viernes, 17 de mayo de 2024

Homenaxe a Carnota (1955)

 
O domingo 9 de outubro de 1955 celebrouse en Ordes un acto en homenaxe á figura do xornalista Vicente Carnota, con motivo do seu centenario. O gran xornalista ordense naceu o 7 de outubro de 1855 e inicialmente a celebración estaba prevista para o día 7, pero ao cadrar esa data en venres dificultaba a asistencia, así que foi posposta dous días.
  Se a homenaxe que se lle tributara en 1925 (en novembro, por culpa de retrasos na fundición da estatua) fora un enorme evento que reuniu a gran cantidade de membros da cultura galega, a de 1955 foi unha pequena decepción.
  Mentres en 1925 o recordo da figura de Carnota estaba moi presente, 30 anos despois xa se esvaecera nas persoas máis novas. Contribuíu a iso que xa non quedaran parentes seus na vila, pois a súa sobriña, Piedad Carnota Soto, morrera solteira 6 meses atrás.
 
  Os actos iniciáronse cunha misa celebrada na igrexa parroquial ás 12 da mañá. A continuación os participantes achegáronse á estatua do prócer que naqueles tempos estaba no sur da Alameda.
  Alí descubriuse unha lápida* na que se copiaba un párrafo dun artigo de Carnota publicado no xornal El Eco de Santiago o 21 de decembro de 1918:
  "Llevado de inquietudes tan vivas como inexorables, anduve siempre por el mundo, no como las golondrinas sus primaveras, sino como las gaviotas sus días crudos y sus tempestades".
  Fixo uso da palabra o catedrático da Facultade de Dereito Paulino Pedret Casado, promotor do acto, que recordou a aportación de Carnota ao xornalismo. Contestou logo o alcalde Juan Liñares Castro agradecendo a homenaxe que lle tributaban a un fillo da vila ordense.
 Asistiron algunhas personalidades das letras e os fillos do xornalista, xa septuaxenarios, que vivían en Santiago, pero o pobo ordense apenas participou.
 
* Esa lápida perdeuse nun traslado da estatua (quizais se rompera) e agora non forma parte do monumento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario