En 1967 o mundo seguía con
expectación a carreira espacial entre os USA e a URSS. Os primeiros sufriron en
xaneiro a morte de 3 astronautas ao incendiarse o Apolo 1 pero lograron a
aluaxe da sonda Surveyor 3. Os rusos tamén sufriron a morte do cosmonauta
Vladimir Komarov e o seu maior éxito foi chegar en outubro coa nave Venera 4
ata Venus.
Seguía
habendo probas nucleares e China uniuse ao club facendo estalar a súa primeira
bomba de hidróxeno en xuño.
Nos Estados Unidos a guerra de Vietnam
centraba a atención con multitudinarias protestas en varias cidades e o
auxe do movemento hippy. En Nicaragua chegaba ao poder Anastasio Somoza e en
Bolivia morría Ernesto Che Guevara, convertido ao instante en mártir da
esquerda de salón. En África Biafra, a rexión sudoriental
de Nixeria, declaraba a súa independencia en maio e pouco despois iniciaba unha
guerra inútil que duraría 3 anos, causando un millón de baixas e deixándoa
arrasada e morta de fame.
Europa sobresaltouse en abril cun golpe de
estado en Grecia, comezo da chamada Ditadura dos Coroneis. En Asia Suharto arrebatáballe
o poder a Sukarno en Indonesia, China enviaba o seu exército ao Tíbet e Zakir
Hussain era o primeiro musulmán en chegar á presidencia na India. Pero a maior
conmoción foi a Guerra dos 6 Días. Despois de varias
provocacións do dirixente exipcio Nasser os israelís atacaron a Xordania, Siria
e Exipto o 5 de xuño. O día 10 acabou esta guerra lóstrego cunha humillante
vitoria de Israel que conquistou Cisxordania -incluída a parte oriental de Xerusalén-,
o Golán e o Sinaí.
Noutros ámbitos destacou o primeiro
transplante de corazón na Sudáfrica do Apartheid, realizado polo cirurxián
Christiaan Barnard, o descubrimento do Kenyapitecus africanus por Louis Leakey e
o do primeiro Púlsar (estrela pulsante) por Bell e Hewish.
|
En 1967
García Márquez publicou a monumental "100 años de soledad". Foi un ano de grandes películas como The Graduate
ou The Jungle Book e de series de TV tan míticas como The High Chaparral,
Ironside, The Invaders ou The Prisoner. Igualmente na música foi un
ano inesquecible pois apareceu a obra magna Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (con Hello goodbye), pero tamén Respect de Aretha Franklin ou o disco debut
do grupo The Doors.
|
España respondeu á crise
devaluando a moeda (co cambio 1$ = 70 pesetas) e establecendo o salario
mínimo en 2.880 pesetas. Isto beneficiou ás exportacións e ao turismo. Seguía o
crecemento e a construción era vertixinosa (cada dous minutos comezábase unha
nova vivenda nalgún recuncho do país), nacendo así edificios emblemáticos como as Torres Blancas
de Madrid. En política entrou en vigor a Ley Orgánica del Estado e naceu o 11º goberno, con Carrero Blanco
como vicepresidente, mentres os aperturistas apenas sacaron a Ley de Libertad Religiosa en xuño. Aínda que se tomaron medidas como traspasar os
sumarios das manifestacións estudantís á xurisdición militar ou declarar ilegal
a Comisións Obreiras, de portas para fóra houbo unha apertura artística e deportiva cara ao
bloque socialista.
No eido da cultura 1967 foi o ano no que
Miguel Delibes publicou "5 horas con Mario". No cine destacou Peppermint
frappé de Saura, aínda que máis comerciais foron comedias como Las que tienen que servir ou películas
con cantante como El padre Manolo ou Al Ponerse el sol. Na TV impactou "La vida" de Alfredo Amestoy. No campo musical, ademais de Los Brincos e Los Bravos
era o tempo de Raphael con "Hablemos del amor" ou "Mi gran Noche" pero tamén o petaba a versión española de
"Puppet on a string" coa que Sandie Shaw gañou Eurovisión ese
ano.
Galicia continuaba o seu
desenvolvemento, sempre menos firme que o nacional. Ese ano instalouse Elnosa
en Lourizán (aínda que empezaría a funcionar en 1968) e subiron de categoría os
3 aeroportos (Lavacolla a 1ª categoría e Alvedro e Peinador a 2ª). O Ferrol, a
cidade máis industrializada concentraba tamén a maioría dos conflitos sociais
con algunhas manifestacións e folgas de certa consideración. 1967 rematou coa
morte natural do guerrilleiro Curuxás, que levaba anos fóra de actividade.
En Ordes cambiou
o día da feira e desde ese ano os domingos serían días de misa e descanso, nada
máis. Tamén naceu a "Academia de Arriba" no edificio do Cárcere.
XANEIRO: Ángel Concheiro
Iglesias oficial mayor do Concello da Coruña. O día 16 morreu o barbeiro Segundo
Ferreiro del Río, pai de Ramón o Practicante.
FEBREIRO: Meritorio empate
do Ordes co Vulcano en Vigo (2-2). O día 6 morreu Dolores Sueiro Pena aos 67
anos en Leira.
MARZO: A prensa
recoñecía que as augas do Lengüelle estaban contaminadas a causa da minería do
titanio, o que reducía o seu potencial pesqueiro. Trasladado á notaría de Ordes
desde Valadouro José Anino Garrido. Morreu Dolores Vidal del Río.
ABRIL: O día 19 comezou
a feira os mércores. O 26 moreu
María Lens Bello.
MAIO: Accidente dunha avioneta francesa no
Mesón do Vento. O Ordes perdeu 0-2 co Compostela. Homenaxe a Viriato. O día 15 morreu
Carmen Gestal García, viúva de Ricardo Varela Franqueira, aos 87 anos en Mercurín.
XUÑO: Homenaxe ao
soldado Lois. O día 24 morreu José Ríos del Río, marido de Antonia Grela
Couselo, aos 61 anos, e o día 29 Antonio Patiño Sánchez aos 72 anos en Beán.
Resolto o abastecemento de auga en Ordes.
XULLO: Morreron
Claudina Amor Rivas e María Barreiro Costa, muller de Antonio Ríos Raña, aos 91
anos.
AGOSTO: Morreron Andrés Bouzas
Boga aos 73 anos no Mesón do Vento e, en accidente de tráfico, Jaime
Veiga Raña de 20 anos, traballador da Caixa de Aforros, xogador do Sigüeiro FC
e correspondente de La Noche.
SETEMBRO: Mª Carmen Ríos
Morales, 1ª directora da "Academia de Arriba", CLA dependente do Instituto Arzobispo Gelmírez de
Santiago. O día 22 morreu María Ramos, viúva de Soneira, aos 81 anos.
OUTUBRO: Derrotas en
Ordes diante do Fabril (1-2) e o Gran Peña (0-1). Celebrouse en Ordes o partido
Vioño-Ciudad Jardín onde o dianteiro Suso do Vioño sufriu unha rotura de tibia.
Morreu Manuel
Souto Ferro (1882-1967) patriarca dos Soutos do Bidueiro.
NOVEMBRO: Morreu Marcelina
Carabel, muller do xuíz comarcal de Ordes Juan Naya Zapata. Sería soterrada en Bergondo. O día 28 morreu José Mosquera
Bello, o patriarca dos Mosqueiras
da Costa, aos 75 anos.
DECEMBRO: O día 12 morreu
José Rey García aos 77 anos e o 29 o veterinario Ismael Arcos Prado aos 68
anos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario