sábado, 20 de mayo de 2023

Oficios: os canteiros

   O de canteiro sempre foi un oficio de primeira clase en Galicia. Mesmo chegaron a ter unha xerga para non ser entendidos polos capataces, xerga denominada "Latín dos canteiros". Eran especialmente famosos os de Cotobade, Terra de Montes, Pontevedra e Cuntis. De feito, José Escariz Pepe o Canteiro (1935-2005) veu de Cuntis contratado para traballar na reforma da igrexa parroquial de Ordes.
  A finais do XIX e comezos do século XX traballaban "de estrela a estrela" e mentres a luz non era suficiente preparaban as pedras para comezar a picar ou labrar tan pronto se puidese. 
  Gozaban de gran prestixio entre as mulleres, que se pasaban polos talleres para coller o po da pedra que labraban porque con ese po, o mesmo que a borralla, fregaban as pezas metálicas que se usaban na mesa.
   Hai unha cantiga que expresa a envexa que producían os canteiros e outra que advirte ás mulleres que se interesan por eles.

Pica, canteiriño, pica,
pica na pedra miúda;
pica na muller allea,
que outro picará na tua.
Non te fíes, rapariga,
no canteiro que ben canta;
é a fariña da pedra
que se lle pon na garganta.

 
  Claro que isto refírese só aos canteiros de granito. En Ordes, en cambio, a pedra predominante é o xisto, tan abundante que mesmo ten, como os viños, denominación de orixe (esquisto de Ordes). As ferramentas tampouco eran tantas nin tan sofisticadas: había picos, escodas, paletas, escuadros, plomos e niveis.
  O xisto sacábano de canteiras que había en moitos lugares. A maioría das casas da vila de Ordes facíanse con pedras dun lugar que estaba a carón da que hoxe é coñecida como rúa da Canteira (no é casualidade o nome). 
  Logo ían polas aldeas facendo casas, hórreos, pallotes, cortes, casiñas para os pozos e menos habitualmente outras construcións como muíños. 
  A maioría das casas eran moi parecidas, con 48 cuartas de longo por corenta de anchura. Un corredor central, cunha porta ao principio e outra ao final, dividía a sección de cortes da cociña onde estaban as escaleiras para o sobrado. Dentro da cociña, iluminada pola fiestra do vertedoiro, estaba a lareira, o forno, a borralleira e a cheminea soportada normalmente por unha columna de castiñeiro ou cantería. As cortes adoitaban ter dous bufardos abucinados. No sobrado había tres xanelas que daban á fachada do curral e outras tres á eira. Non cumio do penal, finalmente había un ventanuco que iluminaba o faiado.
 
  As paredes eran de cachotería e barro. Os canteiros íanas facendo, uns por dentro e outros por fóra, poñendo as arrabadeiras e os tizóns (pedras longas que atravesaban a parede para afirmala). O mestre poñía os esquinais e as xambas de portas e fiestras. A parede era endereitada a ollo e coa plomada.
  Segundo ía sendo máis alta, había que poñer estadas (andamios), feitas con táboas e piñeiros verdes. Rachábanse as pedras saíntes da parede e as pedriñas resultantes metíanse nos ocos (unha fachada o máis lisa posible era o orgullo dos canteiros). Ao acabar tapábanse os machinais (os buratos onde se encaixaban as estadas) e poñíanse as vigas e o topete para desvíar a auga da chuvia.
  Moitas veces celebrábase o final da obra cunha comida chamada "albaroque" e poñíase tamén un ramo de loureiro. Co tempo empezou a empregarse un pequeno piñeiro.
  Na Maquía de Buscás había unha coñecida cuadrilla de canteiros que viña de pais a fillos. O mestre era Manuel Ruibal e tiña de canteiros aos Xestales dos Murís, Ríos do Cubo, Farruco do Xastre da Gorita, Ánxelo do Verdeal e para amasar o barro e subilo á parede ao Campelo de Merelle. 
  En Ordes Juanito da Fabera tiña na súa cuadrilla a Andrés da Robada, Ricardo de Xaniño, dous Mariños do Casal e a José García Varela (1906-1992) do Casal, que sería o que tomaría logo o mando e construiría -xa con formigón e ladrillo- a Casa consistorial.
  Outros construtores de principios do século XX foron Policarpo Bello, que estaba casado con María Blanco Carballido, e José Golán.
FONTE: "Historia viva" de Manuel Rodríguez García.

domingo, 14 de mayo de 2023

Capela do Socorro

 
  Na parroquia de Vilamaior, no medio dun fermoso contorno* e bordeada polo río Buxán, podemos admirar esta atípica ermida rural de bastante antigüidade, aínda que foi restaurada na primeira década deste século.
  É un edificio de planta rectangular cun pequeno anexo na súa parte oeste e con tellado a tres augas. Os muros, grosos e altos, están feitos de cachotería sen revocar. A súa sorprendente altura de ata 4 metros parece froito dalgunha recente reforma xa que orixinalmente deberon ser máis baixos.
  Para ser unha ermida é bastante grande. Os seus 15 metros de lonxitude e algo máis de 5 de anchura xunto co anexo, fan que ocupe uns 100 metros cadrados, aínda que máis de 20 corresponden a zona non pechada do soportal. 
 
 
 
Precisamente no soportal están os elementos máis interesantes: un par de grosas columnas feitas de cachotería na súa parte leste, mentres no oeste o muro prolóngase pero cunha abertura que ten un arco de medio punto. Unha balaustrada de madeira decora e dalle un toque de distinción a todo o conxunto.
  O interior é moi austero coa pedra sen revocar e incongruentes baldosas de cor parda. Hai un sinxelo retablo neoclásico ao fondo, pero o punto de atención é, sobre unha peaña na esquina esquerda, unha colorida imaxe da Virxe do Socorro entre un demo e un anxo. Esperta moita devoción na parroquia e na súa honra celébrase unha festa o fin de semana máis próximo ao día 8 de setembro.
 

* Contorno limpado e arranxado pola asociación cultural "Seixo branco" de Vilamaior no ano 2007.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.  

viernes, 12 de mayo de 2023

Poema de Ardemil

 
  Velaquí un poema dedicado á terra da miña nai e á de moitos rapaces do colexio do Mesón do Vento. Doutra banda tamén recorda aos moitísimos emigrantes que tiveron que marchar a América na procura dunha vida mellor (na miña familia meu bisavó, varios tíos-avós, meus pais, miñas tías e os meus tíos Pepe Varela e Raffaele Villino, este último desde Noci en Italia).
 
Cando sobes ao Canedo
e te achegas ao Mesón
ves como medra a bruma
e se che encolle o corazón.
Tanto vento, néboa e chuvia,
tanto frío e aflición.
Ai que terra máis triste,
que tan pouco ve o sol!
 
Terra fría de homes duros
e mulleres aínda peor,
xente que emigra ben lonxe
buscando algo de calor.
Así o fixen de moi novo,
quería unha vida mellor,
quería sol, quería luz,
quería ouro e quería amor.
 
Pero hoxe que son vello
e que estou lonxe de alí
canto daría por volver,
e pisar de novo Ardemil.
Ver a igrexa de San Pedro
e as leiras de Achán,
cortar o toxo no monte
co gabillo nesta man.
Canto quixera sentir
de novo o vento na cara,
destripar aqueles terróns,
oír bruar á miña vaca,
sentir o frescor da auga
do rego Porto Manteiga
e ver aqueles verdes ollos
que había na Salgueira.
 
Cando morra que me enterren
no máis alto do Mesón,
e que as ondas da antena
atravesen o meu corazón,
que os meus ósos se confundan
coa dura terra de arredor
e do meu corpo descomposto
naza unha pequena flor
que coma o pastor da lenda
cante unha triste canción,
que eu son fillo dese frío,
dese vento e desa bruma,
deses toxos, deses montes
desa noite tan escura...
e nin cen anos no trópico
poden borrar esa feitura!
                           Xan Ferreiro

martes, 9 de mayo de 2023

A morte de Ponte


  O ano 1947 foi o de maior actividade guerrilleira na comarca de Ordes. Durante o primeiro trimestre ata catro homes caeron baixo as balas dos "foucellas". A resposta da Garda Civil non se fixo esperar e o día 21 de abril a réplica foi profunda e dolorosa. O propio líder da IV Agrupación, Manuel Ponte, sería abatido na súa aldea natal.
  O suceso foi tan notable que ata apareceu na prensa do día seguinte, aínda que todos os xornais, perfectamente instruídos, publicaron exactamente a mesma nota, variando unicamente o encabezado. Por suposto aludíase aos guerrilleiros como vulgares criminais, pero o feito de mencionar os "sellos" do grupo xa daba unha pista de que non era exactamente así.

Tres atracadores muertos, en la comarca de Órdenes
  Por el Gobierno civil ha sido facilitada la siguiente nota:
  “En una batida dada por la Guardia civil de esta Comandancia fueron muertos en el lugar de Fontao (Frades) los bandoleros Manuel Ponte Pedreira, que se titulaba “jefe” del grupo de bandoleros; y dos atracadores más, que hasta el momento no han sido identificados. Fueron recogidos un subfusil, un mosquetón, tres pistolas del nueve largo, una bomba de mano, municiones, sellos del expresado grupo y documentación.
  La Guardia civil, por su parte, no ha tenido que lamentar ninguna baja.” 
 
  Días antes do 21, a Garda Civil xa sabía por algún informante que un grupo de guerrilleiros ao mando de Manuel Ponte estaba no Fontao, a súa aldea natal, recadando fondos.
  Lentamente os gardas fóronos cercando, colocando efectivos nas localidades próximas. Esta actividade obviamente non pasou desapercibida para os paisanos entre os que había simpatizantes de esquerda e por forza tiña que chegar ao grupo. Pero en lugar de tentar romper o cerco inmediatamente, Ponte, que era moi meticuloso e tiña demasiada confianza en si mesmo, decidiu poñerse a queimar documentos comprometedores. Hai quen opina que, de non entreterse na destrución deses papeis, probablemente lograra salvarse.
 
  Antes do amencer, deu orde aos seus compañeiros de saír e dispersarse, mentres el os cubría. Só dous* lograron burlar o cerco: Emilio Pérez, e Juan Couto Sanjurjo.

 
Os outros dous, Manuel Díaz e Manuel Rodríguez, foron abatidos. As versións máis fidedignas contan que foron rodeados nunha casa e que, logo dun breve tiroteo, Ponte saíu pola porta disparando unha metralleta e foi esconderse detrás dun carballo, quedando entre dous fogos. Alí foi rematado polos disparos dos gardas que chegaban desde varias direccións. Algúns relatos precisan que a súa arma se trabou e que a quixo recargar cos dentes, pero iso debemos situalo no terreo da lenda.
 
Manuel Díaz Pan Rogelio (1918-1947), fillo de Manuel Díaz Rodríguez e de Carmen Pan Riobóo, naceu en San Pedro de Nós (Oleiros), pero viviu nos Castros na Coruña. De oficio carpinteiro, foi militante nun sindicato anarquista da CNT, pero posteriormente mudaría as súas simpatías cara ao comunismo. Non obstante na Guerra Civil ter que loitar no bando franquista, na posguerra integraríase na IV Agrupación do Ejército Guerrillero. Tamén un dos seus irmáns, José Mª Díaz Pan, foi guerrilleiro e morreu probablemente a mans dalgún compañeiro comunista.
Manuel Rodriguez Suárez o Asturiano (1928-1947), contaba apenas 19 anos e a pesar diso xa tiña dentadura postiza. Membro do destacamento Manuel del Río Botana da IV Agrupación, as balas rebentáronlle o cranio moi lonxe do seu lar. 
 
  Os tres serían soterrados na terra no cemiterio de Abellá. Posteriormente a familia de Manuel Díaz pediu permiso para desenterrar os cadáveres e metelos en féretros. Logo serían introducidos nuns nichos da familia Pedreira no mesmo cemiterio.
 
  A morte de Ponte foi un golpe letal para a guerrilla. Non só perdeu ao seu líder máis preparado, senón que case toda a súa rede de enlaces (tanto na comarca de Ordes como en Bergantiños) quedou desartellada.
  Efectivamente, a queima de papeis, que quizais lle custou a vida a Ponte, foi totalmente inútil porque os gardas ao rexistralo atoparon unha axenda e varios documentos onde había máis de 60 nomes. Pronto todos estarían no cárcere e a finais dese mesmo ano enfrontarían un consello de guerra nos tribunais franquistas.
 
* Algunhas fontes din que tamén estaba alí e fuxiu Florentino Menéndez Tino o Asturiano.

sábado, 6 de mayo de 2023

Devoción a Lourdes

 
   A finais do século XIX construíuse a actual igrexa parroquial de Ordes. A antiga quedou entón convertida en capela e dedicada á Virxe de Lourdes. Esta advocación que era entón moi recente (menos de 50 anos) foi moi exitosa. Este artigo sobre a rexeneración moral, que apareceu no xornal compostelán Gaceta de Galicia, demóstrao.
 
GACETA DE GALICIA 25 de octubre de 1900
REGENERACIÓN 
  [...] Conociendo estas verdades el señor cura párroco de Órdenes, don Pedro Quintáns Calvo, fundó en aquella villa un santuario dedicado a Nuestra Señora de Lourdes, donde vienen celebrándose todos los años solemnes cultos dedicados a la Santísima Virgen bajo aquella advocación.
   Y es tal la devoción que supo inculcar en sus feligreses más fervientes católicos que fuera de Órdenes se cree que la fama del santuario ya no está limitada por los límites de la parroquia, sino que traspasándolos en todas direcciones invadió como corriente que subyuga los espíritus de las gentes toda la comarca de la Montaña.
 
  Conociéndolo así dicho señor cura, a instancias de otros señores curas, proyectó celebrar cultos en el Santuario y que en peregrinación concurran a ellos todos los que teniendo devoción a la Virgen, quieran demostrársela públicamente confesando y comulgando al pie de la sagrada imagen.
  Y pensada y realizada la idea. El día 25 del actual empezarán las peregrinaciones al Santuario de Lourdes en Órdenes. Los señores curas de Queijas y Cerceda con todos sus feligreses concurrirán dicho día. Luego seguirán los de Ardemil, Leira, Buscás, etc., etc.
 
   Todos los señores curas fueron secundados por los habitantes de sus feligresías, cuando no instados para llevar a cabo tan loable pensamiento; y esto revela la fe de que se hallan adornados, y la esperanza que ponen en Dios para conseguir por este medio la regeneración que tanto ansían para poder vivir libres de lo que tanto les agobia.
  Así es como se regenerará España.
 
La Voz de Galicia 27-09-1901
  Ayer 21 dio principio en el santuario de Lourdes de esta parroquia la novena dedicada a la Virgen. Reviste gran solemnidad y a ella concurren numerosas señoritas que se hallan veraneando en esta villa. Los señores del Río y Varela costean dicha novena. He visto a la señora de Santaló, notable profesora de piano, acompañando los himnos religiosos que cantaba un afinado coro. Recuerdo a las señoritas doña Natividad y Carmen Iglesias Carnota, las de Valdés, la esposa del director de la cárcel, la de Rivas, las de Amor, la de Castro y otras que no recuerdo en este momento.
  También asistieron la familia del Sr. Torrado, la de D. Marcial Carrero y otras.
  Habrá bailes en la Alameda, fuegos y una gran función religiosa. Está contratada para estas fiestas la música de Arca.- Corresponsal.
  Septiembre 22 1901.

miércoles, 3 de mayo de 2023

Cruceiro de Pereira

 
   O cruceiro de Pereira está situado no campo da festa onde tamén está o local social e antiga unitaria da parroquia, a uns 65 metros ao nordeste da igrexa de Santa Aia. 
  A base é unha plataforma cuadrangular de catro graos, e enriba deles un pedestal ao que está adosado unha imaxe dunha Piedade moi desgastada e erosionada. Que un cruceiro teña unha Piedade non é raro pero o lugar que ocupa neste cruceiro si o é.
 O varal, duns 2,20 metros de altura, é de forma cadrada pero con chafráns a certa altura. Na parte máis baixa hai restos dunha inscrición totalmente ilexible. 
  Tamén é bastante peculiar o capitel que ten uns 30 centímetros de altura. A súa forma é cúbica pero cos vértices superiores máis agudos e cun resalte algo curvado. En cada cara sobresae unha figura, entre as que podemos distinguir as de San Antón de Padua e San Francisco de Asís. A cruz, duns 70 centímetros, é bastante simple e sen adornos.
  Esa base cos seus catro graos fai que sexa un dos cruceiros de maior superficie, en cambio a súa altura de pouco máis de catro metros é  moi habitual na zona.  
  Se queres ver máis fotos e unha vista de rúa preme en Cruceiro de Pereira da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.