martes, 23 de agosto de 2016

1853: O ano da fame

  Parecera que o século XIX co millo e a pataca plenamente introducidos e coa súa revolución industrial en marcha (máquinas, tren, telégrafo...) debera, polo menos en Europa, deixar os episodios de fame atrás... pero non foi así. Moi ao contrario: hóuboos en moitos países e non só a consecuencia das guerras. Mundialmente famosa é a "Irish Potato Famine" (Gran Fame da Pataca irlandesa) entre 1845-1849. En Galicia, tristemente, tamén sabemos do tema porque poucos anos despois vivimos o nefasto ano da fame en 1853.

  Pero aínda que foi o peor, non foi o único. O equilibrio entre recursos e poboación era tan fráxil nesa época que a perda dunha colleita podía trastornar moitas economías e rexistráronse consecutivas crises de subsistencia. A primeira deuse xa antes da Guerra de Independencia en 1802-1804, e logo nos períodos 1812-13 e 1817-18 (o ano sen verán).
  Seguiu unha depresión xeralizada en toda Europa que fixo que os prezos baixasen. Iso prexudicou aos campesiños pois os impostos seguían igual e debían vender máis produto para custealos. Houbo novos anos de penurias: 1833, 1843 e 1847. Pero serían unha minucia comparados co que se aveciñaba.

  As fortes choivas do verán de 1852 arruinaron as colleitas, pero un ano despois en 1853... volveu suceder o mesmo! Dous anos climatolóxicos tan malos trouxeron espantosas consecuencias: As crónicas do momento falan de mortos nas rúas de Santiago, de asaltos ás tafonas, de roubos de paneiras e hórreos. Estremecen as palabras de Rosalía de Castro ao lembrar ese ano fatídico.
 
«Voy a contarte lo que presencié en Santiago en el tristísimo invierno de 1853, año fatal para Galicia, en el que el hambre hizo bajar a nuestras ciudades, como verdaderas hordas de salvajes, hombres que jamás habían pisado las calles de una población, mujeres que no conocían otros horizontes que los que se extendían ante sus cabañas levantadas en la más apartada soledad: verdaderos lobos que no abandonan su madriguera sino en los días de las grandes desolaciones. Todos los días, nuevas horas de angustia traían a nuestras plazas y calles bandas de infelices hambrientos que de puerta en puerta iban demandando pan para sus hijos moribundos, para sus mujeres extenuadas por la miseria y lo duro de la estación...».
 
  A nación enteira conmoveuse e foron chegando as axudas. Colmeiro, que estaba en Madrid, lembrou a súa condición de galego e escribiu artigos nos xornais nacionais sensibilizando á opinión pública.

  Ordes, xunto con Arzúa, Negreira e toda a comarca santiaguesa foi das zonas máis afectadas. Así o reflectía o boletín da "Junta de Caridad de Santiago" que axudaba a máis de 15.000 labradores e que alertaba de que as débedas que tiña contraído a clase media de campesiños pronto faría a súa situación "aflictiva y angustiosa otra vez".

  As consecuencias foron duradeiras e chegaron a todas as clases sociais. Foi a espoleta que iniciou o gran éxodo migratorio dos máis pobres a América, nestes primeiros anos a Cuba sobre todo. Pero tamén afectou aos rentistas que foron incapaces de recuperar os seus préstamos, aos comerciantes e aos burgueses máis débiles que viron crebar os seus negocios. En definitiva foi a maior crise que viviu Galicia no século XIX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario