OS ANOS DA MISERIA
Os 40 son lembrados como os anos da miseria.
Unha testemuña de primeira man, o meu pai, que tiña 8 anos en 1940, contábame:
"Na nosa casa sempre tivemos algo que comer pero quedei aburrido de tanto
caldo e broa. O pan branco de trigo só o comiamos nas festas e era para a min
coma un pastel". O mesmo pasaba en moitos fogares de Galicia, rexión que
podía considerarse privilexiada porque non sufriu os estragos da guerra e
porque a maioría dos seus habitantes eran pequenos campesiños que tiñan algunha
terra na que podían plantar algo que comer.
Moito peor era a situación nas cidades e na antiga
España republicana, que si sufriu destrucións bélicas e que quedou chea de
xente arruinada pola anulación do valor da súa moeda. Ademais as zonas latifundistas
estremeñas e andaluzas xa eran historicamente os lugares máis afectados pola
fame no país.
O ano máis terrible foi 1941 en que se rexistraron 1.093
mortos por inanición. Hai que precisar que un morto por inanición supón a
existencia de centos de persoas con graves carencias nutricionais e outras
moitas mortes engadidas provocadas por enfermidades derivadas desa falta de
alimentos. Como vemos na ilustración, o total de defuncións do ano 1941 foi o terceiro máis alto do século XX,
superando a tres anos en que houbo guerra e só por baixo de 1938 (1.111 mortos por inanición, a
maioría en zona republicana) e do pavoroso 1918,
o ano da gripe.
Non obstante o número de defuncións anuais
foi descendendo de forma sostida ao longo da década a pesar de que a poboación
pasou de 26 millóns de habitantes en
1940 a 28,1 en 1950. Só houbo un repunte en 1946 (1.120 mortos por inanición),
momento en que comezou o bloqueo decretado polos aliados ao acabar a 2ª GM.
Despois de 1946, co rompemento do bloqueo por Arxentina, a situación mellorou
novamente.
Foron anos
da miseria polas penalidades que pasaron amplas capas da poboación española
pero a fame non comezou nesta época. O número de defuncións anuais foi moi
superior nos anos 30 (os anos da República) a pesar de que a poboación roldaba
os 24 millóns de habitantes. En
Europa as cousas non ían moito mellor por mor da guerra. De feito no sur de
Francia había máis miseria que en España nos primeiros 40. En 1948 Os Estados
Unidos, temendo que a pobreza europea fose un viveiro para os partidos
comunistas, activou o Plan Marshall
que permitiu a reactivación económica e o afastamento do perigo revolucionario.
España non entrou neste plan pero aínda así a mellora da súa economía nos
últimos 40 foi notable, chegando por fin en 1951 a recuperar o nivel de
ingresos de 1935, anterior á guerra.
CARTILLAS DE
RACIONAMENTO
O elemento máis usado nos 40 foron as
cartillas de racionamento. Aínda que se asocian coa posguerra e o franquismo,
naceron en 1937 na zona republicana
co goberno de Largo Caballero, pero logo permaneceron en España desde 1939 a
1952.
O réxime franquista impuxo un sistema de control sobre a produción de
alimentos. Estes éranlles requisados aos
agricultores e gandeiros por un prezo fixo (bastante reducido) e logo distribuídos a través das cartillas. A
Comisaría Xeral de Abastecementos establecía cada semana de forma pública a
porcentaxe, cantidade e prezo dos alimentos ofertados. Cada cidadán tiña
asignado o provedor ou tenda de comestibles que podía usar.
Os alimentos eran
150 ou 200 gramos
de pan negro (o branco era artigo de luxo), carne, patacas, legumes e arroz así
como algo de leite e aceite (na Galicia rural moitos non o usaran na súa vida e
coñecérono co racionamento). Tamén había produtos de primeira necesidade como o
xabón e o tabaco. Aínda así non sempre estaban todos dispoñibles (especialmente
carne, leite e ovos) e nas cidades as colas eran longas e algunhas veces
conflitivas.
Nos primeiros anos as cartillas eran
familiares, pero despois foron individuais e diferenciadas en categorías por sexo, idade e
tipo de traballo. As mulleres e as persoas maiores tiñan dereito a un 80 % da
ración dun home adulto e os menores de 14 anos un 60 %. A escasa cantidade de
alimentos deu lugar a todo tipo de trucos para lograr máis comida: falseábanse
ou duplicábanse as cartillas de homes, borrábanse con faragullas de pan os selos
dos cupóns e ata se ocultaban mortes na familia para usar cartillas dos
falecidos.
Tamén se tentaban ocultar alimentos que se producían nas casas, por
exemplo algúns facían o pan de noite, pero se os axentes da fiscalía notaban o
cheiro comisábano. Aproveitábanse animais mortos, dábase (literalmente) gato
por lebre, facíanse "patacas ao avión" (patacas fervidas con loureiro
e colorante marca "El Avión") fumábase folla de pataca en lugar de
tabaco e substituíase o café por chicoria, de feito xente que viviu esa época,
moitos anos despois aínda non concibía tomar o café só sen chicoria.
O ESTRAPERLO
Loxicamente, como sucede en todos os países
onde se tenta impoñer un control de prezos, floreceu o mercado negro, que en España recibía o nome de estraperlo. A produción "oficial" de alimentos comezou a
baixar porque moitos campesiños, a pesar das altas multas se os collían, ocultaban unha parte
que logo vendían por un prezo superior ao da taxa. Este "estraperlo dos
pobres" non os enriqueceu pero si lles permitiu mellorar as súas
precarias condicións de vida. Logo apareceron os funcionarios que cobraban por facer a vista
gorda tanto na produción como na distribución. Pronto medrou un mercado negro
paralelo onde podían atoparse todos os produtos de primeira
necesidade e mesmo carne a prezos dous ou tres veces superiores aos oficiais. O pan chegaba a custar catro veces máis e o azucre ata cinco. Este negocio deu orixe a grandes fortunas.
Para cando Franco viu no estraperlo un problema real, a armazón de
corrupción era tan grande e estaba tan imbricada no réxime que foi
practicamente imposible de solucionar. En 1952 cando a economía xa mellorara púxose fin ao
racionamento e este foi o fin do mercado negro e dos anos da miseria.
Moi bo artigo, é importante lembrar o pasado....
ResponderEliminar