O Consello de Guerra da causa 53-52 seguida
contra o famoso guerrilleiro Benigno
Andrade Foucellas
tivo lugar o sábado 26 de xullo de 1952 no salón de actos do cuartel da
Agrupación de Sanidade Militar da Coruña. Foucellas, acusado de
"bandolerismo" e de diversos delitos de roubo e asasinato, era tan
coñecido que a sala estaba chea de público entre o que había algúns familiares,
incluída a súa filla maior María Josefa. A noticia saiu nos principais xornais
provinciais como La Noche, El Correo Gallego ou El
Pueblo Gallego, pero foi La Voz de Galicia quen lle dedicou
máis amplo espazo (unha páxina enteira).
Pouco despois das 10 da mañá quedou
constituído o tribunal, presidido polo coronel de Enxeñeiros Gaspar Herraiz
Llorens, sendo auditor o capitán Narciso Alonso Olmedo e fiscal o
tenente Balbino
Teijeiro Piñón. A difícil tarea de avogado defensor recaeu no
capitán de Artillería Benito Rivas Pichel.
Benigno Andrade, de 45 anos, delgado e de
baixa estatura, entrou na sala apoiado nunha muleta e nun bastón pois fora
ferido na perna dereita ao ser capturado e quedoulle 5 centímetros máis
curta. Vestía ese día traxe azul, camisa branca e zapatos escuros. A pesar da
coxeira e das súas negras perspectivas mostrouse tranquilo e animado.
Ás 10:10 comezou o xuizo, sendo o xuíz
instrutor do sumario o comandante de Artilleria José Santamaría Viso quen leu o longo
apuntamento sobre as actividades do acusado.
Xullo
de 1936: Foucellas fuxe ao monte temendo represalias polas súas simpatías
esquerdistas e polas súas accións na defensa da República durante o
Alzamento.
De
1936 a
1945: sobrevive cometendo numerosos atracos.
Marzo
de 1940: acompañado de Eduardo Sánchez Lata intenta roubar no muíño de Ramón
Sar. Este xunto a máis veciños capturan a Eduardo e fan fuxir a Foucellas.
Abril
de 1942: tres guerrilleiros rouban mil pesetas a Cesáreo García, veciño de
Boimorto. 15 días despois rouban outras 3 mil a Domingo Bergoña, veciño de
Frades.
|
Xuño
de 1944: Foucellas e outro guerrilleiro rouban 3.500 pesetas a José Lago e
Ángel Pérez que volvían da feira de Melide e matan a Ángel Sánchez Rodríguez,
conveciño destes.
Novembro
de 1944: Foucellas e outros dous guerrilleiros esixiron cartos a José García
Peteiro. Este pediu auxilio, momento en que o mataron e roubáronlle 1.150
pesetas.
Febreiro
de 1945: unha partida de guerrilleiros comandada por Foucellas mata ao cabo
Manuel López Bello en Curtis.
|
Marzo
de 1945: fírese coa súa propia arma e
ocúltase todo un ano, curándose en distintos lugares. Pasa 6 meses no
sanatorio San Nicolás da Coruña baixo o nome de Juan Fernández.
Xullo
de 1945: participa nunha refrega en Fervenzas coa Garda Civil onde morren
tres guerrilleiros e resulta ferido o brigada Alejandro Rodrigo.
Xaneiro
de 1946: nas Travesas (Carral) 9 guerrilleiros mandados por Foucellas entran
na casa de Ricardo Rivas, enfermo na cama, e rouban 20 mil pesetas e unha
escopeta.
Xuño
de 1946: a Garda Civil ten un encontro cos guerrilleiros resultando mortos
tres deles e ferido un brigada do corpo.
Neste
ano 1946, en data sen precisar, Foucellas e dous dos seus homes entregaron
armas a Manuel Bello Parga e outros guerrilleiros que estes empregaron para
matar ao xornalista coruñés Arcadio Vilela e tamén a Manuel Doval de Cambre.
|
Xaneiro
de 1947: participa na morte de Antonio Mosquera e Manuel Sánchez en Olas.
|
Xaneiro
de 1948: pasou a operar na provincia de Pontevedra.
|
Febreiro
de 1948: en Cercio (Lalín) entraron no establecemento de Jesús Cuñarro,
sacárono á eira e alí matárono, intentando matar tamén ao fillo. O mesmo día
roubaron 6 mil pesetas e unha carruaxe a Marcelino González despois de
esixirlle 55 mil.
Marzo
de 1948: durante un atraco a unha panadería en Taragoña (Rianxo) matan ao
oficial da Marina Mercante Ramón Mosquera.
|
Abril
de 1948: en Carracedo (Caldas de Reis) Foucellas e tres guerrilleiros
entraron no establecemento de Dolores de la Torre e roubaron 3 mil pesetas,
un anel de ouro... e dúas botellas de xerez.
Maio
de 1948: roubaron a Herminia Botana 500 pesetas, unha escopeta e outros
efectos.
|
Maio
de 1948: participou no tiroteo de Loureiro (Teo) onde morreron 4
guerrilleiros e o garda civil do posto de Ordes Manuel Gardón Castro.
Xaneiro
de 1949: en Soutelo dos Montes a partida de Foucellas mata ao mestre José
Couceiro. A muller deste, a mestra María Constenla, recrimínallo e tamén a
matan a ela.
Este
ano 1949 mata a Ángel Pazos, veciño da parroquia de Aranga.
|
Outubro
de 1949: rouba 5 mil pesetas ao médico de Curtis Emilio Martínez.
|
Marzo
de 1952: na refrega da súa detención morreron o seu compañeiro Manuel Vilar,
o garda civil Cesáreo Díaz Pérez e resultou ferido o garda Nicanor Álvarez.
|
Nas súas declaracións Foucellas exculpouse de
diversas formas. Negou os feitos que lle imputaban antes de 1945. Non recordaba
o atraco e morte de Ángel Sánchez. Na morte de García Peteiro negou que se
atopase alí e inculpou ao guerrilleiro Tino o
Asturiano, feito corroborado por outras testemuñas. Na morte do cabo
Manuel López Bello recoñeceu que participou pero o autor material foi o
guerrilleiro Freijo.
Punto e aparte foi a morte de Manuel Mosquera
e Manuel Sánchez pois a viúva de Mosquera fora testemuña do crime. Foucellas
non o negou pero alegou que se viu obrigado pola presión dos compañeiros e que
disparou despois de que o fixera Ferreirín.
No atraco de Taragoña onde morreu Ramón
Mosquera dixo que o que disparara fora o seu compañeiro Remuiñán. No tiroteo de
Loureiro onde morreu o garda civil Manuel Gardón Castro negou terlle disparado,
como declarou o cabo primeiro Antonio Peña, e dixo que Remuiñán e el escaparon
sen usar as súas armas. Na morte dos mestres José Couceiro e a súa muller
alegou que xa non era o xefe da partida. Da morte de Ángel Pazos da que
confesara a unha testemuña ser autor, dixo que foi para infundirlle medo e que
o verdadeiro autor fora Riobóo. Finalmente, na refrega da súa detención,
declarou non ter utilizado a súa arma.
O fiscal Teijeiro volveu mencionar a longa
lista de delitos deténdose nos maís rechamantes e pedindo en consecuencia non
unha senón dúas penas de morte. Ademais tamén solicitou 50 mil pesetas de
indemnización por cada unha das vítimas e outra de 44.150 pesetas polos roubos.
"Es
imprescindible que se ahogue el último aliento del bandolerismo. ¡Sed
inflexibles porque la ley os lo manda!" Dixo, dirixíndose ao tribunal.
O capitán Benito Pichel, avogado defensor,
alegou que desde 1940 houbo moitos roubos que lle foron atribuídos falsamente a
Foucellas por culpa de Manuel Ponte. Resaltou que nos atracos que participou
non resultou morta ningunha persoa e que, se ben algunhas veces participou nos
grupos que cometeron asasinatos el non interveu materialmente. Engadiu que
varias persoas salvaron a súa vida porque Foucellas, ao ter noticias de que ían
ser asasinados, corría ao seu domicilio para avisalos. Mesmo chegou a finxir un
falso aforcamento para evitar a morte de dous homes a mans dos guerrilleiros.
Rematou suplicando que ao amparo do párrafo
noveno do artigo 186 do Código de Xustiza Militar fosen rebaixadas as penas nun
grao.
Logo foi o turno do alegato final de Benigno
Andrade que declarou esperar unha sentenza verdadeiramente xusta, negando ter
cometido ningún crime.
A sentenza, como era de esperar, foi de
morte. Benigno Andrade sería executado 12 días despois mediante garrote vil no
cárcere da Coruña. Nos seus últimos momentos tivo a compañía da súa filla María
Josefa que lle ofreceu coñac pero Foucellas rexeitouno dicindo que quería
morrer tranquilo, polas ideas que defendeu, a democracia e a liberdade.
Os seus restos repousan nunha fosa común no
cemiterio de San Amaro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario