martes, 28 de febrero de 2017

Francisco Vilar Nouche

  Francisco Vilar Nouche, máis coñecido como o Chocolateiro, naceu en 1898 (o ano que se perdeu Cuba) no lugar de Recouso, en Marzoa (Oroso). Era fillo de Miguel Vilar Rey e Benita Nouche Gómez, ambos os dous nacidos en 1861. Como tantos outros galegos emigrou, precisamente a Cuba, durante a súa xuventude. Foron uns anos que sempre recordou con agarimo.
  Volveu con algúns cartos e estableceuse en Ordes. A súa 1ª "Fábrica de chocolates" -aproveitando os coñecementos adquiridos en Cuba- instalouna na futura Casa Enrique*, que estaba no que hoxe é a farmacia de Alfonso Senra 139.
  Casou con Carmen García Ródriguez (1907-1979), unha moza da súa parroquia pero do lugar de Cubelo, que tiña un fillo de solteira. Este fillo, Manuel García Rodríguez (1928-1999), que tamén herdou o alcume de chocolateiro, de maior montou a tenda de motos que hai na Rúa dos Lagartos 16.
  O matrimonio tivo unha soa filla en común, Rosa Vilar García.

  Traballadores incansables que non entendían de festas e descansos, o negocio foi vento en popa e cos beneficios Francisco puido mudarse e comprar un terreo case no centro do pobo á rica familia Liñares. Alí instalou a súa segunda "Fábrica de chocolates", un establecemento que non só vendía chocolate: mesturaba fonda (naqueles anos case todos os comercios, fosen do tipo que fosen, ofrecían comidas), quiosco e progresivamente toda unha infinita variedade de artigos (desde souvenirs ata queixo ou grelos) que, xunto cos seus extensos horarios, o fixeron un claro precedente dos bazares chinos actuais.
  Tamén lle comprou o "Oriental Cinema" (o cine que había na Rúa dos Lagartos) aos Liñares. O negocio foi florecente ata os anos 60. Logo foise mantendo ata os primeiros 80 en que abandonou a proxección de películas.


  A voda da súa filla Rosa con Ovidio Prado Iglesias (1927-2005), o primoxénito do coñecido empresario de autobuses Rogelio Prado Carnota, expandiu o negocio cara á mecánica e os tractores.
  Cando pechou o taller de bicicletas de Monteiro, que estaba detrás da cristaleira grande, a diminuta tenda do chocolateiro aumentou ata o seu tamaño actual.
  E detrás de todos eses cambios o único inmutable era a inconfundible presenza de Francisco. Cando entraban na tenda a comprar o tebeo ou cromos despois da misa, os rapaces atopaban a un señor menudo pero terriblemente serio, vestido sempre coa elegancia dos tempos pasados: traxe, chaleco, reloxo de cadea e sombreiro.
  Así pasaron os seus días sen deixar o posto de traballo practicamente ata a súa morte aos 95 anos, un 8 de xaneiro de 1994.

 
  A tenda quedou en mans de Rosa e Ovidio. Na actualidade continúa ela atendendo o negocio. O matrimonio tivo dous fillos: Teresa Prado Vilar, profesora que vive na Coruña, e o prestixioso profesor de Historia da Arte Francisco Prado-Vilar.
 
  * Antonio Enrique Nouche Patiño (1915-1983), que lle daría o seu nome á casa, traballou con el porque era da familia. O seu pai Jacobo Nouche Pena era curmán de Antonio Vilar.

sábado, 25 de febrero de 2017

Eleccións de 1905

  Como xa temos explicado, as eleccións na Restauración estaban completamente preparadas, pero ás veces xurdían sorpresas.
  As eleccións de 1901 e de 1903 cumpriron co guión previsto: Saturnino Aller Rodríguez, o cacique, o home que enchía as urnas, achegou os votos para os candidatos designados polo partido. En 1901 foi o coruñés Daniel López López e en 1903 José Gasset, un dos 6 irmáns do importante líder liberal Rafael Gasset.
  Pero as eleccións de setembro de 1905 saíronse dese guión e o feito foi tan soado que tivo ampla repercusión nacional.
  En principio o candidato predeterminado a gañar no distrito era D. Joaquín Peña Failde, amigo persoal do xefe do Goberno, o compostelán Eugenio Montero Ríos. Non obstante Aller esta vez non o quixo así. As actas ao final do proceso déronlle a el máis de 5.160 votos mentres que Peña e Lens, un terceiro candidato, quedaban xuntos nuns escasos 1.750. 

  A razón oficial que explicou máis tarde era que os seus partidarios non se atopaban cómodos co case octoxenario Peña ante os avances do republicanismo en Ordes e que preferiron votalo a el ao que vían mellor preparado.
  A sorpresa que produciu a noticia foi enorme. O Gobernador Civil da Coruña, Luis Armiñán, telegrafou a Madrid inmediatamente e chovéronlle telegramas de volta do Ministerio da Gobernación dándolle conta do monumental enfado de Montero Ríos.

  Manuel García Prieto e Juan Fernández Latorre, por se a situación non se arranxaba, ordenaron a Armiñán que se reservasen as actas de Santiago e Ortigueira. Quedaron "conxeladas" no Goberno Civil para ofrecerlle unha a Peña Failde. Como se pode ver a limpeza das eleccións era inexistente, pero si había transparencia porque todas estas argalladas eran de dominio público (para o que lese a prensa, claro).
  A situación chegou a cumes esperpénticos. Cando Armiñán soubo que Aller se dirixía á Coruña, mandou a un inspector cunha parella de policías. A primeiras horas da noite foi interceptado cando entraba na súa casa e levado ao Goberno Civil onde houbo unha tensa reunión de cinco persoas, eles dous e tres destacados dirixentes do Partido Liberal: Antonio del Moral, Romero Donallo e Manuel Viturro.
  Conta a lenda que a reunión durou catro horas e os berros oíronse a distancia. Houbo ameazas, coaccións, rogos, súplicas ... pero nada funcionou. Saturnino mantívose nos seus trece, sabedor de que anular unhas actas legalmente asinadas e falsificar outras sería un escándalo dunhas proporcións tan grandes que nin un réxime con tantas irregularidades se atrevería a iso.
  A incerteza mantívose un certo tempo pero ao final, o 2 de novembro, Saturnino Aller foi oficialmente deputado nas Cortes.

  Non foi, como podería parecer, un momento de gloria. A vinganza xa estaba en marcha. Pronto os seus partidarios foron apartados dos seus postos municipais e Saturnino tardou varios anos en lograr recompoñer o seu poder na comarca.

  De propina vai un resumo de feitos históricos nos cinco primeiros anos do século (1901, 1902, 1903, 1904 e 1905) e das páxinas do "Anuario Riera" dedicadas a Ordes no ano 1905.


sábado, 18 de febrero de 2017

A morte do crego Creo

  O concello de Tordoia, que xa vira o cruel asasinato de Joaquina Obelleiro a mans de Francisco Liste tres anos atrás, volveu vivir en 1905 unha situación familiar.
  O párroco de San Xián de Cabaleiros, don Andrés Creo Tobío, morreu o 24 de febreiro dunha indisposición repentina. O cadáver loxicamente recibiu sepultura e a historia podería ter rematado aquí.

  Con todo non foi así. Os veciños, escamados coa súa sorprendente morte, comezaron a sospeitar que fora envelenado. A razón? Parece ser que tiña outorgado testamento a favor da súa ama de goberno, unha anciá que levaba moitos anos ao seu servizo.
  O párroco decidiría revogar ese testamento e deixar as 90.000 pesetas en que se estimaba a súa fortuna aos seus parentes. A criada (e os seus familiares), vendo escapar un diñeiro que xa crían seu, mobilizáronse para evitalo.
  Don Andrés quería ir a Ordes para visitar ao notario, así que a familia da ama coaccionou aos veciños para que ninguén lle deixase unha cabalgadura. Contrariado, o párroco tivo que permanecer na súa casa de Cabaleiros. O caso é que aquela noite sufriu uns cólicos e achou a morte entre horribles dores.
  O primitivo testamento quedou pois en vigor por non telo podido cambiar.
  Cando os seus cinco parentes de Lousame e Santa Uxía de Ribeira (entre eles a súa irmá Ramona) chegaron, foron informados por algúns veciños do sospeitosa que fora a morte do párroco, así que decidiron dirixir unha instancia ao fiscal da Audiencia denunciando os feitos. Este dispuxo que o xuíz de Ordes procedese a instruír o sumario para pescudar se eran certas as sospeitas de envelenamento.
  O primeiro que fixo o xulgado foi acordar a exhumación do cadáver. Levou a cabo a autopsia o forense de Ordes, Antonio Concheiro Rodríguez, xunto cos de Trazo e Tordoia, auxiliados polo practicante de Cerceda, Antonio Canedo.
  As vísceras remitíronse ao Laboratorio químico de Madrid para a súa análise e os resultados tardaron bastante.

  Mentres tanto a investigación avanzou dunha forma sorprendente. O primeiro que chamou a atención foi que o cura... tiña un fermoso cabalo! Podía ir perfectamente a Ordes nel, é dicir, non necesitaba recorrer aos veciños para levalo. Tamén podía facer vir ao notario ao seu domicilio como xa fixera no caso do anterior testamento.
  Ese testamento foi a segunda sorpresa: outorgado un ano atrás, con ocasión dunha enfermidade que padeceu, non legaba nada á súa criada e si aos seus familiares. Iso si, a cantidade estaba lonxe daqueles 18.000 duros que se lle atribuían de fortuna, porque a parroquia era pobre e don Andrés, de carácter difícil, era moi afeccionado aos litixios onde se deixou bastante diñeiro.
  Obviamente cando chegaron os resultados de Madrid, xa a ninguén sorprendeu que non mostrasen signos de envelenamento. Todo fora, unha vez máis, un deses rumores, froito da imaxinación popular.
  Ás veces a crúa realidade estraga unha boa historia policial.

miércoles, 15 de febrero de 2017

A Festa da Árbore

  Aínda que hai antecedentes tan antigos como Mondoñedo (Lugo) en 1569 ou Villanueva de la Sierra (Cáceres) en 1805, a Festa da Árbore comezou a celebrarse dunha forma máis sistemática a finais do século XIX.
 No ano 1896 houbo unha gran Festa da Árbore nos arredores de Madrid na que participou o propio rei Alfonso XIII. Para a ocasión o letrista Carlos Fernández Shaw e o gran músico Ruperto Chapí compuxeron un "Himno al árbol" que durante anos sería cantado por miles de escolares ao longo de toda a xeografía española.

                   Cantemos al árbol que voy a plantar.
                   Si Dios lo protege del hombre y del viento,
                   ¡salud y riqueza dará!
                   ¡salud y riqueza dará!

                   Uno para el otro los dos creceremos;
                   él se irá elevando y yo iré creciendo.
                   Y si triste y solo llego yo a morir,
                   dejaré en el mundo un árbol siquiera
                   plantado por mí.



  Pero oficialmente a festa foi instaurada un 11 de marzo de 1904 a través dun Real Decreto. O seu 1º artigo dicía que ademais dos fins educadores, tamén se perseguía "...la siembra o plantación de árboles en un trozo de monte público o en un lugar adecuado de sus cercanías, la formación de alamedas o plantaciones lineales a lo largo de los caminos y los cursos de agua..."
  As autoridades, corporacións ou particulares que desexasen facela deberían organizarse en xuntas locais. Nas mesmas debían participar enxeñeiros de montes dos distritos forestais, o alcalde, o médico, o cura párroco, o mestre de escola de maior categoría e o primeiro contribuínte.
  Ademais establecéronse premios que debían cubrir os gastos orixinados na organización e os obsequios "...a los niños que más se hubieran distinguido por su amor al arbolado".

  A festa non tivo moito éxito en xeral, así que en 1915 Alfonso XIII firmou un novo decreto que facía obrigatoria a celebración a nivel municipal. A data era opcional. Aínda así non quedaba garantida (sabemos, por exemplo, que en Santiago celebrouse unha pequena festa ese ano e logo ningunha ata 1924 a pesar de estar anunciadas).
  Unha nova real orde en abril de 1924 onde se esixía un mínimo anual de 100 árbores case coincidiu coa ditadura de Primo de Rivera que foi o momento onde máis se potenciaron as conmemoraciones patrióticas, cívicas e relixiosas. Eses anos foron os seus momentos de esplendor.

  Había recomendacións moi interesantes:
1)… se constituirá una junta gestora para la fiesta, en la que tomarán parte todas las autoridades de la localidad, sin distinción de ideas políticas, sociales y religiosas…. 
2) El lugar de la celebración estará adornado para el día de la fiesta, con gallardetes, follaje, banderas, etc., para dar mayor animación y colorido al acto e impresionar la imaginación de los niños.
3) Deberán concurrir todos los niños y niñas de todas las escuelas de la localidad con sus respectivos estandartes y presididos por sus profesores.
4) Formarán la presidencia las autoridades locales y la junta de proyección de la Fiesta.
5) Habrá pocos discursos y estos serán breves.

  Como no resto de España, na comarca de Ordes houbo festas da árbore durante aqueles tempos. Probablemente a primeira foi a que se celebrou en Marzoa (Oroso) en 1916. Tamén houbo unha moi concorrida en Cabaleiros (Tordoia) en 1920. Na vila de Ordes temos constancia dunha no ano 1921, pero especialmente memorable foi a do ano 1924, sendo alcalde Julio Pol Caamaño.
  Pódese dicir que os plátanos que hai nos diversos parques e paseos da comarca (agás os da alameda de Ordes que son máis antigos) proceden daquelas festas dos anos 20 e 30.
  Sen embargo moitas árbores non sobrevivían porque despois das plantacións os campesiños quitábanas para que non desen sombra aos cultivos. Naqueles tempos de penuria todo terreo cultivable era pouco (a actual Galicia chea de bosques é unha cousa bastante moderna).
  
  Despois da guerra civil continuáronse a efectuar festas da árbore polo menos ata os anos 50 pero foron decaendo paulatinamente.

sábado, 11 de febrero de 2017

Manuel Boquete Regos

  Manuel Boquete, mellor coñecido como Boquete de Merelle, foi un auténtico personaxe. Non é que acadase grandes logros para o pobo pero a súa vida foi desde logo interesante.
  Naceu en 1896. Era un home alto para a época, bo mozo (aínda que tiña o nariz grande) e bastante culto a pesar de ser pobre. Usaba gorra de viseira e non boina, lía o xornal, o que era unha rareza naquela época, e tiña moita labia e sentido do humor.
  Boas cualidades ás que engadía outras menos boas: era fachendoso e un auténtico cara dura.
  Sempre foi bastante pobre pero tomábao con bo humor. Era caseiro dos Ríos (unha rica familia de Mesía, que tiña tamén propiedades en Merelle, emparentada por medio da súa filla Elvira Ríos Blanco cos Mosqueiras de Vilaverde). Tamén traballaba cun rico tratante de gando de Vilaverde, Manuel Candal Veiras (1888 - 1963), coñecido como o Gaiteiro que lle daba as vacas "á ganancia" (el mantiña as vacas do tratante e traballaba con elas porque non tiña posibles para telas propias). Pois ben, cando volvían da feira da Adina, o Gaiteiro viña a pé para aforrar e Boquete viña no autobús facendo bromas.
  Un dos seus chistes consistía en dicir:
- Á miña besta nunca lle falta millo.
  Efectivamente nunca lle faltaba, porque o colgaba dunha biga da corte e a pobre besta non podía chegar a el.
  Outra das súas anécdotas é que logrou enganar ... a un xitano!
  Naqueles tempos os xitanos acampaban en Merelle preto onde agora está a gasolineira. Un deles intercambioulle unha egua. Co trato xa feito díxolle:
- Buena suerte con ella. Está ciega y no ve de un ojo.
- Boa sorte ti tamén. A miña está cega dos dous.

  Pero o punto culminante foi cando se prometeu cunha moza de Reboredo, unha das Laghorcias. Chegou o día da voda e Boquete cambiou de opinión.
- Ui, esquecín o paraugas. Espera que vou buscalo.
  E claro ... non apareceu máis.

  Pero si apareceu por Reboredo porque casou con outra moza, Jesusa Vilariño Vázquez (m. 1966), coa que tivo 9 fillos: Manuel, José, Concepción, Pedro, Jesús, María, Antonio, Carmen e Arturo.
  A terceira, Concha, casou con Víctor González Faya, Víctor do Capitán. Curiosamente non era un pretendente do seu agrado como lle comentaba ao seu amigo Francisco de Mosqueira:
- Ai Francisco! Non sabes con que anda a miña filla Concha? Co tolo do Capitán!

  A segunda filla, María, casou con Manuel Regos Rodríguez. O fillo maior deste matrimonio é Manuel Regos Boquete, alcalde desde 2007 a 2015.
  Manuel Boquete morreu o 8 de xaneiro de 1969 aos 72 anos.

lunes, 6 de febrero de 2017

A familia Ferreiro (norte)

  Xunto cos Vieites a familia Ferreiro é unha das máis antigas da vila, de feito a casa de Antón Ferreiro Carballido está na Rúa da Igrexa, chamada así por estar a carón da antiga igrexa medieval que foi o xerme da vila.
  Do bisavó de Antón, Xan Ferreiro (1828-1885), descenden os Ferreiros do sur, pero os da zona norte da vila descenden de José Ferreiro (n.1830), outro dos 8 irmáns que chegou á idade adulta.
  Os Ferreiros do norte asentábanse no que entón eran as afóras da vila, desde un pouco máis abaixo da Rúa Casabella ata o que hoxe é DIA. Todas esa terras pertencéronlles aos distintos membros da familia, pero na actualidade só unha pequena parte segue en mans dos descendentes. Por outro lado a masiva emigración e a abundancia de mulleres ocasionou que apenas queden rastros do apelido.
  O matrimonio formado por José Mª Ferreiro Noya e Vicenta Franqueira Martínez no século XIX tivo polo menos 8 fillos: Carmen, Luis, Juan, Josefa, Dominga, Andrea, Jesusa e Juana Ferreiro Franqueira, dos que só tres (Luis, Juan e Josefa) quedaron no norte de Alfonso Senra.
  Carmen casou con Lorenzo Marzoa Pérez, Dominga con Juan Álvarez Boga e viviron en Oroso, Andrea casou con José Recouso (legoeiro nacido en Vilar) e marcharon para Laracha, Jesusa (avoa de Pepe de Julián) viviu na Coruña, e Juana emigrou ao Uruguay.

  Luis Ferreiro Franqueira (1866-1941) casado con Dolores Eirín Barros (1866-1911) era o propietario do que hoxe é Alfonso Senra 33 e 35. Tivo varias fillas pouco agraciadas e un único fillo varón, Antonio (m. 1944) que casou con Mª Caramelo Varela e foron pais de Dolores -famosa polo seu mal carácter-, Mª Carmen e José Antonio -o moi coñecido mestre Caramelo-.
  Rosario Ferreiro Eirín foi a filla que quedou na casa pero morreu moi nova. Do seu matrimonio cun mozo de Herves, Manuel Eirín, tivo tres fillos: Josefa, Pilar e Luis.
  Josefa Eirín Ferreiro (1926-2005), máis coñecida como Pepa de Luis, casou con Marcelino García Campelo (1918-1984). Os seus fillos, os García Eirín, son os actuais propietarios. Deles, o maior e máis coñecido é o fontaneiro Juan Manuel.
  Esta familia eran coñecidos como os de Luis.


  Juan Ferreiro Franqueira (1870-1940) casado con Manuela Recouso del Río (m.1941) de Vilar, vivía no que hoxe é Alfonso Senra 37 e 39. Tivo seis fillos: José, Carmen, Juan, Dolores, Manuel e Babila. Os cinco maiores emigraron a Arxentina, pero José e Carmen volveron. José Ferreiro Recouso marchou á Coruña onde foi conserxe do colexio Eusebio da Guarda e chegou a centenario. Carmen (1896-1986) casou con Ricardo Barreiro Recouso (dos Barreiros do Casal) co que tivo un fillo, Ricardo Barreiro Ferreiro (1925-1999), e unha nena que morreu moi nova. Separáronse en Arxentina e ela volveu para Ordes e viviu en Alfonso Senra 39. Finalmente, a menor, Babila (1912-1999), herdou a casa paterna e tivo un fillo de solteira, Juan Ferreiro, máis coñecido como Juan de Babila.
  Esta familia Ferreiro Recouso, que era alcumada os Faberos, non se debe confundir coa familia Ferreiro Recouso do Recreo, os Ramechos. Manuela Recouso na primeira  tiña orixe en Vilar, mentres Carmen Recouso na segunda procedía da parroquia de Parada.


 Josefa Ferreiro Franqueira (1871-1958) casou co zapateiro de Noia e logo rico comerciante Antonio Amado Amado (1869-1934) e tivo 8 fillos: Carmen, Esclavitud, Manuel, Dolores, Aurora, Mariano, Jesusa e Concepción. A segunda, Esclavitud Amado Ferreiro (1896-1986), era a propietaria da mercería que había en Alfonso Senra 47 fronte á Rúa de Galicia. Mariano (1909-1980), tiña un comercio un pouco máis arriba, pero rematou por marchar a Santiago e o terreo foi vendido a Iglesias, Casas e Benxamín. Mentres, Caxide comprou os terreos do lado norte (26-28) aos herdeiros do Latoneiro. Hoxe é o edificio que alberga o bazar chino, entre outras tendas. Aurora casou co oficial do concello Ramón Abeijón Sánchez. Ambos morreron moi novos e foron os pais do moi coñecido Ramón Abeijón Amado, Kilé (1927-2021).

sábado, 4 de febrero de 2017

O caso Lázare

  En 1962 tres homes, Frank Morris e os irmáns Anglin, fuxiron de Alcatraz. Aínda hoxe ignórase se afogaron ou lograron escapar e marchar a outro país. É un enigma coñecido por case todo o mundo.

  Para non ser menos, Galicia tamén tivo o seu enigma. A diferencia co anterior é que hoxe ninguén o coñece. O seu protagonista foi Gumersindo Lázare Galán (ou Lazaré, non está claro), un modélico empregado do banco "Crédito Gallego" da Coruña.
  Módelico ata que deixou de selo. Parece que por culpa da súa afección ao xogo contraeu moitas débedas e decidiu coller o diñeiro de onde máis a man o tiña: a súa propia empresa.  O 9 de novembro de 1904 Luis Arias, un dos empregados do banco, foi enviado a recoller 47.000 pesetas da época (sen furgón policial nin nada semellante!). Cando estaba na caixa do banco apareceu Gumersindo que, como empregado de maior antigüidade (12 anos na empresa), díxolle que as levaría el. Cando volvían comunicoulle que ía facer unhas xestións ... e xa nunca máis foi visto.
  O "Crédito Gallego" ofreceu unha recompensa de 2.000 pesetas e achegou esta descrición: 32 anos, estatura media, moreno, bigote pouco poboado, curto de vista, con estrabismo e lentes.

  Pero que ten que ver isto con Ordes?
  Como adoita suceder nestes casos, empezaron a chegar noticias de que fora visto en diferentes lugares, pero a que máis visos tiña de ser certa era que andaba pola comarca de Ordes fóra da vía principal, a pé, camiñando cara a Santiago. El (ou senón alguén que coincidía coa súa descrición) foi visto nun estado lamentable na parroquia de Galegos (Frades) onde comprou unha egua cun billete de 1.000 pesetas. O campesiño que lla vendeu non lle deu ningunha volta por medo a que o billete fose falso e quedar sen egua e sen diñeiro.
  Gumersindo Liñares mandou un telegrama desde Ordes que dicía: "Supónese existencia sujeto búscase en parroquia Barbeiros, Ayuntamiento Órdenes".
  O cabo-comandante da Benemérita en Ordes que organizou as batidas pola zona comunicou o 16 de novembro as dificultades que enfrontaba: Lázare deixou a súa montura e seguía a pé, pero os campesiños que os primeiros días colaboraran cos gardas de bo grado, agora, ao saber que era portador de 47.000 pesetas, comentaban para si que eran mellores que as 2.000 ofrecidas pola súa captura e querían continuar a procura pola súa conta. O cabo cría que Lázare estaba practicamente imposibilitado para andar e que o feito de non saber nada del en 36 horas era sinal de que fora ocultado polos paisanos ou morto para ser roubado, aínda que non descartaba de todo que puidese ter saído do cerco con axuda.
  Algún xornal publicou que o propio Lázare se entregara en Ordes, pero era falso. Outro publicou, días despois, que a familia estaba moi tranquila porque Lázare puxérase en contacto con eles comunicándolles que estaba san e salvo.
  Todo foron rumores pero a única verdade é que de Lázare nunca máis se soubo.

  Ah! un épilogo esperpéntico: a egua que comprou foi mandada á Coruña polo alcalde de Ordes, Antonio Rodríguez Riveiro. Nos cortellos municipais non a admitiron por non haber sitio. O campesiño que a trasladara levouna a unha corte privada en Santa Catalina e como o alcalde de Ordes non contestaba ao oficio, cambiou de lugar varias veces. A pobre egua foi outra víctima -un "dano colateral" diríase agora- do roubo do "Crédito Gallego".

  O enigma segue aí ... Que foi de Lázare? Escaparía e podería gozar da súa fortuna ou ... repousarán os seus ósos nalgún lugar da nosa comarca?
  Probablemente nunca o saberemos.  

miércoles, 1 de febrero de 2017

Ríos de Trazo

  O principal río de Trazo é, por suposto, o TAMBRE que discorre de leste a oeste e que de paso serve de fronteira meridional durante uns 20 quilómetros. Ao seu paso pola parroquia de Chaián hai paisaxes de gran beleza que se aproveitaron para facer unha área de descanso con famosa praia fluvial incluída.

  O Tambre ten varios afluentes que discorren de norte a sur polo territorio de Trazo. O máis importante é o LENGÜELLE. Os seus últimos 6 quilómetros sérvenlle de fronteira oriental co concello de Oroso.

  Dos demais afluentes, o máis importante cos seus pouco máis de 16 Km é o Chonia, que tamén é o máis occidental.
  O río CHONIA nace e rega a parroquia de Castenda (Tordoia), logo entra en Trazo e a uns 4 km do seu nacemento atópase co rego do Rial (2,7 km). Segue avanzando cara ao suroeste e únese co rego de Benza (8,2 Km), principal subafluente pola dereita, que rega as parroquias de Monzo, Restande e Benza. Finalmente ao longo de pouco máis de 3 Km discorre pola zona de Oa (parroquia de Xavestre) ata a súa desembocadura no Tambre. 
  Nesta zona hai un conxunto de muíños, batáns e "fábricas de luz", algún dos cales remóntase ao ano 1750. Hai catro muíños comunais: un en Tarrío (dun pé) e tres en Oa (que suman catro pés), todos eles para moer millo. Privados son os dous de Neiro de Oa (de tres e dous pés respectivamente), os catro de Pardal de Oa (un de tres pés), un deles para moer trigo ("albeiro") e os tres de Carballo de Tarrío (un " albeiro" e outro de millo). Hoxe en día só se mantén coidado o de Neiro de Oa mentres que os de Pardal de Oa se destrúen lentamente. Son interesantes tamén as antigas fábricas de luz, das cales algunha funcionou ata o ano 1970. Son un total de catorce muíños dos que tan só uns cantos presentan un bo estado de conservación, xa que, as riadas, os incendios, ou a falta de iniciativa, provocaron o declive de boa parte deles.
  Máis abaixo, as augas deste río desembocan no Tambre, formando unha especie de desfiladeiro e ofrecendo unhas fermosas vistas panorámicas grazas ás suas fortes pendentes cara o río como é o caso do Mirador do Río.

  O resto son afluentes de pequeno tamaño. Os tres máis longos son:
- Rego do Pazo (4 km) nado na parroquia de Xavestre.
- Rego Vilariño (4 km) que rega a zona central, as parroquias de Trazo e Vilouchada.
- Rego de Porto Ferreiro (7 km) que, co seu subafluente o Morlan, regan as parroquias de Campo e Morlán.