POLÍTICA
Se na segunda mitade dos anos 40 o réxime franquista se vira seriamente ameazado, iso cambiou totalmente
nos 50. Eliminada case por completo a guerrilla, apagada a oposición e
desaparecido o boicot comercial e político de Occidente pola Guerra Fría contra
o bloque comunista, Franco iniciou a década totalmente consolidado e só tería
problemas puntuais coa conflitividade social pola mala marcha da economía.
Xa en 1950 a
ONU revogou a condena ao franquismo e ese mesmo ano en novembro España ingresou
na FAO, mentres que en 1952 ingresaría na UNESCO. En 1953 asinouse o Concordato
co Vaticano e o Tratado bilateral
cos Estados Unidos, que non trouxo moito beneficio económico pero que foi
vendido como unha vitoria da diplomacia española. O país agora xa non era un paria senón "o
bastión moral de occidente". Son os momentos de máximo esplendor do
chamado Nacionalcatolicismo.
En 1955 tivo lugar o ingreso na ONU como
membro de pleno dereito xunto con outros 18 países, grazas á tregua que trouxo
a morte de Stalin en 1953. Non houbo
ningún voto en contra e só dúas abstencións, México e Bélxica. Era o final
definitivo do illamento internacional.
Con todo en 1956 España viviu novos problemas cos violentos altercados na
Universidade. Os mozos que protestaban eran na súa maioría fillos dos
vencedores da guerra. A oposición empezaba a nutrirse agora das novas
xeracións. A crise provocou unha remodelación de goberno.
En 1957
e 1958 os problemas volveron, agora en Marrocos coa Guerra de Ifni. A entrada
dos tecnócratas supuxo a modernización do Réxime. Un deles, Laureano López Rodó
foi o encargado de redactar en 1958 a Ley
de Principios del Movimiento Nacional que definía a España como unha
"monarquía tradicional, católica, social e representativa" alonxándoa
de calquera connotación fascista.
A década acabou ben para o Réxime coa
inauguración do Valle dos Caídos en abril de 1959 e sobre todo coa visita en decembro do mesmo ano do presidente
norteamericano Dwight Eisenhower, apoteose internacional da ditadura
franquista.
ECONOMÍA
A economía en cambio non acababa de funcionar. Si, 1951 volveu igualar a RPC de 1935 pero foi un ano de malas
colleitas e o número de defuncións volveu subir de 300.000 (o máis alto desde
1946). As penosas condicións laborais e a subida de prezos ocasionaron folgas
en Barcelona e o País Vasco e un boicot aos transportes en Madrid. Houbo unha remodelación do goberno para cambiar en
parte a política económica.
As cousas melloraron en 1952 e o índice de mortalidade baixou do 10 ‰ por 1ª vez na historia e xa nunca volvería
subir (ata 2020, o ano do Coronavirus). De feito o 1 de xuño suprimíronse as
cartillas de racionamento, co que de paso se acabou co mercado negro que
orixinaran.
A este menor intervencionismo engadíuselle a
axuda americana desde 1953 e o comezo do éxodo rural. España seguía sendo en 1950 un país eminentemente
agrícola pero os traballadores do sector primario xa eran menos do 50 %. En cambio o sector secundario subiu de forma consistente durante toda a década: a produción eléctrica pasou de 6.800 KWh en 1950 a máis de 18.600 en 1960, a produción de aceiro pasou das 815.000 Tm a dous millóns, os asteleiros de 26.000 Tm a 152.000, os coches de menos de 2.000 unidades a 40.000, etc. E ademais no sector terciario comezou o bum do turismo de sol pasando dos 500.000 visitantes aos 6 millóns de 1960.
Como diciamos o sector primario viu descender, tamén de forma consistente, o número de traballadores. Moitos emigraron a América (e despois de 1958 a Europa) e outros ás cidades industriais que empezaron a ter os seus
"cintos vermellos" de traballadores (nutrindo así ao sector secundario). Pola contra Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela transitaban polos primeiros chanzos da caída demográfica.
Todo isto foi un alivio que funcionou
relativamente nos primeiros 50 pero desde 1956 a inflación
e o déficit na balanza de pagos subiron vertixinosamente e fixeron cada vez máis insostible a situación. En 1957 Franco
remodelou o goberno erradicando o falanxismo e introducindo aos tecnócratas do Opus Dei (relixiosos pero
economicamente liberais) que farían grandes cambios e comezarían a perfilar a
senda do "desarrollismo".
En 1959, ano no que estaban esgotadas as reservas de divisas e o país estaba rozando a bancarrota, os ministros Alberto Ullastres (Comercio) e Mariano Navarro Rubio (Facenda) elaboraron o Plan de Estabilización que foi recibido
sen ningún entusiasmo polo resto do goberno (incluídos Franco e Carrero Blanco)
pero que daría un xiro á economía española na seguinte década.
SOCIEDADE
Os anos 50 foron testemuña de grandes cambios sociolóxicos. No ámbito
musical comezaron dominados pola todopoderosa copla, pero houbo unha canción clave que marcaría un novo rumbo. Esta canción foi "Dos cruces" que se gravou como copla e como bolero, pero sería esta
última versión a que triunfaría de modo abrumador.
O cine viviu unha época de esplendor coa
aparición de dous xenios como Berlanga e Bardem que esquivaban a censura e
facían películas lixeiramente incómodas para o Réxime. Pero a nivel popular non competían coas estrellas femininas
como Carmen Sevilla e Sara Montiel que o petou con "El último cuplé" en 1957 ou os actores infantís como
Pablito Calvo -inesquecible Marcelino en 1954- ou Joselito "El pequeño ruiseñor" en 1956.
Oficialmente o 28 de outubro de 1956 foi a primeira emisión da TVE desde
o Paseo de La Habana pero eses
primeiros anos apenas ninguén tiña televisores polo que a súa incidencia era
mínima. A radio seguía sendo a distracción dominante e as voces de Matías Prats
en toda España ou Enrique Mariñas en Galicia eran tan familiares como as do
veciño da porta. A audiencia das radionovelas (o equivalente aos culebróns posteriores)
era millonaria e o nome de Guillermo Sautier Casaseca, o autor das máis
populares, e dos actores de voz Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa, Matilde Vilariño ou
Juana Ginzo era máis coñecido que o das estrelas máis de moda na actualidade. E
xa non digamos o dun personaxe inexistente pero máis escoitado que o oráculo de
Delfos: Elena Francis.
Como
non había pantallas mesmo a xente menos culta lía máis que hoxe. Así que había
moitos autores que escribían centos de novelas publicadas en pequeno formato e
devoradas polos públicos máis diversos. Os homes lían sobre todo novelas do Oeste. O autor máis
coñecido foi Marcial Lafuente Estefanía, pero había moitos outros como Miguel Oliveros (Keith Luger) ou Francisco González Ledesma (Silver Kane) que firmaban
cun pseudónimo inglés. As mulleres lían novelas románticas das que era raíña
indiscutible Corín Tellado. Para os rapaces quedaban os cómics ou tebeos (polo
nome da revista TBO). Aos xa existentes Roberto Alcázar e o "Guerrero del antifaz",
uníronse en 1951 "El Cachorro"
e en 1956 "El Capitán Trueno",
pero ademais contaban cunha pleiade de personaxes de estilo cómico
caricaturesco nados a finais dos 40 pero que vivirían o seu momento máis
esplendoroso nos 50. Eran Carpanta, simbolizador da fame de posguerra, Zipi e Zape, Doña Urraca...
Os anos 50 tamén foron a apoteose do fútbol
coa chegada de Ladislao Kubala ao FC
Barcelona e de Di Stéfano ao Real Madrid de Santiago Bernabéu e das 5 copas de Europa. Os futbolistas eran tan famosos que ata interpretaron
películas coas súas vidas. En cambio os touros, a outra paixón nacional, aínda
que seguían moi fortes vían o seu trono en perigo. Seguía habendo figuras como
Luis Miguel Dominguín (si, o pai de Miguel Bosé) ou Antonio Ordóñez pero ningún
ídolo ao nivel de Manolete nos anos 40.
No hay comentarios:
Publicar un comentario