viernes, 2 de septiembre de 2016

Saturnino Aller Rodríguez

  Saturnino Aller naceu en Mesía a mediados do século XIX, no ano 1852. O seu pai don Juan Aller Carro, home de posición que foi brevemente recaudador de contribucións do partido de Ordes en 1888, casou con dona María Rodríguez e tiveron varios fillos, entre eles Pedro e Domingo Enrique. 
  Saturnino estudou dereito en Santiago de Compostela e decidiu dedicarse á política. Entre o seu poder económico (era un rico propietario) e a súa habilidade para moverse por augas turbias pronto se converteu no home forte do distrito de Ordes, substituíndo a Antonio del Río.

  En 1888 foi elixido como deputado provincial (despois dunhas polémicas eleccións nas que del Río non logrou a praza ao quedar 5º en votos), iniciando a súa presencia case permanente nesta institución.
  Aínda que sempre estivo dentro da órbita liberal ("fusionista" como dicían entón) non tivo ningún problema para aliñarse e votar na Deputación cos conservadores cando era necesario ou lograr a elección en Ordes do conservador Manuel Linares. Famosa foi a súa frase "Conste que ustedes -los liberales- me han empujado a ello".
  Ao longo dos anos, o seu enorme poder provocou críticas constantes, sobre todo no bando conservador. As comparacións cos nobres mediavais estaban á orde do día ("feudal de horca y cuchillo"). Unha das críticas máis divertidas é esta felicitación polo seu aniversario -2 de outubro- escrita en latín macarrónico por Vicente Carnota no xornal ordense "El Terruño":

     Tenete Saturnos, bonisimas pascuas;
     Bonisima vita, bonisima pata, bonisima panza;
     Bonisimas ascuas, bonisimas ubres, cun bonas carpantas.
     ¿Quoc gentibus falant e "Terruñus" chillat,
     Et petreas cun gentibus, protestant e clamant?
     Tu come, bebe et ride, et casus non fagas,
     Que de multos bolsos, multos cartos gardas.
 
  Pero el seguía ao seu e tal era a súa ostentación que en 1904 no funeral do seu pai celebrado na igrexa de Ordes había ... 50 sacerdotes!
  En 1905 chega o momento máis singular da súa biografía. Descontento do candidato oficialista que lle impuxeron, don Joaquín Peña Faílde, decidiu gañar as eleccións el mesmo (e non se quedou curto: máis de 5.000 votos sobre uns 7.000, case un 75 % de votos co su nome). O escándalo foi monumental. Eugenio Montero Ríos estalou de indignación pero todas as presións foron inútiles e Aller tomou posesión da súa acta de deputado en Madrid.
  Custoulle caro. Inmediatamente Rafael Gasset "derruboulle" todos os concellos, é dicir, mandou quitar deles todos os seus afíns e poñer nova xente.
  Saturnino aprendeu polas malas que Madrid no era o seu. Despois de 1907 aplicouse en volver a recompoñer a súa destrozada rede clientelar e pronto o logrou. Nas eleccións de 1910 para substituír ao conservador José Lombardero, empregou todas as súas (malas) artes e logrou a victoria do "cunero" liberal Joaquín Chapaprieta en lugar do conservador galego Julio Wais.

  A partir de aquí todo foi sen sobresaltos. Entre 1915 e 1919 foi Presidente da Deputación Provincial. Tivo o detalle de ceder os gastos de representación (5.000 pesetas) aos nenos da inclusa da Coruña. Tamén, anos atrás, cedera pola metade do seu valor os terreos onde se fixo o colexio da Guarda (en realidade os terreos eran da súa muller, Carlota Pequeño Amado).
  O seu dominio sobre o distrito era tan grande que un par de veces gañou as eleccións polo artículo 29 (o candidato único era elixido automaticamente). Nos últimos anos tivo unha gran compenetración co candidato vigués Alfonso Senra, xunto co que acadou moitas melloras para a vila.
  En abril de 1923 non puido asistir a unha homenaxe a aquel por sentirse indisposto. Morreu na cama catro días despois. O seu enterro foi unha multitudinaria manifestación de dó. Sen fillos propios (tiña dous fillastros do anterior matrimonio da súa muller: Carlos -alcalde da Coruña en 1917- e Manuel Puga Pequeño), os seus herdeiros foron os fillos do seu irmán Enrique: Jesús Aller e Ramón María Aller (sacerdote e astrónomo que con esta herdanza financiou o seu observatorio). Podemos dicir que a súa morte foi no momento preciso. Só catro meses despois chegaba o pronunciamento de Miguel Primo de Rivera e o inicio da súa ditadura que marca o final do espírito da Restauración.


  No ano 1923 púxoselle o seu nome á rúa do Recreo pero a ditadura franquista cambiouno polo de José Antonio. Nisto podemos ver un símbolo do esquecemento que tivo a súa figura, porque Saturnino Aller é o gran descoñecido da historia ordense a pesar de que dominou durante 30 anos! os destinos da comarca. Quedou en terra de ninguén: desprezado pola esquerda republicana e pola dereita franquista que odiaba os partidos e o parlamentarismo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario