2004 foi un ano terrible. Internacionalmente
ao principio non o pareceu pois en xuño Estados Unidos remataba teoricamente a
invasión de Irak transferindo o poder a un goberno do país, pero os problemas
por suposto non remataron aí. Hugo Chávez gañou un referendo que pretendía
sacalo do poder, mentres no Uruguay vencía nas eleccións Tabaré Vázquez, o
primeiro presidente de esquerdas do país.
Pero todo foi unha minucia comparado coa
forza desatada da natureza. O 26 de decembro tivo lugar o evento máis devastador de todo o século: un potente terremoto no
Océano Índico provocou xigantescas ondas que arrasaron unha enorme cantidade de
terreo e acabaron coa vida de máis de 225.000 persoas.
En ESPAÑA todo parecía ir ben... ata o 11 de
marzo. Ese día 10 bombas postas por integristas musulmáns mataron a 191 persoas. O atentado foi nunha
data estratéxica. Tres días despois o PSOE
gañous as eleccións xerais, pero o país quedou estarrecido e dividido e o
goberno de Zapatero a pesar do seu "talante" nunca puido volvelo recompoñer. E ese marzo cargado de noticias aínda viu outra máis: a voda do entón
principe Felipe coa xornalista Letizia Ortiz.
En ORDES 2004 empezou cun relevo no BNG. Este partido que a finais dos 90
parecía que podía ser unha alternativa real ao dominio do PP, no cumpriu as
expectativas. Quedou de perenne 2ª forza pero cun teito electoral moi claro e
sen posibilidades reais de alcanzar o poder. Neste contexto o seu líder Ramiro Recouso
decidiu abandonar (sería un abandono temporal) e foi substituído polo veciño do
Mesón Avelino
Candal, cousa que non cambiou para nada a dinámica do BNG.
Pero as noticias máis impactantes e
preocupantes tiveron que ver coa violencia asociada á movida. Ese ano non houbo monumentais pelexas pero si incidentes
graves. En febreiro un mozo de Deixebre de 22 anos foi ferido cunha navalla e,
a pesar de que o orificio de entrada tiña 20 cm, por fortuna non tocou órganos vitais e
foi dado de alta. Dous irmáns da Coruña de 19 e 18 anos foron os que pelexaron
con el e o máis novo foi o agresor. Outra liorta, esta sen armas por medio,
ocasionou que un mozo de Oroso lle rompera o tabique nasal a outro de
Visantoña.
Afortunadamente a situación foise
controlando. En todo caso a culpa non era do garrafón pois en maio a policía municipal
tomou mostras de whisky, ron e xenebra en once locais do Campo da Feira para
realizar un estudo que concluíu que as bebidas estaban limpas de po e palla ao
100 %. Claro que o feito de que o que ordenaba esa revisión, o alcalde Martino,
tivese relación cun pub da movida, non axudaba a parar as suspicacias sobre o
resultado de dito estudo.
Outro dos asuntos que preocupaban aos
ordenses era o alto número de mortes por cancro
especialmente no Recreo, así que organizouse unha comisión que efectuaría outro
estudo (que sería polémico) sobre o que había detrás diso.
Os tempos de bonanza económica deixábanse
notar na abundancia de inmigrantes, máis de 800, especialmente suramericanos e
marroquís.
Non faltaron tampouco noticias divertidas
como a da incompetente ladroa ordense
ou a do ovo de 10
cm. Este último foi posto por unha galiña de
Mesía, propiedade de Manuel Mosquera Souto. Xa unha vez atopara outro moi grande pero algo roto. A segunda vez que unha das súas sete
galiñas puxo un ovo xigante regaloullo ao seu irmán Saturnino, que foi quen
llo ensinou á prensa. Aquí podedes ver na foto aos fillos deste co
tremendo ovo de 92,8 mm de lonxitude por 59,8 mm de anchura. E iso a pesar de que todas eran pitas "moi normais".
2004 foi o ano no que apareceu Facebook, a rede social por excelencia. Tamén se editou un libro
supervendedor, "O Código da Vinci",
e víronse grandes películas: "Million Dollar Baby", "Crash",
"The Incredibles" e o terror
desatado de "Saw". En España foi o ano de "Mar adentro" de Amenabar.
Musicalmente escoitábanse a todas horas "Yeah!" de Usher, "This love" de
Maroon 5, "Let´s Get It Started" de The Black Eyed Peas e a "Bulería" de David Bisbal.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario