En 1945 a loita armada contra o
Réxime cobrouse tres vidas na comarca, en 1946 foi unha menos.
O 17 de outubro apareceu un descoñecido que aparentaba ter uns 30 anos
morto por disparos de arma curta na cabeza no lugar coñecido como Chousa Nova
en Trasmonte (Oroso). Máis tarde sóubose que era José Dasilva Bartolomé, aparentemente un infiltrado na guerrilla executado polos seus propios compañeiros. A outra morte xa tivera lugar en Ordes catro meses antes. Fora a de Antonio Recouso.
Antonio Recouso Boquete naceu en
Ordes o 7 de xullo de 1909. Era o fillo maior de Antonio Recouso del Río, do que xa temos
falado porque cometeu un homicidio en 1923, e de Rosa Boquete
Villaverde. O matrimonio tivo
outros tres fillos que chegaron á idade adulta: José (1914-1996), Marina
(1919-2012) e América (1921-1985).
Tanto Antonio como José tiñan en común que eran moi altos para a
época pero dividiron totalmente os seus camiños: Antonio acabou vivindo en Cataluña,
como garda de asalto en Barcelona, mentres José rematou formando parte da escolta do propio
Franco.
Coa derrota da 2ª República e a toma de
Barcelona, Antonio librouse do pelotón de fusilamento case de milagre, pola
intercesión dun sacerdote. Viuse obrigado a volver a Ordes e viviu durante un
tempo na casa dos seus pais no Recreo, entón Calle Primo de Rivera. Antonio, sofisticado e acostumado ao ambiente cosmopolita
de Barcelona e á liberdade republicana, non o levou nada ben. Vivía agora nunha
vila pequena, rodeado de labradores e mal visto pola garda civil e os
falanxistas que o vixiaban de esguello.
A finais de marzo de 1946 foi detido xunto
con Manuel Moure Leobalde de 25 anos por facerse pasar por axentes fa Fiscalía
de Taxas. Xa liberado colaborou de enlace coa guerrilla antifranquista pero
apenas tres meses despois, o 26 de xuño,
foi abatido.
Aparentemente Antonio botárase ao monte
poucos días antes e estaba na parroquia de Parada cun grupo de guerrilleiros
entre os que se atopaban Pedro Rodríguez Gómez, José Blanco Núñez Pepito, José Santiago Temprano Moisés e Enrique Ferreirós Candamo Gumersindo. Outro dos
guerrilleiros era Claudio Díaz Milía Manolete, realmente un elemento infiltrado que os
delatou. A Garda Civil atacounos no lugar coñecido como Chousa de Uzal, preto
de Cestaños (Uzal casualmente vivía en fronte del no Recreo). A lenda popuiar conta que a Antonio esta vez xogoulle unha mala
pasada a súa estatura. Refuxiado detrás
dun valo, a súa cabeza sobresaía e recibiu un disparo dun garda que lle
produciu a morte. Blanco, Santiago e Ferreirós foron feridos pero lograron
escapar.
Claudio Díaz Milía desertaría un mes máis tarde, desmontando gran parte da rede de
enlaces da guerrilla.
Antonio está soterrado no cemiterio do
Piñeiro, na terra. A lápida, moi artística, feita no obradoiro de Barral en Santiago, ten un par de erros na data do seu pasamento.
FONTE: "A Guerra Silenciada" de Manuel Pázos Gómez.
A primeira consecuencia da
morte de Antonio Recouso foi que o seu irmán José debeu deixar a escolta de
Franco. A familia enteira pasou a ser sospeitosa. A miña avoa, Babila Ferreiro Recouso, era
curmá de Antonio. Vivía soa en Alfonso Senra 37 co seu fillo Juan que entón
tiña 14 anos. Poucos días despois daquela morte observou pola fiestra un
indixente moi sospeitoso que lle pareceu que quizais tentaba entrar para
roubar. Como levaba moito tempo diante da casa e non marchaba, Babila colleu
medo. Díxolle a Juan que quedara pechado sen abrir a ninguén e ela foi pola
parte de atrás ata o cuartel da Garda Civil para avisalos e que viñeran polo
menos a interrogalo. Pero, para a súa
sorpresa, os gardas non fixeron nada. Simplemente lle dixeron que
pasarían máis tarde. De todos modos cando ela chegou á casa, ao pouco tempo o
indixente marchou. Tempo despois Babila alugou unha habitación
a un garda civil noviño que lle comentou que xa a coñecía por aquel día e que
non fixeron nada porque o suposto indixente era en realidade o brigada disfrazado
que a estaba vixiando.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario