O 12 de decembro de 1947 comezou na Sala de Xustiza do cuartel de Sanidade número 8 un
consello de guerra (a causa 200/47) contra 67 persoas, entre elas 6 mulleres,
acusadas de rebelión e complicidade coas partidas armadas.
Presidía o coronel de Artillería Manuel Marín
Martínez, actuando de xuíz instrutor o comandante José Seoane y Seoane. Era
fiscal o tenente do Corpo Xurídico Carlos Asensio e relator o capitán auditor
Santos Sainz Elvira. Os defensores eran catro: os capitáns de Artillería Juan
Antonio Quiroga de Abarca, José Naveiro López, José Mª Lage Vizoso e José Mª
Quiroga de Abarca.
As orixes da causa tiveron lugar en abril,
coa morte do xefe da IV Agrupación
do Exército Guerrilleiro Manuel Ponte
no Fontao (Mesía). Ao ser rexistrado o seu cadáver acháronse varios documentos
e unha axenda co nome dos acusados. Curiosamente había máis xente da Costa de
Morte (Vimianzo, Laxe e Cabana) que da zona de Ordes. Tamén había algúns nomes
de Ribadavia.
Inmediatamente as brigadas da Garda Civil
puxéronse en marcha e detiveron a todos os acusados. A maioría deles estiveron en prisión ata o momento do
xuízo, aínda que algúns estaban en liberdade provisoria desde o verán.
O fiscal Asensio retirou nas súas conclusións
provisionais os cargos contra estes últimos e pediu para os demais penas que
oscilaban entre os 6 e 15 anos de prisión, de acordo coa Lei de Bandidaxe e
Terrorismo do 18 de abril de 1947. En cambio para Emilio Aguiar Díaz, Antonio
Fernández García e Luís Ribas Pérez, os tres procesados de Ribadavia, pediu
penas de entre 15 e 33 anos como compoñentes dunha célula do PC.
Moitos dos acusados eran enlaces ou prestaban
as súas vivendas como pousada ou estafeta para os guerrilleiros. Só uns poucos
participaran supostamente en atracos. Por exemplo, Fernanda Carril Devesa tiña
unha casa de comidas na rúa Santa Catalina da Coruña que servía de estafeta. A
súa filla Balbina Pedro Carril e o seu xenro Manuel García López eran enlaces.
A maioría dos acusados eran campesiños, agás algúns mariñeiros e pequenos
industriais. Evaristo García Espasandín era mestre. O de maior idade era
Alfonso Suárez Mosquera de 74 anos e completamente xordo, con dous fillos,
Manuel e Jesús, tamén complicados. Manuel García López foi tenente do exército republicano.
En xeral moitos negaron a súa participación
ou alegaron coacción e medo aos guerrilleiros, que foi tamén o principal
argumento dos avogados defensores.
Entre as 67 persoas acusadas, as que máis nos
interesan son dúas mulleres de Mesía, parentes de Ponte.
María Ponte Pedreira (1906-1995) natural da
parroquia de Abellá, vivía co seu marido José Blanco Carro (1905-1983) no lugar
de Pedre, en Filgueira de Traba (Cesuras). Foi detida o 25 de abril e procesada
por colaboración coa guerrilla. O motivo era terlle entregado a Ponte unha carta persoal da súa muller Mª Carmen Rivas (naquel momento desterrada en Villalón de Campos) pero dirixida a María. Finalmente foi absolta e liberada o 23 de
decembro despois de pasar 8 meses no cárcere da Coruña.
María morrería en setembro de 1995, deixando tres fillos. María, Antonio e Fernando
Blanco.
Soledad Ponte (1910-1991) filla natural de
María Ponte Rodríguez e nacida en 1910 na parroquia de Abellá, era prima
segunda de Manuel Ponte. Na súa casa do Fontao estaban os guerrilleiros antes
de ser abatidos. Foi detida e incomunicada durante dous días para evitar o
"perigo de confabulación" con María Ponte. Foi procesada o 27 de
abril de 1947 e ingresada no cárcere da Coruña. O seu caso non foi a máis e o
fiscal solicitou a liberdade provisoria que lle foi concedida en agosto. No Consello de Guerra foi absolta.
Soledad morrería en agosto de 1991.
No hay comentarios:
Publicar un comentario