En 1953 continuaba a Guerra Fría pero
houbo unha boa nova, o remate da estancada guerra de Corea, saldada cun empate técnico e con entre 4 e 6 millóns de mortos
civís e militares. Axudou a toma de posesión en xaneiro do novo presidente
estadounidense Dwight D. Eisenhower e
a morte de Stalin en marzo. O 27 de
xullo de 1953 asinouse o armisticio en Panmunjom, que estableceu unha zona
desmilitarizada (DMZ) arredor do paralelo 38 que serviría de colchón diante de
posibles novos enfrontamentos. Nunca se firmaría un tratado de paz propiamente
dito.
Continuaron as
probas nucleares e ese ano sería a URSS, agora comandada por Nikita Jruschov, quen detonaría por 1ª
vez unha bomba de hidróxeno. En Iugoslavia comezaba en xaneiro o longo mandato
de Josip Broz Tito e en Venezuela en
abril chegaba á presidencia o xeneral Marcos Pérez Jiménez. O ano acabaria coa dimisión de Ben-Gurión en Israel e
a independencia de Cambodia de Francia.
Boas novas foron o descubrimento en febreiro da
estrutura helicoidal da molécula de ADN por Francis Crick e James Watson, as
primeiras películas en 3-D, a saída ao mercado do primeiro televisor en color
pola empresa RCA e o primeiro transplante de ril dun doante vivo en Francia.
Tamén en 1953 Hillary e Tenzing Norgay conquistaron o Everest.
No eido da cultura estreouse en maio en Paris En attendant Godot, Lucille Ball e Desi Arnaz asinaron un contrato
de... 8 millóns de dólares! para continuar coa súa serie de TV I love Lucy e, aínda que xa comezara a destacar algo en 1952, neste ano estreou 3 películas e iniciouse o bum da maior sex-symbol da historia, Marilyn Monroe.
España
comezou o ano de bo humor porque o 1 de xaneiro rematou o racionamento de tabaco. Pero máis importante é que 1953 foi o ano do recoñecemento internacional do Réxime. En agosto asinouse o Concordato coa Santa Sede no que a
Igrexa católica confirmou varios privilexios xurídicos, políticos e fiscais, e
en setembro tiveron lugar os Pactos de
Madrid polos que os estadounidenses estableceron varias bases militares en
España.
Economicamente
o país avanzaba con lentitude, pero melloraba, por exemplo entrou en
funcionamento a fábrica de Renault en Valladolid que produciu ese ano unhas 700
unidades, mentres que a SEAT sacou unhas 1300 ao mercado.
Importante foi
a reforma do bacharelato que separaría ciencias e letras. Ese ano apareceron obras como "Requiem por un campesino español" -en México- ou "Tres sombreros de copa" de
Miguel Mihura. Apareceu tamén unha película capital do cine español, Bienvenido
Mister Marshall coa súa canción "Americanos". Pero as obras verdadeiramente masivas eran
as radionovelas, e ese ano naceron tres das máis populares: "Diego Valor", "Lo que no muere" e "La sangre es roja".
Nunha Galicia onde
rematara a guerrilla os tempos seguían sendo duros e aquel ano emigraron 23.500
persoas. Foi nomeado Capitán Xeneral da VIII Rexión Militar o marroquí Ben Mizzian Bel-Kasem, mentres en Arxentina creáronse as Mocedades Galeguistas.
E que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Morreu en
Buscás Jesús Garabato Mira aos 88 anos.
FEBREIRO: O venres 13 encontro
en Ordes do cardeal Quiroga Palacios co gobernador civil Pardo de Santayana. Morreu
en Buscás Josefa Ruibal Vilela aos 91 anos (era irmá do construtor Manuel Ruibal, viúva de Jesús Garabato e nai de Tomasa, Francisca, Manuel, José e Francisco Garabato). En Ordes
faleceu José García Fernández, pai da panadeira Fleira,
aos 76 anos. En Parada morreu José Ríos Rodríguez, marido de Carmen Raña e pai de Paulos de Cestaños, aos 63 anos.
MARZO: Xuízo contra o mozo de Trazo Antonio Pose Noya por disparar contra a súa moza. Santa Misión en Ordes con
visita o sábado 12 do cardeal Quiroga Palacios. Finalización das obras da Casa Consistorial. Iniciadas as obras
de dous lavadoiros públicos de gran capacidade. Morreu o día 28 aos 80 anos Manuela Dafonte
Fraga, viúva do celador de telégrafos Domingo Fernández Álvarez.
ABRIL: Pospúxose a
prevista inauguración da Casa Consistorial. Morreron Felisa Uzal Varela, propietaria
da Casa Maldonado da Calle de Poulo, en Barbeiros Manuel Rodríguez aos 60 anos
e en Beán María Sánchez Bouzas, muller de Ventura Nouche, e Manuela Blanco Pereiro aos 98 anos!
MAIO: Incendio dunha casa no Recreo. Morreron Carmen Mato
González, matriarca dos Astray, e José Viaño Iglesias aos 70 anos.
XUÑO: Traballos de
electrificación en Ordes, Trazo e Oroso.
XULLO: Xuízo na Coruña
contra o guerrilleiro de Ardemil Juan Couto Sanjurjo.
AGOSTO: O gobernador civil
Pardo de Santayana visitou Trazo onde inaugurou o establecemento de electricidade
en dúas parroquias. Voda de Ángel Raña
Dafonte con Dolores Caamaño en Cangas. Accidente na Costa do Bispo dun camión
militar resultando feridos 19 orfos de militares. Inauguración do campo de
fútbol Vista Alegre nas festas patronais. Morreu Carmen Moar Lata de Buscás con 45 anos e Josefa Pérez Ramos, matriarca dos
Bello, en Pereira aos 69 anos.
SETEMBRO: Naceu o futuro futbolista Ricardo Moar Richard. Morreu Miguel
Liste Vilariño aos 70 anos.
OUTUBRO: Voda o día 3 en Vilagarcía do médico Fernando Concheiro García con Mª Esther Abal Barral. Partido amigable en Santa Isabel no que o equipo de Ordes venceu ao Arenal. Parou a comer na vila o equipo de
fútbol de Ourense. Morreu en Vilamaior Andrés Moar Ferreiro aos 51 anos.
NOVEMBRO: Subasta da casa en
Alfonso Senra que pertenceu a Carmen Mato. Concurso de Calidade de Patacas para os agricultores de Ordes e Carballo o domingo 22.
DECEMBRO: O domingo 6 foi o primeiro partido oficial de liga no campo de fútbol Vista Alegre. Traspasábase o cine-baile.
No hay comentarios:
Publicar un comentario