sábado, 1 de abril de 2017

Bruma (Mesía)

  Bruma é unha moi pequena parroquia (111 hectáreas, pouco máis de 1 km2) que pertence ao concello de Mesía, do que está separada por territorio de Carral e Abegondo. É un lugar alto (entre 390 e 420 m sobre o nivel do mar) e que xustifica o seu nome cun clima húmido e habitualmente desapacible. O rego dos Outeiros, que máis ao sur é chamado río Traveso, serve de fronteira coa parroquia de Vizoño.


   Conta cun único núcleo de poboación: Hospital de Bruma, que está a pouco máis de 1.200 m a voo de paxaro do Mesón do Vento e que debe o seu nome ao antigo hospital de peregrinos aquí construído, o único documentado nas terras interiores do Camiño Inglés tras os existentes en varias localidades costeiras. Este emprazamento debeuse a que na Idade Media Bruma xa era o principal punto de encontro das dúas ramas do Camiño Inglés (procedentes da Coruña e de Betanzos), aínda que algúns peregrinos tamén confluían nas parroquias de Ardemil e Buscás (Ordes), ou no lugar das Travesas (Carral) onde se atopan a capela e o cruceiro de San Roque.

     En 1124 menciónase a existencia de covas de ladróns por estas paraxes. Dedicábanse a asaltar peregrinos e viaxeiros. Co obxectivo de atallar esta situación xurdiu o hospital, impulsado pola Igrexa compostelá e a nobreza local, que fundaron tamén os templos de Santa María de Braña Longa e San Nicolao, patrón dos camiñantes. Na zona asentouse unha comunidade de cóengos regulares de San Agustín.

  Está confirmada unha mención de 1175 deste hospital cando xa dependía da Igrexa compostelá. Era lugar habitual de parada para facer noite porque desde aquí podíase chegar a Santiago ao día seguinte. Actualmente non se conserva ningún vestixio del.  Acostuma considerarse como pertencente a este recinto hospitalario a actual igrexa de San Lourenzo, á saída da aldea polo Camiño.
  Crese que nel fixo noite o emperador Carlos I o 13 de abril de 1520, en viaxe de Santiago á Coruña para embarcar a Alemaña onde sería coroado emperador.

 Tamén é citado o lugar como "Hospital de Bruño" polo erudito Frei Martín Sarmiento na súa viaxe por Galicia de 1745.
  O "Diccionario de Madoz" de 1846 di que Bruma tiña 15 casas cuns 65 habitantes. Hoxe segue habendo máis ou menos as mesmas 15 casas pero os habitantes non chegan a 40.


  O monumento máis destacado é a pequena igrexa de San Lourenzo na que resaltan as súas escuras pedras. Como é habitual o cemiterio parroquial está ao lado. O que non hai é o acostumado cruceiro porque foi derrubado a finais dos anos 60 e nunca foi reposto.
 Hospital de Bruma dispón desde 1999 dun albergue público para peregrinos en recordo do histórico establecemento doutros tempos. Desde 2016 os peregrinos tamén poden comer en "Casa Graña" moi preto da igrexa. En abril de 2021 abriu o "Albergue San Lorenzo de Bruma" de propiedade privada.

 
  Camiñando apenas uns 300 metros pola estrada cara ao sur xa estamos na aldea do Seixo, en terras de Ardemil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario