lunes, 27 de diciembre de 2021

Plantas de flores discretas

   Neste artigo falamos de plantas que teñen flores, pero non esas flores fermosas con pétalos de chamativas cores apreciadas polos profanos, senón outras menos rechamantes. Este tipo de plantas son tan numerosas que só nomearemos algunhas poucas.
 
 
 
  O grupo que mellor responde á anterior definición son as herbas. En xeral, agás os que traballan no tema coidando dun campo ou xardíns, pouca xente distingue ou coñece o nome dalgunha herba. Aquí imos ver só algunhas gramíneas ou poáceas (o seu nome científico) das moitas que hai.
  Poa annua, herba das galiñas (espiguilla ou pastillo de invierno en castelán), é sumamente abundante. Ten unha gran resistencia e produce sementes con facilidade aínda que sexa cortada bastante a ras. É de cor verde clara polo que contrasta con outras herbas de xardín.
  Dactylis glomerata, dáctilo e en galego tamén cabezuda, é fácil de atopar por todas partes. É dura e resistente ás xeadas, moi adaptada ao noso clima. Tamén lle chaman "herba para gatos" porque estes animais tómana como purgante cando se sinten mal.
  Agrostis capillaris, como o seu nome latino indica, é moi fina. Holcus lanatus, a herba triga ou trigueira (heno blanco en castelán), destaca polas súas espigas de suave e plumoso aspecto.
 
 
  Anthoxanthum odoratum, a lesta en galego (pasto oloroso en castelán), non é tan frecuente pero deu nome a unha das nosas parroquias. Hordeum murinum, o orxo e en castelán cebadilla ratonera, era usada antigamente polos rapaces para facer divertidos combates porque as súas espigas quedaban cravadas con facilidade nos xerseis de la. Briza maximatremedeira ou bágoas de San Pedro (pendientes ou tembladera), caracterízase polas súas espiguiñas que colgan e se balancean con algo de brisa, o que lle valeu o seu nome.
 

  Outras poáceas como a digitaria sanguinalis ou a Echinochloa crus-galli, que os campesiños chaman millás, aparecen a miudo nas leiras de millo e de patacas e son difíciles de erradicar polo que están consideradas como malas herbas.
  Rumex pulcher, a labaza (romaza ou acedera), da familia das poligonáceas, tamén é considerada por nós unha mala herba pero noutras zonas de España as súas follas cómense, aínda que teñen un sabor amargo.
 

  Chenopodium album, fariñento ou farnelo (cenizo), é outra das malas herbas difíciles de erradicar e amante dos solos ricos en nitróxeno. O seu nome latino alude a que algunhas das sus follas teñen unha forma parecida á pata dun ganso.
  E se falamos de malas herbas, non podía faltar Mercurialis annua, barredoiro ou basallo (mercurial), planta de cor verde viva que se usaba como purgante e laxante e que tamén, empregándoa externamente, aliviaba as dores da reuma.
 
 
  Coñecidísimas son as ortigas, das que hai dúas especies, Urtica dioica e Urtica Urens (maior e menor), ambas as dúas con finos pelos urticantes que producen escozor se as tocamos. Abundantes pero de nome menos famoso son as chantaxes (llantén), das que tamén hai dous, Plantago major e Plantago lanceolata, que medran en todos os terreos incultos.
 

  Outra planta que todo o mundo coñece é a hedra, hedera helix. O que quizais non sexa tan coñecido é que esta planta trepadora é das máis antigas e xa existía na era cenozoica. Ten flores pero son verdes e están agrupadas en corimbos. 
  O couselo (ombligo de Venus), Umbilicus rupestris, que medra no barro das antigas casas feitas con xistos, ten as follas case redondas e carnosas, o que aproveitaban as rapazas de antes para xogar con elas simulando que eran tortillas ou filloas. Teñen unha inflorescencia alongada.

viernes, 24 de diciembre de 2021

Santa Cruz de Montaos



  A igrexa de Santa Cruz de Montaos é de planta rectangular cunha nave duns 90 m2 e unha ábsida tamén rectangular un pouco máis estreita, ocupando todo o conxunto uns 160 m2, polo que está entre as máis grandes do concello. Os muros laterais, revocados e pintados de cor branca, son de cachotería, con cantería nas esquinas. A cuberta é a dúas augas con tella curva do país.

  A fachada, que é totalmente de cantería, conta cunha porta rectangular adovelada e remarcada e unha sinxela fiestra, tamén rectangular e remarcada. Á dereita da porta pódese ver un pequeno azulexo cun reloxo de sol pintado. Remata a fachada unha espadana de dous corpos flanqueada por pináculos piramidais.

 

  No interior, a nave está separada do presbiterio por un arco triunfal semicircular. No muro norte da nave hai unha imaxe da Virxe do Carme que é a que se saca en procesión nas festas, no muro sur hai unha imaxe de San Roque sinalando a chaga da súa perna.

  Xa no presbiterio podemos ver un escudo en relevo e policromado no muro norte. No centro do retablo neoclásico detrás do altar hai unha gran cruz (advocación da parroquia) flanqueada por unha imaxe do sacro corazón de Cristo á esquerda e da Virxe do Rosario á dereita.

  A igrexa está rodeada polo cemiterio. No adro que serve de campo de festa e que conta con dúas ringleiras de plátanos está un sinxelo cruceiro a uns 65 metros da igrexa, xa preto da estrada.

   Unha noticia de decembro de 1877 en El Diario de Santiago permítenos saber que o Igrexario estaba en venda naquel ano e constaba de 128 ferrados de labradío, 38 de carballeira e 130 a monte.

 

 
  Como sempre que tratamos de Montaos, é interesante ver o que nos pode contar Victorino Cores:
 
  A data da construción da Igrexa de Santa Cruz de Montaos non está nada clara, xa que non existen suficientes probas que a confirmen con certeza. No seminario Maior de Santiago consérvase un tacho de papeis aos que o lume dun incendio converteu en ilexibles. O mesmo que pasa na casa reitoral de Santa Cruz.
 
  Se nos fiamos da data, que figura nas súas campás, foi edificada no ano 1836. Non obstante, no Catastro del Marqués de la Ensenada de 1752, cando lle preguntan aos veciños se o Rei ten no termo algunha finca, responden que lle corresponde unha fraga de carballos de tres ferrados de sementeiro, que linda polo levante con terras do igrexario desta freguesía. Non obstante, nesas mesmas datas, Francisco Conde, do lugar de Queis, no seu testamento pide ser soterrado dentro da igrexa parroquial desta freguesía de Montaos, na sepultura de xunto ao coro, e que se pague todo a costa dos seus bens. Na  actual igrexa de Santa Cruz, ninguén recorda nin ten oído falar de que tivese coro, nin que se enterrase no seu interior.
 
  Persoas maiores, afirman terlles escoitado aos seus antepasados, que no lugar da actual igrexa de Santa Cruz, en tempos moi antigos houbo unha capela da Virxe do Carme, e que a Igrexa Parroquial estaba na Fonte Fonxán, en Ribadas, ao pé do Camiño Grande, que viña de Senra, Santo Tomé e Beán, preto do Camiño Real. Tamén pode suceder que sexa ao revés, e que a capela estivese na Fonte Fonxán e a igrexa no actual emprazamento. Dun xeito ou doutro, a actual igrexa de Santa Cruz non é moi antiga. Se estivo decote no emprazamento actual, foi reformada ou reedificada, nos séculos XVII ou XVIII.
 
  Unha proba de que ou a Capela do Carme, ou a primitiva Igrexa Parroquial existían neste lugar, é que nunha escavación que se fixo hai uns anos para construír un panteón, apareceran dúas moedas de prata, unha con data de 1579 e a outra de 1598.
Victorino Cores Liste
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

sábado, 18 de diciembre de 2021

A voda Concheiro Blanco

   No ano 1940 a voda máis destacada polo avoengo dos noivos foi a de Ángel Concheiro Iglesias (1909-1993), o 4º fillo do médico forense Antonio Concheiro Rodríguez e de Asunción Iglesias Rápela (dos Rapelas de Oroso) e, por tanto, irmán do médico e alcalde Antonio Concheiro.
  A noiva era Elena Blanco Abella, de 29 anos de idade, dunha aínda máis distinguida familia de Corcubión. Baste dicir que o seu avó Pedro Blanco Vázquez (m.1888) foi vicecónsul de Portugal nesa vila no ano 1851. O segundo dos seus 7 fillos, Salvador Blanco Corbacho, o pai de Elena, foi secretario do concello de Vimianzo, pero xa morrera en 1915 cando ela só contaba con 6 anos de idade.
 
  Deste xeito a voda, que se celebrou o xoves 29 de febreiro, non tivo lugar en Ordes senón na igrexa parroquial de San Marcos en Corcubión.
 
  O sacerdote que bendeciu a unión foi don Manuel Fernández Mayo, párroco de Rodís (Cerceda) que segundo El Ideal Gallego dirixiu aos contraentes unha “emocionante plática”. A misa en cambio estivo oficiada por don Francisco Sánchez Gómez, párroco titular de San Marcos, e foi moi lucida porque a amenizou o organista de Fisterra tocando diversas composicións ao longo da cerimonia.
 
  Os padriños foron Antonio Concheiro Rodríguez, pai de Ángel, e a señorita Rosa Abella, tía de Elena. Asinaron como testemuñas Fernando Liste Mosquera Fernanducho, Manuel Mariño Vilela (ambos os dous amigos do noivo), o seu irmán Celestino Concheiro e o seu cuñado Enrique Sánchez Martín, interventor do Banco de España en Santiago. Por parte da noiva asinaron o alcalde de Corcubión José Trillo Rodríguez, o médico Arturo Ramón Carrera, os seus tíos Augusto (secretario xudicial) e Benigno Abella (comerciante) e un dos seus irmáns, o avogado Manuel Blanco Abella.
  No lugar do xuíz municipal, que estaba ausente, asistiu o de primeira instancia Elías Garillete.
  Os invitados, “muchos y distinguidos”, foron esplendidamente obsequiados na casa das tías de Elena. A continuación os xa esposos sairon de lúa de mel para Vigo, Madrid e outras cidades.
 
 
Á volta vivirían en Ordes, en Alfonso Senra 76, e o seu matrimonio foi longo pero sen descendencia. Ángel Concheiro foi secretario de diversos concellos como Laracha, Mesía, O Pino... ata que nos 60 traballou no de Ordes. En 1965 foille concedida a distinción de Comendador da Orde do Mérito Civil. En 1967 pasou a traballar na Coruña, primeiro como oficial maior do Concello e secretario interino, para rematar logrando a praza en propiedade no ano 1969. Os anos 70 nos que o seu irmán Antonio estaba na Deputación e el no Concello da Coruña foron os de maior poder e influencia da familia Concheiro.
 
  Xubilouse en 1977 e morreu en xaneiro de 1993 aos 83 anos de idade, estando soterrado no panteón familiar do cemiterio do Piñeiro. Elena Blanco aínda viviu outros 14 anos máis (m.2007) chegando aos 97 anos de idade e os seus restos repousan na vila onde naceu, Corcubión.
 
  Aquel ano 1940 tamén houbo boas novas para a rama dos Concheiro García, pois en decembro Gumersindo Garrido, representando a Rosa Justo, nai do médico coruñés Máximo Cortizo Justo, pediu para este a man de Mª de los Ángeles Concheiro García. A voda xa tería lugar en xaneiro de 1941 na capela do Pilar en Santiago, sendo padriños  María Concheiro García, irmá maior da noiva, e o seu marido José González Criado.

miércoles, 15 de diciembre de 2021

Javier Veiga López

 
Durante os últimos 30 anos do século XX era imposible vivir en Ordes e non coñecer a Javier Veiga. Víase en todos os eventos, organizando ou simplemente botando unha man porque, como escribiu Xorxe de Xan Ferreiro: «O seu era participar na construción de pequenas obras que chegaron a ser grandes no eido da cultura que tiña lugar en Ordes, fosen as que fosen. Aí sempre estaba él. E o mais importante, nunca lle dixo que non a alguén que precisase da súa axuda».
 

  Os Veiga eran unha familia de boa posición no Ordes dos anos 30, que vivían no que hoxe son os Parques Municipais. Eran cinco irmáns: María (1896-1982), Élida (?), Ramón (1907-1980) que foi axente xudicial na Laracha, Amalia (1910-1995) e Celestino Leandro Veiga López (1912-1985), secretario do xulgado de Ordes. Este último casou con Adela Maroño Rodríguez de Sar coa que tivo 4 fillos, e remataría por establecerse na Coruña.

 

 Javier naceu o día 5 de setembro de 1940, fóra do matrimonio, feito entón moi habitual. A súa nai, Amalia Veiga López (1910-1995), tivo un quiosco na alameda onde vendía froita e lambetadas, e logo un ultramarinos nos baixos da Casa do Concello. Co tempo fixo unha casa no Recreo 14, a carón do Bar Puente, onde tamén viviu a súa irmá María.
  Cando era apenas un adolescente, Jaime comezou a traballar, sempre vinculado á Administración: na Extensión Agraria, no Xulgado e no Concello, onde foi responsable do departamento de Censos e Quintas.
 
  Casou cunha moza dunha coñecida familia do Piñero, Concha Noya Villaverde, coa que tivo catro fillos: Elena, Javier, Pablo e Jorge.
  Paralelamente participou en todas as actividades que tivesen que ver coa vida social do concello.
  Afeccionado ao fútbol como case todos, xogou na "SD Órdenes" e logo, nos anos 70, sendo presidente Jaime Ferreiro do Ramecho, ocuparía o posto de tesoureiro para rematar presidindo el mesmo o club en agosto de 1980.
 
  Foi tamén delegado da OJE, impulsor da Festa do Queique e do Bolo Preñado, organizador da primeira Xura de Bandeira do Tercio Norte de Infantería de Marina en homenaxe ao Soldado Lois, socio de "Sementes do Arte" (era un dos 4 bailaríns varóns que estiveron na 1ª mítica actuación do grupo en 1970 na Alameda xunto con Verea, Marcial e Galán) e correspondente do xornal El Ideal Gallego e de emisoras de radio. Polo seu traballo como presidente da Cruz Vermella recibiu en decembro de 1992 unha medalla de prata en Madrid.

 

 
E por suposto colaborou en toda canta procesión, cabalgata, festa de Entroido ou celebración que houbese, normalmente de mestre de cerimonia.
  Ah! e tamén foi posiblemente o primeiro ordense que saiu en televisión, pois participou nun concurso que patrocinaba a empresa "Gallina Blanca", emisión que concentrou a toda a xente da vila nos bares que tiñan televisor.
  Morreu na madrugada do luns 15 de abril do ano 2004 no Hospital Universitario de Santiago onde estaba ingresado, despois de padecer varios meses unha grave doenza.
FONTE: Xorxe de Xan Ferreiro

 

  Nos primeiros anos 70, cando aínda asistía á misa dominical, o cura don José Fernández Fuentes estaba dando o sermón (que como de costume eu non atendía, ocupado en contar as pedras da bóveda). Segundo oín despois parece que aludiu a unha persoa moi querida na vila, o que molestou enormemente á maioría dos oíntes. Un home levantouse e abandonou a igrexa en silencio pero ostensiblemente enfadado. Cando rematou a misa e saiu a xente, vin que moitos se achegaban a felicitalo. Ese é o meu primeiro recordo de Javier Veiga.
  
Unha das moitas comisións nas que estivo Javier Veiga, neste caso a do ano 1974. Preme para ver a imaxe máis grande.

sábado, 11 de diciembre de 2021

A movida: os anos 80

DAS SALAS ÁS DISCOTECAS
  Mentres en Ordes e comarca os 70 eran os tempos das salas de festas, na cidade de New York, a capital do mundo, aparecían os clubs onde os gais ao principio e logo a mocidade en xeral se reunía para bailar. Estes lugares acabáronse chamando discotecas e deron lugar a un movemento musical derivado do soul e do funky, especificamente pensado para as pistas de baile, que se coñeceu como música disco. 
  A popularización mundial do fenómeno propiciouna en 1977 a película "Saturday Night Fever" con música dos Bee Gees e protagonizada por John Travolta. Imposible naqueles tempos atopar alguén que non tivese oído e tarareado o machacón "Ah, Ah, Ah. Stayin' alive. Stayin' alive".
 
  E... sorpresa! Ordes agora estaba á vangarda. Só un ano despois, en xullo de 1978, apareceu a primeira discoteca da vila na Rúa Mediodía. Os empresarios eran emigrantes retornados de Arxentina, os irmáns Lolo, Ramón e José Antonio Gómez de la Iglesia, que xunto ao seu primo Ramón puxeron en marcha o local. O sonoro nome Bariloche foi tomado da turística cidade arxentina.
 
 
  Non moito despois Juan Manuel Louro Candal abriu a discoteca Tebras no Recreo e disputou unha breve batalla con Bariloche por gañar o favor do público, pero xa no ano 1981 tivo que asumir a derrota. Quedou reducida a un "after hours" e conformouse cos clientes máis noctámbulos. Anos despois cambiaría o seu nome a Foxos e seguiu sendo o lugar que pechaba a noite. Curiosamente durou moito máis tempo que Bariloche.
 
 
  Fóra da comarca apareceron grandes salas de festas que aos poucos fixeron a transición a ser o que se chamou "macrodiscotecas". En 1979 naceu Chanteclair en Valga, en 1980 inaugurouse en Touro Dona Dana (que en 1992 converteuse en plató do "Luar" da TVG) e en 1981 Lennon na Estrada. Ademais de ser bastante visitadas, especialmente Dona Dana por mor da súa proximidade, eran moi famosas polas súas pegañentas cuñas publicitarias na radio. Aínda hoxe non esquecín: "Chantecler ¿Te trisca la idea?" ou "Dona Dana, tu macrodiscoteca en Touro". 
 
  Así que a principios dos 80 a situación en Ordes era a seguinte: una exitosa sala de festas Órdenes 2000 que abría normalmente os domingos, outra sala, Josfer no Mesón do Vento, que tamén tiña bastante publico (sobre todo da súa zona) e dúas discotecas novas do trinque, a concorrida Bariloche e a minoritaria Tebras
  Podemos engadir en Herves a discoteca King's que abriu en febreiro de 1982 e que era frecuentada sobre todo por xente de Carral pero á que se achegaban tamén algúns ordenses.
  Ao principio a nova moda non afectou demasiado ás salas porque o seu día forte non era o mesmo nin tiñan o mesmo tipo de clientela, máis verbeneira e latina unha contra outra máis intelectualoide e "moderna".
  Non obstante Órdenes 2000 xa chegara ao seu punto álxido nos anos 80-81. A partir de aí comezou a decadencia, tendo cada vez menos xente. As orquestras ían sendo cada vez máis mediocres e as actuacións de famosos cada vez máis espaciadas (un dos últimos foi Bigote Arrocet en 1987). Moar intentou aguantar facendo ceas baile nos derradeiros tempos pero en 1989 tivo que tirar a toalla e pechar a sala.
  Polo contrario Bariloche viviu unha década de éxito. Repleta os sábados e con bastante xente os domingos, que ademais consumían en cantidades industriais. Isto aumentaba exponencialmente en festas e vésperas de festivos. Por se iso fose pouco, a partir da metade dos 80 a súa sesión de tarde dominical concentraba á clientela máis nova que abarrotaba o local (aínda que non gastase tanto como a adulta).
 
  Outro aspecto do cambio que houbo foi a aparición dos primeiros pubs a mediados da década. Os pubs naceron coa intención de captar clientela xuvenil, diferenciándose claramente dos bares existentes ao ofrecer música e pista de baile cunhas consumicións algo máis caras. Foron bastante exitosos, aínda que a pista de baile acabou sobrando porque ninguén a usaba. Como tamén era a época na que empezaban a funcionar os videoclubs, aqueles primeiros pubs acabaron servindo para que a mocidade vise neles as películas de éxito como sucedáneo dos cines.
  O primeiro destes pubs foi Arcos na Rúa Nova. Os empresarios eran Manuel Liste Varela (1958-2018), fillo dos propietarios do Bar Puente, e o arquitécto técnico José Manuel Mirás García. O local pasaría por varias mans e aínda pervive. Moi pouco tempo despois Juan Francisco Abeijón Casas, antigo pinchadiscos de Bariloche, montou o pub Kilé que foi moi exitoso e que pechou cando el se dedicou á radio local. O terceiro foi o pub Kronos na Rúa Mundito, caso extraordinario porque leva máis de 3 décadas co mesmo dono, José Antonio Castro Fernández (tamén son remarcables os 19 anos, desde xullo de 1992, que botou alí como camareiro José Luis Bermúdez Landeira). 
 
  Rematou o ano 1989 con Bariloche dominando a noite ordense, pero un cambio desmesurado estaba á volta da esquina: as dúas seguintes décadas foron a era de LP 45.

lunes, 6 de diciembre de 2021

O ano 1940

   A palabra máis oída no ano 1940 foi Blitzkrieg "guerra lóstrego". Coas mans libres grazas ao seu pacto con Rusia, que aproveitou para reanudar as hostilidades con Finlandia, Adolf Hitler, no cumio do seu poder, invadiu en abril Dinamarca e Noruega, logo en maio Holanda, Bélxica, Luxemburgo e Francia. Só esta última resistiu lixeiramente pero en xuño o goberno do mariscal Pétain pediu o armisticio. El quedou ao mando do sur de Francia (Réxime de Vichy), mentres o norte foi ocupado. O xeneral Charles de Gaulle, descontento coa rendición, fundou o movemento "France Libre". Mentres, no RU, o novo primeiro ministro Winston Churchill proclamou no célebre discurso «Finest hour» a súa vontade de resistir. En agosto comezou a loita aérea nos ceos de Inglaterra e a guerra foise estendendo ao Mediterráneo e África. En setembro Alemaña, Italia e Xapón firmaron o Pacto tripartito. En outubro Hitler entrevistouse con Franco en Hendaya, pero este declinou participar na guerra, en novembro tamén se viu con Molotov en Berlín por mor do deterioro das relacións coa URSS.

  A desolación europea contrastaba coa situación nos USA onde aquel ano nacían Bugs Bunny, Tom & Jerry e o 1º «McDonald's» en San Bernardino (California) aberto polos irmáns Dick e Mac McDonald. Tamén era o ano onde Walt Disney estreou "Phantasy" e o do Pulitzer para John Steinbeck con "The Grapes of Wrath", concluíndo coa 3ª reelección de Franklin Delano Roosevelt.

 

ESPAÑA DESPOIS DA GUERRA

  En España, ademais desa entrevista de Hendaya que puido cambiar o destino do país, Franco enfrontaba dous problemas: por unha banda sentar as bases para o seu réxime e por outra loitar contra a mala situación económica.

  Así, en xaneiro promulgouse a lei de Unidade Sindical que creou a OSE (máis coñecida como "Sindicato Vertical"), en febreiro restableceuse o Consello de Estado e en decembro naceu a organización Frente de Juventudes para adoutrinar á mocidade. Paralelamente continuouse coa represión (fusilamento de Lluis Companys en outubro) promulgando unha lei contra a masonería, o comunismo e demais movementos «que siembren ideas disolventes contra la religión, la Patria y la armonía social».

  No ámbito económico España vivía as secuelas da Guerra Civil: o desabastecemento provocado pola cantidade de campos de cultivo arrasados durante a contenda e o illamento comercial máis a falta de diñeiro. A inflación (do 40 % en zona nacional, pero máis de 1000 % na republicana) arruinara a gran parte da poboación. Por enriba o clima non axudaba e a colleita de trigo dese ano foi de só 2,16 millóns de toneladas (cando antes da guerra chegaba aos 4 millóns). O goberno estableceu un ríxido control de prezos para os produtos básicos e, coma sempre que isto sucede, disparouse o mercado negro (o "estraperlo"). O 30 de setembro naceu a Fiscalía Superior de Tasas, organismo que foi o pesadelo dos comerciantes e campesiños durante a década dos 40, pero que non logrou nunca conter aquel mercado ilegal, propiciado pola fame, e que foi orixe de fortunas millonarias.

  Pero nin nos momentos máis duros faltou algo de alegría: ese ano 1940 naceu a revista "Semana" e a xente puido ver "La Dolores" ou "La alegría de la huerta" (dúas películas de enorme éxito) e oír por primeira vez "El concierto de Aranjuez" de Joaquín Rodrigo.

 

  En Galicia, que tiña entón 2,5 millóns de habitantes, comezaban os chamados con razón anos da miseria, agravados pola mala colleita de trigo. En abril prohibíase a venda e o consumo de carne os xoves, venres e sábados (agás a de ave) pero pola contra restableceuse o libre comercio de patacas. En setembro emitiuse unha "severa orden circular encaminada a la supresión del comercio clandestino de artículos de 1ª necesidad, vulgarmente conocido como estraperlo" que incluía vixiancia preto dos almacéns, comercios, etc. En outubro a Fiscalía Provincial de Taxas da Coruña recordaba aos comerciantes a necesidade de ter etiquetas cos prezos ben á vista. Claramente todas estas disposicións non lograron solucionar o problema, visto a enorme cantidade de multas que se emitían. Aínda así houbo algunha boa noticia como o nacemento da 1ª fábrica de Calvo en Carballo.

 

E que pasaba en Ordes?
Pois iniciouse a construción da reitoral, restaurouse a igrexa parroquia e Ramón Carro Fernández (1902-1979) deu inicio á súa empresa de obras, a futura CRC. Ademais...
XANEIRO: Morreu aos 36 anos Josefa Rodríguez Vázquez, muller de Manuel Martínez del Río (Lelo do Rei de Vilaverde m.1984). En Buscás faleceu Pedro Calviño aos 44 anos e en Montaos Manuel Gómez Figueira aos 76 anos.
FEBREIRO: Nomeado mestre substituto en Leira (con 2000 pts de soldo) Gabino Oliveira Rodríguez. Nomeado notario Salvador Freijedo.
MARZO: Voda de Ángel Concheiro con Elena Blanco Abella. Faleceu José del Río Martínez, ex-capitán da Garda Civil, con 76 anos no Mesón de Deus. En Buscás morreu Ramón Fuentes Calvo.
ABRIL: Como consecuencia da xubilación de Ramón Abeijón Sánchez foi ascendido a 1º oficial do xulgado Andrés Blanco del Río e a 2º Ricardo Rivas Vaamonde (ex-combatente, sarxento provisional e cuñado de Manuel Ponte). Explanación do cemiterio para facer o tramo sur da muralla. Reparto de 36 traxes aos asistentes ao comedor social. Reparto de trigo arxentino aos que non o cultivaron a prezos económicos. Morreu María Méndez Cebreiro, muller de Manuel Candal Veiras (m.1963),
MAIO: No Mesón do Vento instalouse unha vella emisora Lorenz que fora usada en Salamanca e Burgos e que transmitiu desde o 30 de maio de 1940 (os estudios estaban na terraza preto do porto da Coruña e a primeira emisión foi unha gala no Teatro Rosalía coa actuación da Coral de Pontevedra e o pianista José Cubiles). Inhabilitado e suspendido de emprego e soldo o mestre José García Fernández a pesar de levar morto desde febreiro de 1937. Deixouse sentir o desabastecemento de alimentos que foi paliado polo Concello distribuíndo pan arxentino (e portugués), e requisando trigo nos arredores para vendelo a prezo de taxa. Ordes, de todas formas, cos seus moitos veraneantes, era dos lugares onde menos escaseza se notaba. Epidemia de Viruela en Pereira.
XUÑO: Morreu o neno Antonio Abeijón Amado.
XULLO: Confirmado no seu posto o mestre de Ardemil Manuel Barbeito Ramos. Morreu o patriarca dos Faberos Juan Ferreiro Franqueira aos 70 anos.
AGOSTO: Liorta en Ardemil que deu no hospital co matrimonio formado por Andrés Gª López (44 anos) e Elena Candal Sanjurjo por pelexarse cuns veciños (sería a calor do momento!). Nomeado rexistrador da Propiedade Jesús Pintos Vázquez Quirós e xuíz suplente do partido Celestino Leandro Veiga López. Morreron Severina Rodríguez N de 22 anos e María Iglesias de 37 no Hospital de Santiago. Faleceu Manuela Faya Fernández, muller do Capitán.
SETEMBRO: Novenario á Virxe de Lourdes custeado por Purificación Rendueles, viúva de Varela Tojo.
OUTUBRO: Despois dunha visita a Santiago Lorenzo Villalonga Lacave, xefe provincial do Movimiento, detívose en Ordes e charlou coas autoridades comarcais.
NOVEMBRO: Nomeado rexistrador da propiedade Manuel Conde Pumpido. Faleceu o reloxeiro e ex-xuíz municipal Manuel Pérez Rivas aos 62 anos. Morreu no manicomio de Conxo Juan Botana Viqueira de 61 anos.
DECEMBRO: Pedida de man de Ángeles Concheiro García para o médico Máximo Cortizo Justo. Traslado do sacerdote don Juan Simal Fernández que deixou a parroquia de Mercurín onde levaba 13 anos para facerse cargo da de Montaos (e máis a de Pereira que estaba anexa) pola marcha de don Manuel Turnes a Visantoña. Unha festa en Rodís (Cerceda) sufriu a inevitable liorta entre mozos locais e de Montemaior. Esta vez foi máis grave do habitual rematando con dous mortos por arma de fogo. O Concello acordou o arranxo do camiño a Curtis. Novas estafetas de correo na comarca en Breixo, Trazo, Céltigos, Cumbraos, Visantoña e a Pobra con carteiros (ex-combatentes) que sairían todos os días da de Ordes. Faleceu o xoven Gumersindo Iglesias Barbeito, sobriño do coadxutor Domingo Barbeito Veiras.
  E como non, longa restra de multas, cunha especialmente sorprendente, a de Ángel Figueira por levar os cans sen bozal.

MARZO: 100 pesetas a Antonio Rivas Couto Casabella (infracción no peche do establecemento). 25 pesetas a José Franqueira Recouso, Manuel Fernández Castro, Benito García Varela e Valentín Lois del Río (escándalo). 100 pesetas a Juan Iglesias Rivas (exercer coacción e blasfemia).
ABRIL: 100 pesetas a Domingo Vieites Álvarez, marido de Ramona Faya (infrinxir a normativa de transporte). 50 a Modesto López Aparicio e Manuel Gómez González (viaxar sen salvoconduto). 50 a Andrés Martínez e 25 a Francisco Regos Golán (Embriaguez).
MAIO: 100 pesetas a Purificación González Paredes (escándalo e malos tratos). 50 a Benita Pena Martínez (embriaguez). 25 a Ángel Figueira Juncal (levar os seus cans sen bozal).
XUÑO: 50 pesetas a Antonio Álvarez Cotovío (levar viaxeiros sen salvoconduto). 10 a Manuel Linares Ramos, Manuel Viqueira Conde, Manuel Souto Gómez, Manuel Manteiga Suárez e Rafael Moar Lata Tierra Tiembla (viaxar sen salvoconduto).
XULLO: 100 pesetas a Carmen Martínez, José Villaverde Veiras, José Ferreiro, Pedro Vieites, Manuela Vieites, Amalia Mirás, Etelvino Riande e Josefa Bello, viúva de Grela (venta de leite a prezo superior ao da taxa).
SETEMBRO: 200 pesetas a José Gonzalez Louro (escándalo e blasfemia). 50 a Jesús Liste Caamaño (escándalo).
NOVEMBRO: 250 pesetas a Manuela Louro Garaboa e María Prado López (venda clandestina de xabrón). 50 a Rosario Gómez Gómez, Jesús Vázquez N e María Veiras (escándalo).