martes, 30 de enero de 2024

A familia Gil (Poulo)


  A abundancia de tratantes de gando* que houbo historicamente na parroquia de Poulo ocasionou que todos os seus habitantes fosen alcumados vaqueiros*. Un dos máis destacados gandeiros de Poulo foi Evaristo Gil Calvo (1873-1964), que nos anos 20 e 30 era o maior contribuínte da parroquia. Na súa casa (a uns 300 metros da Calle) era onde se poñía a urna cando habia eleccións e el mesmo foi concelleiro nos convulsos anos 30. Evaristo casou con María Viqueira Figueira (1878-1956), coa que tivo polo menos 6 fillos que chegaron á idade adulta: María, José, Manuel, María Jesús, Hermenegildo e Elisa Gil Viqueira.
 
De María só sabemos que casou na igrexa de San Pedro de Mezonzo en agosto de 1932 con José María Botana Varela, un mozo que acababa de volver de New York. A parella marchou de novo para América e alí se estableceu.
José Gil Viqueira (1901-1994) foi o herdeiro da casa familiar. Casou con María Veiras Botana (1899-1979), tamén de Poulo, e con ela tivo 9 fillos, os moi coñecidos Gil Veiras. Tres deles (Gumersindo, Manuel e Ricardo) emigraron, José, o maior, Germán e Carmen, a menor, seguiron en Poulo mentres os outros establecéronse en diversos lugares do concello. Francisco casou para Folgoso, Pura para Ordes e Concepción con José Conde do Bidueiro.
 
María Veiras Botana (1899-1979) era irmá de Avelino -que casou con Manuela Veiras Veiras-, e de Manuel, casado con María Veiras Veiras, e pai de Concha, a propietaria da Casa Antón Veiras, herencia materna xa que María era filla de José Veiras Mosquera (1884-1059), e este de Antonio Veiras Camba Antón (1845-1930) -dos Veiras de Pardiñas- e de Mª Mosquera Uzal (m.1925).  
 
Manuel (1903-1995), Mª Jesús (1907-1995) e Hermenegildo Gil Viqueira (1915-2001) non casaron e viviron xuntos nunha casa da Calle.
Finalmente Elisa Gil Viqueira (1917-2001), a máis nova, casou co mozo de Buscás Ramón Moar Lata (n.1914), un dos moitos fillos do antigo alcalde Antonio Moar Veiras (non confundir co seu irmán Domingo Antonio). Con el estableceuse en Santiago, na rúa Algalia de Abaixo e con el tivo tres fillos: Mª Ángeles, Isabel e Pilar.
 

*  Había moitos tratantes en Ordes (non só en Poulo). Unha noticia de 1927 infórmanos que foron denunciados pola Garda Civil 8 tratantes do concello de Ordes  por comprar gando na feira de Cerceda sen ter a matrícula correspondente. Foron Evaristo Gil Calvo e o seu fillo José Gil Viqueira (entón en Lavandeira), ademais de Antonio Gestal Calvo de Ardemil, Antonio García Varela de Pereira, Pedro Fraga Rodríguez da rúa dos Lagartos, Gerardo Morales Varela, José Vieites López e Miguel Remuiñán del Río (ou Ríos?).
 Outros alcumes parroquiales son os caciques ou caciquillos de Ordes, os crouchos de Mercurín e os pacholetas de Santa Cruz.

viernes, 26 de enero de 2024

Informe meteorolóxico 2023

 TEMPERATURA
  En ESPAÑA, segundo a AEMET, 2023 foi o segundo ano máis cálido da serie histórica, lixeiramente por detrás do 2022. Os dous foron os máis cálidos desde polo menos 1916.
  Houbo 90 días cunha temperatura media situada entre o 5% das máis altas rexistradas historicamente para esas datas. Pola contra só cinco días estiveron entre o 5% dos máis fríos para o normal na época, cousa que ocorreu durante o único episodio frío destacable do ano, entre finais de febreiro e comezos de marzo.
 
  Produciuse unha onda de calor entre o 17 e o 25 de agosto (9 días) intensa e extensa pois afectou a 39 provincias onde se bateron 39 récords de temperaturas máximas e de mínimas moi altas, como o 23 de agosto, cos 44ºC de Bilbao ou os 29,4ºC de mínima en Barcelona. En Canarias viviuse outra onda entre o 2 e 17 de outubro, extraordinaria pola súa duración (16 días) e polo seu carácter tardío. El Hierro alcanzou os 35,5ºC, a temperatura máis alta desde que existen rexistros na illa. Igualmente no municipio de Guía de Isora (Tenerife) o 12 de agosto rexistrouse unha temperatura mínima de 37,2ºC, récord español desde que hai rexistros. Tamén en abril e a mediados de decembro houbo períodos esaxerados de calor. En Málaga alcanzáronse os 30ºC o 12 de decembro, a temperatura máis alta rexistrada na España peninsular ese mes en toda a serie histórica.
 En GALICIA a temperatura media foi de 14,9ºC. Soamente xaneiro, febreiro e curiosamente xullo pódense considerar meses "normais" (de feito o comezo de ano foi bastante frío), pero todos os demais meses foron cálidos ou moi cálidos, destacando xuño e outubro. Non obstante a zona máis afectada foi o norte das provincias da Coruña e Lugo, mentres no sur as temperaturas estiveron máis preto das súas medias habituais. Na comarca de Ordes a variación media alcanzou + 1ºC sobre a media histórica.

 

PRECIPITACIÓNS
  En ESPAÑA 2023 foi un ano moi seco, o 5º menos chuvioso desde 1961 e o 4º do século XXI. Especialmente a primavera foi a 2ª máis seca da serie histórica, aínda que un verán algo máis húmido do habitual compensou algo a situación.
  Isto ocasionou que Cataluña e as concas do Guadiana e Guadalquivir padezan unha seca alarmante que vén desde 2016, e aínda que as secas dos anos 80 e 90 foron máis intensas no sur peninsular non se prolongaron tanto como a actual.
  A pesar diso, non faltaron episodios como a borrasca Juliette que provocou nevadas en Baleares en febreiro, a DANA de setembro con 7 falecidos e choivas torrenciais en boa parte da península, a borrasca Aline que provocou a maior precipitación en Madrid nun día desde 1860, ou a borrasca Bernard (case un ciclón subtropical) en Andalucía.
  As precipitacións estiveron moi desigualmente repartidas porque Galicia e a zona centro, en cambio, tiveron auga para dar e tomar. A precipitación media en GALICIA foi de 1.560 litros por metro cadrado, ou sexa un 21 % máis alta do normal. Para atopar outro ano similar hai que ir ata o 2000, o inverno sen fin. De feito o outono e o final de ano foron tan chuviosos que as cidades de Pontevedra e Ourense romperon o récord de días seguidos sacando o paraugas. Noutras cidades como Ferrol, Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña, aínda que non se superou o número de días, si o fixo o numero de litros por metro cadrado acumulados.
  Como podedes ver perfectamente no mapa, na maior parte da comarca de Ordes caeron máis de 1.800 litros por metro cadrado, chegando no oeste de Trazo e Tordoia a sobrepasar os 2.200 litros.
 

sábado, 20 de enero de 2024

O ano 1953

  En 1953 continuaba a Guerra Fría pero houbo unha boa nova, o remate da estancada guerra de Corea, saldada cun empate técnico e con entre 4 e 6 millóns de mortos civís e militares. Axudou a toma de posesión en xaneiro do novo presidente estadounidense Dwight D. Eisenhower e a morte de Stalin en marzo. O 27 de xullo de 1953 asinouse o armisticio en Panmunjom, que estableceu unha zona desmilitarizada (DMZ) arredor do paralelo 38 que serviría de colchón diante de posibles novos enfrontamentos. Nunca se firmaría un tratado de paz propiamente dito.
  Continuaron as probas nucleares e ese ano sería a URSS, agora comandada por Nikita Jruschov, quen detonaría por 1ª vez unha bomba de hidróxeno. En Iugoslavia comezaba en xaneiro o longo mandato de Josip Broz Tito e en Venezuela en abril chegaba á presidencia o xeneral Marcos Pérez Jiménez. O ano acabaria coa dimisión de Ben-Gurión en Israel e a independencia de Cambodia de Francia.
 
Boas novas foron o descubrimento en febreiro da estrutura helicoidal da molécula de ADN por Francis Crick e James Watson, as primeiras películas en 3-D, a saída ao mercado do primeiro televisor en color pola empresa RCA e o primeiro transplante de ril dun doante vivo en Francia. Tamén en 1953 Hillary e Tenzing Norgay conquistaron o Everest.
  No eido da cultura estreouse en maio en Paris "Esperando a Godot", Lucille Ball e Desi Arnaz asinaron un contrato de... 8 millóns de dólares! para continuar coa súa serie de TV "I love Lucy" e, aínda que xa comezara a destacar algo en 1952, neste ano estreou 3 películas e iniciouse o bum da maior sex-symbol da historia, Marilyn Monroe.
 

  En España 1953 foi o ano do recoñecemento internacional do Réxime. En agosto asinou o Concordato coa Santa Sede no que a Igrexa católica confirmou varios privilexios xurídicos, políticos e fiscais, e en setembro tiveron lugar os Pactos de Madrid polos que os estadounidenses estableceron varias bases militares en España.
  Economicamente o país avanzaba con lentitude, pero melloraba, por exemplo entrou en funcionamento a fábrica de Renault en Valladolid que produciu ese ano unhas 700 unidades, mentres que a SEAT sacou unhas 1300 ao mercado.
  Importante foi a reforma do bacharelato que separaría ciencias e letras. Ese ano apareceron obras como "Requiem por un campesino español" -en México- ou "Tres sombreros de copa" de Miguel Mihura. Apareceu tamén unha película capital do cine español, "Bienvenido Mister Marshall" coa súa canción "Americanos". Pero as obras verdadeiramente masivas eran as radionovelas, e ese ano naceron tres das máis populares: "Diego Valor", "Lo que no muere" e "La sangre es roja".
  Nunha Galicia onde rematara a guerrilla os tempos seguían sendo duros e aquel ano emigraron 23.500 persoas. Foi nomaedo Capitán Xeneral da VIII Rexión Militar o marroquí Ben Mizzian Bel-Kasem, mentres en Arxentina creáronse as Mocedades Galeguistas.
 

E que pasaba en Ordes?  
XANEIRO: Morreu en Buscás Jesús Garabato Mira aos 88 anos.
FEBREIRO: O venres 13 encontro en Ordes do cardeal Quiroga Palacios co gobernador civil Pardo de Santayana. Morreu en Buscás Josefa Ruibal Vilela aos 91 anos (era irmá do construtor Manuel Ruibal, viúva de Jesús Garabato e nai de Tomasa, Francisca, Manuel, José e Francisco Garabato). En Ordes faleceu José García Fernández, pai da panadeira Fleira, aos 76 anos.
MARZO: Xuízo contra o mozo de Trazo Antonio Pose Noya por disparar contra a súa moza. Santa Misión en Ordes con visita o sábado 12 do cardeal Quiroga Palacios. Finalización das obras da Casa Consistorial. Iniciadas as obras de dous lavadoiros públicos de gran capacidade. Morreu o día 28 aos 80 anos Manuela Dafonte Fraga, viúva do celador de telégrafos Domingo Fernández Álvarez.
ABRIL: Pospúxose a prevista inauguración da Casa Consistorial. Morreron Felisa Uzal Varela, propietaria da Casa Maldonado da Calle de Poulo, en Barbeiros Manuel Rodríguez aos 60 anos e en Beán Manuela Blanco Pereiro aos 98 anos!
MAIO: Incendio dunha casa no Recreo. Morreron Carmen Mato González, matriarca dos Astray, e José Viaño Iglesias aos 70 anos.
XUÑO: Traballos de electrificación en Ordes, Trazo e Oroso.
XULLO: Xuízo na Coruña contra o guerrilleiro de Ardemil Juan Couto Sanjurjo.
AGOSTO: O gobernador civil Pardo de Santayana visitou Trazo onde inaugurou o establecemento de electricidade en dúas parroquias. Voda de Ángel Raña Dafonte con Dolores Caamaño en Cangas. Accidente na Costa do Bispo dun camión militar resultando feridos 19 orfos de militares. Inauguración do campo de fútbol Vista Alegre nas festas patronais. Morreu Carmen Moar Lata de Buscás con 45 anos e Josefa Pérez Ramos, matriarca dos Bello, en Pereira aos 69 anos.
SETEMBRO: Morreu Miguel Liste Vilariño aos 70 anos.
OUTUBRO:  Voda o día 3 en Vilagarcía do médico Fernando Concheiro García con Mª Esther Abal Barral. Partido amigable en Santa Isabel no que o equipo de Ordes venceu ao Arenal. Parou a comer na vila o equipo de fútbol de Ourense. Morreu en Vilamaior Andrés Moar Ferreiro aos 51 anos.
NOVEMBRO: Subasta da casa en Alfonso Senra que pertenceu a Carmen Mato. Concurso de Calidade de Patacas para os agricultores de Ordes e Carballo o domingo 22.
DECEMBRO: O domingo 6 foi o primeiro partido oficial de liga no campo de fútbol Vista Alegre. Traspasábase o cine-baile.
 

sábado, 13 de enero de 2024

Oficios: zapateiros

 
Moi antigamente os zapateiros fabricaban os zapatos, botas ou zocos no seu taller. Compraban o material, tomaban medidas do pé e deseñaban o calzado ao gusto do cliente. Ás veces, en lugares onde chovía moito, poñíaselles aos zapatos o coiro coa parte de dentro para fóra co obxectivo de logo que se lle puidese untar algo de graxa, escorregase a auga e non se mollasen os pés.
 
  A finais do primeiro terzo do século XX xa era raro que os zapateiros creasen o calzado, que viña feito de fábrica, e quedaron limitados á súa reparación. O que si seguiron facendo foron os zocos dos campesiños ata que este calzado deixou de ser popular.
  Instalados no seu taller co indispensable mandil, os zapateiros tiñan multitude de ferramentas: martelos máis ou menos grandes, cravos, tenaces, coitelas para o coiro e ferro para afialas, agullas (ou máquina de coser), fío, un molde para o calzado...
  Para facer os zocos tiñan un cepo. A madeira das solas labrábana cunha macheta, logo cunha trencha facían a xabreira onde se axustaría o coiro e cunha gubia e unha rasqueta deixaban a sola ben fina. Colocaban logo o coiro para a empeña e o talón.
 
 
  Emparentados cos zapateiros estaban os albardeiros, que facían as albardas para bestas, asnos e cabalos. Tiñan as mesmas ferramentas porque a fin de contas ambos os dous oficios traballaban o coiro.
 
  Un lugar onde houbo multitude de zapateiros foi a vila de Noia. A localidade chegou a ter... ata 44 fábricas de curtidos! o que propiciou a instalación de máis de 60 talleres de fabricación de calzado e outros 50 de reparación. Así que non é extraño que moitos deles emigrasen a otros lugares menos saturados.
  Un deses lugares foi Ordes* onde a principios do século XX viñeron os irmáns Ramón e José Faya Fernández que montaron fábricas de curtidos, a principal no Recreo e outra en Reboredo.
  Tamén veu o zapateiro máis famoso da vila, Manuel González Romero o Capitán, que fabricaba zocos e vendía calzado nas feiras. Casado con Manuela Faya Fernández (si, irmá dos curtidores) tivo seis fillos: Manuel, José, Carmen, Guillermo, Víctor e Blanca (m.1942 con só 21 anos).
  Os fillos varóns tamén foron zapateiros. Manuel González Faya (1902-1976), casado con Benigna Álvarez, acabou sendo mestre nacional. José tivo unha zapatería no Orzán. Guillermo (1918-2005) casou con Amable Abeijón. O máis coñecido de todos foi o irmán menor Víctor González Faya.
  De Noia era o zapateiro e logo rico comerciante Antonio Amado Amado (1869-1934). que se instalou no que hoxe é Alfonso Senra 34 (onde agora está o bazar do chino Hongy Zhang). O seu comercio competía co de Mariño na Rúa dos Lagartos por ser o máis grande e importante da vila. O seu fillo maior, Mariano Amado Ferreiro (1909-1980), foi zapateiro antes de marchar a Santiago onde instalou o seu propio comercio.
  Tamén de Noia viñeron os tres irmáns Agraso. O zapateiro Emilio Agraso Olveira (1921-1994) casou con Esther Regos Viqueira, unha das fillas de Angustias. Emilio, o único fillo do matrimonio, non continuou coa tradición e foi oficial da Mariña.
 
 
  Unha excepción foi José Castro Castro Pachiro que viviu no Paraíso nunha casa que mantén aínda o seu aspecto antigo e que era de familia ordense.
  Outros nativos foron José García Calvo (1920-2009), casado con Dorinda López Recouso (filla do burraxeiro de Loureda), que tivo o seu taller en Alfonso Senra 1, e Manuel Castro Sánchez (1930-2023) o Zapateiro de Guindibón.
 
  Pero un dos máis coñecidos e non tanto polo seu traballo senón polas anécdotas que protagonizou foi Estevo, o Zapateiro da Portela (Leira). Bebía moito cando viña á feira de Ordes e dicía frases que quedaron na memoria:
 -O Zapateiro da Portela, quen fixo o ceo fixo a Terra.
 -O coiro da a metade... pero hai que saber estiralo.
 -Os meus fillos son moi listos. Saben ler a letra pequena.
 -Non teño nin pai nin nai pero arréglome o mesmo (cando xa era vello).
Unha vez, na esquina da casa de Moar fronte á Casa do Concello, atropelouno un coche. Os viandantes, asustados, foron ver como estaba e viron que se levantaba como se nada berrando en voz alta:
 -Eu os coches pároos co cú!
 
* Familias que viñeron a Ordes desde Noia son os Faya, González, Romero (os de Julián), Abeijón, Amado, Nine e Gago.

miércoles, 10 de enero de 2024

Poboación da comarca 2023

 
   Se en 2021 e 2022 a dinámica poboacional da comarca cambiara con respecto aos anos pre-pandémicos, 2023 supuxo unha sorpresa total: por primeira vez en moitos anos a comarca gañou poboación. Si, foron só 64 habitantes novos, apenas un 0,17 % máis, pero non podemos queixarnos, xa que chegamos á redonda cantidade de 36.200 habitantes.
  O que non cambiou foi que a responsabilidade dese aumento recaeu nos de sempre, os tres concellos centrais (Cerceda, Ordes e Oroso) que aumentaron case en 170 habitantes. Aínda que en termos absolutos Ordes foi o que máis subiu, a porcentaxe foi similar nos tres casos. A inmigración americana parece estar detrás deste aumento.
 Doutra banda os catro concellos periféricos volveron a perder habitantes. Tanto en termos absolutos como en porcentaxe o que máis baixou foi Mesía, seguido de Frades. Tordoia, habitual líder negativo, este ano só baixou un 0,7 % e Trazo aínda menos, un 0,5 %.

  Se botamos a vista dez anos atrás, ao ano 2013, vemos que a comarca tiña entón 38.153 habitantes, polo tanto perdemos case dous mil persoas nesta última década. De feito o único dos sete concellos que gañou poboación nos últimos 15 anos foi Oroso

jueves, 4 de enero de 2024

O ano 2005


  Dous personaxes marcaron o ano 2005: o Papa Juan Pablo II, cuxo falecemento provocou unha sacudida na Igrexa, sendo substituído polo menos carismático Benedicto XVI, e Angela Merkel, a primeira muller en asumir a Cancillería de Alemaña e o tácito liderado europeo, nuns tempos onde empezaba a haber certo rexeitamento popular (sobre todo en Francia e Países Baixos) á idea de Europa. 
  Houbo boas noticias como o fin da loita armada por parte do IRA ou as primeiras eleccións xerais multipartidistas en Irak, pero tamén continuaron os ataques terroristas como un en Londres o 7 de xullo. Ademais 2005 foi o ano do devastador furacán Katrina que asolagou a cidade de New Orleans a finais de agosto.
 
 
  En España continuaba o goberno de Zapatero. En outubro naceu a princesa Leonor e en novembro comezaron as emisións de Cuatro de Sogecable, pero o home do ano foi o asturiano Fernando Alonso que logrou ser campión de Fórmula I con Renault e que desatou unha febre polo motor que aínda non se desvaneceu.
 
  2005 foi o ano do libro "Os homes que non amaban ás mulleres" de Stieg Larsson e de grandes películas: "Match Point", "Batman Begins", "Sin City" ou "Brockeback Mountain".
  Musicalmente escoitábanse "Lonely" de Akon, "Don't Phunk Whit my Heart" de The Black Eyed Peas e "Axel F" co vídeo de Crazy Frog. Amaral sacou "Días de verano", Melendi "Caminando por la vida" e El Canto del Loco "Besos".
 
  En Ordes a principal noticia do ano 2005 foi a gran crise do Partido Popular. Había desavinzas, que viñan de moi atrás pero que estouparon publicamente en marzo, entre o alcalde Teodosio Martino e o primeiro tenente Manuel Regos. Este contaba co apoio doutros 3 concelleiros: José Luis Gómez Candal, Manuel Blanco e Pedro Ferreiro. Vista a división do PP, o portavoz nacionalista, Avelino Candal, propuxo a PSOE e CDI unha moción de censura pero ninguén aceptou. A partir dese momento Martino quedou en minoría sen poder gobernar na práctica pero os seus opoñentes tampouco se puxeron nunca de acordo para artellar unha alternativa. De feito ata fracasaron en setembro nunha tentativa de baixarlle o soldo.
  Tamén en marzo Martino tivo unha nova fronte de combate. Aínda que os problemas co principal empresario de Ordes, Ramón Carro, viñan xa de bastante atrás, agora o alcalde denunciouno por "intromisión ilegítima en su derecho al honor".
  A situación empeorou coa adxudicación do servizo municipal de augas que gañou Espina y Delfín. Aquagest non tomou ben a derrota, recorrendo a votación que foi anulada, e denunciou a tres concelleiros e a un técnico por prevaricación. Como unha das concelleiras denunciadas era a primeira tenente de alcalde Estrella Vázquez (que apoiou a Espina mentres o resto do grupo de goberno era pro Aquagest) isto aínda debilitou máis a posición de Martino a finais do ano.
 
  Un problema habitual naqueles tempos era o da Movida. Ese ano polo menos dúas pelexas resolvéronse a navalladas, e unha delas terminou cun rapaz no Clínico en estado grave cun ril perforado. Os hostaleiros coincidían en que era necesario "máis control", pero "sen pasarse" pois temían que unha presenza policial abafadora "quitara maxia" á movida. Destacaban que o número de altercados era relativamente baixo comparado con outros lugares. Tamén había problemas cos horarios xa que a maioría de locais pechaban moito máis tarde do que a lei lles permitía.
  Outro -suposto- problema era o cancro. Moitos ordenses, especialmente os veciños do Recreo (entón rúa José Antonio) consideraban que o número de mortes por cancro era anormalmente alto. En xaneiro o catedrático de medicina da USC Juan Jesús Gestal fixo un estudo no que demostraba que iso non era así e que os falecementos estaban dentro da media galega. Como ese resultado non gustou á xente houbo que repetir o estudo. A deputada e portavoz municipal do PSOE Esther Couto reuniuse con Ramón Medina director do departamento da Xunta e a Dirección Xeral de Saúde Pública autorizou a realización dun novo estudo sobre o cancro en Ordes do que non se volveu a saber.
 
  Houbo outras novas tristes como a tráxica morte en abril dunha anciá de 87 anos que morreu ao caer na fosa de purín da súa casa en Fondo de Aldea na parroquia de Vilamaior ou un atentado contra a sede do PP en Ordes, suceso no que alguén lle lanzou un cóctel molotov que provocou danos materiais. Tamén houbo algunha máis festiva como que Pedro Fernández Faya sacou o seu terceiro cómic “O Señor dos Tornillos”.
  As festas, naqueles anos de bonanza, eran espectaculares cun gasto de 95.000 euros. Actuaron a orquestra Panorama e na 5ª edición de Ordes Rock o cabeza de cartel foi o grupo Deluxe do coruñés Xoel López.
  Urbanisticamente o feito máis destacable foi a derriba en setembro do vello matadoiro que estaba nun estado lamentable enriba do leito do regato Mercurín. Isto foi o primeiro paso dunha vella aspiración de Martino: crear un paseo fluvial en Ordes. O que non sabía e que ese paseo xa non podería facelo el. Habería que esperar ata 2009, sendo alcalde Regos.
  Pero indubidablemente o tema que máis deu que falar foi o caso Noelia, a difusión pública dun vídeo erótico íntimo que cambiou para sempre a vida dunha moza da localidade.