viernes, 30 de agosto de 2019

O testamento de F. Conde

Artigo e material gráfico aportado por Victorino Cores.
                  
  En Montaos na antigüidade, houbo moitos persoeiros famosos, aínda que algúns deles nin sequera viviron na parroquia. A todos nos soan os Bermúdez de Castro, os Prego, os Montaos, etc. Non obstante, outros dos que na actualidade apenas se fala deles, non foron menos interesantes. Estou a referirme aos Condes. Oriúndos de Celanova, unha das familias instalouse en Queis alá polo ano 1500, concretamente na Albariña, na casa que ata hai pouco tempo era chamada a Casa de Conde, e que hoxe pertence a outros donos. Eu lembro ter visto nas vellas paredes escudos dos Condes e doutros familiares cos que foron emparentando, pero claro, en Galicia  houbo un tempo no que as paredes de pedra tiráronse e repuxéronse con bloques de formigón e non sei se os escudos aínda se conservan.


  Un dos Condes, chamado Francisco, foi un singular persoeiro que acadou moitas terras, tanto en Montaos coma nas parroquias dos arredores. Viviu en Carrás, na que moitos anos despois sería a casa de Gómez, á beira do Camiño Inglés, aínda que nos escritos que eu lin sobre o devandito Francisco, erroneamente pon "Camiño Francés".   
  Por estar na beira da principal vía de comunicación, Queis era entón o lugar máis poboado da parroquia. Incluso a igrexa parroquial, estaba en Ribadas, preto do Piñeiro e do Camiño Inglés.


  Francisco Conde, que morreu no ano 1799, era moi católico. No seu testamento, que el mesmo redactou, comeza escribindo (en castelán antigo, eu tradúzoo no meu galego):

  No nome de Deus e da Virxe Santísima, súa nai, concibida sen mancha nin sombra de culpa orixinal ... Eu, Francisco Conde e Verea, veciño que son deste lugar de Carrás, Coto de Queis, anexo do de Sigüeiro, parroquia de Santa Cruz de Montaos, atopándome encamado de enfermidade, que Deus Noso Señor quixo darme, aínda que no meu san xuízo e entendemento cabal, crendo, como firmemente creo no misterio da Santísima Trindade, Pai, Fillo e Espírito Santo. Tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro, todo poderoso. Teméndolle á morte, que é natural, e desexando salvar a miña ánima, outorgo o meu testamento da forma seguinte: primeiramente encomendo a miña ánima a Deus Noso Señor que a criou e redimiu co seu preciosísimo sangue na árbore da cruz. O corpo mándoo á terra da que foi formado, que sexa amortallado nun hábito de picote de noso pai Seráfico San Francisco e sepultado dentro da igrexa parroquial desta freguesía de Montaos, na sepultura de xunto ao coro, e que se pague todo a costa dos meus bens. Tamén mando para o día do meu enterro e os autos do sétimo día e cabodano. Que se chamen e asistan sete señores curas, incluso o señor vicario ou o suplente, que os sete digan misa pola miña ánima. Tres delas cantadas coas súas vixilias e os responsos correspondentes, as demais misas rezadas, que en total han de sumar vinte e unha polo estipendio acostumado, e ademais  trinta rezadas pola miña ánima. Tamén mando de esmola á nosa Señora do Carme, medio ferrado de trigo, outro medio ferrado á Virxe dos Desamparados, que a súa  imaxe se venera en Santa María de Castelo. Outro medio ferrado ao Glorioso San Román de Trasmonte. A San Miguel de Gándara unha misa rezada, ó Glorioso San Roque de Moar un ferrado de trigo. Á miña patroa Santa Cruz un ferrado de trigo. Á nosa Señora do Rosario unha misa rezada. Á causa Santa de Xerusalén, o acostumado, e todo o dito, apórtoo dos meus bens. E tamén digo e declaro satisfacer polas benditas ánimas do Purgatorio oitenta reais, e por outra vinte e tres e dez misas rezadas. E á Santa Cruzada, mando que se lle bote no cepo que ten na Catedral de Santiago corenta reais. E tamén digo e declaro que estou debendo das esmolas, de misas e pensións atrasadas, trescentos vinte reais de vellón a Don Juan Andrés de la Iglesia y Marzoa, cura e reitor propio desta parroquia. A Don Jacobo Domingo de la Iglesia, cura da San Estevo de Trasmonte, corenta e catro reais. A  Don José Espiño, veciño da cidade de Santiago, cento vinte reais. A Sebastián de Liste, veciño de  Santa Mariña de Parada, seiscentos reais. A Miguel Rodríguez, veciño de Santa Eulalia de Pereira, cento oitenta reais. A Manuel García Pan, da cidade de Santiago douscentos reais. A José Andrés García, da mesma veciñanza e comerciante, douscentos vinte reais. A José Vello, veciño de San Mamede de Berreo, cen reais. Á confraría do Glorioso San Antonio da cidade de Santiago, cento trinta e dous reais. A dona María ... y España, veciña de San Martiño de Oroso, cento dez reais, importe dunha venda atrasada. Mando que a uns e a outros se lles pague a costa dos  meus bens e calquera outra débeda da que non me teña acordado. E tamén digo e declaro que casado con Francisca Liñares da Pena, a primeira  e actual muller tivemos tres fillos [...].

  Relata logo como reparte os seus bens e nomea ao seu fillo Juan para que, a costa dos seus bens, venda en pública almoeda os que cheguen para pagar todos os seus mandados  neste testamento.
  A prole de Francisco Conde, seguiu a súa fe cristiá. No ano 1882, a un dos seus descendentes, Pelayo Conde, previo pago de vinte e un cuartos de limosna, concedéuselle, a "Bula de la Santa Cruzada", para gañar indulxencias plenarias e sacar ánimas do purgatorio.


  Cómo podemos ver, Queis daquela era un coto anexo do de Sigüeiro. No lugar hai un rueiro, chamado a Porta dos Condes, onde houbo unha casa nobre, que posteriormente pasou á familia Varela Radío e hoxe pertence a outros veciños de Queis. Dita casa tiña unha recámara con dobre parede e un acceso labiríntico, onde gardaban os cartos. Cóntase que a finais do século XIX, os coellos que criaban na casa, ao facer tobos, desenterraron numerosas moedas de ouro.
Victorino Cores Liste

miércoles, 28 de agosto de 2019

Festas de 1929

  En 1929, segundo o xornal El Compostelano, a procesión de Venres Santo foi un gran espéctaculo:
  «Como era de esperar, dadas las múltiples simpatías del portador del Santo Calvario, D. Antonio Concheiro Iglesias, a quien acompañaba su padre D. Antonio Concheiro Rodríguez, médico forense, y D. Francisco Liñares Iglesias, médico municipal, y teniendo en cuenta además los buenos sentimientos de estos vecinos, ayer tarde se ha celebrado la procesión más grandiosa que se recuerda en esta villa, llegando a agotarse la cera en todos los comercios, pues fueron innumerables las personas que formaron en las filas de fieles, siendo de todas las clase sociales y de ambos sexos.
  La imagen venerada fue llevada por los jóvenes escolares D. Gabino Amor Rivas, D. Nicolás del Río Ramos, D. Florencio Pol Amor y D. Celestino Concheiro Iglesias.
  Las varas del palio fueron conducidas por los jóvenes D. Ezequiel Astray Mato, D. Manuel Mariño Vilela, D. Antonio Louro Parada, D. José González Faya, D. Manuel Armada Ferreiro y D. Manuel Lavandeira García.
 Durante el trayecto se vieron artísticas iluminaciones, algunas de ellas eléctricas, que adornaron las fachadas de las casas de los vecinos de esta villa, contribuyendo al realce de la manifestación religiosa.
  Presidieron las autoridades civiles y militares, que estuvieron representadas por los concejales D. Manuel Calvo Pérez, D. Manuel Viaño Prado, D. Nicolás del Río Castelo, y el notario D. Antonio Louro y Louro; el juez de primera instancia D. José Sánchez Guisande, el notario judicial D. José Medina Pérez; el juez municipal D. Ramón Astray Mato y el teniente de la Benemérita D. Bernardino Rodríguez.
  En la iglesia se cantó el Stabat Mater al recogerse la procesión.»

  As festas patronais daquel ano duraron os habituais 4 días.
  O mércores 14 comezaron co habitual repenique de campás e disparo de bombas. A partir das seis da tarde a banda de Arca dirixida por Manuel Regueiro percorreu as rúas "interpretando alegres partituras". Ás 8 da tarde tivo lugar o paseo de moda amenizado pola banda e gaitas do país. Ás 10 houbo sesión de fogos de artificio e elevación de "grotescos globos" no campo da feira e na Alameda, lugar onde había unha artística iluminación á veneciana. Á unha chegou a hora da retirada (tempos aqueles!).
  O día grande, xoves 15, houbo dianas (ás sete da mañá!!!) e alboradas da banda acompañada de gaitas do país. Logo concerto na Alameda e paseo de moda, ás once solemne función relixiosa e non menos solemne procesión presidida polas autoridades. A vila estaba engalanada con arcos e colgaduras. Ás 5 da tarde, inaugurando o "Stadium del Naranjal" -a parte sur do que hoxe é o cemiterio do Piñeiro- o Órdenes FC enfrontouse ao quipo de Arzúa. Despois do partido, ás 7, houbo baile na Alameda e de noite repetiuse a verbena.
  O venres 16, ademais das dianas houbo misa cantada e procesión en honra a San Roque. Este foi o día reservado ao concurso de baile galego. Logo houbo a verbena acostumada.
  Por fin o sábado 17 concluíu a festa con dianas, paseo de moda, merendiñas nos piñeirais do Recreo e gran iluminación na Alameda con baile e elevación de globos.
  Como dicía La Voz de Galicia: "En suma, unos festejos dignos de verse y que merecen un aplauso caluroso para la comisión que los organizó con tanto acierto".

sábado, 24 de agosto de 2019

Cotizantes e pensións en 2018

  Que o sistema de pensións está en perigo é cousa sabida. A falta dos datos do peche definitivo do exercicio 2018, as contas da Seguridade Social mostran que só catro das 17 comunidades (Madrid, Baleares, Canarias e Murcia) serían capaces de pagar aos seus xubilados co que achegan os traballadores da rexión. en Galicia os ingresos por cotizacións apenas cobren dúas terceiras partes da nómina das pensións, que medra a un ritmo moito maior que as achegas dos traballadores, xa que a creación de emprego nos últimos anos non se ve acompañada dunha subida xeneralizada e xenerosa dos salarios. Isto limita a recadación, que apenas chega aos 5.280 millóns de euros, fronte aos case 8.300 que se van no pago de prestacións. Cos niveis actuais de cotización, farían falta algo así como 400.000 novos postos de traballo para equilibrar as contas do sistema de pensións en Galicia (ou recortar un 40 % as prestacións).


  Só quince concellos presentan unha porcentaxe superior aos dous cotizantes por pensionista (a media en España está nos 2,3, aínda que o óptimo considérase 3 ou máis).
  Como se pode ver no mapa a práctica totalidade da provincia de Ourense (onde só 7 dos 92 concellos presentan porcentaxes positivas), unha boa parte da de Lugo, o interior de Pontevedra e o oeste e norte da Coruña presentan altas taxas de dependencia económica. Tan elevadas que ata o Servizo Público de Emprego, nos seus informes sobre o mercado de traballo en Lugo e Ourense, apunta a que ambos os dous territorios teñen «un problema moi serio coa perda e o grao de envellecemento da súa poboación».
  As causas son obvias: ademais do envellecemento, as empresas teñen un tamaño moi reducido e hai moi poucas coa dimensión suficiente para xerar dinámicas positivas de crecemento, isto ocasiona debilidade do sector industrial, emigración da man de obra cualificada e dificultade para atraer talento. Se engadimos o abandono da actividade primaria temos todos os ingredientes.

 Pola contra as menores taxas de dependencia económica (é dicir, onde hai máis traballadores para soster aos pensionistas e desempregados) rexístranse nos municipios limítrofes con Santiago (Ames, Oroso e Teo) e A Coruña (Cambre, Culleredo, Arteixo e Oleiros). Ente os dez primeiros figuran tamén Barbadás, Salceda de Caselas e Ribadumia. Das sete cidades, só Ferrol presenta unha porcentaxe negativa. Fronte aos máis de 15.400 pensionistas que viven na cidade e os 4.728 parados, a urbe naval conta actualmente con só 18.594 traballadores en alta. Moi diferente á proporción que presenta a veciña Narón, onde hai apenas 9.940 xubilados e desempregados fronte a máis de 13.900 ocupados.

  Na comarca de Ordes só Oroso ten una porcentaxe superior ao 50 %. A maioría dos concellos non pasan do 20 %, agás Ordes con 35 %.
  O único concello con menos traballadores que pensionistas e parados é o de Tordoia, habitual líder comarcal na perda de pobación.

martes, 20 de agosto de 2019

Outra liorta

  Os anos ían pasando pero a xente da comarca seguía bastante asilvestrada. As pelexas eran o noso pan de cada día e só chamaban a atención cando había feridos graves ou algún morto.
  Esta vez a gran liorta foi entre mozos de Visantoña (Mesía) e Vilamaior (Ordes) que levaban moito tempo arrastrando unha gran inimizade.
  En maio de 1929 aproveitaron unha festa en Ardemil para dar un paso adiante na súa rivalidade. Provistos de pedras, paus, armas brancas e pistolas acometéronse mutuamente ao pouco de ter empezado a verbena, provocando o caos e a fuxida precipitada dos auténticos festeiros.
  Os resultados foron graves pero afortunadamente non houbo vítimas mortais. Pola parroquia de Vilamaior, Manuel Graña Mata de 20 anos levou unha coitelada no costelar dereito de oito centímetros de extensión ademais das habituais contusións na cabeza, mentres que Antonio Gómez Blanco tivo feridas na cabeza e nas pernas "de pronóstico reservado".
  Os peor parados por parte da hoste de Visantoña foron Lino Lata Vázquez de 20 anos ao que un proxectil perforoulle a mandíbula e deixouno sen dúas moas, Ricardo Silva Gil de 27 anos e José Manteiga Mosquera de 24, ambos os dous con contusións en cabezas e corpos. A este último incautóuselle un coitelo.
  Foron detidos outros mozos participantes na pelexa: José e Jesús Manteiga Vieites, José Manteiga Roel, Andrés Manteiga Mosquera, Segundo Gómez Manteiga, Emilio e Martín Mosquera Gaudeoso e Pedro e José Gómez Blanco.
  Como vedes había Manteigas dabondo para encherse de colesterol!  

sábado, 17 de agosto de 2019

Eduardo Veiras Boquete

  Eduardo Veiras Boquete, tamén coñecido como Eduardo da Poza, naceu no ano 1928 en Cercedo (parroquia de Pereira), pequeno lugar a uns 600 metros ao leste da autoestrada.
  Eduardo foi un de tantos músicos que amenizaban as festas dos anos 40 e 50. Era bastante polivalente e tocaba a gaita, o clarinete e o acordeón. O seu primeiro grupo foi un terceto -formación non demasiado habitual- onde el tocaba a gaita acompañado por Ramón Rey tocando a caixa e Rufino de Boquete o bombo.

  Casou con Mª Nieves Varela Liste (1935-2014) coa que tivo unha extensa familia de once fillos que alimentar.
  Nos anos 60 emigrou a Holanda e Alemaña. Levou con el a gaita para seguir tocando nas festas que facían os emigrantes. En Amsterdan gravaron unha escolma das súas pezas nunha cinta magnetofónica que hoxe, xa dixitalizada, forma parte do arquivo sonoro de Galicia.
  Retornado da emigración volveu instalarse en Cercedo ata a súa morte en maio de 2015. Esta soterrado no cemiterio parroquial de Pereira.
FONTE: "Vilaverde" (Os Viqueiras)

  De propina podes oír a Muñeira de Cercedo, peza que el deu a coñecer, premendo aquí: Folkoteca Galega. Abaixo tes a versión do grupo Os Viqueiras.

miércoles, 14 de agosto de 2019

Vellos alcumes de Ordes (4)

  Algúns alcumes tiñan que ver con algunha PARTICULARIDADE FÍSICA do individuo. 
  Os primeiros que nos veñen á mente son José Ramón o Peludo, un home solteiro que vivía no Recreo, e Ramón Fuentes Uzal
o Pelado, músico que tocou a caixa no grupo Os gaiteiros de Buscás. En cambio César Lamas García, o 3º fillo do Vello Viriato, era Tirone pola súa apostura, aludindo ao actor Tyrone Power.
  Mª del Carmen Ferreiro Caramelo (1929-2012), casada co carpinteiro Pepe de Angustias e nai da mestra Águeda Regos, tiña un pequeno ultramarinos de comida. Era coñecida como a Morena.
  Jesús Vilariño Ramos (1885-1971), avó dos propietarios do concesionario Ford que houbo en Merelle ata finais do século pasado, traballaba de matachín e capador pero era coñecido como o Xordo por razóns obvias.
  José Villaverde Veiras, fillo de solteira de Andrea Villaverde, apenas chega ao metro sesenta por iso na súa xuventude chamábanlle Cheíño de Ghorecho (o seu avó) e logo co alcume Xeitoso ou Xeitosiño. É moi coñecido na vila por traballar moitos anos para o Concello.
  Un dos alcumes máis famosos de Ordes foi o Ghrillo. Así lle chamaban a José Ríos del Río (parece ser tamén que polo seu pequeno tamaño), un home moi pobre que procedía de Cestaños e vivía na Rúa dos Lagartos e de quen comentaban que roubaba nos muíños, cousa que se lle disculpaba porque tiña que atender como podía á súa familia. Do seu matrimonio con Antonia Grela Couselo (1900-1997) tivo tres fillas. A maior, María Ríos Grela (1937-2018), María do Ghrillo, que herdou a pequena estatura, viviu no entón barrio pobre de Ordes pomposamente coñecido como "Ciudad Jardín" (e durante un tempo como "Ciudad Nueva"). Era tan coñecida na vila que o seu alcume pasou a denominar ao propio barrio.
  Tamén o pequeno tamaño está detras do alcume das Caghallas de Mañufe (Mercurín), ampla familia de 12 irmáns apelidados Boquete López. Manuel Boquete o maior viviu na Rúa de Casabella en Ordes.
  Igualmente a estatura parece ser a razón de que un dos fillos da Vidala, Jesús Vidal del Río, fose alcumado o Rato. Eran bastante pobres e un día comprou un traxe moi barato, de material tan malo que lle chamaban "de folla de eucalipto". Os compañeiros dixéronlle con ironía que ía moi guapo e el, seguindo a broma:
-Pois puxen o primeiro que atopei no armario.
  Quizais por esa infancia difícil o seu medio irmán, Pedro Vidal del Río (1926-1996), que traballaba na ferraxería de Amancio, gustaba de vestir sempre con moita elegancia, tanta que era chamado Barrié (de la Taza) -como o banqueiro Pedro Barrié de la Maza-.

  Outro tema habitual dos alcumes era o OFICIO do portador.
Por exemplo Manuel Castro Castro (m.1942) do Recreo era coñecido como o Ferreiro, o mesmo que Manuel Gómez Manteiga (1908-2002) no Mesón do Vento -e varios máis-. Manuel Viqueira Conde (1901-1976) primoxénito dos Viqueiras do Casal pero que viviu no Recreo era o Ferrador, alcume que herdou o seu fillo maior Jesús Viqueira Moar (1929-2006). Tamén había Ferrador no Mesón do Vento, José Martínez Moar (1919-1975), que ademais tiña unha taberna -logo Casa Victoria-.
  En Ordes houbo moitos tratantes de vacas, especialmente na parroquia de Poulo. José Gómez Iglesias (1930-2022) Pepe de Xanarde -que viviu en Cabeza de Lobo-, en cambio compraba e vendía ovellas, así que tamén era chamado o Ovelleiro. Doutra banda os membros das familias que tiñan un asno semental eran coñecidos como Burraxeiros, tal era o caso dos Pampín Boquete de Castenda (Parada) e os López Blanco de Loureda (Leira).
  Javier Verea Fandiño (m. 1978) que foi alcalde antes da Guerra Civil, logo sería encargado da prisión, polo que lle chamaban o Carceleiro. A súa filla Inmaculada Adita (m.2022) tivo unha mercería fronte a Alameda.
  Manuel Vilariño de Alfonso Senra era o Latonero, igual que Segundo Costa do Recreo. Na Rúa Coruña José Escariz García (1935-2005) que veu de Cuntis nos anos 60 para traballar na remodelación da igrexa (da que anos despois sería sancristán) era coñecido como Pepe o Canteiro.
  Antigamente as botellas de gasosa denominábanse "boliches" porque tiñan unha bóla (que os nenos aproveitaban como canica), así que os que as vendían e repartían eran coñecidos como bolicheros, caso de Manuel Fuentes Noya o Bolichero (1913-2002), que tiña unha fábrica na Rúa dos Lagartos pero que rematou por marchar a vivir en Curtis.
  Gabriel Amor Candal (1892-1960) tiña unha churrería detrás do antigo cárcere, así que era o Churrero. Dos seus oito fillos a que continuou co negocio e herdou o alcume foi Josefa Amor Rodríguez (m. 2005) Pepita da Churrería. Por certo que dous dos seus irmáns, Pepe e Estrella, apenas podían falar, así que eran o Mudo e a Muda respectivamente. Outro Churrero foi Antonio Areoso Vieites, que viviu en Merelle 2 e foi o pai do coñecido construtor José Areoso Bello.
  Manuel Viqueira Vieites (1929-2015) era o famoso Gaiteiro de Vilaverde, lugar no que tamén había outro Ghaiteiro, Manuel Candal Veiras (1888-1963) que neste caso era tratante de gando pero herdara o alcume do seu pai e, por suposto, tamén foi traspasado ao seu fillo José Antonio Candal Méndez (1933-2019).
   Jesús Losada Prado  RENFE (1931-1988) que casou con Estrella de Conde era chamado así por traballar para a empresa ferroviaria.
  Dentro desta categoría tamén podemos incluír a Juan Ríos García (1894-1981) do Casal que era chamado Rada por ser moi bo mecánico. (o alcume ven do entón moi famoso Pablo Rada, mecánico do "Plus Ultra", o hidroavión que fixo o 1º voo entre España e América en 1926). Por certo que un dos seus netos é Ricardo Moar "Richard" antigo xogador de fútbol do Deportivo e do Valladolid.
  Amancio Casas Rodríguez (m.1999) procedente de Valdoviño e casado con Dina López Corral coa que viviu no Paraiso era o Forestal. O seu fillo Pedro (de mozo coñecido como Picos) seguiu a súa senda.
  O Xastre máis famoso foi Manuel Ponte Pedreira (1911-1947), coñecido guerrilleiro da posguerra, pero este alcume foi habitual nos que tiveron este oficio como José Aller Fernández (1903-1980), Cándido Fernández Castro (1920-1994), Tomás Fuentes Ríos (1928-2016), Manuel Botana Porro (1929-2017) o Xastre da Canle, e varios máis.
  Manuel del Río Pampin o Carteiro (avó do profesor Manuel del Río) e o seu irmán José del Río Pampin o Barbeiro compartiron o triste destino  de ser fusilados en Boisaca en 1936. O equivalente feminino dos barbeiros foron as perruqueiras das que só mencionarei a Josefa García Cruz a Peluquera (1928-2019), muller de Mirás, que tiña nos Lagartos 29 o seu establecemento, no que agora continúa a filla Mª José Mirás.
  Por suposto non esquecemos nesta lista a Ramón Ferreiro Ramón o Practicante que atendeu case a todos os habitantes da vila algunha vez. Tamén moi coñecido foi Domingo Rivas Viqueira (1905-1974) o Compoñedor da Tiopeira, por vivir nese lugar de Buscás. Por certo que xa o seu avó exerceu o mesmo oficio e tivo o mesmo alcume.
  Pero se falamos de fama fóra de Ordes ninguén competiu nas últimas décadas do século XX con Jesús Rama Louro (1922-2005) coñecido como o Meigo ou o Cartuxeiro que tiña unha ampla clientela (mesmo vida desde Madrid!) para aproveitar as súas artes sanatorias.
Continúa en Vellos alcumes (5).

domingo, 11 de agosto de 2019

Ordes anos 20

  A finais dos anos 20 foi editado o libro "Geografía General del Reino de Galicia" dirixido polo catalán F. Carreras Candi e escrito no seu tomo dedicado á Coruña por Uxío Carré Aldao. Nel son descritos os concellos da provincia con minuciosidade e, entre o material gráfico, figuran planos das cidades e principais vilas.
  Un deles é o que tedes aquí abaixo. O orixinal está en formato apaisado, pero aquí tamén aparece en formato vertical e con información adicional.
  A pesar de que a publicación é de finais dos 20, falta a "Calle Directorio" que se fixo en 1924, así que o plano puido ser debuxado antes.
  Unha reprodución (financiada pola Caixa de Galicia, Internaco, Macoga e Reyca) foi repartida gratuitamente en 2002 polo "Obradoiro da Historia". 

(Preme para ver máis grande)

miércoles, 7 de agosto de 2019

Paseo do Río Mercurín


  O paseo do Río Mercurín foi inaugurado en decembro de 2009, pero a súa historia vén de moito atrás, de finais do século XX.
  Xa nos plenos do ano 1999, época na que era alcalde Teodosio Martino, aparecía a intención de facer un paseo fluvial nas deterioradas marxes do río Mercurín. No ano 2000 o proxecto comezou a tomar forma e era moi ambicioso: pretendíase facer un longo paseo que chegase desde a depuradora das Casillas ata a aldea de Vilaverde, Contando para iso cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de 900.000 euros.
 

  Pronto chegaron os primeiros atrancos. No ano 2004 seis dos 9 propietarios dos terreos afectados na zona do Recreo protestaron contra o alcalde que, segundo eles, pretendía que cedesen as propiedades a cambio de nada. Loxicamente a oposición (especialmente o CDI de Roberto González, inimigo político e persoal de Martino) apoiou aos propietarios.
  En setembro de 2005 deuse un primeiro paso adiante ao derrubar o vello matadoiro que estaba en estado ruinoso e encima do leito do río, o que permitiu despexar unha zona dese futuro paseo. Non se avanzou máis nesa lexislatura.
  En maio de 2007 tiveron lugar as eleccións municipais que supuxeron a caída de Martino e a chegada á alcaldía de Manuel Regos. Disposto a deixar a súa pegada na vila comezou unha política de grandes obras e festexos acompañado do seu antigo rival e agora aliado Roberto González.
  Unha desas grandes obras sería o paseo fluvial, pero prudentemente apostou por un proxecto menos ambicioso e problemático que o orixinal, empezando por acondicionar a zona (uns 400 metros) entre os muíños da Silva (o do Campo da feira) e o da Braña. Agora os atrancos chegaron por parte do BNG e ADEGA que denunciaron ao concello por unha talla ilegal de árbores en outubro de 2008.
  Por fin as obras iniciaron en febreiro de 2009. A inauguración tivo lugar o 30 de decembro dese mesmo ano e nela estivo presente o responsable territorial da Consellería do Medio Rural Enrique Luis Salvador Sánchez.


  Así unha zona degradada, en total estado de deterioro, que nalgúns lugares funcionaba como vertedoiro converteuse, grazas a un investimento de 450.000 euros da Consellería de Medio Rural, nun pulmón verde para a vila e nun espazo de lecer para os máis pequenos porque contaba cunha área recreativa con parque infantil.
  O atractivo do lugar subiu no verán de 2010 cando o Concello trouxo novos habitantes para a insua no medio do río. Unha pequena cantidade de cabras marroquís, parrulos, ocas e ata un cisne (posteriormente trouxéronlle unha compañeira) contribuíron a humanizar o paseo (curioso que as aves "humanicen" mentres moitos humanos "animalicen"). O encargado do lugar era Francisco Pallas.


  O paseo tivo un enorme éxito. En 2014 despexouse e botouse rebo nunha zona duns 900 metros que chegaba ata estrada que vai do Casal a Vilaverde. Deste xeito os amantes das longas andainas tamén comezaron a utilizalo.  
  En novembro de 2015 pasou a chamarse Paseo Ramiro Recouso en recordo do concellal do BNG falecido uns días antes, pero como pode supoñerse o nome popular segue sendo "Paseo do río" ou "Paseo dos patos".
  En outubro de 2019 cementouse de novo e ancheouse o camiño preto do muíño da Braña e colocáronse novos bancos ao longo de todo o percorrido.

lunes, 5 de agosto de 2019

Lo más bello del hogar

  Os anos 20 supuxeron un enorme avance da moda cara á emancipación feminina. Os longos e pesados traxes e sombreiros quedaron definitivamente desterrados. A nova muller buscaba a comodidade e tamén a provocación co peiteado curto ao "garçon".
  Os vestidos eran lixeiros ao igual cá roupa interior que consistía nunha combinación de algodón de cor crema composta por un corpiño e un suxeitador para disimular os peitos, con tirantes axustables, parte dianteira bordada, partes laterais e traseiras elásticas, peche lateral con corchetes e catro portaligas axustables. Todo isto estaba confeccionado cun novo material: o raión, lixeiro, barato e fácil de lavar. 
  A crise de 1929 tivo como consecuencia o uso habitual de tecidos de baixo custo como o liño e materiais artificiais. As medias deixaron a carísima seda e pasaron a fabricarse tamén de raión (non eran aínda de nailon que sería descuberto en 1933 e patentado en 1938).
  En 1930 os modelos de beleza eran actrices como Greta Garbo e Marlene Dietrich, mulleres independentes, altas, delgadas, de ombros anchos e pouca cadeira. O centro erótico subiu das pernas ao lombo que era resaltado con grandes escotes e que provocaba o delirio masculino.

  Pero a pesar de todos estes avances a maioría da sociedade seguía vendo á muller nun único papel. Podemos decatarnos lendo este artigo publicado en Vida Gallega no ano 1929.
 
LO MÁS BELLO DEL HOGAR
  Mujercitas modernas; lindas muñequitas del hogar. Vosotras que os pasáis mucho tiempo en el día arreglando la casa, colocando cuadros, cortinas y muñecos para hacer más frívola la estancia y agradar lo más posible, debéis tener en cuenta que hay una cosa principalísima para embellecer la estancia. El primer muñequito frívolo, la primera cosa atractiva, risueña, agradable, lo constituís vosotras mismas. Lo demás, es un complemento vuestro. La mujer es el elemento embellecedor del hogar, y como tal debe procurarse el cuidado en todos los órdenes. Una mujercita bella no la es del todo si no sabe realzar su figura con vestimentas apropiadas. Una mujer no solo debe conformarse con ser guapa; debe parecerlo también. Los atavíos femeninos son los elementos deslumbradores de la gracia y simpatía de la mujer. La mujer misma, es lo más bello del hogar y por lo tanto el objeto de arte que más hay que cuidar. Si este se descuida, en vano se abarrotará la casa de atractivos; será como un almacén de sótano sin dependiente ni comprador; una cosa sin vida.

  El hogar debe convertirse en el palacio de la alegría, de la simpatía, del amor. Arreglado el gabinetito, perfumada la estancia, colocados los objetos artísticos en su puesto, abriendo el ventanal para que penetre el fuego del sol en la próxima primavera, la reina de la casa, la mujer, debe presentarse artísticamente ataviada por su salto de cama o kimono de seda, por ejemplo, rosa pálido que tanto se usa, bordado profusamente en sedas y felpas negras. Anchísimas mangas para que den suprema gracia a la figura ...
  Una linda mujer, ataviada con arte en las horas matinales, de intimidad, es el encanto verdadero del hogar. Es la belleza suprema de la casa. Es el objeto de arte en la familia.

  Su figura hará más bella la estancia y los objetos que sirven de adorno a la casa parecerán más lindos todavía.
  La mujer, con aire majestuoso, embriagará el ambiente entre sonrisas y perfume de rosas, y presidirá como reina del hogar todos esos juguetes que adornan la estancia.
  La sonrisa de una mujer bien ataviada, lo mismo que el gorjeo de un canario, harán, de lo que parece para muchas una prisión, su jaula, un palacio de libertad para ella, y de esclavitud para los muñecos, contando entre estos, como es natural, al primer muñeco: al hombre.
Soledad Cuevas. Madrid, febrero de 1929.

viernes, 2 de agosto de 2019

A familia Pardo

  A familia Pardo procede do lugar da Torre na parroquia de Albixoi (Mesía). No século XIX viviu alí o matrimonio formado por Ramón Pardo Cao e Josefa Fandiño Rúa. Un dos seus fillos, Antonio Pardo Verea (1844-1921) casou con Manuela Fandiño Rúa, irmá de Concepción, a nai dos Verea Fandiño. Este matrimonio tivo numerosos fillos e fillas como era común na época.
 
  Catro deles emigraron a América: Pedro, José, Manuel e Ramón. Puido ser porque estivesen implicados nunha morte por unha liorta nunha romaría ou simplemente para non participar na guerra de Marrocos
 O segundo, José Ramón (1889-1976), emigrou a Iquitos (perú), pero logo remataría na cidade de Trinidad no estado de Beni en Bolivia. Alí, despois de facer a igrexa, dedicouse á construción e tamén tivo un serradoiro. Casou con Velia Antelo Pinto coa que tivo 5 fillos (Dora, Elsa, María Laida, Alcides e Enrique). 
  Manuel tamén fixo vida e morreu en América. Ramón (que era unha boa peza) acabou en Cuba e pediu cartos á casa para retornar pero gastounos e volveu a pedir máis. A súa nai envioullos ao cónsul e pediulle que non llos dera senón que lle comprara o billete e o metera no barco. Así se fixo pero na primeira escala que houbo nunha colonia británica alí quedou. De novo a súa nai mandou cartos, esta vez ao cónsul inglés, e deu estrictas instruccións. Ramón viaxou noutro barco, pero cando había escalas o capitán pechábao no camarote, e así por fin logou regresar á casa.


  Pero o que nos interesa é o maior, Pedro Pardo Fandiño (1887-1971), que tamén emigrou a Iquitos como o seu segundo irmán pero que retornou a Galicia. Instalouse en Ordes case fronte ao Mesón de Deus e foi un rico empresario de obra civil. Facía estradas por toda Galicia e tiña numerosos empregados. Un deles foi Ramón Carro Fernández, quen en 1940 deixaríao para montar a súa propia empresa, a futura CRC. A diferenza doutros personaxes adiñeirados da vila no se implicou na política local.
  Como era habitual Pedro casou cunha muller de familia tamén rica, Josefa Villaverde Mosquera (1891-1930), dos Villaverde do Piñeiro. Con ela tivo 6 fillos: Ramona, Emilia, Manuel, Elvira, Pedro e Jesús Álvaro Pardo Villaverde.

Ramona (1914-1997), casou cun tratante de gando nacido en Porzomillos (Oza dos Ríos), Antonio Vázquez Santiso o Lobo, que morreu con 42 anos. Con el tivo dúas fillas, Mª Ángeles (1938-2006), que acabou vivindo en Alicante, e Emilia Vázquez Pardo (1940-2023) que foi mestra en Merelle durante moitos anos e moi coñecida pola súa colaboración con Cáritas e coa Asociación Española contra o Cancro.
Emilia (1917-1938) casou co mecánico Pedro Castro da familia chamada do Ferreiro pero morreu moi nova aos 21 anos deixando unha única filla, Mª Josefa (m.2021), que estudou e marchou aos Estados Unidos.

Manuel (1921-2001) fou funcionario da Xunta de Galicia en Santiago. Viviu na Rúa Rosalía de Castro 136 e só tivo unha filla, Mª Josefa Pardo Rey que casou cun empregado de RENFE.

Elvira -Viruca- (1923-2015) casou cun veciño da porta, Antonio del Río, sobriño de Pedro del Río, o dono do Mesón de Deus, co quen vivía. O matrimonio tivo dous fillos: Marco Antonio e José Luis del Río Pardo.
 
Marco Antonio, enxeñeiro técnico agrícola e propietario dunha empresa inmobiliaria xunto ao irmán, é moi coñecido pola súa carreira política. Comezou na UCD durante a época de Antonio Concheiro co que desempeñou o cargo de tenente de alcalde. Foi logo cabeza de lista por Alianza Popular nas eleccións de 1983, que gañou con 8 concelleiros pero non logrou ser alcalde porque unha alianza dos outros tres partidos deulle o bastón de mando a Manuel Viqueira. Desempeñou moito tempo a presidencia da Mancomunidade e a concellería de urbanismo co PP
Finalmente en 1999 desavinzas co alcalde Teodosio Martino provocaron a súa retirada do partido e da política. Cesou a súa actividade despois de sufrir un ictus. Está casado con Ana Mª González de Cangas de Narcea.
José Luis casou cunha filla do fogueteiro da Sionlla, Mª Elena Ferreiro.

Pedro (1925-1983) na súa mocidade foi protagonista dun accidente que case lle custa a vida. Baixou pola enton rúa General Mola nunha bicicleta a toda velocidade, cruzou a n-550 e foi chocar coa casa do médico Fernando Concheiro García, abríndose a cabeza. Por fortuna sobreviviu e chegou a converterse tamén el en médico. Rematou os seus días en Xixón. Casou dúas veces e tivo dous fillos. O maior, Pedro Luis Pardo Pemán, ten unha farmacia no Grove.

Jesús (1928-2014) emigrou a Venezuela, pero volveu de novo e rematou por instalarse na Coruña. A súa segunda filla, Estrella Pardo, era bastante coñecida na cidade pois foi nos anos 70 a primeira Meiga Maior das fogueiras de San Xoán, festa na que sempre colaborou activamente.
FONTE: Marco Antonio del Río.