2006, ano da crise inmobiliaria en USA, non tivo acontecementos moi destacados -aparte de que Plutón deixou de ser un planeta- pero o mundo cambiaba sen volta atrás: Internet comezaba o seu dominio, chegando en xaneiro
aos 1.100 millóns de usuarios (unha de cada sete persoas no mundo). Ao longo do
ano a Wikipedia en inglés chegaría ao 1º millón de artigos, crearíase Twitter e
Google compraría Youtube.
En América
acadou a presidencia de Bolivia o esquerdista Evo Morales (que pronto comezaría
as nacionalizacións) e Lula da Siva foi reelixido en Brasil. En Europa o verán
contemplou a independencia de Montegregro despois dun referendo. Pero os
grandes problemas estaban no mundo árabe: Hamas venceu nas eleccións en
Palestina e houbo manifestacións e incendio de embaixadas occidentais polo tema
das caricaturas de Mahoma na prensa occidental. O ano rematou coa aparición do
medio de comunicación global Al Jazeera en inglés, o asasinato de Pierre Gemayel e o
aforcamento de Sadam Huseín.
En 2006 publicáronse "The Road"
de Cormac McCarthy, "The Boy in the Striped Pyjamas" de Jhon Boyne e "La catedral del mar"
de Ildefonso Falcones, e houbo películas como "The Departed",
"Cars", "Volver" ou "El laberinto del fauno".
Musicalmente Shakira arrasou
con "Hips Don't Lie", Amy
Winehouse saltou ao estrelato co seu profético "Rehab" e debutou Gnarls Barkley con "Crazy". En castelán triunfou Gustavo Cerati e Julieta
Venegas con "Me voy".
|
En España cambiounos totalmente o ocio pois o 1 de
xaneiro entrou en vigor a polémica lei antitabaco. Houbo novas económicas como
a inauguración da T4 de Barajas e as OPAs de Gas Natural e EON sobre ENDESA,
outras políticas como as reformas dos estatutos valenciano e andaluz e a
victoria de Montilla en Cataluña, pero o tema do que máis se falou foi a
negociación do goberno coa banda terrorista ETA despois de que esta declarase
un alto o fogo en marzo. Tamén foi
rechamante a aprobación en abril da 6ª Lei de Educación (LOE) e a aparición
dunha nova cadea privada, La Sexta, de similar ideoloxía que o goberno. A nivel deportivo
o ano foi incrible coa 2º Champions do FC Barcelona, o ouro do MundoBasket de Xapón (cando a selección
derrotou a Grecia 47-70 con Pau Gasol lesionado), o 2º Roland Garros de Nadal
vencendo na final a Federer e o 2º campionato de Fórmula I de Fernando Alonso. Tristemente
o 30 de decembro ETA fixo estalar un coche bomba no aparcamento da T4 matando
a 2 persoas e rematando coa posibilidade dun acordo co goberno.
En Galicia,
a pesar de padecer un dos máis fríos invernos que se recordan, foi o ano dos incendios, porque houbo un terrorífico
verán onde ardeu unha gran cantidade do noso territorio, unha proba de fogo
(nunca mellor dito) para o aínda novato Bipartito de Touriño e Quintana, que
lles pasaría factura. Doutra banda o PP, para pasmo dos rivais, repúxose
rapidamente da derrota do ano anterior e na loita pola sucesión de Fraga venceu
un case descoñecido Núñez Feijóo que unificaría o partido e dirixiría a
"Travesía polo deserto" con man firme.
En Ordes politicamente foi un ano de transición. Despois de todas
as liortas do 2005 houbo como unha especie
de tregua esperando as eleccións de 2007. Martino seguiu gobernando con certa
tranquilidade mentres os seus inimigos preparaban a macheta, principalmente Manuel Regos que creou unha
lista independente denominada UxO.
Eran tempos de
bonanza económica (aínda que houbese 790 persoas apuntadas ao paro) e cunha movida descontrolada na que asomaban os
primeiros signos de desgaste. Esa movida tamén proporcionaba anécdotas como a do "secuestro a punta de navalla" do taxista Ismael Candal en febreiro, que veu sendo unha Fake news porque despois dunha intensa busca por parte da Garda Civil e a Policía Local resultou que ao final estaba de marcha cos amigos e apareceu san, salvo e bastante sorprendido con todo aquel rebumbio.
E cando non era
movida eran festas. En xuño tivo lugar a 2ª Festa do Madeirista, organizada por
Internaco, que contou cos irmáns Ulav de Noruega (eses si que sabían usar a
macheta). En xullo as festas de Parada, que estaban naqueles tempos organizadas
pola Asociación Triquitraque, incluían unha potente e exitosa churrascada, e en Montaos no campo de Nivelos tiña lugar a 2ª edición do Revoltosa Rock. En
agosto a Asociación Castro da Croa creou a entón chamada "Festa da sega e da malla" en Ardemil, contando ademais cunha exposición de maquinaria antiga
propiedade de Orencio Uzal. Esta festa consolidaríase e segue a celebrarse. As
patronais de Ordes contaron coa presenza da Panorama e remataron cun festival
de rock no que participaron Los ilegales, Zënzar e os Gin
Tonics.
Unha decepción foi en maio o grupo El Sueño de Morfeo, pois a súa solista
Raquel del Rosario estaba nunha mediática relación co piloto Alonso, pero á súa actuación
en LP45 apenas se achegaron 200 persoas. Outro famoso que veu a LP en
2006 foi o arxentino Coti.
A gran alegría
do ano deuna a SD Ordes que volveu á Terceira División despois de 11 anos de
penar por categorias inferiores. Gran parte de culpa tivérona o adestrador José Antonio Cambón que levaba tres anos dirixindo ao club e o goleador
Guillermo que lamentablemente rematou a súa estadía marchando ao Montañeros de Preferente.
Xuño foi o
peor mes pois xuntou os incendios forestais cun brote de varicela nos colexios
e cunha vertedura contaminante no río Cabrón que matou centos de troitas.
Tampouco eran
bos tempos en Cerceda pois o peche da mina de Meirama abocaba ao paro a uns 220
traballadores. Máis de 500 persoas a pesar da choiva ocuparon as rúas de Ordes
a finais de setembro na maior manifestación daquel ano.
En novembro
concluíu por fin a concentración parcelaria nas parroquias de Ardemil e Leira e
Pablo Viriato inaugurou na rúa Alfonso Senra a tenda Pisonero. Ese mes tamén estaba previsto aplicar a ORA na maioría das rúas céntricas da vila, pero como sempre houbo un longo retraso de varios meses.
O ano remataría en LP45 cos cantos dos mozos
participantes no concurso da TVG "Son de estrelas" que sería un gran éxito
no ano 2007.
No hay comentarios:
Publicar un comentario