O ano 1947 foi o de maior actividade
guerrilleira na comarca de Ordes. Durante o primeiro trimestre ata catro homes caeron baixo as balas dos "foucellas".
A resposta da Garda Civil non se fixo esperar e o día 21 de abril a réplica foi
profunda e dolorosa. O propio líder da IV Agrupación, Manuel Ponte, sería abatido na súa aldea natal.
O suceso foi
tan notable que ata apareceu na prensa do día seguinte, aínda que todos os
xornais, perfectamente instruídos, publicaron exactamente a mesma nota,
variando unicamente o encabezado. Por suposto aludíase aos guerrilleiros como
vulgares criminais, pero o feito de mencionar os "sellos" do grupo xa
daba unha pista de que non era exactamente así.
Tres
atracadores muertos, en la comarca de Órdenes
Por el Gobierno civil ha sido facilitada la
siguiente nota:
“En una batida dada por la Guardia civil de esta
Comandancia fueron muertos en el lugar de Fontao (Frades) los bandoleros
Manuel Ponte Pedreira, que se titulaba “jefe” del grupo de bandoleros; y dos
atracadores más, que hasta el momento no han sido identificados. Fueron
recogidos un subfusil, un mosquetón, tres pistolas del nueve largo, una bomba
de mano, municiones, sellos del expresado grupo y documentación.
La Guardia civil, por su parte, no ha
tenido que lamentar ninguna baja.”
|
Días antes do 21, a
Garda Civil xa sabía por algún informante que un grupo de guerrilleiros ao
mando de Manuel Ponte estaba no Fontao, a súa aldea natal, recadando fondos.
Lentamente os gardas fóronos cercando,
colocando efectivos nas localidades próximas. Esta actividade obviamente non
pasou desapercibida para os paisanos entre os que había simpatizantes de
esquerda e por forza tiña que chegar ao grupo. Pero en lugar de tentar romper o
cerco inmediatamente, Ponte, que era moi meticuloso e tiña demasiada confianza
en si mesmo, decidiu poñerse a queimar documentos comprometedores. Hai quen opina que, de non entreterse na destrución
deses papeis, probablemente lograra salvarse.
Antes do amencer, deu orde aos seus
compañeiros de saír e dispersarse, mentres el os cubría. Só dous* lograron
burlar o cerco: Emilio Pérez, e Juan Couto Sanjurjo.
Os outros dous, Manuel Díaz e Manuel Rodríguez, foron abatidos. As versións máis fidedignas contan que foron rodeados nunha casa e que, logo dun breve tiroteo, Ponte saíu pola porta disparando unha metralleta e foi esconderse detrás dun carballo, quedando entre dous fogos. Alí foi rematado polos disparos dos gardas que chegaban desde varias direccións. Algúns relatos precisan que a súa arma se trabou e que a quixo recargar cos dentes, pero iso debemos situalo no terreo da lenda.
Manuel Díaz Pan Rogelio (1918-1947), fillo de
Manuel Díaz Rodríguez e de Carmen Pan Riobóo, naceu en San Pedro de Nós
(Oleiros), pero viviu nos Castros na Coruña. De oficio carpinteiro, foi
militante nun sindicato anarquista da CNT, pero posteriormente mudaría as
súas simpatías cara ao comunismo. Non obstante na Guerra Civil ter que loitar
no bando franquista, na posguerra integraríase na IV Agrupación do Ejército Guerrillero. Tamén un dos
seus irmáns, José Mª Díaz Pan, foi guerrilleiro e morreu probablemente a mans
dalgún compañeiro comunista.
Manuel
Rodriguez Suárez o Asturiano (1928-1947), contaba apenas 19
anos e a pesar diso xa tiña dentadura postiza. Membro do destacamento Manuel
del Río Botana da IV Agrupación, as balas rebentáronlle o cranio moi lonxe do seu lar.
|
Os tres serían soterrados na terra no
cemiterio de Abellá. Posteriormente a familia de Manuel Díaz pediu permiso para
desenterrar os cadáveres e metelos en féretros. Logo serían introducidos nuns
nichos da familia Pedreira no mesmo cemiterio.
A morte de Ponte foi un golpe letal
para a guerrilla. Non só perdeu ao seu líder máis preparado, senón que case
toda a súa rede de enlaces (tanto na comarca de Ordes como en Bergantiños)
quedou desartellada.
Efectivamente, a queima de papeis, que
quizais lle custou a vida a Ponte, foi totalmente inútil porque os gardas ao
rexistralo atoparon unha axenda e varios documentos onde había máis de 60 nomes.
Pronto todos estarían no cárcere e a finais dese mesmo ano enfrontarían un consello de guerra nos tribunais
franquistas.
* Algunhas fontes din que tamén estaba alí e fuxiu Florentino Menéndez Tino o Asturiano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario