O triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 propiciou a
celebración do plebiscito sobre o Estatuto de Galicia.
As aspiracións autonomistas
(aínda que dun grupo bastante reducido de galegos) viñan de lonxe, pero
adquiriron novos bríos coa proclamación da 2ª República, pois a Constitución de 1931 definía a España como un "Estado integral" pero non unitario.
Non obstante a opinión maioritaria dos partidos republicanos (que aprenderan do exemplo de como o cantonalismo afectou á 1ª República) era pouco favorable ás autonomías rexionais. De
feito as condicións eran bastante severas e esixían 4 pasos:
- Elaboración e aprobación dun proxecto de texto estatutario polos
parlamentarios da rexión.
- Aprobación por parte da maioría cualificada de concellos.
- Aprobación por unha maioría de dous terzos do censo electoral (non
dos votantes).
- Aprobación polas Cortes nacionais.
Soamente Cataluña superou todos estes
trámites en tempo de paz. O País Vasco xa vería o seu Estatuto aprobado en plena
Guerra Civil.
A defensa das teses autonomistas en Galicia
recaeu en dous partidos:
A ORGA de Casares Quiroga, aínda que
este desde que logrou a súa praza de ministro no bienio azañista desentendeuse
bastante do asunto. De todos os xeitos a achega do republicanismo de esquerda
foi fundamental na organización do Comité
pro Autonomía e para levar a cabo os dous primeiros requisitos do proceso,
especialmente o da aprobación polos concellos, onde a ORGA gozaba de gran poder
ao controlar as deputacións da Coruña e Lugo e algúns dos concellos máis
importantes, comezando por Santiago onde tivo lugar a Asamblea de Municipios en 1932.
O Partido
Galeguista (PG), fundado en 1931 nun proceso de confluencia de moi diversas
organizacións de carácter galeguista e nacionalista. No momento da súa fundación,
o PG xa incorpora ás súas filas a dous deputados das Cortes republicanas como
eran Otero Pedrayo e Alfonso D. Castelao. Outros políticos como Villar Ponte ou
Suárez Picallo farano máis tarde. En tarefas de organización interna e no
deseño da estratexia estatutaria desempeñou un papel decisivo o ourensán
Alexandre Bóveda. As bases sociais do PG foron nos seus inicios a mesocracia
urbana e os profesionais cultos, pero a partir de 1933 o número de afiliados
aumentou, tendo presenza entre o campesiñado e clases baixas.
A elaboración do texto do Estatuto comezou na
primavera de 1931. En decembro de 1932 Santiago comandou o proceso de
organización da Asamblea de Municipios
que se celebrou nos locais da Universidade. O texto foi aprobado polo 77 % dos
concellos galegos que representaban a case o 85 % da poboación. Figuras
decisivas daquel proceso foron o alcalde compostelán Raimundo López Pol, o
concelleiro conservador Enrique Rajoy Leloup e Bibiano Osorio Tafall. Un apoio
externo fundamental foi o procedente das colectividades da emigración.
O paso seguinte era a celebración do
plebiscito, para o que se necesitaba autorización expresa do Goberno central. A
pesar de estar Casares Quiroga á fronte do Ministerio da Gobernación esta
autorización non chegou. Logo a vitoria de CEDA nas eleccións de 1933 postergouna indefinidamente.
Finalmente a vitoria da Fronte Popular fixo
posible a celebración do plebiscito. A campaña desenvolveuse durante a
primavera de 1936 e destacou pola orixinalidade e beleza dos seus carteis. Os
autores foron artistas consagrados como Castelao, Maside ou Camilo Díaz Baliño
e outros máis novos como Luis Seoane ou un aínda adolescente Isaac Díaz Pardo.
Non foron tan ben os mitins e actos de
campaña que se celebraron fronte á hostilidade da dereita e a indiferenza das
organizacións obreiras.
En Ordes o 19 de marzo tivo lugar no Cine Troche un
mitin onde interviñeron os avogados Manuel García Gerpe e Ramón Astray Mato como
representación local xunto ao xornalista Maximino Castiñeiras García "o
poeta da Maía" e ao avogado nacido en Ames Juan Jesús González.
Este último foi o fundador da Unión Socialista Gallega, unha escisión
do PSOE que defendía o socialismo marxista aplicado en Galicia (o que lle
custaría o fusilamento pouco tempo despois).
O público asistente (os
convencidos) vitoreou aos oradores e á República, pero o número non era alto.
O plebiscito celebrouse o 28 de xuño de 1936
e asombrosamente, a pesar de que os centros de votación estiveron case baleiros, o resultado oficial foi que votou o 74 % do censo (cun 99 % dos votos
afirmativos). Nin que dicir ten que houbo un masivo fraude electoral propiciado
polo dominio que os partidos da Fronte Popular tiñan dos resortes
institucionais. Só Avelino Pousa Antelo (a quen coñecín persoalmente) recoñeceu coa expresión "santo pucherazo" a realidade
(ata Castelao a negou). Curiosamente a partir dese momento houbo unha especie
de conxura de silencio e practicamente ningún historiador menciona o fraude ata
xa entrado o século XXI. Como exemplo véxase o artigo da Wikipedia.
Obviamente o estoupido da Guerra Civil significou o fin daquel proxecto. Habería que esperar ata a transición, despois da morte de Franco, para que Galicia volvera a ter outro Estatuto e gozar de autonomía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario