martes, 14 de julio de 2020

O ano 2001

  O ano 2001 non se pareceu en nada a aquel que pintaba a famosa película de Stanley kubrick, baseada nun conto de Arthur C. Clarke. Non houbo monolitos nin viaxes espaciais pero si houbo avións chocando contra edificios.


  O 11 de setembro foi un día para a historia. Algúns sosteñen que aí comezou realmente este século XXI cheo de ameazas. Nunca antes os cidadáns dos USA foran atacados no seu propio territorio, nunca antes se sentiran vulnerables. As guerras que libraran transcorrían a moitas millas do seu sacrosanto fogar, pero ese día todo cambiou.
  Ás nove menos cuarto da mañá, cando a cidade de New York aínda non levaba moito tempo traballando, un avión comercial de American Airlines estrelouse contra unha das entón famosísimas Torres Xemelgas.
  En Galicia eran as tres menos cuarto da tarde dun fermoso día de verán. A xente que ía traballar pola tarde ou a tomar o sol na praia puido ver por televisión o ataque dun Boeing 757 á segunda torre, apenas 15 minutos despois.
  A estes ataques continuaron outros contra o Pentágono, a Casa Branca, o Departamento de Estado... en fin, todos os símbolos máis prezados do país.
  O mundo enteiro quedou conmocionado. A maioría dos países expresáronlle as súas condolencias ao xigante ferido e correron a poñerse ao seu lado na vinganza inevitable.
  Poucos días despois todo apuntaba a que o responsable era un rico árabe, antigo aliado dos USA, Osama Bin Laden, que se converteu no home máis buscado do mundo.

  O ano tamén foi nefasto para Arxentina da que se fugaron en 11 meses 18.000 millóns de dólares. O 2 de decembro o presidente Fernando de la Rúa implantou as restriccións monetarias (o famoso "corralito"). Pouco despois fuxiu en helicóptero e o país tivo catro presidentes en 10 días!

  O noso país, en cambio, vivía a 2ª lexislatura do goberno de Aznar. Eran os tempos de "España va bien", porque efectivamente a economía ía coma un tiro. O ladrillo colonizaba cada metro cadrado libre de terreo e 50 millóns de turistas visitaban as nosas praias.
  A xente, que asistira embobada o ano anterior ao boom de "Gran hermano", comezou a ver os luns deste 2001 un programiña no que pouca xente confiaba. Debía competir co xigante mediático, Javier Sardà, que remataba de devorar sen piedade ao millonario fichaxe de Antena 3 Máximo Pradera. O programiña, chamado "Operación Triunfo" foi aos poucos levantando cabeza, desbancou aos "marcianos", desbancou ao fútbol e chegou... marabilla de marabillas! a ser o programa máis visto desde que naceran as privadas.

  Galicia vivía a era Fraga (a 3ª lexislatura) e Ordes o  Martinismo. Non é que non houbese oposición, que a había, pero o bo momento económico ocultaba todos os problemas e as maiorías absolutas caían unha detrás doutra. Así, nas eleccións autonómicas daquel ano, o PP sacou en Ordes 3.389 votos por 1.473 do BNG e 1.133 do PSOE.
  Se a economía ía ben, o que castigaba era o clima. O inverno do ano 2000-2001 choveu tanto que algúns ata falaban dun 2º diluvio.
  En Ordes as principais polémicas viñan da desmesura que empezaba a tomar a movida e das dificultades de aparcamento.
  Ao longo do ano cambiouse a dirección dalgunhas rúas, fóronse eliminando estacionamentos nunha beira das rúas dos Lagartos e o Mercado e en verán comezou a zona azul na zona da Alameda ata o Sanatorio. Tamén comezou o emprego de soares baleiros para o aparcamento. A medida que máis sorprendeu e cambiou o aspecto da vila comezou o 19 de xullo e foi a prohibición de aparcar na marxe oeste da Rúa Alfonso Senra. Por suposto, isto non foi do agrado de moitos veciños, pero o tempo deulle a razón aos cambios.
  En novembro a atención popular estivo no xuizo na Audiencia da Coruña contra Manuel Antonio Prado, o mozo que matara a un taxista e logo se fora de copas. Finalmente foi declarado culpable, pero non pasaría moito tempo no cárcere e, en 2008, volvería a cometer outro crime en Betanzos. 
 
  2001 foi un ano de cine espectacular. Apareceron os blockbusters "The Lord of the Rings" e "Harry Potter". No campo da animación vimos "Shrek", "Monsters, Inc." e a experimental "A viaxe de Chihiro". Reese Whitherspoon foi "Legally Blonde" e Amenabar dirixiu "Los otros" con Nicole Kidman.
  No campo da música foi a explosión internacional de Shakira con "Whenever, Wherever", mentres en España non paramos de escoitar a Sonia e Selena co seu pegañento "Yo quiero bailar" e a Coyote Dax coa viral coreografía de "No rompas más". 

2 comentarios: