viernes, 27 de mayo de 2022

O ano 1942

   No ano 1942 viviuse o cambio de rumbo definitivo na 2ª GM. Se ata ese momento o Eixo encadeara vitoria tras vitoria, agora chegaban as derrotas. En xaneiro as tropas xaponesas entraron en Manila, Indonesia e Birmania pero en maio perderon a batalla do Mar do Coral, en xuño a batalla de Midway e en novembro a de Guadalcanal.
  Alemaña pagou a súa temeraria aposta de atacar a URSS: en agosto comezou o ataque a Stalingrado que concluiría xa no ano seguinte coa rendición das súas tropas.
  1942 tamén foi o ano en que Anne Frank comezou a escribir o seu diario, Albert Camus publicou L' Etranger e en USA apareceron dúas películas míticas: Bambi e Casablanca.
  Ah! E en xuño rexistrouse en Tirat Tsivi (Israel) a temperatura máis alta na historía de Asia (53,9º C). Para que nos queixemos agora do cambio climático!
 
  En España a situación mellorou con respecto ao dramático 1941. Por primeira vez na historia o número de defuncións baixou das 15 por cada 1.000 habitantes. En febreiro de 1942 chegaba a Barcelona o vapor "Apolo" cargado de trigo arxentino e Franco entrevistábase en Sevilla co ditador portugués Oliveira de Salazar con quen tiña boa sintonía. Pero pronto tivo que lidar cunha grave crise causada polas diverxencias entre as diversas "familias". En maio estudantes monárquicos e falanxistas pelexáronse en Santiago, tendo que pechar uns días a USC e dimitir o seu reitor Carlos Ruíz (por ser demasiado "liberal"). Pasou o mesmo noutros lugares chegando a haber enfrontamentos a tiros. Pero o máis rechamante foi o atentado de Begoña perpetrado por falanxistas contra unha multitude de carlistas entre os que estaba o xeneral Varela. A pesar de que Franco tentaba non tomar parte, a crise levou por diante ao seu cuñado Serrano Suñer e a preeminencia da Falanxe que se viu substituída polos católicos. Este xiro, por outra banda, era útil para o réxime en vistas á agora previsible vitoria dos aliados.
  En setembro formouse o 4º Goberno Nacional que durou ata 1945. En outubro continuou a represión e foron fusilados os dirixentes do PCE Heriberto Quiñones, Luis Sendín e Ángel Garvín.
 
 
  E... que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Concurso para dotar á estafeta de correos dun local axeitado. Carlos Troche, veterinario municipal na Coruña, puxo á venda o seu mítico local. Nomeado médico do 2º distrito de Ordes Manuel Amigo Iglesias. O día 3 morreu con 55 anos Beatriz Martínez Barreiro (sogra de Manuel Concheiro) e o 6 morreu o médico forense do partido Antonio Concheiro.
 
Antonio Concheiro Rodríguez (1876-1942): fillo do alcalde de Mesía, Benigno Concheiro, e irmán de Pedro Concheiro, patriarca dos de Carballo. Estudou medicina na USC e exerceu en Ordes. En 1909 foi nomeado subdelegado de medicina do partido xudicial e forense do Xulgado de 1ª Instancia de Ordes. Tamén foi un dos caciques do Partido Liberal e logo da dereita na vila. Casou en maio de 1903 con Asunción Iglesias Rápela coa que tería 7 fillos, entre eles o alcalde e médico Antonio Concheiro Iglesias.
 
MARZO: Morreu Dolores Martínez Martínez.
ABRIL: Nomeado recadador para a zona de Ordes Germán Amigo Lera. Reintegrado ao seu destino en Ordes o xuíz Ubaldo Rivas. Crime en Senra (Oroso). Voda de Consuelito Nine con Celestino Concheiro. Bautizo de Mario Concheiro, 4º fillo de Manuel Concheiro. Morreu Antonia Ríos Rama, muller de Manuel Souto Ferro (m.1966).
MAIO: O día 30, con motivo da festividade de San Fernando (patrono da Fronte de Xuventudes) os mestres de Ordes levaron á misa aos seus alumnos que comulgaron "prometiendo ser buenos defensores de nuestra patria y de su religión".
XUÑO: Ingresou no cárcere Antonio Area Seoane o Regos. Morreu en Montaos María Blanco Fernández aos 27 anos.
XULLO: Andrés Candal Mosquera nomeado capataz da zona de Ordes na estrada Curtis-Carballo. Ramón Ferreiro aprobou o exame de ingreso na USC para estudar a carreira de practicante. Morreron Antonio Regos Recouso e José Brandariz Fuentes (55 anos) de Leira.
AGOSTO: Jesús Mosquera Remuiñán nomeado alguacil do Xulgado de 1ª Instancia. Debut de Airiños de Buscás nas festas da vila. O día 9 morreu Ascensión Amor del Río, viúva do médico de Trazo Joaquín Castro Amor e nai do mestre Lisardo o Peseta (e por tanto avoa do coñecido avogado Julio Castro Pol) e de Amparo que viviu na Fonte Estrei. O día 27 morreu María del Río Caramelo. Nomeado secretario do concello Ángel Concheiro Rodríguez.
SETEMBRO: Subasta da Casa Troche. Morreu Carmen Amado Ferreiro (filla do propietario da Casa Amado, un importantísimo comercio que había no norte da vila, máis ou menos onde hoxe están os Chinos) e José Stolle García, tío político de Juan Liñares Castro.
OUTUBRO: Nomeado notario Alfonso Leirós Fernández. Manuel Blanco Vázquez de Mesía nomeado recadador de cedulas persoais en Ordes. Voda de Pilarita Liñares Castro con Jesús Pomar Díaz, matrimonio que se establecería na Coruña. Morreu con 74 anos a mestra Juana Soto Menlle doña Juanita.
 
Juana Soto Menlle doña Juanita (1868-1942): aprobou as oposicións no século XIX (en 1889), deu clase uns meses en Couso (Coristanco), pero a finais de ano veu para Ordes. Casada co procurador José Carnota Pérez (irmán do xornalista Vicente), foi nai de tres fillos: María (casada en 1930 con Antonio Barcia Bonavida), Piedad (m.1953) que viviu na casa familiar onde agora está a xestoría Cristín e Antonio Carnota que emigrou. Morreu o 5 de outubro de 1942.
 
NOVEMBRO: Rafael Mariño Vilela nomeado novo alcalde, encabezando esta corporación: 
CORPORACIÓN de 1942
Rafael Mariño Vilela

Eduardo Somoza del Río

Rafael Álvarez Salgueiro

Manuel Verea Remeseiro

Ricardo Caamaño Lata

Manuel Amor Gestal

Ramón Mosquera Varela

Laureano Mosquera Candal

Andrés Varela Ferreiro

 Voda de Manuel Fernández Barreiro (fillo de Manuel Fernández Uzal e Andrea Barreiro) con María Carnota Mirás da Coruña. Don Lino Caramés García nomeado ecónomo da parroquia de Mercurín (e da de Lesta que estaba anexa).
DECEMBRO: Morreu no hospital de Santiago o mozo de 14 anos Ricardo Martínez Ríos da Fraga da Galiña, vítima dun atropelo. Tamén faleceu Antonio Franqueira Recouso aos 35 anos e Blanca González Faya, irmá menor do zapateiro e escritor Víctor, aos 21.
 
E coma sempre a relación de multas.
XANEIRO: 250 pesetas a José Candal Vieites, Francisco Pazos Juncal e José Rodríguez Martínez (infracción do Regulamento de armas e explosivos). 50 a María Prado Liste (infracción das disposicións de abastos).
FEBREIRO: 4.000 pesetas a Victoriano Fuentes Brandariz Vitorio (ocultación e transporte clandestino de trigo). 150 a Francisca Areoso Ríos (celebrar un baile sen autorización).
MARZO: 1.500 pesetas a Antonio del Río Regos e 1.000 a Carmen Boquete García, os dous de Parada (circulación e venda clandestina de avea). 1.000 a Jesús Candal Croque e Manuel Villaverde Boquete (compra-venda de superfosfato de cal a prezos abusivos). 25 a Manuel Mariño Vilela (viaxar sen salvoconduto).
ABRIL: 150 pesetas a Andrés López Fernández e Carmen Gómez Rumbo (escándalo).
MAIO: 1.500 pesetas a Gregorio González Patiño (transporte e compra ilegal de gando vacún). 1.000 a José Mariño García (cobrar de máis nas tarifas da súa fonda + clausura desta) e 250 (ter casa de comidas clandestina). 250 a Juan Rodríguez Iglesias Carril (ter aberto o establecemento a deshoras). 150 a Carmen Veiras Vázquez (escándalo). 75 a Jesús Juncal Corbelle, José Ríos Presedo, Antonio Rey Moure, Manuel Lago Noya, Antonio Liste e Manuel Liste (escándalo). 50 a Antonio Insua Seoane (infracción nas disposicións de abastos). 25 a Manuel Pena Martínez e Manuel Gómez (escándalo).
XUÑO: 3.000 pesetas a María Couto Louzao (moer trigo clandestinamente). 75 a Antonio Liste N e Manuel Liste N (reincidencia en escándalo). 50 a Antonio Noya Noya (escándalo).
XULLO: 250 pesetas a José Mª Rama Sánchez (infracción no Regulamento de armas).
AGOSTO: 1.500 pesetas a Andrés Gaudeoso Pazos (non consignar na cartilla da maquía as cantidades de trigo moídas). 1.000 a Manuel Eirín de la Fuente (venda de pan a prezos abusivos). 50 a Emilio Sánchez Álvarez e Antonio García Varela (embriaguez e escándalo). 50 a Manuel Fernández Uzal, Luis Noya Vilariño, Dolores Vidal, José Fernández Nogueira, Josefa Vázquez, Manuel Caramelo Montero, Santiago Caramelo Montero, Benito Fernández, Luis Faya Rodríguez, Jesús Vidal, Pedro Fernández Mareque e Luis Vázquez López (causar danos nun arboredo). 50 a Manuel Rama Juncal (infracción nas disposicións de abastos).
SETEMBRO: 150 pesetas a José Varela Barbeito e Manuel Rodríguez Noya (escándalo).
OUTUBRO: 1.500 pesetas a Manuel Barreiro Uzal (carecer de lista de prezos e venda de potas! a prezos abusivos). 1.000 a Francisco Vilar Nouche o Chocolateiro (carecer de lista de prezos).
NOVEMBRO: 250 pesetas a José Mª Pallas Guillín (infracción do Regulamento de armas e explosivos).
DECEMBRO: 1.500 pesetas a Juan Rodríguez Iglesias Carril e 1.000 a Federico Lamela Reino (posesión ilícita de tabaco).

No hay comentarios:

Publicar un comentario