Os anos 40
supoñen a formación e consolidación do réxime franquista que tivo desde o
principio uns fundamentos ideolóxicos moi claros:
Personalismo.
Franco é o "Caudillo", concentra todos os poderes e ten a última
palabra en todas as decisións. Todos lle deben "adhesión
inquebrantable".
|
Nacional-Catolicismo. "Una, grande y
libre" é o lema do escudo e do réxime. Exáltase a nostalxia da España
imperial e rexéitase totalmente a máis mínima autonomia ás rexións, que ven
desaparecer as súas linguas da vida pública. A relixión católica (na súa
vertente máis integrista) é a base da moral e da educación. O tradicionalismo
e o militarismo tamén foron valores moi queridos polo réxime.
|
Antiparlamentarismo. O liberalismo
e os partidos políticos son vistos como a causa dos males do país e quedan
proscritos. Créase un partido único e
un parlamento dirixido.
|
Fascismo e Anticomunismo. Xudeus, masóns
e comunistas eran os inimigos declarados do franquismo (os dous primeiros
máis anecdóticos). Despois da derrota alemá na 2ªGM esvaecéronse as proclamas
fascistas mentres persistiu o anticomunismo, aspecto fundamental para a
aceptación do réxime no bloque occidental.
|
Houbo moitos sectores que apoiaron ao
franquismo: a oligarquía terratenente que perdera privilexios coa 2ª República,
a alta burguesía financieira e industrial que na España republicana non dubidou
en cambiar de chaqueta tranquilamente, os campesiños de Castela e do norte de
España (pequenos propietarios de costumes católicos e contrarios ás ideas
socialistas) e as clases medias que se viron favorecidas polo réxime. Pero os altos
cargos do franquismo proviñan de catro grupos, denominados "familias", que eran o soporte do
réxime. Ao longo dos anos foi variando o seu grao de influencia segundo as
circunstancias externas e os intereses de Franco, que sempre evitou darlles
demasiado poder e buscou un equilibrio entre elas.
EXÉRCITO. Foi sempre o
principal apoio de Franco, xa que os seus membros participaron con el na
guerra (os militares republicanos foron mortos, degradados ou exiliados). Nun principio eran moi numerosos nos distintos
gobernos. A súa misión principal era defender o réxime e reprimir calquera
posible oposición.
|
FET de las JONS.
Os diversos partidos que apoiaron a Franco, tales como a Falange de Manuel Hedilla (o
sucesor de José Antonio), as JONS de Ramiro Ledesma e os carlistas de Manuel Fal Conde foron
obrigados a unificarse en abril de 1937
nun único partido. Os que se resistiron foron encarcerados ou tiveron
que abandonar a política. O home forte durante a guerra foi Ramón Serrano
Suñer, principal artífice da construción do réxime, tanto no ámbito xurídico
como político, pero caeu en desgraza e perdeu o poder que tiña no ano 1942. A evolución da 2ªGM
a favor dos aliados ocasionou que os falanxistas foran perdendo influencia.
|
A IGREXA e os
CATÓLICOS. A Igrexa foi a principal damnificada pola 2ª República. Morreron
moitos sacerdotes e foi prohibido o culto durante a guerra, así que apoiou de
xeito entusiasta ao franquismo. Como recompensa tivo moito poder
(especialmente na educación) e o monopolio da moral co dereito de censurar
libros e películas que non lle gustaban. Os católicos gañaron influencia
desde 1943, cando a perderon os falanxistas, e contaron con ministros como
Alberto Martín-Artajo.
|
OS MONÁRQUICOS. Apoiaron a
Franco, confiando en que despois da guerra sería instaurada de novo a
monarquía, pero isto non pasou ata a súa morte
|
INSTITUCIONALIZACIÓN
DO RÉXIME
Despois da unificación de 1937, Serrano Suñer o Cuñadísimo ao mando da Falange dotou dunha
cobertura ideolóxica de tipo fascista ao réxime. Apareceu o Fuero del Trabajo en 1938
que defendía o corporativismo con algúns dereitos laborais. En 1942 apareceu a Ley de las Cortes pola que
se nomeaban deputados designados a dedo e con poder unicamente consultivo. Nestes primeiros
momentos creáronse tamén varios organismos dependentes da Falange similares aos que había na Italia fascista e na Alemaña
nazi:
A Sección Femenina, desde 1937, para formar ás mulleres nos valores tradicionais.
O SEU Sindicato Español Universitario, único
legal desde 1939, co obxectivo de manter aos estudantes universitarios dentro
da ideoloxía do movemento.
A OSE Organización Sindical Española, no 1940, tamén chamada "sindicato vertical",
formada por representantes sindicais designados polas autoridades, polo que
desde logo non eran moi reivindicativos nin daban problemas.
E Frente de Juventudes, no 1940, que organizaba actividades e excursións mentres
que adoutrinaba aos mozos.
Xa sen a intervención directa da Falange,
apareceron en 1945 o Fuero de los Españoles, unha teórica
declaración de dereitos e deberes impregnada de moral tradicionalista, e a Ley
de Referendum. En 1946 apareceu a Ley de Sucesión del Estado, onde
España era declarada "Reino"
pero Franco reservábase o dereito de nomealo, o que supuxo unha gran decepción
para os monárquicos "donjuanistas".
ADOUTRINAMENTO
Para garantir o adoutrinamento de toda a
poboación controlábanse todos os medios de comunicación que estaban sumamente
vixiados. Desde 1943 no cine proxectábase obrigatoriamente antes de cada película o NO-DO
"Noticiario Documental" no que se daban as noticias sempre enxalzando
a figura do Caudillo, destacando os éxitos do goberno e ocultando os fracasos. Un
exército de censores supervisaban os libros, xornais, obras de teatro,
programas de radio, televisión (xa nos 50) e películas para que non criticaran
minimamente os valores do réxime e a moral católica. Cando os libros ou as
películas eran demasiado discordantes, prohibíanse na súa totalidade. No resto de
casos eliminábanse as partes consideradas inapropiadas (recortaban partes dos
libros ou escenas enteiras de películas, especialmente os bicos) ou cambiábase
a dobraxe.
No ámbito educativo creouse en 1944 a
FEN
Formación del Espíritu Nacional, unha materia que se impartía
obrigatoriamente desde o ensino básico ata a universidade.
REPRESIÓN
A represión interna foi responsabilidade do
exército e da Garda Civil que era un corpo militar. Aos disidentes perseguíanos coa Ley de Responsabilidades
Políticas e coa Ley de Represión de Masonería y Comunismo
de 1940. O resultado foi o fusilamento de 50 mil prisioneiros e que a maioría
do medio millón de exiliados non se atrevese a volver. Expulsouse a mestres e
funcionarios. Coa Ley de Seguridad del Estado de 1941 perseguiuse aos que tentaron
sublevarse contra o sistema ou atentar contra os gobernantes. A Ley
de Vagos y Maleantes, que xa existía desde 1933 contra os esmoleiros e
os proxenetas, serviu tamén para os inimigos do réxime. Creouse en 1941 unha
sección na policía, a BPS Brigada Político-Social, que
se dedicou exclusivamente a investigar a aparición de opositores políticos.
Tamén houbo antifranquistas que se negaron a
deixar a loita armada. Estes guerrilleiros, case todos comunistas, refuxiáronse
en zonas montañosas e rurais onde loitaban contra a Garda Civil. Chegaron a
invadir o Val de Arán durante uns dias, pero finalmente foron expulsados. En 1947 promulgouse
unha lei contra os maquis: a Ley Contra la Rebelión Militar, Bandidaje y
Terrorismo. A maioría morreron loitando ou foron fusilados. En 1948 o PCE renunciou á loita armada e
en 1949 disolvéronse os maquis, aínda que houbo grupos que seguiron actuando esporadicamente.
EVOLUCIÓN POLÍTICA
1939-1945 (2ªGM): España mantívose
neutral durante a gran guerra, ao principio polo seu esgotamento, aínda que
claramente estaba situada no eixo fascista. En 1940 deixou de ser neutral e
pasou a ser "non belixerante", mandando a División Azul para loitar
ao lado de Alemaña. Desde 1943
a previsible derrota desta fai que o réxime volvese á
neutralidade e comezase a caída dos falanxistas.
1945-1950 (illamento diplomático): Despois da victoria aliada o réxime quedou illado. A ONU en 1946
aprobou unha resolución condenando a Franco e recomendando a retirada de
embaixadores, cousa que fixeron case todos os países do mundo. España quedou
excluída do plan Marshall e só recibiu axuda da Arxentina de Perón e o Portugal
de Salazar. O comezo da Guerra Fría provocou un xiro na posición dos Estados
Unidos que salvou ao réxime. En 1950 a ONU
recomendou o fin do illamento diplomático de España.
No hay comentarios:
Publicar un comentario