Se no conxunto de España 1946 foi o ano en que a resistencia
antifranquista estivo máis activa, na comarca de Ordes o máis mortífero foi 1947. Só no primeiro trimestre ata
catro homes caeron baixo as balas dos guerrilleiros.
E, como un macabro agasallo, o
derramamiento de sangue comezou o Día de Reis.
Ese 6 de xaneiro un grupo de
guerrilleiros formado por José Blanco Núñez Ferreirín,
José Remuiñán Barreiro Simeón e Manuel Díaz Pan Rogelio, que estaba comandado polo propio
Benigno Andrade Foucellas, matou a dous
veciños de Olas (Mesía).
Antonio Mosquera Aller, nacido
na parroquia de Castro en 1899, pero residente na Queiroa, Olas, casado con Manuela Candal Mosquera e pai de tres fillos, era
delegado sindical da Falange e tamén
delegado da Obra Sindical, pero non era un dereitista radical. De feito tiña
unha boa relación cos guerrilleiros da zona que a miúdo recorrían a el para que
os axudase ou lles prestase diñeiro. Manuel
Sánchez Quindimil,
nacido en Olas en 1884, casado e con 7 fillos, era simplemente un veciño que
estaba nese momento na casa de Antonio.
Por que ese encontro
rematou cos dous mortos e Manuela Candal ferida de gravidade? No seu consello de Guerra Benigno Andrade declararía que fora unha orde directa de Manuel Ponte e que el acatouna temendo pola súa vida a pesar de que Mosquera era amigo da súa familia, pero desculpándose en que Ferreirín foi o primeiro que disparou. Aínda engade máis dramatismo que a execución foi en presenza de Ana Dolores, filla de Mosquera.
O suceso causou conmoción e contribuíu a enturbar a
imaxe dos Foucellas na zona.
O mes seguinte, o 11 de febreiro, a guerrilla atacou no
corazón da comarca, a propia vila de Ordes. O obxectivo, foi o zapateiro José Liñares
Rama Pepe de Ramas, un home de 40 anos, casado con Carmen González Faya (irmá do
zapateiro Víctor), que vivía na entón chamada rúa Calvo Sotelo (Os Lagartos). Este
caso viuse máis lóxico que o anterior, pois Liñares estivera vinculado á
represión despois do Alzamento. Os autores do atentado foron membros do
Destacamento Dourado Xaneiro, entre eles posiblemente Samuel Mayo Méndez,
Antonio Nouche Costa o Soldado de Deixebre,
e José Blanco Núñez Ferreirín. Despois de disparar á parella, que estaba ceando en compañía de Enrique Nouche Patiño (1915-1981), escaparon polas leiras. Ao parecer agocháronse
esa noite entre as táboas do serradoiro que a familia Vieites tiña na rúa Directorio,
hoxe Rosalía de Castro, non moi lonxe da casa de Liñares. O suceso foi tan
comentado, que ata apareceu na prensa, cousa moi pouco habitual, aínda que por
suposto non se mencionaba a intencionalidade política.
La Voz de Galicia 16-02-1947
UN ZAPATERO
ASESINADO EN ÓRDENES
En
la noche del pasado día 11 fue asesinado en Órdenes el zapatero D. José
Liñares Rama, que vivía en una casa algo aislada de aquella localidad. A las
nueve de la noche, aproximadamente, penetró en su domicilio un sujeto armado,
en el momento en que la víctima, acompañado de su esposa y un amigo, se
disponía a cenar. El desconocido, sin mediar palabra, disparó sobre José
Liñares varios tiros de arma corta. La esposa del agredido intentó echarse
sobre el asesino para evitar su acción y entonces este disparó sobre ella,
hiriéndola en el cuello. Seguidamente el forajido se dio a la fuga. El señor
Liñares falleció a causa de las heridas recibidas.
|
O 28 de marzo caeu o tamén zapateiro de
Visantoña Evaristo
Vidal del Río, nacido no Balado en Ordes 30 anos atrás. Estaba
casado con Consuelo Manteiga e tiña un fillo
de 3 anos de idade. Evaristo tivera algún enfrontamento con seguidores da
Fronte Popular, o que lle valeu para ser obxectivo dos guerrilleiros.
Este terrible trimestre foi o apoxeo da
guerrilla. A reacción da Garda Civil chegaría en abril e tamén sería sanguenta.
Manuel Ponte vería o fin dos seus días na súa aldea natal e a guerrilla na comarca, aínda que seguiría actuando
ocasionalmente, iniciaba o seu ocaso definitivo.
FONTE PRINCIPAL: "A Guerra
silenciada" de Manuel Pazos Gómez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario