As eleccións de abril de 1907 foron moi importantes para España. Despois dunha
etapa liberal e a súa correspondente crise, o conservador Antonio Maura convocou eleccións para dotarse dunha maioría ampla.
O seu ministro da Gobernación Juan de la Cierva, para contentar ás diferentes faccións conservadoras, adxudicou no
"encasillado" aos liberais un número de deputados menor do habitual
(253 "adictos" fronte a 74 liberais), o que supoñía un incumprimento
do pacto que tiñan os dous partidos turnistas.
Pero quizais o máis significativo foi o
triunfo de Solidaridat Catalana, encabezada polo republicano Nicolás Salmerón, que obtivo 41 dos 44
deputados cataláns. A Cuestión Catalana comezaba
nese momento a ser un dos problemas máis preocupantes da vida política española.
E Ordes?
Despois da paréntese de 1905, o gañador das
eleccións en Ordes decidiuse de novo en Madrid, pero houbo un chisco de
incerteza polas presións dos liberais gassetistas.
O ex-presidente da Deputación Provincial, Ramón
Tojo Pérez, e un deputado provincial, Faustino Rodríguez Montero, desprazáronse a
Madrid para acompañar ao ex-ministro Rafael Gasset nas súas xestións. Celebraron distintas entrevistas co Marqués de Figueroa, ministro de Gracia y Justicia (tamén
galego), para solicitar que se lles adxudicasen os distritos de Ordes e Arzúa
(este último Gasset queríao para o seu pasante Francisco Prieto Mera). A
resposta foi que o goberno necesitaba ambos os dous distritos e que o único que
podía facer era non destruír as organizacións de Arzúa sempre que se
comprometesen a votar ao candidato oficial.
Rafael Gasset, máis tarde, conferenciou co
Marqués de Figueroa contraofertándolle o distrito de Ordes en lugar do de
Arzúa. Todo foi inútil.
O último cartucho de Gasset foi unha reunión
co propio Maura que era o que, obviamente, tiña a última palabra. Esa
entrevista celebrouse o 1 de abril e Gasset pediu os distritos de Noia, Padrón,
Arzúa e Ordes. Maura rexeitou a petición. Reserváballes aos gassetistas só os
distritos de Noia e Padrón, máis un posto no Senado para o irmán de Rafael, Eduardo
Gasset, pero Ordes e Arzúa eran para os seus candidatos.
Gasset non se deu por vencido e buscou a
mediación do conservador galego Eduardo Dato
que tampouco lle deu resultado.
Aínda que ameazou logo con presentar batalla
en Arzúa contra o candidato do Goberno, Rafael Gasset sabía que iso significaría
a perda do cargo de senador para o seu irmán e que as súas corporacións de
Arzúa se visen "tocadas", así que ao final aceptou a xogada.
Deste xeito José Lombardero Franco, o candidato do Partido Conservador, un avogado e
xornalista coruñes, gañou, esta vez sen sorpresa, as eleccións no distrito de
Ordes arrasando (8.023 de 10.474 votos -case o 80 %-) como era habitual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario