O ano 1932 contemplara
o nacemento de varias sociedades agrarias en Ordes e en 1933 a tendencia
consolidouse. Xa en xullo dese ano había sociedades en Ardemil, Barbeiros, Buscás, Leira, Lesta, Montaos, Parada, Pereira e Vilamaior, que xunto ás de Cerceda, Rodís, Encrobas e Leobalde formaban unha Federación Agraria del Partido de Órdenes, da que era presidente Heriberto Pérez Proenza e secretario Jesús Liste. Houbo unha reunión da Federación Galega o día 16 de xullo en Vigo para protestar contra o tratado con Uruguay á que foron como representantes Manuel Lameira, Manuel Souto, Senén Raña, José Areoso, Juan Ríos, Severino Suárez e Heriberto Pérez.
En outubro o gobernador civil aprobou os regulamentos de "Unión Campesina" de Lesta e Parada, "Defensa del Agro" de Ardemil, "Solidaridad Agraria" de Montaos, "Redención del Campesino" de Pereira e "Mancomunidad Agraria" de Barbeiros.
Sabemos que en Ardemil constituíuse unha sociedade
agraria e de oficios varios da CNT. Manuel García Gerpe revelou nun escrito que unha sociedade de
agricultores do Canedo estaba na liña ideolóxica de Izquierda Republicana.
En 1936
practicamente todas as parroquias de Ordes contaban con sociedades agrarias. Isto que en
principio era unha boa noticia, tivo tamén efectos perversos.
Non hai que esquecer que moitos dos asociados a estas
organizacións eran os mesmos campesiños semi-analfabetos que se daban paus con
entusiasmo na romarías. As actitudes violentas foron unha constante desde o
principio.
En
marzo o xornal El Compostelano citaba expresamente ás sociedades de Ardemil e
Leira dicindo que os asociados organizaban campañas de boicot contra os non
asociados. Estas campañas ían desde negarse a auxilialos en calquera
contratempo ou enfermidade, non alugar as súa maquinaría agricola, non comprar
nos seus comercios, talleres, consultorios, etc, nin traballar para eles. Máis
sorprendente é que, como en Romeo e Xulieta, os mozos negábanse a bailar e a mocear
coas fillas dos non asociados e viceversa. Pero a cousa chegaba a máis porque
comezaron a darse ataques á propiedade, como lanzamento de pedras aos tellados -que
ninguén ousaba denunciar- e chegouse á intimidación física. Por exemplo, o día
18 de marzo, cuadrillas de asociados situáronse nos camiños de acceso ao Mesón
do Vento e impediron a chegada á feira dos non asociados, tirando polo chan as
mercadorías dos que se negaron a retroceder. O 25 ía ocorrer o mesmo na feira
de Cerceda pero a Garda Civil impediuno, aínda que non na súa totalidade.
Pode parecer que esaxeraba El
Compostelano, xornal con simpatías agraristas aínda que católico e de
dereitas, pero houbo moitas e peores noticias que estas.
En maio tivo lugar
un atentado con dinamita no Mesón do Vento. Foron derrubados tres postes do
tendido eléctrico da "Sociedad
General Gallega", o que ocasionou que quedasen sen enerxía eléctrica a
liña tendida para as obras do ferrocarril e a vila de Ordes.
A hipótese máis probable que se barallou
sobre a causa do atentado era que foi por incidentes que houbera nas obras do
ferrocarril con motivo da admisión de obreiros non afiliados a determinada
sociedade.
En agosto houbo un atentado en Parada de novo
(xa houbera outro en 1932). Dous
petardos explotaron e produciron danos na máquina debulladora de Pedro Pampín
del Río. Os autores foron Manuel Souto Galano, Manuel Remuiñán Filgueira, Antonio
Soto Pena, Heriberto Pérez Proenza e Juan Ríos. A Causa foi, como non, negarse
a integrase na asociación agraria á que pertencían eles.
Tamén en agosto pero esta vez en Pereira, os
irmáns José e Ramón Suárez Pedreira propinaron unha malleira ao seu conveciño
Antonio García Varela pola mesma razón.
Pero o suceso máis grave ocorreu de novo en
Ardemil, a finais de agosto. Despois de oficiar misa, o sacerdote da parroquia,
Pascual
Couce Pico, foi obxecto dun atentado. Cando regresaba á súa casa
varios veciños saíronlle ao encontro e disparáronlle balas e pedras mentres
gritaban "Matalo!". Afortunadamente puido escapar e refuxiarse na casa
dun fregués, resultando ileso.
Os autores fuxiron pero foron detidos un par
de días despois. Eran Manuel Sánchez Gómez, Manuel Blanco Bello, Jacobo
Brandariz, Andrés Gómez, Carmén e Andrea Gómez e dous fillos desta, chamados
Ricardo e Andrés.
A causa do atentado: que o sacerdote non quixo
utilizar a maquina debulladora da sociedade na malla das leiras da súa
propiedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario