miércoles, 27 de septiembre de 2017

Manuel Ponte Pedreira

  Manuel Ponte, o Xastre, naceu no Fontao, na parroquia de Abellá (Frades) o 20 de agosto de 1911. Herdou a profesión do seu pai, xastre ambulante pola zona de Ordes, Frades e Mesía.
 
  Trasladouse a Ordes onde traballou no taller de Manuel Sousa Hermida. Este, militante socialista (e futuro participante na revolución cubana) converteuse non só no seu patrón, senón tamén no seu mentor político. Da súa man ingresou nas Juventudes Socialistas.

  Casou o 19 de novembro de 1935 con María del Carmen Rivas Vaamonde, curmá de Manuel Astray Rivas (futuro biógrafo en "Síndrome del 36"). Con ela viviu na Rúa Alfonso Senra fronte á igrexa nunha casa da familia dela. Tiveron dous fillos, Manuel Pablo (que morreu de bronconeumonía aguda en 1937) e María del Carmen Maruchi.

  Foi elixido presidente da Unión Republicana de Ordes en xuño de 1936 (días antes do Alzamento). Ao producirse a sublevación do 18 de xullo colaborou na defensa da vila co Comité da Frente Popular e uniuse aos mineiros de Lousame (a Columna Sanfins) cando estos chegaron a Ordes. Logo dirixíronse á Coruña a enfrontarse aos sublevados, resultando levemente ferido.

  Á volta refuxiouse en Abellá. Non obstante, grazas ás influenzas familiares da súa muller, pactouse un acordo coas autoridades militares polo cal a Ponte se lle respectaría a vida no caso de entregarse voluntariamente á Garda Civil. Así sucedeu: primeiro ingresou no cárcere de Ordes e logo foi trasladado ao de Santiago de Compostela. Foi xulgado por traizón e condenado a cadea perpetua. Permaneceu en prisión no cárcere da Coruña, participando en varios intentos de fuga, ata que obtivo a liberdade vixiada o 22 de maio de 1941. Na súa estadía na prisión coincidiu con presos de ideoloxía comunista e ingresou no PCE.
  A finais de 1943 Ponte obtivo a liberdade condicional e pouco despois contactou cos guerrilleiros máis destacados da IV Agrupación, como Benigno Andrade, comezando a desenvolver labores de enlace.

   Consegue un salvoconduto do alcalde Rafael Mariño para viaxar a Barcelona, que el aproveita para chegar a Toulouse e recibir instruccións. A finais de 1945 botouse ao monte incorporándose á guerrilla. Púxose ao mando do "Destacamento Manuel del Rio Botana" que se encargaba das zonas de Ordes, Mesía e Curtis. En xuño de 1946 morre Marcelino Rodríguez Fernández Marrofer e pouco despois, en xullo, Ponte accedeu á xefatura da IV Agrupación guerrilleira, o que supuxo un aumento da súa actividade. Segundo Francisco Rey Balbís Moncho, Ponte era temerario e demostrouno en numerosas e arriscadas accións.
  En outubro de 1946 envioulle unha carta* ao embaixador británico Victor Mellet onde resaltan as súas conviccións pero tamén o seu alonxamento da realidade.
  O 3 de novembro o seu destacamento xunto co "Destacamento Xaneiro" dinamitaron preto do Mesón do Vento dous postes dunha liña de alta tensión, catorce da telefónica e dezaoito da telegráfica. O día 8 do mesmo mes asaltaron o cuartel da Garda Civil de Vimianzo onde morreron un guerrilleiro e un garda.
  Foi o canto do cisne. Apenas 5 meses despois, o 21 de abril de 1947, cando estaba na súa aldea natal para recadar fondos, viuse rodeado con varios dos seus homes pola Garda Civil, enterada grazas a unha delación. Abatérono sen contemplacións e a ese golpe sumouse que a axenda que atoparon ao rexistralo permitiu a detención de máis de 60 persoas (a metade en Bergantiños).


  A figura de Manuel Ponte Pedreira, quizais pola súa seriedade ou pola súa rixidez ideolóxica, quedou opacada polo moito máis mediático Benigno Andrade Foucellas. Non obstante, a súa importancia é innegable, e a súa morte supuxo o inicio do fin da guerrilla antifranquista galega. Para profundar no personaxe preme na seguinte ligazón:
 
* Esta carta sempre lle foi atribuída a Ponte, pero o profesor Bernardo Máiz sostén que o verdadeiro autor foi José Gómez Gayoso.

miércoles, 20 de septiembre de 2017

Mapa de Cerceda

  Cerceda é o concello máis setentrional da comarca, limitando coas comarcas costeiras de Bergantiños e A Coruña das que está separada pola Serra de Montemaior e os Montes do Xalo.
  Ten una extensión duns 111 km2 repartidos en 6 parroquias, 4 occidentais (Rodís, Xesteda, Queixas e Cerceda) e 2 orientais (Meirama e As Encrobas).
  A súa pertenza á comarca de Ordes sempre foi dubidosa. Aínda que fisicamente só as 2 parroquias orientais -regadas polo río Barcés e non polos afluentes do Lengüelle- son alleas a ela, as historicamente malas comunicacións coa vila de Ordes e a proximidade con Carballo e A Coruña ocasionou que non houbera moita relación humana ata tempos relativamente recentes.

  O terreo alcanza as maiores alturas no NO do concello na Serra de Montemaior que chega case aos 600 metros no Alto de Cedeira. No NE alcanza menores pero tamén altas cotas nos Montes do Xalo. Entre ambas as dúas serras esténdese a fonda depresión de Meirama, formada no mioceno e ocupada polo río Barcés, onde se ubicaba un gran xacemento de lignito pardo.
  Cara ao sur o terreo descende suavemente, manténdose en alturas entre os 300-400 metros e só baixando dos 300 nos vales fluviais dos regatos que desaugan no río Lengüelle, fronteira natural co concello de Ordes.
  Esta suavidade do relevo meridional ten que ver coa composición do terreo formado polos chamados xistos de Ordes. En cambio toda a zona norte está composta de granodioritas, rochas graníticas que afloran facilmente á vista nas zonas máis altas.

(Preme para ver máis grande)

  O clima como no resto da comarca, é oceánico hiperhúmido.
  A poboación rolda os 5.000 habitantes. En 1970 chegou aos 7.500 pero desde entón houbo un continuo descenso que non detiveron as importantes empresas nel instaladas (a Central Térmica de Meirama e a planta de tratamento de residuos da empresa Sogama).

  Hai paisaxes de gran beleza coma os que rodean os encoros de Vilagudín e Vilasenín, e algúns con formacións rochosas singulares.
  Os numerosos castros proban unha temperá ocupación do territorio. No da parroquia de Cerceda foi atopado un torque de ouro que figura no escudo heráldico do concello. Tamén conta cun interesante patrimonio civil e relixioso. Hai 3 pazos: Lavandeiras, Gontón (que foi trasladado pedra a pedra e onde agora están as oficinas de Limeisa) e Boado (que pese a ser declarado BIC é o que está en peor estado). A igrexa máis notable é a de Santo André de Meirama, construída no século XII e reformada en 1720. A das Encrobas tamén foi trasladada pedra a pedra ata a súa actual ubicación.
  Unha importante atracción turística é o parque acuático Aquapark a carón do polígono industrial do Acevedo.

  Cerceda é un concello que sufriu profundas transformacións, mesmo xeográficas, desde finais dos anos 70 por mor do seu xacemento de lignito. A mina, progresivamente máis extensa e profunda, foi desprazando pobos da zona. Os seus cascallos crearon un novo e enorme outeiro e a refrixeración da central térmica obrigou á construción de dous encoros que aportaron nova fauna e flora. Por fin, cando o xacemento se esgotou, o gran burato foi convertido nun lago que ata alterou o microclima na zona. 

viernes, 15 de septiembre de 2017

Incidente en Vilamaior

  No ano 1910 na parroquia de Vilamaior tivo lugar un suceso que hoxe pódenos parecer bastante bizarro.
  Os protagonistas foron Lorenzo Viqueira Sanjurjo, un home de 30 anos cazurro e agresivo -cousa nada rara na época-, e María Núñez Moar, unha agraciada moza de Vilamaior.
  Lorenzo, como se dicía elegantemente naqueles tempos, "requiría de amores" á rapariga desde había tempo, pero esta non estaba polo labor. A persistencia de Lorenzo era inútil ante a non menos forte obstinación de María. De feito ela estaba cada vez máis aburrida das súas demandas e xa se poñía de mal humor cando o vía.
  O 2 de setembro de 1910 pola mañá Lorenzo achegouse unha vez máis a ela e acompañouna cara á súa casa mentres insistía no tema. Unha vez máis María rexeitouno e a situación foi derivando das palabras agres á violencia.
  Completamente fóra de si, Lorenzo botoulle os brazos ao pescozo coa intención de estrangulala, berrando:
- Ou es miña ou non serás de ninguén!!!
  Na calor da pelexa rematou por tirala ao chan e poñéndose de xeonllos sobre ela golpeouna con saña repetidas veces ata que a deixou sen sentido.
  Aquí acaba o lamentable para comezar o estraño. Crendo que estaba morta, atoulle unha corda ao pescozo e arrastrouna ata unha leira de millo onde a escondeu. Cubriulle a cara con herba (por que só a cara?) e marchou camiñando coma un somnámbulo á súa casa. Ali, consciente da barbaridade que cometera, decidiu suicidarse ese mediodía.
  Nese momento demostrou que, ademais de violento, era bastante chapuzas. Cortouse cunha navalla no pescozo e disparouse un tiro que lle ocasionou a fractura do maxilar inferior pero que non logrou acabar coa súa vida. Foi ingresado no hospital de Santiago ao día seguinte, operado e encamado na sala de San Cosme durante un mes.
  Por outra banda, María recuperou o coñecemento e, andando a duras penas, dirixiuse á súa casa. Foi levada ao médico e, a pesar da malleira que padecera, só tardou nove días en curar.

  O xuízo tivo lugar case un ano despois, en xuño de 1911. O fiscal, Sr. Hernández, considerou o feito como homicidio frustrado e pediu 9 anos de cárcere, aínda que atopou unha atenuante en que, aparentemente, Lorenzo estaba embriagado cando se produciron os feitos.
  O avogado defensor, Sr. Vilas, comezou negando a participación do acusado, pero finalmente aceptouna cualificando unicamente o resultado como "lesións leves" e falando con gran elocuencia das grandes calidades (?) de Lorenzo.
  Agora chega o realmente estraño (polo menos aos nosos ollos do século XXI): o xurado popular "comprou" esa versión, nin sequera considerou o das lesións e declarou "non culpable" a Lorenzo (teño a impresión de que non había ningunha muller nese xurado).
  O fiscal pediu unha nova deliberación e, cando isto lle foi negado, solicitou a revisión do proceso con outro xurado distinto.
  O tribunal ditou sentenza absolutoria non estimando pertinente nada do solicitado polo fiscal, iso si, consignando na acta a súa protesta.

  Así acabou este extraordinario suceso do que só podemos extraer un pensamento positivo: ás veces a torpeza non é de todo negativa, grazas a ela ninguén acabou morto.

martes, 12 de septiembre de 2017

Un mundo violento

  Xa temos dito algunha vez que a principios do século XX a xente era bastante incivilizada e a comarca de Ordes non era a excepción. Sabémolo porque había unha gran cantidade de xuízos por agresións e lesións e os casos máis notables saltaban continuamente á prensa.
  Chegábase ás mans con facilidade e non só ás mans. Todos os homes e aínda os adolescentes adoitaban levar navalla, tamén eran frecuentes os bastóns ou varas, xeralmente rematadas nun groso vulto, que servían como un garrote en caso de pelexa. Ademais, un detalle que nos pode parecer sorprendente a día de hoxe e que nos fai evocar as vellas películas do oeste, é que tamén había bastantes armas de fogo.

  Iso si, a puntería non estaba ao nivel dos pistoleiros americanos. Hai máis noticias de accidentes con armas que de feridos intencionados. Por exemplo, nos Carballos o 23 de xullo de 1911, José Muíño Calviño, mozo de 20 anos de Campo (Trazo), enfadado porque un tal Antonio Camba se negara a abonarlle un boliche de gasosa que lle comprara, disparoulle tres tiros que nin o rozaron pero que atravesaron a ferrocarrilana que pasaba por alí naquel momento (milagrosamente tampouco ningún pasaxeiro resultou ferido). O asunto acabou con tres persoas no cárcere: José, Manuela Remuiñán de Oroso e Domingo Picón Liñares de Trazo, estes dous últimos por tentar encubrilo e esconder a pistola.
  Non máis hábiles resultaron varios mozos de Sigüeiro que en setembro do mesmo ano cruzaron entre eles varios disparos. Ningún resultou ferido, pero dous acabaron no cárcere: Juan Balado e Miguel Berdomás.

  Bastante máis precisión había coa navalla. Como exemplo, en 1902 Juan Regos Caramelo (si, o futuro marido de Angustias Viqueira) foi ferido de gravidade por Manuel del Río Campos. Outras veces usábase o que se tiña á man: en xaneiro de 1911 nun mesón que Pedro Rodríguez tiña preto da igrexa de Mesía, Manuel Sánchez Mosquera atacou cun galleto a Bernardo Uzal feríndoo na cabeza (que debía ser dura porque recuperouse nun mes).
    Pero onde de verdade había nivel era co garrote, tamén chamado moca. Todo o mundo andaba con elas e empregábanse con frecuencia. Podía dar fe José Garaboa que tardou 25 días en recuperarse dunha malleira que lle propinaron José Botana Rey e Manuel Louro Rodís na feira da Adina en abril de 1911.

  Tamén era a arma preferida nas pelexas masivas. Estas non só eran frecuentes senón cotiás. Practicamente non había unha reunión festiva de calquera clase que non acabase con mozos de distintas parroquias enfrontados (de feito unha vez un xornal felicitou a Ordes polo sorprendente de que nas súas festas dese ano non houbese ningunha pelexa, o que demostraba "cuan progresiva era la villa").
   Obviamente as parellas da Garda Civil mantiñan a orde coa súa presenza pero os mozos esperaban a que se retirasen (e ás veces nin iso) para comezar as hostilidades.
  En maio de 1902 a romaría de Cestaños viviu unha gran pelexa que acabou con 4 mozos de Parada detidos: Manuel del Río, Juan Liste Castro, Antonio Padrón e Benito Fraga.
  O verán do ano 1905 viu unha liorta monumental entre os mozos de Mesía e Abellá que acabou con moitos feridos e con 8 dos seus promotores detidos: José Uzal, Andrés Suárez, José Presedo, Antonio López, José Sánchez, Bernardo Blanco e os irmáns Antonio e Ramón Quindimil.

  En xuño de 1909 na romería de Cabrui outra liorta rematou coa morte de Jesús Sánchez Peña. Foron acusados tres veciños seus: Juan Lata Lata, Manuel Riobó García e José Cernadas Ares "Patiño". No xuízo, celebrado en 1910, foron absoltos por considerar que Sánchez e os seus amigos foran os provocadores e os paus que repartiran a granel estaban xustificados.
  En agosto de 1911 nas festas de Oroso houbo outra pelexa entre mozos de Pena e de Barreiro. José Dono Rial, mozo de 20 anos, quedou gravísimo por sufrir un garrotazo na cabeza, pero o agresor, Antonio Míguez, resultou ser do mesmo lugar (ignoramos se a agresión foi intencionada ou é que na calor da refrega pegaba indiscriminadamente ao que tivese diante).  

  Tampouco as mulleres se libraban. En 1912 María Lata Paz, preocupada porque Ramón Blanco non pisara unhas coles cando pasaba por un carreiro no medio da súa leira, púxose diante del e comezou unha discusión que rematou cando recibiu un pau co sacho que el levaba. En xaneiro de 1913 houbo un suceso case calcado do anterior: Carmen Pallas, de Ordes, enfadouse porque Rosendo Becerra Lamas, un veciño que, polo que se ve, debía ser máis bruto co anterior, atravesaba por unha das súas leiras. Foi a recriminarllo airadamente e levou varios garrotazos que a deixaron lesionada. Os dous asuntos remataron, como era habitual, no xulgado.
  Tamén eran frecuentes os altercados dentro das familias. Ignacio Calviño denunciou a dous irmáns e ... á súa propia nai! por golpealo despois dunha discusión pola propiedade dunha leira no verán de 1911.

  Podería pensarse que o baixo nivel cultural da maioría da poboación tiña que ver con esta violencia. Probablemente, pero non en todas as ocasións. Por exemplo en Santaia de Gorgullos tivo lugar un caso moi comentado no que os protagonistas foron o mestre de escola Edilberto Cid González e o coadxutor da parroquia (!) Joaquín Torre Silva. O mestre foi detido en agosto de 2011 en Santiago e ingresou no cárcere por "homicidio frustrado". Hai que dicir en defensa do gremio do ensino que foi absolto no xuízo, pero polo si ou polo non Edilberto marchou ben lonxe da nosa comarca, concretamente á escola de Goente (A Capela).

  As cousas non ían mellorar nos anos seguintes, moi ao contrario. A tensión política iría en aumento e sería outra causa engadida que mantería altos os niveis de violencia.

viernes, 8 de septiembre de 2017

Manuel Concheiro García

  Manuel Concheiro naceu en Ordes no ano 1903. Foi o 3º dos 12 fillos do avogado Pedro Concheiro Rodríguez e Juana García Mouriño que, á súa vez, era filla do riquísimo propietario Manuel García Bermúdez, banqueiro -corresponsal do Banco de España-, futuro alcalde (1921) e dono de moitas terras e da afamada tenda de tecidos "Casa Carballo" (onde agora está o supermercado Froiz).
 
   Esta rama da familia Concheiro foi maioritariamente de esquerdas (con eles vivía o seu curmán Manuel García Gerpe, xefe de Izquierda Republicana na vila) e tres dos irmáns, Estrella, Ascensión Choncha e Luciano, remataron no exilio.
  En decembro de 1930 casou na Coruña con Elena Barreiro Martínez coa que tivo 6 fillos, todos varóns: Alberto, Manuel María, Jorge, Julio Mario, Juan Carlos e Gonzalo Concheiro Barreiro. Viviron nunha casa que existe aínda en Alfonso Senra 80.

  No ano 1931 instálanse en Ordes o Banco de La Coruña e o Banco Pastor. Manuel comeza a dirixir este último, ao principio en compañía de Francisco Barreiro González, e a partir de maio de 1935 xa só.
  Ademais de dirixir o Banco Pastor foi un empresario de éxito. Tivo un quiosco que rexentaba Pilar Naveira "Pilar da Ruca", viuva do "paseado" Manuel del Río Mandayo -tamén deu traballo aos fillos deste-, e no ano 1960 instalou unha gasolineira no centro da vila, onde hoxe está o supermercado Gadis. Isto foi o xerme de MACOGA (acrónimo do seu nome), unha das empresas máis importantes do concello, que distribuía respostos para autos, pneumáticos Firestone, maquinaría agricola (motoserras Dolmar), camións e motores Barreiros, coches Dodge e Simca... A principios dos 70 fabricou o primeiro compensador de dilatación e instalouse en Leira, na súa actual ubicación. Hoxe en día é unha das empresas punteiras no seu sector.
  En xuño de 1966 xubilouse voluntariamente do Banco Pastor para dedicarse só ao traballo empresarial.
  En 1969 Logrou a distribución en exclusiva para toda España da marca de maquinaría agrícola Husqvarna, o que foi o xerme da empresa INTERNACO (1976).
  Pouco a pouco foi abandonando as empresas nas mans dos seus fillos.
  Morreu o 16 de decembro de 1992 aos 89 anos de idade e o seu enterro foi un dos máis concurridos na comarca (unhas 2.000 persoas segundo crónicas da época).

  O fillo maior, Alberto (m.2014), casou con Pilar Mariño Cuevas e foi un prestixioso avogado en Coruña. Manuel María (m.2021), casado con Mª Teresa Varela Nine, foi presidente de Internaco e comprou o Pazo do Peñasco onde residiu. Jorge (m.2021), o propietario do estanco, e Mario, un dos responsables de Macoga, anecdoticamente casaron tamén con dúas irmás: Mª del Pilar "Pituca" e Gemma Liñares Stolle, fillas do alcalde dos 50, Juan Liñares Castro. Juan Carlos, tamén avogado e responsable de Macoga, casou con Matilde Álvarez del Castillo. O último dos seus fillos é o famoso médico ortopédico Gonzalo Concheiro Barreiro, casado con María Pérez Hermida.

sábado, 2 de septiembre de 2017

Arbustos de Ordes

  Poderiamos dicir que o rei dos arbustos na comarca (e en toda Galicia) é o TOXO, ou mellor toxos en plural, porque son dúas as especies, aínda que a súa distinción é difícil: o toxo maior ou arnal (Ulex europaeus) e o toxo menor ou toxo femia (Ulex gallii). Ambos os dous determinaban a paisaxe da comarca, a súa estrutura e mesmo a súa cor grazas ás rechamantes flores amarelas que posuen (o toxo maior durante o inverno e a primavera e o menor na primavera e o verán). Aínda que actualmente está en retroceso, segue a ser moi abundante.

  Outro arbusto sumamente abundante é a XESTA. Tamén neste caso hai dúas especies: a xesta común ou xesta brava (Cytisus scoparius -en castelán retama negra-) e a xesta mansa (Cytisus striatus). Na nosa zona usábanse principalmente para a fabricación de vasoiras, ata o punto de que a palabra "xesta" pasou a ser sinónimo de vasoira. Tamén como combustible para a lareira ou os fornos de pan e como tellado dos "cabanotes" (unha especie de hórreos non permanentes que existiron ata os anos 60). Nas montañas orientais de Galicia tamén se usaba como estrume.
  Segue a ser abundante e nalgúns lugares como o Mesón do Vento pode haber enormes exemplares.


  O CODESO (Adenocarpus complicatus) debeu ser tamén moi abundante no pasado. Hoxe non o é, aínda que tampouco é raro nin dificil de atopar. Parécese superficialmente á xesta.

  Bastante menos común é a xilbarbeira (Ruscus aculeatus -rusco-), tamén chamada rascacú e, na nosa comarca, carrasco -ao igual que un tipo de queiroa-. Destaca polas súas baias vermellas. Antigamente empregábase para facer vasoiras. 

  Tamén arbustos (aínda que ás veces de moi pequeno tamaño) son as ericáceas, chamadas así porque o nome científico da maioría das especies empeza pola palabra Erica. En castelán son brezos e en galego reciben múltiple nomes: QUEIROA, queiroga, uz, urce ...
  As pequenas e fermosas flores de cor rosa forte ou púrpura son parte do seu encanto, lástima que non duren demasiado tempo. É difícil para un profano distinguir unhas especies doutras. O Carrasco (Erica cinerea) e a carroucha (Erica umbellata) son moi comúns en calquera matogueira sobre chans non encharcados -e Erica cinerea, ás veces, tamén nestes-.

  A SILVA, pertencente á familia das rosáceas, é unha planta moi invasiva con longos talos cheos de espiñas. Tamén hai varias especies. As máis habituais son a silva común (Rubus fruticosus) e a silva mediterránea (Rubus ulmifolius). Antigamente reservada aos valados, onde os rapaces as buscaban para saborear as súas ricas moras, na actualidade invadiu moitos montes e terreos baldíos.

  Arbustos tradicionalmente usados para os valados eran o mirto (Myrtus communis) e o buxo (Buxus sempervirens -boj-) -que ademais era empregado na fabricación de gaitas-. Hoxe foron case totalmente substituídos polas tuias (Thuja). Nas zonas moi húmidas medran os vimieiros ou vimbieiras que antigamente fornecían o vime, o material do que se facían os cestos e que era toda unha artesanía típica que hoxe desapareceu case totalmente.

  Finalmente tamén podemos atopar na comarca arbustos foráneos de recente introdución.

  Moi abundante é o arbusto das bolboretas (Buddleja davidii), chamado así porque estes insectos síntense moi atraídos polas súas flores. Procede de China e Xapón e ten colonizado a maioría do territorio. A pesar da súa beleza, desde 2013 está prohibida a súa posesión, transporte, tráfico e comercio, cousa que non lle parece afectar en absoluto.

  Outro arbusto foráneo é a cortadeira, herba das pampas ou rabo de raposo (Cortaderia selloana). Chegou como planta ornamental (de feito, usouse como adorno nas medianeiras da AP-9) pero pronto invadiu outros espazos. Actualmente hai unha forte loita contra ela.