martes, 22 de septiembre de 2026

Furtivismo nos anos 60

  Nos anos 60 a pesca e a caza eran unha afección maioritaria entre os homes. Nas zonas rurais practicamente en todas as casas había canas, cestos, zurróns e escopetas. Na cidade había máis diversións e máis dificultade para saír ao campo pero aínda así moitos tiñan ao día a súa licenza e esperaban con paciencia que chegase a época legal para desfrutar as fins de semana do seu pasatempo favorito.
 
 
  Pero non todos respectaban as leis. Un problema, que xa era antigo, agudizouse nesa década: o furtivismo, que lonxe de ir desaparecendo ou limitándose, medrou de forma paralela ao progreso social.
  Dunha banda aumentaron os medios de transporte, a facilidade de traslado a lugares antes moi afastados e o perfeccionamento de armas e municións, mentres que doutra banda, as Forzas da Orde no medio rural contaban co mesmo número de axentes que 15 ou 20 anos atrás. Era raro ver un garda polas beiras de moitos ríos e nos bosques do interior. Así que o furtivismo estaba á orde do día.
  Non obstante había diferenzas entre pescadores e cazadores furtivos.
 
  En xeral os furtivos do río eran veciños do rural que vivían na pobreza e coas troitas conseguían un bo diñeiro, xa que eran un produto de alto valor que podían vender aos vilegos, ás tabernas ou ás casas de comidas. Naquela época non estaban mal vistos. Era algo comunmente aceptado.
  Os sistemas utilizados eran dous: a goxa e o gancho. Nos días calorosos cun caudal xa bastante baixo, entrada xa a veda, os «goxeiros» golpeaban a auga con paus dirixindo as troitas cara á goxa, unha cesta plana de varas. Os «ghancheiros» eran os que deixaban no río, cebados cunha miñoca, os chamados anzois «dormentes» (aínda que en realidade non eran dormentes porque un home ou varios en cuadrilla e cada hora aproximadamente pasaban polo lugar para recoller as troitas, se as había, e cebar de novo).
  Estes dous sistemas foron os principais causantes de que ríos da comarca, antano riquísimos, como o Samo ou o Traveso pasasen a ser chamados «ex-millonarios» nos anos 60.
  Outras modalidades como botar lixivia, algún tipo de veleno, explosivos ou unha descarga eléctrica serían usados posteriormente pero non eran frecuentes naquela época.
 
  A diferenza dos pescadores, os cazadores furtivos abarcaban todas as clases sociais. En moitos casos era a paixón desmedida pola caza e non o proveito económico o que levaba a moitos ao furtivismo. Por suposto que había campesiños pobres que cazaban lebres e perdices para poder comer un pouco de carne ou vender as pezas nalgún lugar, pero tamén había labradores ricos (persoas influentes, estimadas ou mesmo temidas) e tamén urbanitas de variada pelame.
  Moitos campesiños pobres eran «furoneiros». Empregaban este animal prohibido e cazaban sen facer ruído nin gastar cartos en cartuchos. Outros eran escopeteiros que se adiantaban á data permitida.
  Pero o progreso trouxo unha nova modalidade de furtivismo: o tractor.
  A finais dos anos 60 xa había máis de 5.000 tractores en Galicia. Con eles chegou a maior ameaza para lebres e coellos. Aínda que xa se cazaba de noite aproveitando a luz da lúa ou dalgún vehículo, os tractores permitiron saír da estrada e das pistas. Podían aproveitar as devasas (cortalumes), entrar en zonas de monte baixo e tamén en terreos cultivados, así atopaban animais, que cegados pola luz dos faros, morrían sen case presentar resistencia.
  En 1967 a novidade foi que os furtivos non esperaron a que se aproximase a época legal de caza senón que, en plena veda, desde o mes de xullo, empezaron as matanzas dos escopeteiros, furoneiros e por suposto tractoristas.
  Na comarca de Ordes, especialmente en parroquias como Lesta e Xesteda, en montes próximos á estrada de Carballo, cazouse desde o mes de xullo. Alén dos tractoristas que actuaban en solitario había furoneiros e abundaban os escopeteiros que se anticiparon moitos días á data legal. Moitos eran personaxes bastante distinguidos da comarca pero tamén algúns «señoritos» e industriais da capital. O caso é que aqueles montes quedaron sementados de gran cantidade de cartuchos baleiros antes do día 12 de outubro, data oficial de inicio da tempada de caza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario