En 1944 a inminente vitoria dos aliados na 2ª GM
fixo crer á resistencia antifranquista que o fin do Réxime era posible. Así que
moitos, ilusionados, volveron ao monte e en outubro crearon o Ejercito
Guerrillero de Galicia, dividido en varias agrupacións das que a IV
sería a que operaría polas terras de Ordes.
O día 5 de febreiro caeu Antonio Martínez Boquete Martís
de 47 anos e residente na parroquia de Lesta. Ía camiño da feira da Adina
porque era o encargado de cobrar os impostos municipais. En Vilar (Mercurín) foi
atacado e morto a paus. Falouse de dous irmáns que vingaran deste xeito a morte do seu
pai na que el estivera implicado.
Esta foi unha acción independente e máis
persoal que política, polo tanto o tiro de saída por así decilo, a primeira
acción realmente organizada pola IV Agrupación da guerrilla foi a morte do garda civil
Manuel López Bello en Curtis.
Ata alí foi o día 15 de febreiro unha partida
formada por Manuel Ponte o Xastre,
Benigno Andrade Foucellas,
Lisardo Freijo López Tenente Freixo, Emilio Pérez Vilariño o Claudio Feas e
Manuel Pena Camino o Flores. Ao parecer só ían coa intención de
conseguir víveres e diñeiro á conta dun tratante de gando, pero cambiaron de
plans cando se deron conta de que López Bello estaba no bar de Domingo Fandiño.
Manuel
era cabo da Brigadilla de Información e era un dos máis empeñados na captura de
Foucellas, a quen coñecía persoalmente porque ambos os dous eran orixinarios de Cabrui.
Ás 11 da noite mentres o cabo da Benemérita
charlaba amistosamente cos donos e outros fregueses na cociña do
establecemento, Lisardo Freijo disparoulle a través da xanela cunha pistola
metralladora e matouno.
Foi unha acción rechamante. A Garda Civil
trasladou algúns destacamentos a Curtis, detivo a varias persoas para
interrogalas, fixo batidas... pero non logrou nada.
Tres meses despois, en maio, o que morreu foi
o guerrilleiro Manuel del Río Botana.
Manuel tiña 26 anos. Era natural de Sar (Ordes), fillo de Constantino del Río e
Francisca Botana. Simpatizante da Fronte Popular, participou na defensa de
Ordes durante o Alzamento. Foi detido e xulgado a finais de 1936 xunto con
outros esquerdistas, 11 dos cales serían fusilados
en Boisaca. Manuel foi condenado a 12 anos e un día, pero en 1941 nunha
amnistía xeral saíu de prisión. Pouco despois contactou con Manuel Ponte e
integrouse como enlace na guerrilla.
O 15 de maio estaban na casa de Juan Penedo
en Queis (Montaos) catro guerrilleiros cando chegou a Garda Civil. Houbo un
tiroteo e os outros tres conseguiron escapar, pero Manuel caeu nunha canteira e
alí foi abatido. Posteriormente sería soterrado en Ordes.
Os seus restos xacen
no panteón dos Maroño, xa que a súa irmá María del Río Botana (1917-1986) estaba casada con Antonio Maroño Rodríguez (1914-1984), tamén veciño de Sar.
Juan Penedo, o propietario dunha das dúas
casas que usaban os guerrilleiros (a outra era a de Castro), fuxiu ao monte e, como non se entregou, a
súa familia foi desterrada a Soria.
FONTE: "A Guerra Silenciada" de Manuel Pazos Gómez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario