mileno ou Tocador nos que investía centos de horas.
  O seu último grupo con Manuel Viqueira, Germán Canedo e Jesús Castro chamábase "Calviño y sus muchachos". No seu 80º aniversario, no ano 2000, recordaba con agarimo aos 18 compañeiros cos que tocara ao longo da súa carreira, entre eles dous fillos e un irmán.
 
Flor da Maquía
Eduardo Veiras
Andrés Abruñeiras
Manuel Carnota
Jesús Fuentes
Manuel Viqueira
José Mª Ruibal
Ramón Rey
José Calviño Mosquera
Manuel Calviño Viqueira
Antonio Calviño
Germán Canedo
Cesáreo Liñares
Ramón Fuentes
Manuel Calviño Mosquera
Manuel Vilariño
Manuel Rey
Jesús Castro
 
  Agobiado por unha cruel enfermidade puxo fin á súa vida o 22 de agosto de 2004. Na súa tumba un sencillo epitafio: "gaita 1933" (o ano en que comezou a saír polos camiños a tocar).



  Como extra, unha peza de música da zona que Domingo interpretou moitas veces e axudou a preservar do esquecemento. Para oíla preme aquí.
* Segundo outras fontes, naceu en 1921.  

viernes, 17 de agosto de 2018

Pensións medias en 2017

  Os datos publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística) de 2017 constatan que a fenda entre as dúas galicias segue a medrar polo menos nas pensións: a diferenza entre o que cobra a xente das áreas metropolitanas e concellos máis industrializados co que cobra o resto de Galicia incrementouse ata un 130 %.
 As Pontes manténse un ano máis como o concello onde as pensións son máis altas (1.333 euros de media). O último da lista é Avión en Ourense onde os pensionistas residentes (non se ten en conta os que viven fóra) sobreviven con 584 euros ao mes.

 
  Dos 313 concellos de Galicia só en 25 superan os 1.000 € de media. Os primeiros da lista son os que teñen unha forte industria asociada como As Pontes, Fene (1.222) ou Cervo (1.175), e logo as áreas metropolitanas das cinco cidades do eixo atlántico. Lugo e Ourense non chegan en cambio aos 1000 €.
  Na parte baixa da táboa están os concellos máis rurais. Hai 3 zonas pobres: a parte leste da provincia da Coruña (Sta Comba, Tordoia, Vimianzo ...), os concellos das montañas do centro-sur de Galicia, e moi especialmente o centro e sur de Ourense. Nesta provincia están 7 dos 10 concellos que pechan a lista. Ademais de Avión, son Quintela de Leirado, Padrenda, Baltar, O Irixo, Sarreaus e Ramirás.

  
  A comarca de Ordes cunhas pensións medias de 735 euros, está moi lonxe tanto do promedio de Galicia (que é de 898 €) como do moito máis alto da provincia da Coruña (case 928 €).
  Coma sempre, dentro da propia comarca hai diferenza entre os tres concellos centrais e os 4 periféricos e máis rurais, pero neste caso moito máis matizada. Oroso é o único concello que supera os 800 € mentres Ordes, Cerceda e Mesía pasan dos 700 €.
  Frades e Trazo superan os 650 € e destaca negativamente Tordoia que, cos seus 621,53 €, ten o triste honor de ser o oitavo máis baixo de Galicia e penúltimo da provincia da Coruña só superado negativamente (e por un céntimo!) polos 621,52 € de Santa Comba.

lunes, 13 de agosto de 2018

Un tranvía en Ordes?

  O principio da década dos 20 estivo marcado pola moda do tranvía. A Coruña dispoñía de tranvía eléctrico desde 1913 (fora inaugurado en 1903, pero con mulas) e nesta década construíronse os de Sada (1922) e Marín (1923).
  Un dos proxectos que se barallaron foi construír unha liña entre A Coruña e Santiago. O promotor era o Banco "Sobrinos de José Pastor" (o futuro Banco Pastor), que, como indicaba o seu nome, estaba comandado polos sobriños de José Pastor y Horta: Pedro Barrié y Pastor (que en 1915 engadiu como socio ao seu fillo Pedro Barrié de la Maza) e Ricardo Rodríguez Pastor, que en 1921 era o xerente da empresa.

  Ordes sabía ben o que valía ter unha gran vía de comunicación. A estrada que atravesaba a vila era unha enorme fonte de riqueza. Lonxe xa dos tempos dominados en solitario pola ferro-carrilana, agora había varias empresas de autobuses facéndose competencia (La Regional, El Noroeste, Castromil, El Compostelano, El Brigantino ...), algún camión en Carral e Ordes que levaban mercadorías -e aproveitando, ás veces xente- máis un número cada vez maior de automóbiles "tantos, que xa non podía un deixar tranquilo aos nenos na porta de casa". 


  Unha liña férrea podía ser aínda mellor. O exemplo perfecto era Curtis, unha pequena vila de interior que desde 1883, momento en que se construíu a estación ferroviaria onde tiñan que parar os trens de vapor para botar auga, viviu un auxe económico sen precedentes. Un tranvía non era exactamente o mesmo pero axudaría moito ao desenvolvemento da zona.

  Por iso causaron consternación en Carral, Herves e Ordes os rumores de que o trazado se apartaría (nalgúns casos, moito) da estrada. Ordes foi quen máis se moveu para reverter esta situación.
  Unha significada Comisión da "progresiva localidade" foi en outubro de 1921 á Coruña para presentar en persoa o seu caso á empresa. Estaba presidida polo alcalde Manuel García Bermúdez acompañado do recadador de Contribucións Ricardo Amor del Río, o secretario do Xulgado municipal José Sánchez Somoza e o comerciante e banqueiro Juan Liñares Iglesias. Presionaron para que a distancia de 5 km á vila se vise acurtada o máis posible, para o que daban todas as facilidades. A resposta de Ricardo Rodríguez foron boas palabras e moitas promesas, polo que saíron da reunión altamente satisfeitos.
  Aproveitando a súa estancia na Coruña, ocupáronse tamén da pretendida supresión ou redución de categoría da Administración de Correos de Ordes, que rexía Manuel Bernárdez, e que a deixaría convertida nunha estafeta rural como tantas outras.

  Poucos días despois, dado que estaba en Ordes o enxeñeiro encargado da obra, José Fernández-España, outra comisión de veciños acompañada do párroco don Nemesio Morgade volveu a insistir no tema. O enxeñeiro contestoulles que o máximo que a liña se podía achegar á vila eran uns 2 Km debido á diferencia de altura do terreo. A reunión foi de novo descrita como moi satisfactoria.

  Como sabemos hoxe, o resultado de tanta preocupación e tantas xestións foi inútil. Ao final non houbo tranvía. En canto ao tren, comezaron as obras da liña férrea entre Santiago-Coruña en 1927 pero paralizáronse en 1932. Houbo que esperar ata 1943, catro anos despois da guerra civil, para que o tren pasara... máis ou menos por onde estaba previsto naquel vello proxecto do tranvía.

sábado, 11 de agosto de 2018

As festas de 1921

  As festas de 1921, a pesar dos malos momentos que vivía o país despois do desastre de Annual, estiveron cheas de bulicio.
  A comisión nesta ocasión era moi nova. Só Ezequiel Astray, que xa tiña experiencia no tema, roldaba os 30 anos. O resto (Manuel e Antonio Concheiro, Manuel Mariño e José García del Río*) eran mozos que non chegaban aos 20.
  De novo os días de festa foron catro:
  O domingo 14 de agosto houbo solemnes vésperas na igrexa, banda de música e iluminación á veneciana pola noite na Alameda.
  O 15 e 16 de agosto tiveron a mesma programación: alborada pola banda e gaita do país. Misa solemne ás 11 da mañá, logo procesión e de 1 a 2 "paseo de moda". Ás 6 do tarde concerto musical durante o cal "las elegantes y bellas jóvenes de este país" bailarían xotas e muiñeiras (non bailarían os mozos tamén?). Ás 10 da noite de novo iluminación á veneciana, xogo de lucería e ascensión de numerosos globos.
 O día 17 para variar, xira campestre ao frondoso souto de Mariño, amenizada polas gaitas. Este animado "folión" poñería punto e final ás festas.

  Velaquí a noticia publicada por La Voz de Galicia o 20 de agosto sobre o evento:
  Lucidísimos resultaron los festejos públicos celebrados en esta villa, mereciendo por ello un aplauso los simpáticos jóvenes que no solo los dirigieron, sino que atendieron con toda solicitud a los numerosos forasteros que aquí se reunieron.
  Un grupo de elegantes y bellas señoritas, en el que figuraban Encarnación Castro, Paca Pol, Amalia Concheiro, Pilar Romero, Laura Amor, Pilar y Carmen del Río, se encargó bajo la presidencia de la encantadora Pilar Astray, del adorno de la Alameda en cuyo centro se levantó un artístico palco para la música.
  La suerte favoreció al médico de Buján, Sr. Blanco, en el sorteo que se verificó para adjudicar un hermoso estuche de cubiertos de plata rifados con el objeto de allegar recursos para costear estos festejos.
  Los paseos se vieron concurridísimos, recordando entre los forasteros* al ilustrado médico de Ares D. Juan Barreiro y su bella esposa, el culto juez de primera instancia de Negreira D. Luis Aller, el ilustrado abogado de Madrid D. Joaquín Varela Tojo y familia, los afamados médicos de Vigo, Oroso, Cerceda y Frades, Sres. Astray, Rapela, Rivas y Linares con las suyas, el inteligente secretario de Frades Sr. Stolle y su esposa, la culta maestra nacional de aquel pueblo, el director de la Fábrica de Tabacos de La Coruña Sr. Aguiar y su bella hija, el joven médico de Abegondo D. Claudio Barros, el licenciado de Farmacia señor Carballal, el veterano alcalde de Trazo, don Gumersindo Liñares, la respetable señora de Amigo, doña Concepción Iglesias Rapela y familia, el veterinario de La Coruña D. Carlos Troche y elegante esposa, el abogado inspector de la Policía D. Rafael Astray, el propietario de Carral D. Francisco García Bermúdez* y familia, el propietario de Conjo D. José González Criado y su hermano D. Fernando y el estudioso escolar Sr. Fernández Quintana.
  Los bailes estuvieron animadísimos, asistiendo a ellos todas las encantadoras señoritas de este pueblo.
  En resumen, las fiestas dejaron gratísimos recuerdos en este vecindario.
 
  En Poulo foron as primeiras festas co párroco José María Barreiro García (1878-1972) que foi enviado a esa parroquia en febreiro dese ano 1921 e pronto restaurou a igrexa parroquial e aumentou a reitoral adiantando el mesmo os cartos. Era moi delgado e usaba unha sombrilla prateada. Despois de xubilarse marchou á Coruña onde morreu en 1972 e onde está soterrado no cemiterio de Elviña.
 
* José García del Río (1904-1987), fillo do notario asturiano José García Álvarez, foi procurador e mestre e viviu na Coruña pero está soterrado en Ordes.
  A maioría dos forasteiros tiñan relación con Ordes: Juan Barreiro Uzal era ordense (fillo do ex-alcalde Manuel Barreiro Ríos) o mesmo que Carlos Troche e Rafael Astray.
  Francisco García Bermúdez era irmán do alcalde de Ordes e José González Criado era un dos xenros do alcalde.

lunes, 6 de agosto de 2018

A familia López (de Ignacio)

  Datos aportados por Xorxe de Xan Ferreiro (JLP), membro desta familia. 
  Como a maioría de comerciantes de Ordes, a familia López tamén veu de fóra. O matrimonio formado por Ignacio López Penas (1896-1988) e Serafina Camino Rivadulla (1898-1978) eran oriúndos da parroquia da Castañeda (Arzúa). Na vila de Arzúa rexentaron unha casa de comidas e tiveron tres fillos (Alfonso, Carmen Raimunda e Luisa) que morreron en idade infantil.
  Instalados en Ordes a finais dos anos 20, abriron unha carnicería en 1928: a "Tablajería* de Ignacio López" nunha casa á beira do adro da igrexa (no que hoxe sería o 101 da Avenida Alfonso Senra). Aquí terían 9 fillos máis: Ignacio, Dolores, Manuel, María, Francisca, José Ramón, Juan, Antonio e María del Carmen (os 2 últimos morreron sendo nenos). Os homes comezaron traballando para o pai como becerreiros.

  Ignacio López Camino (1925-1974) casou con Chita (m. 2004) da familia dos Ramechos. Morreu bastante novo aos 49 anos. O seu fillo Ignacio López Ferreiro (Inacico) continuaría a saga familiar tendo unha carnicería na praza de abastos que estaba nos baixos da casa do concello, despois na casa familiar e logo na Rúa da Reconciliación. O seu primeiro fillo tamén se chama Ignacio (a 4ª xeración) pero este cambiou a tradición familiar por ser profesor de Educación Física no CEIP Castelao.

  Dolores casou con Carlos Espiñeira Pellit (1925-1982) dunha rica familia de Sigüeiro (o seu irmán Amancio foi alcalde de Oroso nos anos 70). Espiñeira empezou vendendo cereais e fabas ao por maior e logo meteuse en diversos negocios como o abastecemento de augas. Morreu aos 57 anos. Tiveron 7 fillos que están espallados por España e o estranxeiro.
 
Manuel
, bastante aloucado nos seus anos mozos, casou con Dolores Franqueira Liñares, procedente da Castiñeira -preto de Vilar-. Emigraron a América e tiveron un par de fillos: Manuel Ignacio e Fátima.
  María, casou con Manuel Mosquera Rilo o Vasco (1932-2012), con quen rexentou o moi coñecido bar "O Vasco" na esquina de Alfonso Senra cos Lagartos. Agora encárgase do bar a súa filla Begoña.
  Francisca (1934-1960) emigrou a Venezuela pero volveu e casou co taxista Pedro Santos. morreu moi nova.
 José Ramón (1934-1983) casou con Ángeles Pereiro Ferreiro (1937-1982). Emigraron a Suiza pero retornaron e fixéronse cargo da carnicería familiar. Ambos os dous morreron novos a principios dos 80 deixando dous fillos: Jorge e José Ignacio López Pereiro.
  Juan (1936-1996), que tiña as facultades mentales diminuídas, vivía na casa paterna e morreu traxicamente. Un incendio ocorrido en marzo de 1996 destruíu a casa e rematou coa súa vida.

  Como anécdota engadir que os patriarcas Ignacio e Serafina foron tíos e padriños de María de la Paz López Pestonit, nai da popular cantante Marta Sánchez López.
* "Tablajería" era o nome que antigamente se lles daba ás carnicerías (porque o xénero poñíase enriba de táboas).

sábado, 4 de agosto de 2018

Rueiro do Mesón


   O Mesón do Vento é o segundo núcleo en importancia do concello de Ordes. Os nomes das súas rúas datan do ano 2.000, momento en que a corporación municipal comandada pola Democracia Galega de Teodosio Martino decidiu poñer nome a un gran número de rúas novas (produto do recente bum urbanístico) que aínda non o tiñan.

  Ao Mesón tamén lle tocou a súa parte: catro rúas estrearon denominación. Despois dun pequeno baile de nomes (algúns coincidían con outros da vila de Ordes), a presión veciñal inclinou a balanza cara aos seguintes: a vía principal, a N-550 denominaríase Santiago Apóstol, a que tocaba o campo da feira loxicamente Rúa Campo da Feira e a estrada cara a Cerceda Rúa da Quenlla.
  Finalmente a rúa que comeza sendo un pequeno calexón ao lado da discoteca Josfer e leva ao colexio recibiu o apropiado nome de Rúa Roberto Forján.

  Roberto Forján Pais (1936-2023) foi un mestre coruñés que deu clase no Mesón nos anos 60, antes de que fora construído o colexio actual. Casou en 1964 coa moza de Betanzos Ángela Menéndez Martín (tamén mestra no Mesón), voda a que estiveron invitados outros compañeiros de profesión de Ordes coma Gamallo e Picallo. Estaba considerado un gran mestre, de feito en 1969 levou un 2º premio provincial no concurso do "Cuaderno de rotación". Posteriormente marchou á Coruña onde foi director moitos anos do CP Salgado Torres.
  Foi homenaxeado na Festa do Lacón do ano 2002. O domingo 10 de marzo deu o pregón e asistiu á inauguración da rúa que leva o seu nome. 
  Morreu o 16 de decembro de 2023 aos 87 anos de idade.

  Non é o único personaxe con rúa dedicada porque, desde 2016, un pequeno ramal da Rúa Roberto Forján leva o nome de Rúa Sancristán Francisco.
  Francisco Fariña Bouzas (1956-2014) casou con Divina Grela Calo que morreu moi nova con 29 anos en 1990 deixándoo con dous fillos. Seis anos despois comezou a colaborar na igrexa do Mesón do Vento, o que lle valeu o alcume de Paco o sancristán e o agradecemento dos fregueses pola súa dedicación e bo carácter. Morreu en 2014 aos 58 anos deixando un gran recordo.
  2 anos despois da súa morte, o domingo 3 de xullo de 2016 foi inaugurada a rúa coa presenza do alcalde José Luis Martínez, a concelleira do Mesón Beatriz Martínez Candal e os dous fillos do homenaxeado, Iván e Rosa María, que foron os encargados de descubrir a placa.