En 1941 tiveron lugar dous
feitos cruciais que supuxeron un punto
de inflexión na 2ª GM: o ataque de
Alemaña á URSS e o de Xapón a EEUU, dúas grandes potencias militares que
acabarían desequilibrando a balanza contra os intereses do Eixo.
No principio do ano Alemaña enviou o Afrika Korps ao norte de África para reforzar aos seus aliados italianos que tiñan
sido derrotados inesperadamente. En
abril Alemaña, Italia, Hungría e Bulgaria invadiron e desmembraron Iugoslavia. Inmediatamente
Croacia, (co seu odio ancestral aos serbios) uniuse ao Eixo. Alemaña e Bulgaria tamén entraron en Grecia para
axudar aos italianos.
Peor lles foron as cousas na Batalla do Atlántico, onde os alemáns
perderon 56 submarinos entre abril e maio. Ese último mes foi afundido o acoirazado
Bismarck, orgullo da mariña alemá,
non sen que este afundira antes ao HMSHood.
En xuño os membros do Eixo, agás Bulgaria,
invadiron a URSS. Tamén se lles uniu
Finlandia buscando recuperar o territorio perdido na Guerra de Inverno. Pronto
cercaron Leningrado no norte, tomaron Kiev no sur e avanzaron cara a Moscova.
En decembro chegou a contraofensiva rusa que empuxou aos alemáns fóra de
Moscova en caótica retirada.
No Pacífico, o 7 de decembro, Xapón bombardeou Pearl Harbor, o que supuxo a implicación
na contenda dos EEUU. Xapón invadiría ademais Filipinas, a Indochina francesa
(Vietnam, Laos, Cambodia) e a colonia británica de Singapura.
Aínda así temos que agradecerlle a 1941 (e a
Orson Welles) a película Citizen Kane,
considerada unha das mellores da historia do cine. E como anécdota tamén foi o
ano do sorprendente salto en paracaídas de Rudolf Hess e do primeiro anuncio televisivo (o 1 de xullo) na cadea neoiorquina
WNBT, protagonizado pola marca de reloxos "Bulova", que pagou 9
dólares por 10 segundos de emisión.
En
España a situación non era mala, era horrible, e 1941 foi un novo Ano da Fame. As pésimas colleitas do ano
1940 fixeron que se rexistraran 1.093
mortos directamente por inanición e miles de mortes engadidas provocadas por enfermidades
derivadas desa falta de alimentos. De feito, con arredor de 480.000 defuncións totais, 1941 foi o 3º ano máis letal do século XX,
superando a tres anos en que houbo guerra e só por baixo de 1938 (1.111 mortos por inanición, a
maioría en zona republicana) e do pavoroso 1918,
o ano da gripe.
E, como diría Murphy, se algo pode ir mal irá
peor. Ademais dos estragos da guerra, o clima non axudou para nada cun inverno
terrible. O 14 de febreiro o norte de España sufriu o temporal máis importante
de todo o século XX. A provincia de Pontevedra, a zona cero, perdeu 150.000
árbores e viu destruídas as espadanas de máis de 300 igrexas, pero aínda
padeceu unha destrución maior a cidade de Santander, consumida por un pavoroso incendio.
Os agricultores tampouco tiñan acceso a abonos
ou insecticidas, así que a produción resentíase. En agosto, mediante un
decreto, o SNT (Servicio Nacional del Trigo) foi o único comprador autorizado de
cereais, leguminosas de gran seco e todos estes subprodutos: trigo, avea,
cebada, centeo, escaña, millo,
alpista, millo miúdo, panizo, sorgo, algarrobas, almortas, chícharos de raposo (altramuces),
garavanzos, chícharos, fabas, xudías, lentellas, ervellacas (vezas), yeros e salvados. O prezo base para compras de trigo era irrisorio:
84 pesetas por cada quintal métrico
de boa calidade. Tamén se bonificou con 5 pesetas por quintal o trigo das
provincias andaluzas (menos Almería) e de Badaxoz e con 10 as do resto de
España e as de determinadas zonas das primeiras que foran prexudicadas polas
inundacións do inverno. Os produtores debían efectuar declaracións xuradas
referendadas polos secretarios dos concellos e os produtos intervidos non
podían viaxar sen a súa correspondente documentación.
Como sería a situación que en setembro
xa non había chicoria suficiente para substituír o café e houbo que recorrer a
sementes ou ósos de dátil torrados con azucre e a vecilla silvestre torrada, soa
ou mesturada con landras torradas.
A finais do ano a produción recuperouse un
pouco, subindo arredor dun 30 % sobre o penoso ano anterior. Dos 2,16 millóns
de toneladas de trigo producidas en 1940 pasouse a 2,8. Tamén se produciron 1,7 millóns de Tm de cebada, 570.000 Tm de
avea e 400.000 de centeo. De todas formas, iso non era suficiente e negociouse
coa Arxentina para comprar máis cereais.
No plano político
o ano comezou coa estrea da película Raza, unha descarada propaganda
escrita polo mesmo Franco e dirixida por José Luis Sáenz de Heredia. Ese mesmo mes de xaneiro tamén saiu o primeiro caderno de Roberto Alcázar, o cómic español máis lonxevo. Alfonso
XIII cedeu os dereitos ao trono ao seu fillo don Juan de Borbón, avó do actual
rei, que sería a partir dese momento o que tería que tratar con Franco (ardua
tarefa), quen por esas datas estaba en Bordighera entrevistándose con Benito
Mussolini.
Pero o máis
destacable do ano foi a chamada Crise de maio, unha reacción das outras
familias contra o crecente poder dos falanxistas. Aínda que aparentemente estes
saíron gañando e acadaron varios ministerios no goberno, en realidade supuxo o
principio do fin do Cuñadísimo Serrano Suñer que caería ao
ano seguinte.
Máis
anecdoticamente, a pesar das penurias da época naceu a RENFE en febreiro,
celebrouse o 1º Salón da Moda Española en Barcelona en marzo, inaugurouse o
hipódromo da Zarzuela en maio e a primeira feira de mostras en Bilbao en
agosto. Tamén foi o ano en que apareceu a mítica canción "Tatuaje", cantada por Concha Piquer.
Ese verán comezou a emitir para España desde Moscova a emisora
comunista La Pirenaica, que
foi un consolo para os opositores ao réxime aínda que as súas predicións non se
cumpriron nunca.
Continúa en O ano 1941 en Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario