lunes, 30 de diciembre de 2019

O temporal de 2019

  Hai escépticos -entre os que me conto- que pensan que sempre houbo temporais en Galicia e que isto de poñerlles nome, utilizar palabras como "río atmosférico" ou "cicloxénese explosiva" responde un pouco á necesidade de encher moitas horas de programación televisiva.
  Pero os expertos -que son os que saben disto- afirman que a frecuencia, a intensidade e os danos provocados por este tipo de borrascas están a aumentar. Igualmente as alternancias do tempo son cada vez máis bruscas cambiando as temperaturas ata 10º dun día para outro ou pasando de días secos a tremendos chuvieros en cuestión de horas (como sucedeu coa borrasca Ana en novembro de 2018).


  Desde a visita de Klaus (ano 2009) a lista de ciclóns explosivos é moi extensa. Os temporais máis fortes, especialmente no sur de Galicia, foron Dirk (Nadal de 2013), no que o vento chegou aos 190 km/h, e Kurt (febreiro de 2017), no que alcanzou os 150 Km/h en puntos de Pontevedra e ata 182 na montaña de Ourense. Pero para a comarca de Ordes o peor temporal desde Klaus foi o do 14 de novembro de 2019.


  Paradoxalmente non houbo avisos de alarma para a nosa zona nin suspensión de actividades ao aire libre. Nin sequera se publicitou o nome, que logo saberáise que era Cecilia. Así que a virulencia do temporal deixou a todos abraiados. Houbo uns ventos moi fortes -probablemente unha especie de tornado- que causou grandes danos nun corredor que ía desde Cerceda ata a parroquia de Barbeiros.
  En Cerceda o vento levou por diante, ademais de tellados de vivendas e pendellos, parte das estruturas e outros elementos de varias naves industriais do polígono. En Ordes os puntos con maiores danos foron Pepín (Mercurín), Lavandeira, A Senra, A Calle, O Piñeiro (Poulo), e O Pino (Barbeiros).
  Xunto cos tellados e os coches que se atopaban baixo estes cubertos, as outras prexudicadas foron as liñas eléctricas e telefónicas por mor das moitas árbores caídas. Só en Ordes uns 7.000 usuarios estiveron sen servizo eléctrico varias horas.


  A anécdota da xornada tivo lugar na Senra (Poulo), na casa de Rafael Gil Veiras, onde a forza do tornado tirou parte do tellado, do alpendre do coche, un hórreo, un muro e ... levou polo aire a caseta do can con el dentro. A caseta e o depósito de auga da casa apareceron a 200 metros pero do can non había nin rastro. Non volvería ata ás 3 da mañá cando o susto xa lle tiña pasado.

viernes, 27 de diciembre de 2019

Inicios da República en Galicia

  A chegada da república foi unha festa case unánime. 
  En palabras de Salvador de Madariaga era "La niña bonita", a utopía coa que estiveran a soñar os republicanos desde finais do século XIX. O fastío dos últimos anos da Restauración aumentara o número de crentes, de xente que pensaba que un mero cambio de réxime acabaría con todos os problemas e que por tanto tiña unhas expectativas inalcanzables (algo similar ao que xa ocorrera coa ditadura de Primo de Rivera).
  A República nacía pois no medio do entusiasmo popular pero cunhas bases máis débiles do que parecía naquel triunfal 1931. Un dos seus puntos fracos foi a falta de experiencia dunha clase política que da noite para a mañá viuse no poder e en moitos casos non soubo xestionar ben os desafíos.

  O primeiro foi a súa posición belixerante coa Igrexa, ditada polo anticlericalismo radical de moitos gobernantes (especialmente Azaña), pois, aínda que entre o clero e os católicos había unha minoría moi adversa á República, a postura desta foi bastante máis contemporizadora con outros grupos como o exército ou os nacionalistas.
  A queima de igrexas e conventos xa no 2º mes de vida da República coa inacción do goberno (mesmo en Málaga coa conivencia das autoridades) foi un mal punto de partida. En Galicia a situación non chegou a tales extremos pero houbo incendios na Coruña (os máis graves) Ourense, Ferrol e Betanzos. En cambio, en Santiago a actitude das autoridades foi contundente e impediu calquera ataque ao patrimonio eclesiástico.

  Outro punto de descontento en Galicia foi a paralización da obras do ferrocarril Zamora Ourense que debía enlazar máis tarde coa Coruña vía Santiago. Esta cuestión motivou os primeiros conflitos da Galicia republicana con folgas e mitins especialmente en Santiago e Ourense (onde mesmo houbo un morto). A presión sobre o goberno foi tan forte que se chegou a ameazar coa dimisión das autoridades e o boicot ás eleccións a Cortes constituíntes. Os ánimos acougáronse coa intervención do ministro Casares Quiroga que logrou que o goberno se comprometese a continuar as obras (aínda que cargando o financiamento a concellos e deputación, o que na práctica foi pouco máis ou menos telas case paradas).

  No lado positivo a República, fronte ao sistema clientelar e caciquil da Restauración, abriu novas canles para a participación na vida pública. Así houbo unha intensa politización da sociedade e todas as clases estiveron representadas. Isto conduciu a un gran pluralismo político con numerosos partidos e coalicións que dificultaron ás veces a gobernabilidade.
  En Galicia houbo varios partidos que se diferenciaban de acordo con tres variables.
1) Monarquía ou Republica. Aínda que a maioría dos partidos foron republicanos, había unha forte presenza da causa monárquica a través dos seguidores de Calvo Sotelo e do seu partido Renovación Española con especial arraigamento en Ourense.
2) Esquerda ou Dereita. As provincias de Lugo e Ourense votaron de forma maioritaria a candidatos de dereita, fosen republicanos ou accidentalistas como a CEDA de Gil Robles.
3) Centralismo ou Nacionalismo. Tan só dous partidos tiñan unha visión autonomista: a ORGA, fundada na Coruña en 1929, e o Partido Galeguista, fundado en Pontevedra a finais do ano 1931.
  En termos xerais a ORGA era hexemónica na Coruña, os republicanos de esquerda e o PSOE dominaban Pontevedra, mentres en Ourense compartían influencia os monárquicos de Calvo Sotelo, o Partido Radical de Basilio Álvarez e os radical-socialistas. Lugo foi a máis atípica e tiveron ampla presenza republicanos de dereita e moitos independentes.

  Outra novidade foi a modernización cultural, sobre todo no que se refire ao equipamento educativo. A Republica fixo un esforzo notable na dotación de edificios e mestres cuxo número se multiplica estes anos en Galicia, pasando de 4.500 en 1931 a 6.500 en 1935. O corpo de mestres foi unha das grandes bandeiras do ideario republicano, pero a identificación deses novos ensinantes coa República, potenciada polo feito de que moitos deles tamén tiñan unha clara adscrición política de esquerdas, fixo que a dereita os considerase máis propagandistas que profesores e que fosen vítimas preferentes da represión despois do alzamento. Tal foi o caso de José García Fernández, mestre da escola do Recreo.


  Na vila de Ordes a República non tivo a mesma presencia que noutros lugares ao estar o concello en mans de Antonio Concheiro e a Igrexa representada por Ramón Mosteiro, un sacerdote bastante integrista. Os mozos republicanos queixábanse da falta de sentimento institucional republicano e tiñan que celebrar as festas oficiais (o 14 de abril ou o 1º de maio) pola súa conta.
  Onde si cambiou a situación foi no rural que viu no ano 1932 un florecemento de asociacións agrarias de distintas ideoloxías, o que tamén tivo a súa parte negativa: aos habituais litixios por lindes, mozas ou inimizades tradicionais entre parroquias uniuse agora a pertenza ou non ás distintas sociedades. As presións e chantaxes chegarían nalgúns casos ao atentado con bomba e ao intento de asasinato.   

domingo, 22 de diciembre de 2019

Vellos alcumes de Ordes (6)

  Para rematar co tema dos alcumes, velaquí unha ampla lista na que a maioría deles xa foron citados nos artigos precedentes. Seguro que aínda faltan moitos (especialmente de fóra da vila) pero irá actualizándose cando me chegue nova información.
 
VELLOS ALCUMES DE ORDES
Africano
Alambreiro J. Fernández
Albardeiro
Artilleiro
Barbeiro
Barrié Pedro Vidal
Bemba Manuel Fuentes
Bernabé Manuel Fuentes
Bolichero
Búfalo Carlos Regos
Burraxeiro
o Caballería, Ghosende
Cabalo
Cabezudo M. del Río
Cachito Ant. Remuiñán
Caciquillos de Ordes
Cachorro Familia Noya
Caghalero
Caghallas de Mañufe
Cagharechos de Pereira
Calderillas J. González
Caimán Ant. del Río
Campanico
Cantarixa Ant. Villaverde
Canteiro José Escariz
Cañotas
Capatás das Casillas
Capitán, do Capitán
Capador
Carceleiro Javier Verea
Carozo Emilio del Río
Carril Familia Rodríguez
Carrizo R. Gaudeoso
Carteiro, do Carteiro
Cartuxeiro Jesús Rama
Casabella Antonio Rivas
Cascarilla Antonio Veiga
Castromil
Catro ollos de Sar
Cegha de Penelas
Cegho de Ghosende
Chacho
Chico
Chingalaburra José V V
Chocolateiro
Chulito Antonio del Río
Churrera, Churrero
Chuzos de Pardiñas
Codechas Jesús Castro
Coghulete
Compoñedor da Tiopeira
Coña de Fosado
Cornechas, Laghartos
Corveira, Corveiro
Cotovío Antonio Álvarez
Cozo José Álvarez
Crouchos de Mercurín
Cubano
Cucas da Reboira
o Culepas
Culero Vicente Corral
Cunqueiro
Cursino P. Fdez Mareque
da Agraria
da Calzada
da Fábrica Fam. Faya
da Fonte
da Fraga
da Maquía
da Poza
da Tiopeira
das Corredoiras
de Betanzos J. Gª Freire
de Cachaza
de Cambre J. González
de Carballo Concheiro Gª
Dicholas José Prado
do Almacén
do Burato
do Forno
do Pombal
do Quinto
Doitado
dos Murís
dos Ramos Manuel Moar
Drácula Genaro Gonz.
Entendido
Escaravelleiro Manteiga
Escribano
Estremeño E. González
Fabera, Faberos
Farruco José Ríos Moure
Ferrador
Ferreiro
Fleira, de Fleira
Forestal Amancio Casas
Fraga J. Louro Raposo
Freitosa
Furón Manuel Prado
Gemelas
Ghaiolo ou Ghallolo
Ghaiteiro
Ghaletas
Ghambitas de Darefe
Gharabullo da Castiñeira
Ghorrión dos Laghartos
Ghosende M. Viqueira
Ghrilo, Ghrillo, Ghrilla
Habanera, Habanero
Kilé Ramón Abeijón
Laghorcias de Reboredo
Laghueiro
Lanoche A. Gª Calvo
Latonero
Lento
o Leria
a Levita
Liñeira do Casal
Lobo Antonio Vázquez
Longo
o Loreta And. Gaudeoso
Loro
Lughesa Asunción Copa
Maghancha, Maghancho
Maquieiro
Maruxo
Mecánico
Meimixe
Menciñeiro, Meigo
Miñateiros da Fraga
Miracielo Manuel Ponte
Mitito Ramón Ferreiro
Monteira, Monteiro
Morena MªC. Ferreiro
Muda, Mudo
Mughena, Mugheno
Músico Pedro Rodríguez
Muxico de Lesta
Niquete
Nogallás R. Martínez
Orensano C. González
Ovelleiro José Gómez
Pachiro J. Castro Castro
Pacholetas de Sta Cruz
Padre Benito J. Castro
Pampera, Pampero
Pandareta, Pandareto
Panteón, Pantiona
Paraghueiro
Parente, Pariente
Parrillas J. Mª Méndez
Parrola
o Pastillas J. Concheiro
Patolo José V G
Pecenín
Pegheiro
Pelado R. Fuentes Uzal
Peludo
Peluquera
Pepas de xende
Pepe Farias don José
Perreras, Perrero
o Peseta Lisardo Castro
Picha de Mercurín
Picho de Merelle, Pichos
Pinche da Fraga
Picona do Casal
Pisaghuevos
Pispa
Pitas de Ghindibón
Pizas Man. Iglesias Neira
Pocholo Juanjo Linares
Porteiro Juan Caramelo
Portuxola, Portuxolo
Practicante R. Ferreiro
a Presenta
Queitanos de Cestaños
Quinto
a Racha Juana Ferreiro
Rada Juan Ríos García
Raposeiras
Raposo, Raposiño
Rato Jesús Vidal
Ramoné
Rebolo José Rivas
Recho
Renfe Jesús Losada
Ribacho, do Ribacho
Rito
Rosquilleiro
Roxa, Roxo
Roxas de Buscás
Ruca
Rulé
Sabelos de Ghindibón
Saúco de Ghindibón
Serrador, do Serrador
o Sete parroquias
Soriano
Tabao de Santa Cruz
o Taburras
Tarula, Terula, Tarulos
Tecelana de Vilar
Tétele
Tierra tiembla R. Moar
Tigre
Tintoreiro
Tirone César Lamas
Toco
Tolimpo Jesús Gómez
Tolos de Lesta
Tornancha, Tornancho
Torrixo de Ghosende
o Tovía
Tranquilo
Trapeiras
Troiteira
Turco Pedro Vieites
Vacalloas
Vaqueiros de Poulo
Vasco M. Mosquera Rilo
Vinculeiro
Xastre
Xeitosiño J. Villaverde
Xiromano
Xordo de Merelle
Xordo do Sar

martes, 17 de diciembre de 2019

Crecemento vexetativo 98-18

  Non é ningún secreto que a comarca de Ordes está a perder poboación e a principal causa é o crecemento vexetativo negativo, ou sexa: hai máis defuncións que nacementos. Se ademais non hai apenas inmigración (agás en Ordes e Oroso) a caída poboacional é o resultado evidente. Velaquí uns gráficos dos últimos 20 anos que reflicten esta desoladora realidade.


  De propina, no seguinte gráfico podedes ver a evolución da poboación da comarca de Ordes nos últimos 20 anos.

sábado, 14 de diciembre de 2019

Eleccións municipais de 1931

  O ano 1931 empezou convulso a nivel municipal. O 6 de febreiro Juan Liñares Iglesias logrou reter a alcaldía grazas á destitución de 6 concelleiros que lle eran contrarios, o que provocou un gran tumulto e airadas reaccións en contra. Esta situación foi denunciada por xornais como El Ideal Gallego e El Pueblo Gallego.
  Os opositores levaron o caso ao Tribunal de Actas Protestadas que fallou ao seu favor. Foron restituídos ao seu cargo os concelleiros depostos polo Gobernador Civil: Javier Verea Fandiño, Antonio Álvarez Mosquera, Melchor Presedo Rodríguez, José Faya Fernández, Fernando Liste Caramelo e Domingo Gestal Mosquera.
  Pola contra quedou sen efecto a posesión de José Barreiro, Juan Calvo Conde, Ramón Calvo Pérez, Domingo García, Evaristo Gil, Saturnino López e Antonio Varela. Igualmente quedou sen efecto a elección do alcalde Juan Liñares e dos seus tenentes Antonio Ramos Insua, Antonio Moar Veiras e Antonio Verea Fandiño (irmán de Javier).
 O luns 30 de marzo ás tres da tarde celebrouse a sesión extraordinaria para que tomasen posesión e proceder de novo á elección de cargos.
  Desta sesión saíu sendo rexedor Javier Verea Fandiño*, acompañado de Antonio Álvarez o Cotovío, Melchor Presedo e José Faya como tenentes de alcalde.
  El Pueblo Gallego en artigo do 2 de abril congratulábase do fin do dúo Juan Liñares "que hacía alarde de su omnímodo poder y de la impunidad de sus vergonzosas cacicadas" e Antonio Louro Louro (o secretario) "que, a pesar de su condición de letrado, pisoteaba descaradamente las leyes y se reía de la voluntad del pueblo".

  Non durou moito tempo esta corporación. O domingo 5 de abril tivo lugar a primeira fase das eleccións municipais (a 2ª fase, a que provocaría a caída da monarquía, sería o día 12).
  Quedaron elixidos polo artigo 29 os seguintes concelleiros, divididos en 3 distritos:

Antonio Concheiro Iglesias (médico e futuro alcalde desde 1968 a 1983),
Fernando Liste Mosquera Fernanducho (industrial),
José Grela Remuiñán (labrador), Antonio Bascoy (industrial), 
Pedro Pampín del Río e Antonio Ferreiro Pérez (labradores).
José Pérez Ramos (rico propietario de Barbeiros), 
Vicente Cancelada Villaverde (labrador), José Veiras Ferreiro (labrador), 
Domingo A. Moar Veiras (propietario), Pedro del Río Rey (perito agrícola) 
e Melchor Presedo Rodríguez (labrador).
Antonio Ramos Insua (propietario da pousada do Mesón do Vento), 
Juan Liñares Iglesias (industrial), Pedro Amor García (labrador), 
Pedro Iglesias Varela (industrial) e Francisco Raña Regueiro (industrial).

  Os concelleiros tomaron posesión do seu cargo o 21 de abril, pero as múltiples protestas na case totalidade dos concellos provocaron a convocatoria de novas eleccións que terían lugar o 31 de maio de 1931.
  A corporación só cambiou en 5 nomes. A maioría dos concelleiros estaban adscritos á dereita política e só tres pertencían ao Partido Radical.

Antonio Concheiro Iglesias: alcalde
Fernando Liste Mosquera: 1º tenente
Pedro del Río Rey (PR): 2º tenente
José Grela Remuiñán: 3º tenente
Antonio Ferreiro Pérez: síndico 1º
Vicente Cancelada Villaverde: síndico 2º
Pedro Pampín del Río
Manuel Veiras Suárez (PR)
José Veiras Ferreiro
José Pérez Ramos
Domingo Antonio Moar Veiras
Domingo Gestal Mosquera
Melchor Presedo Rodríguez
Francisco Raña Regueiro
Saturnino López Viqueira
José Candal Gómez (PR)
Pedro Amor García


 Comezaba a alcaldía de Antonio Concheiro que duraría ata o ano 1936 na época do goberno da Fronte Popular.
 
* Javier Verea Fandiño o Carceleiro (Albixoi 1892 - Valencia 1978), irmán do coñecido comerciante Antonio, foi o encargado desde outubro de 1931 do Depósito (antigo cárcere do partido). Casado con Dolores López López (m.1977), tiveron unha filla, Inmaculada Adita (1929-2022), propietaria dunha mercería no centro da vila.