sábado, 13 de diciembre de 2025

O ano 1964

  En 1964 continuou a baixada de tensión que iniciara o ano anterior. En outubro na URSS Nikita Kruschev foi destituído e substituído por Alexei Kosyguin (1º Ministro) e Leonid Brezhnev (Secretario Xeral do CC do PCUS). nos USA, pola súa banda, o demócrata Johnson gañaría as eleccións de novembro contra Goldwater con ampla maioría, o que lle permitiría seguir coa súa política progresista, da que dera probas coa sinatura da Lei de Dereitos Civís en xuño. Esa aposta mundial pola paz tamén se viu no premio Nobel a Martin Luther King e na reunión que tiveron o papa Pablo VI e o patriarca ortodoxo Atenágoras no simbólico Monte das Oliveiras de Xerusalén (a primeira desde 1439!). No RU comezaba a 1ª etapa do laborista Harold Wilson. África contemplou o nacemento dun novo país, Tanzania, coa unión de Tanganica e Zanzibar, e a condena a cadea perpetua para Nelson Mandela.
  O 10 de outubro comezaron as Olimpíadas de Tokio, que ensinaron ao mundo que Xapón xa estaba de volta, senón militarmente, si económica, cultural e tecnoloxicamente. Outro evento moi icónico foi a Feira Mundial de NY.

  En febreiro 73 millóns de persoas viron aos Beatles no show de Ed Sullivan, nacendo a "Beatlemania". Pero 1964 tamén deu cancións como The Sounds of Silence, I Get Around, You Really Got Me ou a versión de The Animals de The House of The Rising Sun. Houbo impresionantes películas como My Fair Lady e series de TV tan míticas como The Man from UNCLE, Bewitched, The Addams Family e The Munsters. Ah, e tamén se publicou o libro de Roald Dahl Charlie and the Chocolate Factory.
 
España melloraba economicamente pero foi un mal ano para o sector agrícola que pedía un aumento no prezo dos cereais. 1964 marcou un fito demográfico, nacendo ese ano case 698.000 nenos (o 2º do século XX, só por detrás dos 699.400 de 1903). Era unha data importante para o Réxime que lanzou a campaña propagandística "XXV anos de paz" ("paz" daquela maneira, claro) e comezou as conversacións co RU por Xibraltar, pero sobre todo gozou co triunfo da selección española de fútbol fronte ao inimigo comunista con lendario gol de Marcelino. Tamén sacou a película "Franco, ese hombre".
  No campo da cultura apareceron películas tan boas como Llanto por un bandido, La tíaTula ou El extraño viaje e un dos mellores spaghetti western: Por un puñado de dólares, tamén o programa de TV Reina por un día. Na música naceron Los Brincos, triunfando con "Flamenco", pero o gran éxito do ano foi "La Yenka". E tamén foi o ano no que mozos con estética rockeira protagonizaron disturbios no Circo Price de Madrid despois dun festival de música moderna, ocasionando a clausura destes eventos por parte da Dirección Xeral de Seguridade.
 
Galicia Dentro do 1º Plan de Desarrollo xurdiron os "Polos" nos que estaban incluídos Vigo e A Coruña que aumentaron a súa produción industrial. En setembro foi inaugurada polo mesmo Caudillo a Refinería Petroliber na Coruña. Tamén melloraba o agro, no que continuaba o proceso de concentración e mecanización e no que naceu a 1ª cooperativa gandeira en San Sadurniño. Aínda así a Galicia rural conservaba arcaicas tradicións que estudaba o etnógrafo Carmelo Lisón Tolosana. A nivel político o grupo Brais Pinto, expulsado polo Consello da Mocedade refundou a UPG. Tamén houbo unha mobilización exitosa contra os despidos en Bazán. O mundo da cultura celebrou o 2º Día das Letras Galegas dedicado a Castelao e a aparición da película Así es Galicia de Santos Núñez, centrada nos aspectos máis folclóricos e turísticos da nosa comunidade.

 

Ordes viu nacer unha nova igrexa no Mesón do Vento e Oroso outra nos Carballos (parroquia de Deixebre) con deseño de Milagros Rey Hombre.
XANEIRO: Gran derrota do equipo do Ordes en Lugo por 6-0. Logo en Vista Alegre tamén foron machacados 0-5. O día 21 morreu Carmen Lagares Rodríguez aos 62 anos en Beán. Josefa Mosquera Lata, que vivía en Santigo, morreu atropelada por unha moto.
FEBREIRO: Morreron Juan Liste Castro aos 84 anos, Carmen Visos aos 65 anos en Leira e Avelina Lista Rama en Lesta. Grave accidente nunha canteira de Bens no que morreron dous obreiros de Ordes e resultaron feridos outros dous.
MARZO: Cursillo de Alimentación e nutrición para mestres. O martes 31 nas festas de Padrón foi "Día de Ordes e Rianxo", sendo agasallada a nosa corporación pola padronesa. O día 19 morreu Pedro Liste del Río aos 32 anos en Parada. Morreu atropelada na Coruña a mestra do Mesón María Candal Garaboa.
ABRIL: Campaña de vacinación contra a parálise infantil. Nova parada do Celta para xantar antes do partido co Deportivo. Don José Fernández Fuentes nomeado arcipreste de Berreo de Arriba. Morreu Antonio Ramos Vázquez do Mesón do Vento en accidente de avioneta.
MAIO: O domingo 10 celebrouse a 3ª Competición Provincial de Tractoristas no Paraíso, organizada pola Cámara Sindical Agraria con 33 participantes. O día 18 faleceu César González Vidal*.
  *César González Vidal, nado a finais do s. XIX, traballou en Correos. Veu a Ordes en 1936 trasladado desde Verín. Casou con Rafaela Rúa Rúa (1894-1959) con quen viviu no Recreo. Tiveron 7 fillos: Lidia (1923-1946), Aurora, César, Carolina, Pilar, Rafael e Mercedes González Rúa. O máis coñecido é César (apoderado do Banco de La Coruña -posterior Banco de Bilbao-), casado con Rocío Brey López. Tamén Rafael traballou na banca.
  
XUÑO: Decreto do 4 de xuño polo que se declara de utilidade pública e de urxente aplicación a concentración parcelaria da parroquia de Parada. O día 6 voda de Gemma Liñares Stolle con Julio Concheiro Barreiro. O día 19 morreu Manuel Rey del Río aos 63 anos e o 27 José Nouche Patiño en Sigüeiro. O día 24 morreu o avogado Manuel Astray Mato, pai de Manuel Astray Rivas e avó de Nel. Na romaría do Corpiño o etnógrafo danés Gustav Henningsen coñeceu ao panadeiro Andrés Blanco.
XULLO: O gobernador civil Martín Freire inaugurou 4 escolas, 2 na vila (Alfonso Senra e General Mola) e 2 na Cruz de Beán e en Vilasenín (Leira). O valor das 4 obras ascendía a 800.000 pesetas da época. Atropelada na N-550 en Montaos María Blanco Iglesias, muller solteira de 40 anos, que morreu pouco despois.
AGOSTO: Partido amigable entre o Racing de Ferrol e un equipo do Deportivo. Curso de corte e confección no Mesón do Vento organizado por Víctor González Faya.
SETEMBRO: Pasou a noite en Ordes un grupo de exploradores en excursión de prácticas e estudo a Santiago. O día 5 morreu Pedro Corbelle Duro aos 66 anos en Montaos e o 6 Gumersindo Rama Louro.
OUTUBRO: Volveu o Deportivo a adestrar no campo do Ordes. Convocado concurso de méritos para profesor de FEN no CLA de Ordes.
NOVEMBRO: O día 10 morreu Estrella Uzal Blanco aos 62 anos en Leira e o 29 Manuela Presedo Mirás con 73 anos. Accidente dunha moto contra un carro en Merelle sen vítimas mortais. Accidente en Oroso, onde se desplomou unha habitación na que a familia Rodríguez Carril celebraba o San Martiño. Houbo 7 feridos, dous deles graves. Estes últimos foron atendidos no Sanatorio Concheiro.
DECEMBRO: O almacén de trigo do SNT estivo aberto 5 días ese mes. O día 3 morreu María Cosmede en Poulo e o 6 Josefa García Boquete, viúva de Manuel Rodríguez Estevo do Casal, aos 76 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario