En 1956
continuaba a Guerra Fría e Estados Unidos, que ese ano reelixiu de presidente a
Eisenhower, seguía explotando bombas atómicas de proba e sufrindo conflitos
raciais. En Europa, que ese ano padeceu unha histórica onda de frío, a URSS de
Kruschev iniciou a Desestalinización
pero iso non lle impediu dar unha contundente puñada na mesa en outubro e
novembro esmagando a revolución en Hungría. Francia mentres tanto concedeu a independencia a Marrocos e Tunes pero
seguiu conservando a xoia da súa coroa: Alxeria. En Exipto Nasser en xaneiro
declarou relixión oficial o Islam e en outubro nacionalizou a Canle de Suez,
estalando así a Guerra do Sinaí,
consecuencia da cal foi un boicot petroleiro dos países árabes. O ano acabou co
buque "Granma", onde viaxaba Fidel Castro, chegando a Cuba para
iniciar a revolución e coa admisión por unanimidade de Xapón na ONU.
Doutra banda
1956 foi o ano no que quedou dispoñible a vacina contra a polio inventada por
Jonas Salk e doutras boas novas como as Olimpíadas de Melbourne ou o 1º
Festival de Eurovisión celebrado en Lugano (Suiza) e gañado pola cantante Lys
Assia coa canción "Refrain". Non obstante o evento que congregou a
maior atención mundial foi o 19 de abril a voda
en Mónaco do seu príncipe Rainiero III coa belísima actriz americana Grace
Kelly. 1956 foi ano de excelentes cancións e de grandes películas como The Searchers, Giant ou a moi significativa Invasion of the Body Snatchers.
En España 1956
comezou con dureza ata no clima. En febreiro a onda de frío polar que afectou a
toda Europa deixou as temperaturas máis baixas do século XX. Un lugar costeiro
como Santander rexistrou –7°C, pero Lleida no Lago Estany acadou o récord
absoluto con -32ºC.
E non só no clima foi un febreiro complicado.
A penetración de socialistas e comunistas no estudantado universitario (na súa
maior parte, fillo das elites franquistas) provocou unhas protestas tan graves que o goberno decretou o estado de excepción
en todo o país. Foron destituídos o ministro de Educación Joaquín Ruíz Jiménez
e o secretario general do Movimiento
Raimundo Fernández Cuesta, nacendo así o 7º goberno da época franquista.
O resto do ano sería máis tranquilo, aínda
que en abril un terremoto en Granada provocou 7 mortos e máis de 50 feridos.
Ese mesmo mes o rei de Marrocos Mohamed V visitou o país para asinar os acordos
onde España recoñecía a súa independencia e renunciaba á zona do Protectorado.
En marzo houbo dous rechamantes accidentes
mortais: faleceu dun pelotazo o pelotari Luis Cenoz Alsúa
II e o neno Alfonso de Borbón dun disparo efectúado polo seu irmán, o
futuro rei Juan Carlos.
No eido da cultura, o ano empezou cun decreto
en xaneiro polo que se creaban as casas de Cultura e rematou coa inauguración
en outubro de TVE, aínda que a súa
difusión nos primeiros tempos foi mínima. Outra cousa era a radio onde ese ano
apareceu "La segunda esposa".
A música deixou unha canción mítica: "Soy minero". Tamén triunfou outra que xa tiña 3 anos pero foi a voz de
Joselito quen a fixo destacar: "Campanera".
O cine deu unha obra superior, Calle Mayor de J.A. Bardem, estreada no Festival de Venecia, pero claro, a
nivel de público non se puido comparar coa aparición da primeira película do
fenómeno Joselito: El pequeño ruiseñor. Outras destacadas foron Calabuch, Mi tío Jacinto,
Tarde de Toros, El malvado Carabel, Manolo, guardia urbano ou mesmo a mediocre Saeta rubia, recordatorio da importancia do fútbol que aquel ano deu a gran alegría da primeira copa de Europa gañada polo Real Madrid. E finalmente no cómic apareceu o Capitán Trueno, personaxe
que marcou a infancia dos nenos dos anos 50, 60 e 70.
Galicia ese ano rexistraba a saída
de 22.890 emigrantes, unha das cifras máis baixas de toda a década. A situación
seguía sendo dura pero víanse indicios de mellora. Ese ano tivo lugar a visita do cardeal Tisserant.
E que pasaba en Ordes? Pois ese ano Dolores Iglesias Moar, muller de Julio Liñares, creou o primeiro queique empregando como molde unha lata grande de sardiñas. Vendeuse en menos de dúas horas e pronto sería o símbolo gastronómico da vila. Tamén apareceu un "rañaceos" no que hoxe son os Parques Municipais, a casa de Pepe do Ribacho (que antes estaba detrás do cárcere e viuse obrigado a mudar de lugar. Iso mesmo lle pasou ao Churrero que tivo que establecer o seu negocio preto da Casa Nogallás).
XANEIRO: Nomeado rexistrador
da Propiedade Jesús Montero Raposo. Chegou a Ordes a reliquia de San Ignacio. O equipo de fútbol quedou campión de Rexional logrando
así o ascenso a 3ª División. Detido na feira de
Santa Susana o estafador ordense José Manuel Rodríguez "el estanquero".
FEBREIRO: Timado (7.000
pesetas que levaba para pagar o barco a Uruguay) o campesiño de 27 anos da
Gorita (Buscás) Antonio Areoso Noya.
MARZO: Visita do Padre Peyton. Nomeado coengo da Colexiata da Coruña don Joaquín Andrade Orza. Morreu
en Buscás aos 29 anos Félix Calviño Iglesias da familia Cancelada Calviño, en
Leira Manuel Fariña Rodís aos 60 anos, e en Vilamaior Pedro Moar Botana.
ABRIL: Voda de Milagros
del Río con Guillermo Represa. Morreron Manuel Villaronga Castro (dos Castros) aos 44
anos e Ramón Prado Carnota Ramón da Ponte aos 56 anos. En Poulo morreu Manuel
Sánchez del Río aos 73 anos.
MAIO: D. Francisco Nimo
Castro (1928-1995) nomeado ecónomo da parroquia de Ordes.
Francisco Nimo Castro (1928-1995), natural
de Cruido (Lousame), estudou no Seminario de Santiago. En 1953 foi nomeado
presbítero e en abril de 1954 oficiou a súa primeira misa despois de ser
ordenado polo Cardeal Quiroga. Foi coadxutor de San Xoán (igrexa de San
Martiño Pinario) ata que en 1956, debido ao traslado á Coruña de don Joaquín Andrade, veu como ecónomo para Ordes. Estaría pouco tempo na igrexa xa
que en 1957 chegaría don José
Fernández, pero botou moitos anos sendo profesor de Relixión no Instituto
(nunha época en que non había alternativa), así que deu clase a varias
xeracións de ordenses. Morrería en setembro de 1995 aos 66 anos.
|
XUÑO: Homenaxe de
Ordes ao seu ex-párroco don Joaquín Andrade. Morreron José Ríos Vilariño aos 45
anos e o garda civil Jesús Gómez Iglesias aos 58 anos.
Jesús Gómez Iglesias o Tolimpo (1898-1956), natural
de Sar, foi garda civil. Destinado na provincia de Pontevedra sufriu un
gravísimo accidente de motocicleta en Caldas en 1938 que lle afectou á
cabeza. Casado con Josefa González
Jácome (1909-1985), tivo varios fillos: Jesús (1932-2010), Josefa Fefa (1933-2022), Elisabet (1937-2018) e Alfonso
Gómez González. Josefa sería a nai do profesor e director do IES Manuel del Río.
|
XULLO: Entrada en
funcionamento do apeadoiro de Gorgullos en Tordoia. Voda de Luisa Prado e Antonio Álvarez.
AGOSTO: 3ª escola
unitaria na vila e unha feminina en Guindibóo de Arriba. Torneo triangular de
fútbol nas festas patronais. Morreu
en Leira María Pacheco Bascoy.
SETEMBRO: O Ordes gañou 3-1 ao Pontevedra.
OUTUBRO: Visita do cardeal Tisserant. Ángel Concheiro Iglesias destinado á secretaría do
concello de Ordes. Santa Misión en Parada.
NOVEMBRO: Morreu en
Barbeiros Manuel Liñeira Ramos aos 70 anos.
DECEMBRO: Tremenda derrota
1-6 do Ordes na casa fronte ao Santiago. Morreron o párroco de Montaos don Juan Simal Fernández, José Fernández Rey aos 38
anos, e José Mirás Mariño co só 24 anos de idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario