miércoles, 28 de junio de 2023

O ano 1948

  En 1948 o clima de desconfianza entre os antigos aliados contra Hitler era notorio. Medraba o temor occidental polo cada vez maior poder soviético, evidenciado na revolución comunista de febreiro en Checoslovaquia. Así que en marzo, Bélxica, Francia, Luxemburgo, os Países Baixos e o Reino Unido asinaron o chamado Tratado de Bruxelas onde se prometeron mutua asistencia en caso de agresión. Sería o xerme da OTAN, que nacería o ano seguinte. Para evitar que a pobreza ocasionase que outros países fosen atraídos polo comunismo, en abril os USA asinaron o Plan Marshall de axuda financeira para a reconstrución de Europa. O 24 de xuño Stalin ordeou bloquear a entrada en Berlín, evento considerado como o inicio oficioso da Guerra Fría. Os aliados responderon cunha ponte aérea para alimentar á poboación famenta.  
  Doutra banda continuou a descolonización en todo o mundo. En xaneiro Birmania obtivo a independencia do RU, en febreiro foi a quenda de Ceilán (futura Sri Lanka). En marzo as últimas tropas británicas abandonaron a India. Seguiu habendo inestabilidade en Indochina, Corea e outros lugares. En decembro Cambodia foi a que se independizou de Francia.

  En maio David Ben-Gurion declarou a independencia de Israel e comezou a 1ª Guerra árabe-israelí. Ese mesmo mes estableceuse a República Democrática Popular de Corea (Corea do Norte), con Kim Il-sung como presidente.

  Pero quizais o suceso máis impactante dese ano fose o asasinato de Mahatma Gandhi polo fanático hinduista Nathuram Godse.
 
  Para España, a pesar da seca, non foi un mal ano. Por 1ª vez en todo o século XX non se superou a cifra de 300.000 mortos e iso que a poboación case chegaba aos 27,5 millóns de habitantes. 
  Ademais estaba a piques de rachar o seu illamento porque as tensións da Guerra Fría xogaban ao seu favor. Así, en febreiro Francia reabríu a fronteira común despois de levar dous anos pechada e na primavera firmáronse acordos comerciais con ela e co RU. O Réxime comezou con medidas positivas como decretar en xaneiro a suspensión da necesidade de salvocondutos para circular polo país ou suprimir o monopolio aeronáutico en febreiro o que permitiu o nacemento da compañía Aviaco. Así mesmo o día 26 de febreiro constituíuse o Consello do Reino, presidido polo tradicionalista Esteban Bilbao.
  Fóra do país os movementos da oposición ao franquismo estaban destinados ao fracaso. En agosto os socialistas de Indalecio Prieto e os monárquicos acordaron o Pacto de San Juan de luz. O que non sabían era que unha semana antes don Juan de Borbón tirara a toalla, entrevistándose con Franco no Azor e aceptando que o seu fillo Juan Carlos fose educado en España.
  Despois de 1947 os maquis estaban cada vez máis debilitados e ían caendo aos poucos. En xuño morreu nas rúas de Barcelona o cenetista arxentino Raúl Carballeira e en novembro foron executados os tamén cenetistas José López e J. González Puig. Pero ademais en outubro o propio Stalin "aconsellou" á Pasionaria, Francisco Antón e Santiago Carrillo un cambio táctico: había que abandonar a guerrilla e comezar o "entrismo" nas institucións do Réxime. Isto ocasionou a cruel ironía de que moitos guerrilleiros que non quixeron deixar a loita armada morreran a mans, non dos gardas civís senón dos seus propios compañeiros comunistas.
  Cos monárquicos "domesticados", desmoralizados os republicanos no exilio, derrotados os guerrilleiros e rachado o illamento internacional, Franco acabou o ano sentíndose seguro. Un síntoma disto foi o nomeamento dun secretario xeral para o partido único, cargo que estaba vacante desde 1945. Outro foi que desde abril se puxo fin oficialmente ao "estado de guerra".
  En 1948 apareceron "Viaje a la Alcarria" de Camilo José Cela e a película "Botón de Ancla". Tamén foi o ano da 1ª emisión de televisión (o 10 de xuño ás 12:45).
  En Galicia destacou 1948 polo reinicio da emigración. Ese ano houbo máis de 10.300 emigrantes, case a mesma cifra que os sete anos anteriores xuntos. Tamén se notou a decadencia da guerrilla, que sufriu duros golpes co desastre de Luou (Teo) en maio onde morreron 4 guerrilleiros e un garda civil do posto de Ordes e coa detención e posterior morte no garrote vil de Gómez Gayoso e Seoane en Novembro. Máis anecdoticamente a fundación en decembro do colexio "La Estila" en Santiago marcou a entrada do Opus Dei na nosa comunidade. En Arxentina Castelao deu o famoso discurso Alba de gloria.
 
E que pasaba mentres tanto en Ordes
Volveu ser un ano sanguento na comarca. Doutra banda desde o ano anterior funcionaba unha instalación para a condensación de leite con capacidade para tratar 350.000 litros ao ano. "La Marela" -tal era o seu nome- pertencía á empresa "Conservas Pompean SA".
XANEIRO: Voda en Parada de Balbina Casas (filla de José Casas) e Alfonso Pérez Graña. Morreu a mestra Manuela del Río Boo, 1ª muller do tamén mestre Ricardo Rama Blanco, e Concepción Varela Ferreiro en Poulo. Tiroteo nunha taberna de Oroso. A Garda Civil matou a Consuelo García Meijide en Senra, a Manuel Balado Fuentes na Fraga da Galiña e a Leandro Carrillo Cabanas preto da Grabanxa.
FEBREIRO: Morreron o cura de Barbeiros don Jesús Freiré Furelos e con 71 anos Clotilde Viqueira Fuentes, viúva de Sanchéz Somoza e tía de Mundito. 1º destino como xuíz de instrución para Mariano Rajoy Sobredo (pai do futuro presidente de España). Subasta pública do serradoiro do Mesón do Vento. En Queixas Modesto Insua Lapique (36 anos) feriu cunha fouce gravemente a Jesús Mosquera Liñares de 42 anos.
MARZO: Morto pola Garda Civil Rufino Garaboa Bello en Beán. Abatido en Carres (Cesuras) Antonio Nouche Costa o Soldado de Deixebre. 20.000 piñeiros distribuídos en Ordes con motivo da Festa da Árbore.
ABRIL: Acto de divulgación pecuaria para a mellora da gandería. Benigno López, ex-axente maiorista de Conservas Pompean fíxose cargo de "La Marela" (a leitería) de Ordes. Atentado contra varios postes de comunicacións en Guindibóo. Morreu aos 70 anos Josefa Pampín Bello, viúva do carteiro Pedro del Río. Faleceu en Buscás José Domingo Moar Gómez e en Mercurín o mozo Manuel Franqueira García con só 22 anos. Atopado morto no km 16 da estrada Ordes-Carballo Jesús Rodríguez, un mendigo de 60 anos.
MAIO: Voda en Santiago do notario Alfonso Leirós Fernández con Carmen de la Peña de Andrade Moreno. Morreu o garda civil do posto de Ordes Manuel Gardón Castro en acción e Ramón Abeijón Sánchez o día 21 con 50 anos de idade. En Beán morreu José Nouche Sánchez con 41 anos.
XUÑO: Pernoitou en Ordes unha centuria da Falange en peregrinación a Santiago. Peregrinación do arciprestado de Barbeiros.
XULLO: Aparatosa caída en Ordes de Dalmacio Langarica ao romperlle o manillar da bicicleta durante a VIII Vuelta Ciclista a España. Casimiro Prado Corral, chófer de autobús, ingresou no cárcere por un atropelo mortal. Donativo de 3.000 pesetas do gobernador civil ao matrimonio de Manuel Moar Botana e Josefina Veiras Martínez por un parto triple (e xa tiñan outros 3 fillos). Multado pola Fiscalía de Tasas con 1.000 pesetas Francisco Romero Rey. Morreu en Montaos José Gómez Naveira aos 52 anos.
AGOSTO: Inaugurado o servizo de autobuses á estación da Pontraga, cubrindo todas as chegadas. Morreu o panadeiro Marcelino Conde Recouso o día 19 aos 51 anos.
SETEMBRO: Peregrinación do Tercio Norte que fixo noite o 12 en Ordes. Peregrinación dos arciprestados de Berreo de Abaixo e de Arriba. Faleceron, en Sada o día 11 o mestre Nicolás del Río Castelo, e en Pontevedra Adolfo Garza Gutiérrez, marido de Amelia del Río Rey.
OUTUBRO: 4º Concurso de Calidade de patacas o domingo 24. Morreu Manuela Mariño Martínez, muller de Manuel Villaverde Veiras.
NOVEMBRO: Consello de Guerra contra 18 paisanos da comarca por pertencia ou axuda á guerrilla. Morreu en Buscás José Sánchez Mosquera aos 69 anos, en Leira Carmen Castro García e en Ordes con 9 meses Alvarito, fillo de Mundito
DECEMBRO: Marchou para Lalín o xuíz Mariano Rajoy. Morreu con 84 anos Josefa Pena García, viúva do antigo xefe do cárcere, familiar política dos Astray.

lunes, 26 de junio de 2023

Santa María de Beán


  A igrexa de Santa María de Beán está situada no centro pero algo ao oeste da parroquia de Beán, ao pé da estrada que vai a Oroso. Ten planta rectangular, só rachada por dous pequenos saíntes laterais. A súa lonxitude é de algo máis de 20 metros e a anchura duns 6,50 metros, ou sexa uns 140 metros cadrados, o que a sitúa nun termo medio entre as igrexas do concello en canto a tamaño.
  Está feita de cachotería revocada e pintada de cor branca, agás os resaltes das esquinas e a espadana que son de cantería granítica. O tellado a dúas augas está cuberto coa clásica tella do país. É unha das igrexas do concello que menos elementos antigos conserva, debendo o seu actual aspecto a unha gran reforma no século XIX.
  Na fachada, moi sobria, vese unha lápida de pedra entre a fiestra e a porta que di "Se hizo siendo cura D. Andrés Quintáns López año de 1880". Hai outra inscrición máis pequena de 2001 en agradecemento ao sacerdote D. Plácido Rodríguez Rodríguez. Ao carón da fachada na zona sur estaba antigamente unha pía bautismal. Diante da porta, obrigando pisala para entrar, podemos ver a tumba do reformador da igrexa D. Andrés Quintáns, tumba compartida co seu sobriño D. Andrés Míguez Quintáns, tamén sacerdote da parroquia.
 
 
  No interior o espazo está dividido por un gran arco de medio punto que separa a nave principal da cabeceira. Os muros están revocados e adornados coas imaxes dun Sacro Corazón e un San Isidro. Hai dúas grandes fornelas con retablos (razón dos saíntes laterais), cunha Virxe do Carme o do muro norte e unha Virxe do Rosario o do sur.
 

  No presbiterio vemos o retablo maior de estilo barroco con estípites do século XVIII, que é un dos elementos máis antigos do templo. Está presidido por unha imaxe da Inmaculada Concepción e na base están un San Antonio e o inevitable San Roque. A ambos os dous lados do retablo, enriba das portas de acceso a sancristía hai imaxes de San Xoán Bautista e de San Xosé.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

viernes, 23 de junio de 2023

A Causa 200/47

  O 12 de decembro de 1947 comezou na Sala de Xustiza do cuartel de Sanidade número 8 un consello de guerra (a causa 200/47) contra 67 persoas, entre elas 6 mulleres, acusadas de rebelión e complicidade coas partidas armadas.
  Presidía o coronel de Artillería Manuel Marín Martínez, actuando de xuíz instrutor o comandante José Seoane y Seoane. Era fiscal o tenente do Corpo Xurídico Carlos Asensio e relator o capitán auditor Santos Sainz Elvira. Os defensores eran catro: os capitáns de Artillería Juan Antonio Quiroga de Abarca, José Naveiro López, José Mª Lage Vizoso e José Mª Quiroga de Abarca.
 
  As orixes da causa tiveron lugar en abril, coa morte do xefe da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro Manuel Ponte no Fontao (Mesía). Ao ser rexistrado o seu cadáver acháronse varios documentos e unha axenda co nome dos acusados. Curiosamente había máis xente da Costa de Morte (Vimianzo, Laxe e Cabana) que da zona de Ordes. Tamén había algúns nomes de Ribadavia.
  Inmediatamente as brigadas da Garda Civil puxéronse en marcha e detiveron a todos os acusados. A maioría deles estiveron en prisión ata o momento do xuízo, aínda que algúns estaban en liberdade provisoria desde o verán.
  O fiscal Asensio retirou nas súas conclusións provisionais os cargos contra estes últimos e pediu para os demais penas que oscilaban entre os 6 e 15 anos de prisión, de acordo coa Lei de Bandidaxe e Terrorismo do 18 de abril de 1947. En cambio para Emilio Aguiar Díaz, Antonio Fernández García e Luís Ribas Pérez, os tres procesados de Ribadavia, pediu penas de entre 15 e 33 anos como compoñentes dunha célula do PC.
 
  Moitos dos acusados eran enlaces ou prestaban as súas vivendas como pousada ou estafeta para os guerrilleiros. Só uns poucos participaran supostamente en atracos. Por exemplo, Fernanda Carril Devesa tiña unha casa de comidas na rúa Santa Catalina da Coruña que servía de estafeta. A súa filla Balbina Pedro Carril e o seu xenro Manuel García López eran enlaces. A maioría dos acusados eran campesiños, agás algúns mariñeiros e pequenos industriais. Evaristo García Espasandín era mestre. O de maior idade era Alfonso Suárez Mosquera de 74 anos e completamente xordo, con dous fillos, Manuel e Jesús, tamén complicados. Manuel García López foi tenente do exército republicano.
  En xeral moitos negaron a súa participación ou alegaron coacción e medo aos guerrilleiros, que foi tamén o principal argumento dos avogados defensores.
 
  Entre as 67 persoas acusadas, as que máis nos interesan son dúas mulleres de Mesía, parentes de Ponte.
  María Ponte Pedreira (1906-1995) natural da parroquia de Abellá, vivía co seu marido José Blanco Carro (1905-1983) no lugar de Pedre, en Filgueira de Traba (Cesuras). Foi detida o 25 de abril e procesada por colaboración coa guerrilla. O motivo era terlle entregado a Ponte unha carta persoal da súa muller Mª Carmen Rivas (naquel momento desterrada en Villalón de Campos) pero dirixida a María. Finalmente foi absolta e liberada o 23 de decembro despois de pasar 8 meses no cárcere da Coruña.
  María morrería en setembro de 1995, deixando tres fillos. María, Antonio e Fernando Blanco.
  Soledad Ponte (1910-1991) filla natural de María Ponte Rodríguez e nacida en 1910 na parroquia de Abellá, era curmá segunda de Manuel Ponte. Na súa casa do Fontao estaban os guerrilleiros antes de ser abatidos. Foi detida e incomunicada durante dous días para evitar o "perigo de confabulación" con María Ponte. Foi procesada o 27 de abril de 1947 e ingresada no cárcere da Coruña. O seu caso non foi a máis e o fiscal solicitou a liberdade provisoria que lle foi concedida en agosto. No Consello de Guerra foi absolta.
  Soledad morrería en agosto de 1991.

martes, 20 de junio de 2023

O escudo na Calle de Poulo


   O escudo que hai na Casa da Calle (Poulo), e que foi durante case 60 anos (de 1950 a 2008) o que empregou o Concello de Ordes, sempre estivo cheo de enigmas. A teoría máis coñecida asociábao á familia Maldonado pero Victorino Cores Liste non está de acordo, como podedes ver a continuación.
 
Relación do antigo escudo do Concello de Ordes coa familia dos Araújo
  Despois de moitas investigacións, feitas con paciencia e perseverancia, creo que podo afirmar que o escudo da casa de Poulo, do cal se tomou o do Concello de Ordes, pertenceu a unha familia dos Araújo.
  Nalgunhas publicacións dise que as tres flores de lis das armas do escudo do Concello poden aludir de forma abreviada ás dos Maldonado, xa que a principios do século XVIII a casa de Poulo pertencía a dona Benita Romai Maldonado. Tales aseveracións só son suposicións feitas sen ningún apoio histórico. Os Maldonado, de antigo Aldana, levan cinco lises e os Araújo tres, e, segundo a maioría dos xenealoxistas, só teñen en común que os lises de ambas as dúas familias proceden de Francia. 
  O que si é certo é que os Romai estaban emparentados cos Araújo, xa que D. Teodosio de Romai casou con dona María de Araújo, o que da pé a pensar que dona Benita fose descendente dos Romai por vía paterna e dos Araújo pola materna.
 
  Seguindo as pegadas dos persoeiros habidos pola bisbarra topeime co libro "Las Hidalguías del Morrazo" de Rafael Rodríguez Férnandez-Broullón, editado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra no ano 2000, no cal fai un estudo pormenorizado das pedras armeiras da península do Morrazo e a súa reprodución.
  Nas súas follas recolle aos Camaño, os Castro, os Bermúdez, os Moscosos, os Prego de Montaos, os Vilarprego e os Araújo entre outros, todos eles dun xeito ou outro vencellados no pasado ás terras do actual Concello de Ordes.
  Os Moscoso tiveron soar dende moi antigo en Cabeza de Lobo (Ardemil). Nas súas armas levan unha cabeza de lobo sangrante, que máis tarde formou parte das armas do Conde de Altamira. 
  Nun dos debuxos do libro vense nas labras dos Araújo as tres flores de lis (de goles), unha cruz llana (de azur) e un castelo (terrasado de sinople).

 
  As armas dos Araújo, coma tantas outras, ao longo do tempo sufriron varios cambios e transformacións. Son moitas as variantes existentes. Unha delas, que se atopa na catedral compostelá, e que mostra Miguel Taín Guzmán no libro "Dibujos Históricos, Epigráficos y Heráldicos del Archivo de la Catedral de Santiago", editado pola Excelentísima Deputación da Coruña. Nel pode verse unha torre sumada dun cabaleiro, sinistrada do falcón que sostén unha perdiz acompañada de tres lises. Outras teñen o engadido dun sol e un crecente de lúa; pero en todos eles levan a torre do castelo e as tres lises.
 
  Segundo varios heraldistas as tres flores de lis das armas dos Araújo fóronlles concedidas cando o conde Rodrigo Velloso casou coa condesa de Alambert, de sangue real de Francia.
   D. Diego Feijóo de Araújo, avogado da Real Audiencia de Galicia en Santiago de Compostela, casado con dona Isabel de Araújo i Marzoa (probablemente a súa curmá), tiveron entre outros fillos a dona Francisca Feijóo de Araújo i Marzoa, que casou con don Pedro Prego de Montaos i Sotomaior, dono da casa dos Cobres e do seu morgado en Vilaboa (Pontevedra).
  Segundo o libro de Rodríguez Fernández-Broullón, dona Francisca Feijóo de Araújo i Marzoa herdou da casa dos Araújo un morgado que incluía posesións na Coruña, Santa Cristina de Montouto, Anceis, Val de Barcia, Sigüeiro e San Xiau de Poulo.
  Tamén di o libro de Rodríguez Fernández-Broullón que, en 1625, don Antonio Villarprego era dono dun morgado en Rodeira - San Salvador de Coia (Pontevedra), e tiña bens en San Martiño de Marzoa, Santa Cruz de Montaos, Santa Aia de Pereira, Santa María de Deixebre e San Estevo de Trasmonte.
Victorino Cores Liste

sábado, 17 de junio de 2023

Festas en 1947

   En 1947 a situación económica, aínda que mellorara con respecto ao triste 1946, seguía sendo bastante mala e os foucellas e a Garda Civil converteron a comarca nun campo de batalla. Pero como de costume iso non disuadiu aos ordenses de organizar moitas e concorridas festas.
 
   En marzo empezou o día 20 un solemne novenario dedicado á Virxe das Dores, custeado por un grupo de "respetables señoras". Houbo misa diaria e culminación con misa solemne e intervención a cargo dun "notable orador". Tamén o día 24 comezaron os actos da preparación do Santo Precepto a cargo dun padre franciscano.
  Por certo que ese mes rematou a carreira de farmacia María del Río Carballido.
 
  Xuño era o mes no que numerosos veraneantes viñan a Ordes, entre eles dona Mª Miranda de Gil Brandón e as súas fillas, ou as fillas do cirurxán Ángel Baltar Cortes.
  A festa do Santísimo Sacramento foi custeada polo veciño do Piñeiro Andrés Carballido Franqueira (1908-1982) que como dicía o xornal "no piensa escatimar nada relativo al divino culto", así que contratou música popular, unha orquestra para a misa e un competente orador sagrado.
  O día 24 celebrouse na capela da Calle en Poulo unha solemne función relixiosa dedicada á Virxe da Mercé na que predicou un padre franciscano. Ao mesmo tempo foi inaugurado o cruceiro que está xunto á fonte, lugar onde segundo conta a lenda apareceu a Virxe "en carne mortal", razón pola que hai tanta veneración por ela en Poulo. A encargada destes cultos foi a camareira dona Juana Figueiras.
  O día 26 foi a festividade do San Paio en Buscás con banda de música e queima de gran cantidade de fogos artificiais. En Ordes o domingo 29 tivo lugar a solemne función relixiosa dedicada ao Corazón Délfico coa prédica dun orador forasteiro e procesión.
  En Ardemil tiveron as festas patronais de San Pedro que se celebraron no Mesón do Vento e que duraron 4 días, desde o sábado 28 ata o 1 de xullo. O luns 30 foi a función do Corpus e o día 1 foi dedicada a San Ramón. Este último día houbo tamén xogos de cucañas.
 
  Pero, non quedando contentos, en agosto, o día 6 houbo solemnes cultos dedicados á Virxe das Neves. Tres días antes, en Poulo celebrouse a función na honra da Virxe do Carme.
  E por suposto tiveron lugar as festas patronais da vila de Ordes que neste 1947 viron unha interesante novidade: unha comparsa de cabezudos adquiridos en Barcelona, que se engadiron áos habituais globos, fogos, carreiras de bicicletas e cucañas.
  Segundo o xornal El Ideal Gallego "Las bandas de Arca y Garabanja cosecharon muchísimos aplausos por su brillante actuación, dando lucidos conciertos bajo el frondoso follaje de nuestra alameda, centro de los festejos. Las iluminaciones eléctricas superaron a las de años anteriores por el arte de su colocación. Las funciones religiosas, incluidas las procesiones, no pudieron resultar más suntuosas".
  Por ese tempo estábase construíndo a ponte da Pinguela na estrada de Pontecarreira.
  A finais de mes celebraron a súa primeira comuñón Isabelita Varela del Río, Rita Álvarez e Merceditas González Rúa (a última dos 7 fillos do carteiro César González Vidal e da súa muller Rafaela Rúa Rúa). O párroco don Joaquín Andrade exhortounas a seguir unha vida de virtude nunha "elocuente plática".
 
  En setembro celebrouse en Montaos a festa da exaltación da Santa Cruz o domingo 14 con misa solemne a toda orquestra e sermón. Ao día seguinte foi a función sacramental con máis música.
  Os días 15 e 16 foi a quenda das multitudinarias festas de Santa Eufemia en Leira. O día 16 na misa maior participou o profesor do Seminario compostelán don José Pérez Rajoán. Houbo bandas, orquestras e sesións de fogos artificiais.

sábado, 10 de junio de 2023

O Pilón

 
   Un dos símbolos máis queridos de ordes é a fonte da Alameda, coñecida popularmente como o pilón.
  Non obstante non ten nada sobresaínte. É a típica fonte de planta circular feita de pezas de cantería, con tramo recto na parte baixa e cóncava na parte superior. Adosados no leste, polo lado do cano, dous chanzos de pedra facilitan o acceso ao chorro de auga.
  No centro hai unha columna de esquinas con chafráns, que vai diminuíndo de sección segundo ascende. As caras da columna están decoradas con círculos e elementos florais. O cano para a auga é moi sinxelo e sen adornos. O tramo superior e máis fino da columna conta cunha placa de mármore que dedica o monumento ao político Antonio del Río. Sobre unhas pequenas molduras que fan as funcións de capitel atópase un pináculo de pedra.
  Este pináculo no ten a mesma antigüidade que o resto da fonte, porque orixinalmente o que había era unha gran copa que se debeu romper nalgún traslado.
 

  A fonte data do século XIX. Foi inaugurada ao mesmo tempo que a nova igrexa parroquial o domingo 30 de setembro de 1877. Para esas obras da igrexa construíuse un túnel que levaba auga desde a zona da Mina ata o lugar do edificio e aproveitouse para continuar ata o sueste da Alameda, preto da casa que máis tarde sería o Nogallás e dunha ringleira de árbores que agora xa non existe.
  Neses finais do século XIX e comezos do século XX a fonte foi un avance impresionante para a vila pois como é lóxico non había aínda auga corrente, así que a imaxe de mulleres collendo auga coas súas sellas era frecuente.
  En 1907 foi colocada a placa de mármore que dedicaba a fonte a Antonio del Río. Isto confunde a moitos, que pensan (erro comprensible) que é a data de construción.
 
 
  A finais dos 50, o pilón foi trasladado ao que entón era  o centro do extremo oeste da Alameda. A auga da Mina, cada vez máis contaminada polas filtracións dos pozos negros á zona freática do subsolo, acabaría sendo desviada só para rego de parques e xardíns e o pilón foi conectado á traída. Desde ese momento serviu para apagar a sede dos rapaces e como lugar de bromas para que algún acabara máis mollado do que quería. E por suposto, imitando a outros lugares, tamén como centro de celebracións deportivas.
 

martes, 6 de junio de 2023

Por terras de Leira

    No xornal La Voz de Galicia aparecen habitualmente uns artigos de Cristóbal Ramírez onde descobre lugares naturais pouco coñecidos e interesantes para percorrer a pé ou en bicicleta. Hai varios deles dedicados ao concello de Ordes. Este foi publicado o 4 de decembro de 2021.
 
  En ocasiones la geografía parece empeñada en esconder lugares o edificios que bien se merecen una visita. Eso sucede con la parroquia de Santa María de Leira, concello de Ordes, que está cruzada por una larga recta de la carretera a A Coruña y que deja dos pequeños tesorillos a una y otra mano. Tesorillos que el viajero no ve, simplemente.
 
  En todas las rutas y excursiones hay una inevitable parte prosaica: cómo ir. Así que empezando por ahí, déjese Ordes atrás y tras larga recta y dos suaves curvas se afronta una segunda recta de buenas dimensiones (esto es Galicia) y ascendente toda ella menos al principio. Ahí no queda más remedio que reducir la velocidad al entrar en Leira. De manera que ahí hay una iglesia. ¿Una? Pues no, dos. Una doble grata visita en unos tiempos en los que hay que escapar de las multitudes y al mismo tiempo se impone respirar aire puro.
 
  De manera que justo cuando se llega al punto más bajo, que es por donde el asfalto cruza un arroyo llamado Rego de Covelo Pequeño, se gira a la izquierda por una pista que parece empeñada en hacer rotar al recién llegado casi 360 grados.
 

  Ahí está la fuente de Santa Eufemia, muy conocida en toda la zona, en un buen estado. Internándose unos metros se descubren los restos del Muíño do Cura, todavía con la piedra en su sitio. A partir de ahí el paso no es dificultoso sino imposible, pero ese paraje, con una auténtica selva que rompe la corriente, destila gran belleza.
 
  Siguiendo unos metros esa pista se alcanza la iglesia parroquial, levantada en un área muy amplia, nada apretado el cementerio puesto que se construyó algo alejado, sin ahogar el templo, y con un notable cruceiro de escasa altura y generosidad de niveles y que es el que realmente recibe al visitante. El templo en sí no va a deslumbrar a nadie, pero el entorno resulta muy grato. 
 
 
  De vuelta a la carretera nacional, un centenar de metros más adelante aparece un desvío a la derecha (ojo, es fácil pasarlo; la mejor referencia es el hotel que queda a la izquierda del asfalto y que está justo frente a ese desvío), el cual tres o cuatro minutos después deja al visitante en una aldea llamada Codeseda. Presume esta de una casa grande (en algunos lugares figura como pazo, aunque quizás con demasiada generosidad) con un hórreo de enorme anchura que recuerda a algunos de la comarca de Bergantiños. Y frente a esos edificios, la capilla de Santa Bárbara, con su campanario que es claramente posterior al resto.
 

   Y de ahí arrancan, al frente, dos pistas. La de la derecha va a girar al sur y lleva, tras algo más de dos kilómetros a la pista que por la izquierda lleva a Buscás y su magnífica iglesia con orígenes románicos, como deja bien claro su escondida fachada. Y la de la izquierda va a descender, idónea para un paseo con los más pequeños de la familia, hasta alcanzar el Rego de Covelo menos de 700 metros más allá. Y si hay ánimo para continuar otro tanto se alcanza As Mámoas, por donde discurre el Camino Inglés.
Cristóbal Ramírez
FUENTE DE SANTA EUFEMIA: 43º06'55"N 8º23'57"W.
LA MEJOR FOTO: En la fuente de Santa Eufemia.
PARA NIÑOS: El paseo desde Santa Bárbara al río, apto para ellos.
EL DESAFÍO: Remontar unos metros el río después del molino.

viernes, 2 de junio de 2023

Máis sangue en 1947

  O ano 1947 estaba sendo tráxico: xa no primeiro trimestre morreron catro homes a mans da guerrilla, e posteriormente na emboscada no Fontao caeron o xefe guerrilleiro Manuel Ponte e dous compañeiros. 
  Pero por se isto non fose suficiente aínda habería tres caídos máis na comarca.
  O día 9 de agosto morreu en Ordes José Ríos Gómez. Era un home de 35 anos que nacera en Poulo pero estaba casado en Parada con Jesusa del Río Veiras, coa que tiña dous fillos, Manuel e Dorinda Ríos.
  José, enlace da guerrilla, foi detido e levado ao posto da Garda Civil en Ordes ubicado na rúa principal (onde hoxe está o supermercado "Froiz"). Alí rematou os seus días porque, segundo explicación oficial, tirouse ao pozo que había no patio. Posiblemente estaba sendo torturado e quixo evitar sufrir máis. Unha teoría alternativa máis probable é que os propios gardas foran os que o tiraron ao pozo, ben intencionadamente ou por accidente.
  En novembro volveu a correr o sangue. Morreu o alcalde de Mesía José Candal Vieites. José, como podemos sospeitar polo seu apelido, era nativo da parroquia de Ardemil, fillo de Antonio Candal e Rosa Vieites, pero vivía en Visantoña na coñecida como "Casa da Panadeira". Tiña 36 anos, estaba casado con Mercedes Mouriño Suárez e tiña catro fillos: Felipe, María, Julia e José Candal Mouriño.
  Ser alcalde naqueles tempos era unha profesión de risco. Os foucellas ameazárono varias veces e, finalmente o 24 de novembro remataron por matalo.
  Só dous días despois, claramente como represalia, a Garda Civil detivo na súa casa de Soutelo (Olas) a Antonio Sánchez Uzal. Íano levar ao cuartel de Xanceda, pero nunca chegou. No camiño da Areosa, preto de Mesía, aplicáronlle a lei de fugas, disparándolle varios tiros. Antonio tiña 40 anos e estaba casado con Herminia Gómez Rodríguez coa que tiña 5 fillos: María, Josefa, José, Vicente e Manuel Sánchez Gómez.
  Colaborador da guerrilla, fora un dos participantes na voadura de varios postes de comunicación en Ardemil e estivera preso no cárcere da Coruña. Anos despois no lugar da súa morte, a súa familia colocou unha cruz de formigón que aínda se conserva.
 
  Pero tampouco faltaron as mortes violentas nas que non pintaba nada a política.
  Xa en decembro, o día 4, o mozo de Sigüeiro Manuel Piñeiro Filgueira no monte da Cavadiña disparou a súa escopeta matando ao seu veciño Severino Ferro Seijo. Manuel fuxiu polos montes pero foi detido un par de semanas despois. A razón fora que Severino opoñíase ás relacións do mozo cunha cuñada súa.
  En Mesía a moza de 21 anos Elena Gómez Sánchez morreu a mans do seu veciño Antonio Martínez Cao de 25. Cando ía acompañada do seu irmán maior, Antonio apareceu de súpeto e sen mediar palabra disparoulle dous tiros. A causa foi que ela rexeitara os seus requerimentos amorosos. Antonio fuxiu do lugar pero foi detido ao día seguinte na estación de Cesuras cando pretendía coller o tren.
  E así rematou un ano para esquecer na comarca de Ordes.