domingo, 10 de abril de 2022

O ano 1941 en Ordes

  En Ordes era alcalde o militar retirado Arturo Pérez Loureiro, artífice do crecemento da vila. Despois de que o concello acadara ingresos por valor dunhas 132.000 pesetas e gastara 103.000 no ano 1940, atopouse cunhas 29.000 pesetas que decidiu dedicar a crear dúas novas rúas: a General Mola e Generalísimo (actuais Rúa de Galicia e Rúa Nova).
 
  Pero a mellor noticia foi a liberación de presos que durante a época da Guerra Civil foran condenados a cadea perpetua. Neste ano 1941, xa sen a presión bélica, o Réxime puido permitirse o luxo de ser máis brando e soltar a moitos esquerdistas que estaban no cárcere e aos que xa non consideraba perigosos. Foron liberados Jesús Calvo Martínez, Manuel del Río Botana*, Pedro del Río Caramelo, Salvador Grela Veiras, Tomás Iglesias, Manuel Regos Ríos e Juan Ríos García Rada do Casal.
 
* Manuel del Río Botana (1918-1945), Labrego e veciño de Ordes. Cando tiña só 18 anos foi xulgado en Compostela por traizón e condenado a 12 anos e un día. Liberado en 1941, pouco despois ingresou na guerrilla e en 1945 sería abatido pola Garda Civil.
 
  Claro que esa brandura era parcial. O mestre Carlos Fuentes Pérez de Mesía foi castigado a dous anos de desterro por "no inculcar el debido respeto a las instituciones básicas de la civilización" e Vicente Ramos Iglesias, un labrego tamén de Mesía que estivera fuxido e declarado en rebeldía, foi condenado a doce anos e un día.
 
Ademais de que Antonio Liñares Rama Antón do Túnel (1908-1975) comezou co seu negocio, outras noticias dese ano foron:
FEBREIRO: Vicente Suárez Ferreiro foi nomeado mestre interino de Ardemil 1. Manuel Sanjurjo Manteiga (54 anos), antigo presidente da asociación agraria de Vilamaior, pagou totalmente a multa recibida en 1939 e logrou o libre acceso aos seus bens. Morren Julio Pol Caamaño, un dos personaxes máis importantes da historia de Ordes, Manuela Gónzalez Faya, irmá do zapateiro e escritor Víctor, e en Ardemil Pedro Rosende Garaboa aos 77 anos.
MARZO: Homicidio en Cerceda: Antonio Muiño Fraga mata ao mozo José Regueiro. Morren Antonia Álvarez-Valdés del Río, unha das Valdesas, e en Leira o mozo Pedro Iglesias Brandariz aos 20 anos.
ABRIL: Ferido nas obras do ferrocarril o peón José Sánchez de 68 anos.
MAIO: Solicitado o premio de natalidade para José Martínez Cancelada e Luisa Viqueira de Mercurín (Ordes) con 14 fillos, unha deles Pilar do Sanatorio e outro morto na guerra. Pedida de man de Mª Luisa del Río da farmacia para o cabo da Garda Civil Valentín Beltrán Gudiel. Morreron Encarnación Sánchez Varela aos 36 anos e Antonio Moar Veiras (1864-1941) de Buscás, ex-alcalde e irmán maior do xa falecido avogado Domingo Antonio.
XUÑO: Nomeados notario Rafael Echevarría Tros de Yalarduya e mestre de Ardemil 1 Antonio Martínez González. Sira Rodríguez García, mestra de Ardemil, confirmada pola comisión de depuración. Proxecto para facer escola de Montaos. Morren Andrés Gómez Iglesias, irmán do garda civil José, e, no Mesón do Vento, María de la Fuente Eirín, irmá dos panadeiros Ché da Fonte Estrei e Rosario do Paraíso.
XULLO: Nomeado párroco de Leira (xa era ecónomo) don Ramón Pérez Rejoan. Morren Carmen Recouso del Río, muller do capataz de legoeiros Ricardo Fernández Varela das Casillas, e Ricardo Robado Mayoral, pai de Rodrigo Robado.
AGOSTO: A Banda de Santiago dirixida por Bernardo del Río veu ás festas de Ordes de venres a domingo. O día 2 morreu o médico Francisco Liñares Iglesias e o día 8 o panadeiro Luis Ferreiro Franqueira dos Ferreiros do norte.
OUTUBRO: Ingresada Elvira Castro de 15 anos no hospital por cortar a perna cunha fouce. Restriccións de enerxía pola "pertinaz sequía". Electricidade só de 8 a 12 para as industrias e revisión do gasto dos particulares. En Parada ardeu nun incendio a casa do legoeiro José Noya Boquete Cachorro. O valor dos danos estimouse en 40.000 pesetas. Morreu Josefina Nine Puertas con 19 anos e en Leira Carmen Pulleiro Sueiro aos 53 anos.
NOVEMBRO: O tendido da vía rebasou xa a estación de Parada (vindo de Santiago) e a xente de Ordes, seguindo ás autoridades foi á estación o día 3 para presenciar a chegada do primeiro convoi entre bombas de palenque e aplausos. Morreu o día 24 en Vilamaior Ramón Moscoso Rapela, soterrado ao pé da igrexa e con placa na fachada desta.
DECEMBRO: Morreu en Leira Francisco Pacheco Pedre (marido de Ángela Bascoy) aos 72 anos.
 
E coma sempre longa relación de multas, cada vez máis altas (especialmente no mes de outubro) pola grave carestía que se vivía ese ano:
 
XANEIRO: 500 pesetas a Antonio Rivas Couto Casabella (reincidencia en ter aberto o establecemento a deshoras). 250 a Emilio Sánchez Álvarez (facerse pasar por axente da autoridade). 150 a Antonio Bello Pérez (escándalo, blasfemia e alcolismo). 50 pesetas a Germán López Vázquez da Tarula, Joaquín e Manuel González Corbelle (fillos de Parente), Pedro Fraga Bello, Francisco García Varela, Manuel Villaverde Martínez, Antonio Segade Mareque, Manuel Rodríguez Gómez, Luis Fernández Castro, Cándido Seoane Eiras e Jesús Ríos Vieites (tocar as campás da igrexa o día de fin de ano producindo o conseguinte escándalo). 25 pesetas a Vicente Corral e María Ureña de Vila (ter aberto o establecemento a deshoras).
FEBREIRO: 500 a Manuel Mosquera Liñares (ter xente a deshoras no establecemento).
ABRIL: 50 pesetas a Andrés Veiras Cancelada (blasfemia). 50 ao pai de José Liste Pena (escándalo producido polo menor). 50 a José Vigo Noya e María Mareque Iglesias (tráfico ilícito).
MAIO: 500 pesetas a José Garabato Castro (irregularidades na venda de tabaco). 500 a Rogelio Prado Carnota (levar exceso de viaxeiros no autobús). 100 a Manuel Vieites Vigo (Infracción nas disposicións de abastos).
XUÑO: 1.000 pesetas a Ricardo Viqueira Gestal de Ardemil (transporte clandestino de trigo e compra-venda a prezo superior ao da taxa).
XULLO: 150 pesetas a Ramón Prado Carnota (ter aberto o establecemento a deshoras). 50 a Alfredo del Río Presedo (blasfemia e escándalo). 25 a Luis Fernández Castro, Jesús Valiño García, Ramón Regos del Río, Adolfo Vieites Fondo?, Pedro Bermúdez Pena (estar na taberna a deshora). 25 a Francisco Bello e Ramón López Calvo (negarse a pagar a ficha azul). 25 a Juan Martínez Dorado (embriaguez e escándalo).
AGOSTO: 100 pesetas a Antonia Viqueira Martínez (infracción nas disposicións de abastos). 75 pesetas a José Iglesias Barbeito, 50 a Ricardo Martínez Barros Nogallás, José Mirás Gómez e Vicente Corral Rey Culero, 25 a Ramón Ríos Vázquez, Carmen Mariño Martínez, Francisco López Cea o Albardeiro, Gabriel Amor Candal o Churrero, Manuel Silveira Sánchez e Francisco Vilar Nouche o Chocolateiro (non pedir o emblema de "Auxilio Social" aos seus clientes). 50 a Dolores Suárez González, Antonia Crespo Porriño e Avelino López Grobas (infraccións nas disposicións de abastos). 50 pesetas a Ramón Prado Carnota e Luis Faya Vilariño e 25 a Ramón Ferreiro (por producir danos os seus fillos nunha porta "a fin de que los eduquen y corrijan").
SETEMBRO: 3.000 pesetas a José Ferreiro Rama o Ramecho (vender millo a prezo superior ao da taxa). 50 a Encarnación Carnota Míguez (infraccións nas disposicións de abastos).
OUTUBRO: 15.000 pesetas a Benito Veiras Suárez de Poulo, 13.000 a Pedro Pampín del Río de Parada e 12.000 a Gregorio del Río Veiras (venda clandestina de fabas a prezo superior). 3.000 a Pedro Areoso Pena, Manuela García del Río, José García Areoso e Antonio del Río Regos, 2.000 a Manuela Bermúdez Becerra e 1.500 a Manuela García Vilar (ocultación de millo). 50 a Antonio Raña Remuiñán (celebrar un baile sen autorización). 50 a Germán López Vázquez*, Ángel Faya Mariño, Amador Sánchez Corbelle, José Viqueira Vázquez e Jesús Vázquez Mandayo (escándalo). 50 a Avelino López Grobas (infracción nas disposicións de abastos).
NOVEMBRO: 5.000 pesetas a Manuel Viqueira Conde (transporte e tenencia ilegal de trigo e centeo). 100 a José Bao Bello, 75 a Alfredo Seijas Gómez, José Vigo Noya*, María Bouzas Bao, José Barreiro Moar e María Manteiga Bascoy de Frades (infraccións nas disposicións de abastos). 50 a Ramona Pardiñas N (protestarlle á Garda Civil).
DECEMBRO: 250 pesetas a Antonio Blanco Blanco (xogar a xogos prohibidos no bar). 75 a José Regos Regos (escándalo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario