Ostracismo internacional
O final da 2ª Guerra Mundial deixou ao réxime
franquista nunha posición moi delicada. As democracias occidentais vencedoras
déronlle as costas pola súa pasada colaboración co Eixo. Isto quedou
perfectamente reflectido o 26 de xuño de 1945
na firma da Carta de Nacións Unidas en San Francisco. O 8 de decembro de 1946 unha expresa resolución vetaba a súa entrada
en calquera organismo internacional e recomendaba ao resto de países a retirada
de embaixadores.
Autarquía
Franco respondeu ao día seguinte cunha gran
manifestación na Praza de Oriente reivindicando o orgullo nacional fronte á
hostilidade estranxeira e apelando á autosuficiencia do pobo español. Comezaron
os duros anos da "autarquía" como resposta ao bloqueo internacional.
Foi máis propaganda interna que alternativa económica real. Pretendíase obter a
recuperación económica ignorando o mercado exterior, pero só se logrou
prolongar a pobreza.
O número de defuncións volveu a subir no ano 1946 (1.120 mortos por inanición), pero afortunadamente apareceu o
soporte arxentino. Dous meses antes da condena formal pola ONU Perón concedera unha liña de crédito a
España que permitiu que puidese importar 400.000 toneladas de trigo arxentino e
ao ano seguinte outra por valor de 750 millóns de dólares, á que se sumou un
convenio asinado en abril de 1948 polo que Arxentina comprometeuse a abastecer
a España con 300.000 toneladas de trigo e a emendar os déficits de gran que se
producisen entre 1949 e 1951, ademais de fornecer millo e aceite comestibles.
Loita
armada
As democracias occidentais que decidiron
estrangular a economía española, en cambio non moveron un dedo pola resistencia
antifranquista. Os guerrilleiros que se ilusionaran coa victoria aliada viron como todo o seu sacrificio foi en vano. Os anos de maior actividade serían 1946 e 1947 producíndose máis de 1.550 e 1.460 accións de combate ou "feitos delitivos" en terminoloxía franquista. Na
comarca ordense chegouse aos 10 mortos en 1947, sendo este e 1948 os dous anos máis letais. Precisamente a finais de 1948 o PC decidiu suspender o apoio ás partidas, decatándose ao fin de que era unha guerra perdida desde o primeiro
momento, unha matanza sen sentido. Ao final houbo máis de 2.200 mortos entre guerrilleiros,
gardas civís, colaboradores... e máis de 20.000 persoas encarceradas.
Seguiu habendo por suposto loita armada despois de 1950 pero foi cousa de
grupos cada vez máis pequenos, illados e desesperados.
Estratexia do franquismo
Franco tiña claro que as tensións entre
Occidente e a URSS irían en aumento e xogaban ao seu favor, así que o
importante para o seu réxime era resistir ata ese momento de ruptura. A consigna, nacida de Carrero Blanco, foi «orden, unidad y aguantar». Seguiuse
reprimindo á oposición (Ley de Bandidaje
y Terrorismo en 1947) pero ao mesmo tempo iniciáronse algúns cambios
cosméticos xa desde 1945: utilizouse a palabra "Movimiento"
no canto de Falange, deixou
de ser obrigatorio o saúdo fascista e promulgáronse o Fuero de los Españoles e a Ley de Referendum. Máis anecdoticamente o propio Franco quitou o uniforme militar e vestiu
de civil nas súas aparicións públicas.
No plano internacional contouse co apoio dos países
hispanoamericanos (agás México) que seguiron a senda de Arxentina, principal soporte do
Réxime, mostrado claramente coa visita de Eva Duarte en xuño de 1947. Tamén o apoio a Palestina contra
Israel conseguiu a simpatía dos países árabes. Pero a estratexia principal foi a lexitimación monárquica: en marzo de 1947 tramitouse a Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado (aprobada logo en
referendum en xullo) que convertía a Franco en "rexente" dun futuro monarca. Esta lei foi
rexeitada en principio por D. Juan de Borbón que publicou o Manifesto de
Estoril, pero claudicou ao ano seguinte e permitiu que o seu fillo Juan Carlos se
educase en España baixo a tutela de Franco.
Fin do illamento
A finais de 1947 empezouse a ver que esta
estratexia deu resultado. Os Estados Unidos, a pesar do odio de Truman a
Franco, opuxéronse na ONU a unha nova condena a España. En 1948 Francia reabriu fronteiras e asináronse acordos comerciais con
ese país e co RU. En 1949 recibiuse o 1º
credito dun banco estadounidense por uns simbólicos 25 millóns de dólares. O estalido da
guerra de Corea foi o directo causante do fin do illamento español. O 4 de novembro de 1950 a Asemblea Xeral da ONU revogou por ampla maioría a
resolución de condena do réxime franquista de decembro de 1946.
No hay comentarios:
Publicar un comentario