En Cerceda
a noticia máis impactante de 2016
foi a sucesión de incendios provocados por unha veciña do lugar do Pumar.
Carmen García Grela a
Leiteira, que entón tiña 56 anos, era moi coñecida por estar casada
cun empregado da gasolineira e porque debido ao seu mal carácter tiña gañado a
inimizade dunha importante cantidade de xente.
Ocorréuselle ese verán plantar lume ao monte
e ademais preto de lugares habitados. Así que desde o día 18 de xullo fixo
pequenas viaxes co seu coche e foi provocando incendios deixando no bosque unha
candeíña acesa. Por certo que esas candeas aromáticas (non había doutra clase
na tenda) comprábaas en paquetes de 12 no comercio chinés situado a escasos 50 metros da gasolineira.
Con este pouco sofisticado pero efectivo modus
operandi provocou 15 incendios que ocasionaron unha superficie queimada de 22
hectáreas e ademais sempre a menos de tres
quilómetros da súa casa.
Carmen pronto foi considerada a principal
sospeitosa, así que os axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e
do posto da Garda Civil de Ordes montaron un operativo de vixilancia que a descubriu
o día 12 de agosto saíndo ás 7 da
mañá da súa casa nun coche. Efectuou sete paradas, deixando sempre unha candea
ardendo. Unha foi retirada por un veciño e as outras seis polos axentes.
Ás 7 e media foi detida a pesar de ofrecer
resistencia. No vehículo acháronse as outras cinco candeas do paquete, unha caixa de mistos e
nada menos que... nove mecheros!
Claramente non era sofisticada pero si extremadamente previsora. Destaca a ironía de que
un dos aparellos estaba decorado coa frase «Amo Galicia», cousa que chamou moito a atención.
Carmen foi metida en prisión preventiva á
espera do xuízo, que tivo lugar o 11
de abril de 2018 na Audiencia
Provincial da Coruña.
O seu avogado alcanzou un acordo coa Fiscalía
polo que aceptaba catro anos e medio de cárcere (menos o ano e medio
que xa levaba en prisión), é dicir, ata o 2020, o terribe ano da pandemia.

No hay comentarios:
Publicar un comentario