Unha das características máis salientables de
Galicia, sobre todo nos séculos XIX e XX foi a súa condición de pobo emigrante.
Compartiuna con moitas outras rexións de España e Europa pero poucas a
superaron en números absolutos. De feito a emigración galega de 1900 a 1970 supuxo o 38 % do total español.
Considérase emigración masiva cando se alcanza unha taxa anual de 4 emigrantes
netos por cada 1000 habitantes (4 ‰). Pois ben, Galicia superouna desde 1880 ata 1930. Calcúlase que
máis de medio millón de persoas saíron en dirección a América. Que dous terzos
das mesmas retornasen (unha ou máis veces) é un signo do cotián que era na
Galicia daqueles tempos a emigración. Dicíao en 1912 Manuel Castro López: "Se va a Cuba como quien va a las
fiestas de San Isidro en Madrid".
Por que?
As razóns que os contemporáneos daban ían
desde as individuais ata a xenérica "Galicia está probe", onde se
incluía a miseria do campo, a opresión dos caciques (coa súa multitude de foros
e impostos -coñecidos coma "trabucos"-) e o exceso de poboación.
Loxicamente a pobreza é a primeira causa que
nos vén á mente, porque é o acicate fundamental da maioría de movementos
migratorios. Pero convén matizar esta afirmación, porque a Galicia de finais do
XIX non era máis pobre que a de 100 anos atrás nin máis que outras rexións con
bastante menos emigrantes. De feito a condición de pequeno propietario da
maioría de campesiños galegos favorecía a emigración transoceánica porque
podían custear a viaxe vendendo ou hipotecando as súas terras.
Había outras varias razóns que se xuntaban á
pobreza e que explican a magnitude das cifras do fenómeno.
Unha era a necesidade que certos países tiñan
de man de obra, polo que mandaban axentes para captar interesados nas rexións europeas.
Por exemplo, Arxentina antes de 1906 pagaba a pasaxe dos emigrantes. Mesmo
países tan exóticos como Panamá na época do canal ou a República Surafricana
tiveron aquí axentes de captación. E por suposto non faltaban os
"ganchos" das compañías de navegación.
Outra era o efecto contaxio. O feito de haber
unha ampla colonia de galegos nos países americanos facía máis fácil a decisión
de marcharse porque coñecíase máis ou menos a situación que ían atopar e
contábase co colchón de seguridade de ter familiares ou paisanos para os
primeiros e máis duros momentos.
Entre as razóns individuais, ademais da sede
de aventuras e o desexo de mellorar había unha fundamental: escapar do servizo
militar. Antes de 1909 os mozos acomodados podían evitalo pagando unha
cantidade de diñeiro bastante considerable pero aos pobres non lles quedaba
máis remedio que sufrilo (sobre todo porque era a perigosa época das guerras
africanas). En 1909 eliminouse a exención o que aumentou o número de mozos interesados
en emigrar.
Hai numerosas
noticias sobre isto. Por exemplo, en febreiro de 1908 a Garda Civil detivo a
dous mozos de Tordoia e un de Ordes e ao seu axente de embarque que lles
cobrara 150 pesetas a cada un deles. En 1910 o mozo ordense Juan Sanjurjo (20
anos) intentou emigrar con documentación falsa a nome de José Fuentes, pero nas
oficinas de emigración os nervios traicionárono e acabou detido. E así moitos
casos máis.
A onde?
Os lugares preferidos foron os países
americanos. Antes e despois de 1898 Cuba
foi un dos destinos preferidos. Case un terzo da emigración galega recalou na
illa caribeña. Arxentina, ou máis concretamente a provincia da Plata máis o
Uruguai, con preto da metade dos nosos emigrantes substituíu a Cuba como
destino preferente, converténdose na "5ª provincia" e a súa capital, Buenos Aires, na 1ª cidade en número de
galegos por enriba da Coruña ou Vigo. O resto distribuíuse por outros países
latinoamericanos en menor medida.
Que reaccións e consecuencias produciu?
A emigración foi un fenómeno controvertido.
Tivo gandes detractores, especialmente entre o clero e os conservadores (aínda
que tampouco era unha opinión unánime) e, doutra banda, na esquerda. Nos
xornais clericais e nos republicano-obreiristas é onde atopamos as maiores queixas sobre o
tema que acostumaban centrase en dous aspectos: a falta de brazos nas aldeas
galegas e a miseria e os abusos que sufrían moitísimos emigrantes (en xeral con
extrema esaxeración).
En fronte non hai moitos defensores
declarados pero si moita xente que sacaba partido e vía os beneficios da
emigración.
Entre eles os gobernantes, pois supoñía un
alivio da superpoboación, as compañías navieiras, os bancos que prestaban
diñeiro para a viaxe e recibían despois máis depósitos dos emigrantes e finalmente as
familias que grazas ao diñeiro recibido podían pagar rendas, redimir foros, arranxar
vivendas e comprar novas terras ou apeiros agrícolas.
Un dos defensores da emigración, o político
liberal Eduardo Vincenti (xenro de Montero Ríos), para destacar o impacto
económico que supoñía, resaltou que no ano 1908 un só banco, o "Banco Español del Río de la
Plata" xirou a España 96 millóns de pesetas, dos que 48 (a metade)
ingresaron en Galicia.
A emigración tamén supuxo cambios culturais:
os emigrantes retornados, con novas experiencias e ideas, trouxeron un aire
fresco á anquilosada política local. Ademais tiveron unha gran preocupación
pola educación e, retornados ou desde América, financiaron unha gran cantidade
de novas escolas, moitas das cales aínda existen.
Que cantidade?
De Galicia saíron máis de 100.000 emigrantes
na 1ª década do século XX e 400.000! na 2ª. Unha auténtica barbaridade porque
estamos a falar dunha poboación de apenas 2 millóns de habitantes.
A comarca de Ordes non foi unha excepción.
Supoñendo un crecemento vexetativo similar ao de Galicia, a emigración na
primeira década do século XX debeu estar entre 1.200 e 1.300 persoas, o que roldaba
o 4 ‰ anual. A intensidade non era a
mesma en toda a comarca. Mentres en Mesía era case inexistente, Oroso e sobre
todo Cerceda tiñan un alto número de emigrantes.
Na década de
1910-20, ao igual que en Galicia, dispáranse as cifras que roldan as 2.500
persoas, o que superaba o 7 ‰ anual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario