domingo, 27 de febrero de 2022

Anos 40 (fame e racionamento)

 OS ANOS DA MISERIA
  Os 40 son lembrados como os anos da miseria. Unha testemuña de primeira man, o meu pai, que tiña 8 anos en 1940, contábame: "Na nosa casa sempre tivemos algo que comer pero quedei aburrido de tanto caldo e broa. O pan branco de trigo só o comiamos nas festas e era para a min coma un pastel". O mesmo pasaba en moitos fogares de Galicia, rexión que podía considerarse privilexiada porque non sufriu os estragos da guerra e porque a maioría dos seus habitantes eran pequenos campesiños que tiñan algunha terra na que podían plantar algo que comer.
  Moito peor era a situación nas cidades e na antiga España republicana, que si sufriu destrucións bélicas e que quedou chea de xente arruinada pola anulación do valor da súa moeda. Ademais as zonas latifundistas estremeñas e andaluzas xa eran historicamente os lugares máis afectados pola fame no país.
 
  O ano máis terrible foi 1941 en que se rexistraron 1.093 mortos por inanición. Hai que precisar que un morto por inanición supón a existencia de centos de persoas con graves carencias nutricionais e outras moitas mortes engadidas provocadas por enfermidades derivadas desa falta de alimentos. Como vemos na ilustración, o total de defuncións do ano 1941 foi o terceiro máis alto do século XX, superando a tres anos en que houbo guerra e só por baixo de 1938 (1.111 mortos por inanición, a maioría en zona republicana) e do pavoroso 1918, o ano da gripe.
  Non obstante o número de defuncións anuais foi descendendo de forma sostida ao longo da década a pesar de que a poboación pasou de 26 millóns de habitantes en 1940 a 28,1 en 1950. Só houbo un repunte en 1946 (1.120 mortos por inanición), momento en que comezou o bloqueo decretado polos aliados ao acabar a 2ª GM. Despois de 1946, co rompemento do bloqueo por Arxentina, a situación mellorou novamente.
 
 
  Foron anos da miseria polas penalidades que pasaron amplas capas da poboación española pero a fame non comezou nesta época. O número de defuncións anuais foi moi superior nos anos 30 (os anos da República) a pesar de que a poboación roldaba os 24 millóns de habitantes. En Europa as cousas non ían moito mellor por mor da guerra. De feito no sur de Francia había máis miseria que en España nos primeiros 40. En 1948 Os Estados Unidos, temendo que a pobreza europea fose un viveiro para os partidos comunistas, activou o Plan Marshall que permitiu a reactivación económica e o afastamento do perigo revolucionario. España non entrou neste plan pero aínda así a mellora da súa economía nos últimos 40 foi notable, chegando por fin en 1951 a recuperar o nivel de ingresos de 1935, anterior á guerra.
 
CARTILLAS DE RACIONAMENTO
  O elemento máis usado nos 40 foron as cartillas de racionamento. Aínda que se asocian coa posguerra e o franquismo, naceron en 1937 na zona republicana co goberno de Largo Caballero, pero logo permaneceron en España desde 1939 a 1952.
 
  O réxime franquista impuxo un sistema de control sobre a produción de alimentos. Estes éranlles requisados aos agricultores e gandeiros por un prezo fixo (bastante reducido) e logo distribuídos a través das cartillas. A Comisaría Xeral de Abastecementos establecía cada semana de forma pública a porcentaxe, cantidade e prezo dos alimentos ofertados. Cada cidadán tiña asignado o provedor ou tenda de comestibles que podía usar. 
  Os alimentos eran 150 ou 200 gramos de pan negro (o branco era artigo de luxo), carne, patacas, legumes e arroz así como algo de leite e aceite (na Galicia rural moitos non o usaran na súa vida e coñecérono co racionamento). Tamén había produtos de primeira necesidade como o xabón e o tabaco. Aínda así non sempre estaban todos dispoñibles (especialmente carne, leite e ovos) e nas cidades as colas eran longas e algunhas veces conflitivas.
 
 
  Nos primeiros anos as cartillas eran familiares, pero despois foron individuais e diferenciadas en categorías por sexo, idade e tipo de traballo. As mulleres e as persoas maiores tiñan dereito a un 80 % da ración dun home adulto e os menores de 14 anos un 60 %. A escasa cantidade de alimentos deu lugar a todo tipo de trucos para lograr máis comida: falseábanse ou duplicábanse as cartillas de homes, borrábanse con faragullas de pan os selos dos cupóns e ata se ocultaban mortes na familia para usar cartillas dos falecidos.
  Tamén se tentaban ocultar alimentos que se producían nas casas, por exemplo algúns facían o pan de noite, pero se os axentes da fiscalía notaban o cheiro comisábano. Aproveitábanse animais mortos, dábase (literalmente) gato por lebre, facíanse "patacas ao avión" (patacas fervidas con loureiro e colorante marca "El Avión") fumábase folla de pataca en lugar de tabaco e substituíase o café por chicoria, de feito xente que viviu esa época, moitos anos despois aínda non concibía tomar o café só sen chicoria.
 
O ESTRAPERLO
  Loxicamente, como sucede en todos os países onde se tenta impoñer un control de prezos, floreceu o mercado negro, que en España recibía o nome de estraperlo. A produción "oficial" de alimentos comezou a baixar porque moitos campesiños, a pesar das altas multas se os collían, ocultaban unha parte que logo vendían por un prezo superior ao da taxa. Este "estraperlo dos pobres" non os enriqueceu pero si lles permitiu mellorar as súas precarias condicións de vida. Logo apareceron os funcionarios que cobraban por facer a vista gorda tanto na produción como na distribución. Pronto medrou un mercado negro paralelo onde podían atoparse todos os produtos de primeira necesidade e mesmo carne a prezos dous ou tres veces superiores aos oficiais. O pan chegaba a custar catro veces máis e o azucre ata cinco. Este negocio deu orixe a grandes fortunas.
  Para cando Franco viu no estraperlo un problema real, a armazón de corrupción era tan grande e estaba tan imbricada no réxime que foi practicamente imposible de solucionar. En 1952 cando a economía xa mellorara púxose fin ao racionamento e este foi o fin do mercado negro e dos anos da miseria.
 

martes, 22 de febrero de 2022

Escudo da igrexa de Santa Cruz

 
   Unha das peculiaridades da igrexa de Santa Cruz de Montaos é a presenza dun escudo no muro norte do presbiterio (a zona do altar). A súa posición non é demasiado rechamante polo que pode pasar perfectamente inadvertido para un visitante ocasional.
  Do escudo, en relevo e policromado, non se sabe a súa antigüidade. Pénsase que a igrexa foi reformada a principios do século XIX, hai case 200 anos. Non obstante a zona do presbiterio parece ser máis antiga, como a ábsida, así que a idade do escudo podería ser aínda maior.
 
  Como podemos ver, é redondo (unha forma non moi habitual) e está adornado na súa parte exterior por curvadas pólas de videira das que nacen dez follas e seis acios. Na parte superior un helmo de cor verde (sinople en xerga heráldica) con tres adornos na súa cimera e mirando cara á esquerda. Tradicionalmente pensábase que se o helmo miraba á dereita significaba fidalguía, e se o facía cara á esquerda era sinal de bastardía (un fillo ilexítimo), pero probablemente os canteiros non tiñan tales coñecementos e a posición do helmo tranquilamente podía ser aleatoria ou mirando cara á porta do pazo ou da igrexa, o que pode ser o noso caso.
  O escudo propiamente dito ten 3 cuarteis. No superior hai un piñeiro flanqueado por dez lanzas, cinco a cada lado. Son as armas da familia Caamaño, moi importante na zona e que tamén están no escudo da capela de Codeseda e nos que hai no pazo do Bidueiro e na Casa Grande de Parada.
  O tronco do piñeiro prolóngase cara abaixo e serve para delimitar os outros dous cuarteis. No da dereita hai seis círculos (roeles en xerga heráldica) que son as armas da familia Castro. Realmente son de cor azul (azur) pero penso que probablemente sexa unha licenza do pintor. No cuartel da esquerda hai un león rampante dourado que suxeita un escudo (con 3 cuarteis tamén). O león é un dos animais máis utilizados en heráldica. Por exemplo, un león dourado representa á familia Graña e un león dourado con tres frechas na man á familia Lavandeira. Non obstante aquí alude á familia Mariño, pois noutros lugares o pequeno escudo que porta o león leva as ondas azuis caractéristicas desa linaxe.
  Segundo Victorino Cores Liste é unha variante usada polos Caamaños de Montaos, familia procedente de Noia, onde tiñan moitas posesións e capela de enterramento na igrexa de Santa María de Noia. Un deles casou con dona Margarita Prego de Montaos, dando orixe a unha rama entroncada cos Bermúdez, Castro, Moscoso, Riobóo, Mariño e outros.
 
  Velaquí un debuxo do escudo bastante detallado.
 
 
 
  Para máis información sobre heráldica das familias galegas:

viernes, 18 de febrero de 2022

Cancro en Galicia

    En febreiro de 2022 apareceu o Atlas da mortalidade por cancro en España e Portugal, un estudo feito con datos dos dous países recollidos entre 2003 e 2012, e que mostran curiosas diferenzas xeográficas nalgúns tipos de cancros.


PRÓSTATA
  É o cancro máis diagnosticado entre os homes, e o en mortalidade. Os factores que afectan ao desenvolvemento deste tipo de cancro aínda non están claros e non se atopou evidencia científica de ningún axente carcinóxeno específico. Inflúen a historia familiar, factores xenéticos e a obesidade, xunto ao consumo na dieta diaria de certos elementos como calcio, carne e graxas. Hai unha zona con alta porcentaxe de afectados na fronteira entre as provincias da Coruña e Pontevedra.
 
PÁNCREAS
  É o oitavo cancro máis diagnosticado, pero en mortalidade en España. O factor máis determinante é o tabaco, aínda que se inclúen outros condicionantes, como a pancreatite crónica ou hereditaria, algunhas alteracións xenéticas, obesidade e diabetes, ademais do exceso de consumo de alcol, carnes procesadas, fructosa e graxas saturadas. En Galicia, A Coruña e Vigo, coas súas áreas de influencia, son as máis afectadas. O cancro de páncreas é o que maior exceso de risco presenta en Ferrolterra, Eume e Ortegal. A probabilidade de mortalidade tamén é alta na área do Barbanza.
 
LARINXE
  Non é tan frecuente, pois ocupa o 20º posto en diagnóstico e o 18º en mortalidade. O exceso de mortalidade obsérvase exclusivamente en homes e asóciase co consumo excesivo de tabaco e de alcol. Incide en todo o norte de España: en Cantabria, en Asturias e en zonas do norte de Castela e León. En Galicia as áreas máis afectadas son as do oeste da comunidade. O mapa revela un exceso do risco de mortalidade no Ferrol, Narón e algúns municipios da ría ferrolá. Tamén é alta a incidencia nas comarcas de Soneira, Fisterra e Arousa. En Cambio non é frecuente na Galicia interior.
 

ESÓFAGO
  En España este tipo de cancro ocupa o posto 21º entre os máis diagnosticados. O Atlas describe un exceso de risco de morte entre os homes por este tipo de cancro no norte da Península. Están relacionados co desenvolvemento deste tumor o estilo de vida e algúns hábitos ou comportamentos, como un alto consumo de tabaco e alcol. Tamén inflúen outros factores, como a obesidade e o baixo consumo de froitas e vexetais. En Galicia as áreas máis afectadas son as maís occidentais.
 
ESTÓMAGO
  O Atlas suxire a existencia de factores ambientais que inflúen para ambos os dous sexos, como infeccións por Helicobacter pylori, o tabaco, traballos relacionados coa produción de caucho, exposición a asbestos e radiación ionizante. A zona na que se aprecia un maior risco de mortalidade está en Portugal, pero tamén se estende por Galicia na área máis próxima á fronteira con este país.
 
  No mapa inferior podedes ver o risco deses 5 tipos concretos de cancro na comarca de Ordes. Se clicades na ligazón podedes comparar datos co estudo do Sergas do ano 2019.
 

jueves, 17 de febrero de 2022

Os anos 40 (política)


  Os anos 40 supoñen a formación e consolidación do réxime franquista que tivo desde o principio uns fundamentos ideolóxicos moi claros:
 
Personalismo. Franco é o "Caudillo", concentra todos os poderes e ten a última palabra en todas as decisións. Todos lle deben "adhesión inquebrantable".
Nacional-Catolicismo. "Una, grande y libre" é o lema do escudo e do réxime. Exáltase a nostalxia da España imperial e rexéitase totalmente a máis mínima autonomia ás rexións, que ven desaparecer as súas linguas da vida pública. A relixión católica (na súa vertente máis integrista) é a base da moral e da educación. O tradicionalismo e o militarismo tamén foron valores moi queridos polo réxime.
Antiparlamentarismo. O liberalismo e os partidos políticos son vistos como a causa dos males do país e quedan proscritos. Créase un partido único e un parlamento dirixido.
Fascismo e Anticomunismo. Xudeus, masóns e comunistas eran os inimigos declarados do franquismo (os dous primeiros máis anecdóticos). Despois da derrota alemá na 2ªGM esvaecéronse as proclamas fascistas mentres persistiu o anticomunismo, aspecto fundamental para a aceptación do réxime no bloque occidental.
 
  Houbo moitos sectores que apoiaron ao franquismo: a oligarquía terratenente que perdera privilexios coa 2ª República, a alta burguesía financieira e industrial que na España republicana non dubidou en cambiar de chaqueta tranquilamente, os campesiños de Castela e do norte de España (pequenos propietarios de costumes católicos e contrarios ás ideas socialistas) e as clases medias que se viron favorecidas polo réxime. Pero os altos cargos do franquismo proviñan de catro grupos, denominados "familias", que eran o soporte do réxime. Ao longo dos anos foi variando o seu grao de influencia segundo as circunstancias externas e os intereses de Franco, que sempre evitou darlles demasiado poder e buscou un equilibrio entre elas.
 
EXÉRCITO. Foi sempre o principal apoio de Franco, xa que os seus membros participaron con el na guerra (os militares republicanos foron mortos, degradados ou exiliados). Nun principio eran moi numerosos nos distintos gobernos. A súa misión principal era defender o réxime e reprimir calquera posible oposición.
FET de las JONS. Os diversos partidos que apoiaron a Franco, tales como a Falange de Manuel Hedilla (o sucesor de José Antonio), as JONS de Ramiro Ledesma e os carlistas de Manuel Fal Conde foron obrigados a unificarse en abril de 1937 nun único partido. Os que se resistiron foron encarcerados ou tiveron que abandonar a política. O home forte durante a guerra foi Ramón Serrano Suñer, principal artífice da construción do réxime, tanto no ámbito xurídico como político, pero caeu en desgraza e perdeu o poder que tiña no ano 1942. A evolución da 2ªGM a favor dos aliados ocasionou que os falanxistas foran perdendo influencia.
A IGREXA e os CATÓLICOS. A Igrexa foi a principal damnificada pola 2ª República. Morreron moitos sacerdotes e foi prohibido o culto durante a guerra, así que apoiou de xeito entusiasta ao franquismo. Como recompensa tivo moito poder (especialmente na educación) e o monopolio da moral co dereito de censurar libros e películas que non lle gustaban. Os católicos gañaron influencia desde 1943, cando a perderon os falanxistas, e contaron con ministros como Alberto Martín-Artajo.  
OS MONÁRQUICOS. Apoiaron a Franco, confiando en que despois da guerra sería instaurada de novo a monarquía, pero isto non pasou ata a súa morte 
 
INSTITUCIONALIZACIÓN DO RÉXIME
  Despois da unificación de 1937, Serrano Suñer o Cuñadísimo ao mando da Falange dotou dunha cobertura ideolóxica de tipo fascista ao réxime. Apareceu o Fuero del Trabajo en 1938 que defendía o corporativismo con algúns dereitos laborais. En 1942 apareceu a Ley de las Cortes pola que se nomeaban deputados designados a dedo e con poder unicamente consultivo. Nestes primeiros momentos creáronse tamén varios organismos dependentes da Falange similares aos que había na Italia fascista e na Alemaña nazi:
A Sección Femenina, desde 1937, para formar ás mulleres nos valores tradicionais.
O SEU Sindicato Español Universitario, único legal desde 1939, co obxectivo de manter aos estudantes universitarios dentro da ideoloxía do movemento.
A OSE Organización Sindical Española, no 1940, tamén chamada "sindicato vertical", formada por representantes sindicais designados polas autoridades, polo que desde logo non eran moi reivindicativos nin daban problemas. 
E Frente de Juventudes, no 1940, que organizaba actividades e excursións mentres que adoutrinaba aos mozos.
  Xa sen a intervención directa da Falange, apareceron en 1945 o Fuero de los Españoles, unha teórica declaración de dereitos e deberes impregnada de moral tradicionalista, e a Ley de Referendum. En 1946 apareceu a Ley de Sucesión del Estado, onde España era declarada "Reino" pero Franco reservábase o dereito de nomealo, o que supuxo unha gran decepción para os monárquicos "donjuanistas".
 
ADOUTRINAMENTO
  Para garantir o adoutrinamento de toda a poboación controlábanse todos os medios de comunicación que estaban sumamente vixiados. Desde 1943 no cine proxectábase obrigatoriamente antes de cada película o NO-DO "Noticiario Documental" no que se daban as noticias sempre enxalzando a figura do Caudillo, destacando os éxitos do goberno e ocultando os fracasos. Un exército de censores supervisaban os libros, xornais, obras de teatro, programas de radio, televisión (xa nos 50) e películas para que non criticaran minimamente os valores do réxime e a moral católica. Cando os libros ou as películas eran demasiado discordantes, prohibíanse na súa totalidade. No resto de casos eliminábanse as partes consideradas inapropiadas (recortaban partes dos libros ou escenas enteiras de películas, especialmente os bicos) ou cambiábase a dobraxe.
 No ámbito educativo creouse en 1944 a FEN Formación del Espíritu Nacional, unha materia que se impartía obrigatoriamente desde o ensino básico ata a universidade.
 
REPRESIÓN
  A represión interna foi responsabilidade do exército e da Garda Civil que era un corpo militar. Aos disidentes perseguíanos coa Ley de Responsabilidades Políticas e coa Ley de Represión de Masonería y Comunismo de 1940. O resultado foi o fusilamento de 50 mil prisioneiros e que a maioría do medio millón de exiliados non se atrevese a volver. Expulsouse a mestres e funcionarios. Coa Ley de Seguridad del Estado de 1941 perseguiuse aos que tentaron sublevarse contra o sistema ou atentar contra os gobernantes. A Ley de Vagos y Maleantes, que xa existía desde 1933 contra os esmoleiros e os proxenetas, serviu tamén para os inimigos do réxime. Creouse en 1941 unha sección na policía, a BPS Brigada Político-Social, que se dedicou exclusivamente a investigar a aparición de opositores políticos.
  Tamén houbo antifranquistas que se negaron a deixar a loita armada. Estes guerrilleiros, case todos comunistas, refuxiáronse en zonas montañosas e rurais onde loitaban contra a Garda Civil. Chegaron a invadir o Val de Arán durante uns dias, pero finalmente foron expulsados. En 1947 promulgouse unha lei contra os maquis: a Ley Contra la Rebelión Militar, Bandidaje y Terrorismo. A maioría morreron loitando ou foron fusilados. En 1948 o PCE renunciou á loita armada e en 1949 disolvéronse os maquis, aínda que houbo grupos que seguiron actuando esporadicamente.
 
 
EVOLUCIÓN POLÍTICA
1939-1945 (2ªGM): España mantívose neutral durante a gran guerra, ao principio polo seu esgotamento, aínda que claramente estaba situada no eixo fascista. En 1940 deixou de ser neutral e pasou a ser "non belixerante", mandando a División Azul para loitar ao lado de Alemaña. Desde 1943 a previsible derrota desta fai que o réxime volvese á neutralidade e comezase a caída dos falanxistas.
1945-1950 (illamento diplomático): Despois da victoria aliada o réxime quedou illado. A ONU en 1946 aprobou unha resolución condenando a Franco e recomendando a retirada de embaixadores, cousa que fixeron case todos os países do mundo. España quedou excluída do plan Marshall e só recibiu axuda da Arxentina de Perón e o Portugal de Salazar. O comezo da Guerra Fría provocou un xiro na posición dos Estados Unidos que salvou ao réxime. En 1950 a ONU recomendou o fin do illamento diplomático de España.

viernes, 11 de febrero de 2022

A movida: de 2001 a 2016

   Nos anos 90 a movida foi espectacular en Ordes e todo o mundo, agás os residentes no Campo da Feira, estaba contento: os mozos, porque tiñan diversión á porta da casa, os pais, porque estaban máis tranquilos sabendo que os fillos non tiñan que saír da vila, e os demais porque unha gran morea de cartos entraba no concello cada fin de semana. Si, había droga e alcol polo medio, pero nada que non houbese tamén noutros lugares, e, en cambio os incidentes eran mínimos.
 
  Esta visión positiva cambiou completamente na primeira década do século XXI a causa de dous fenómenos: o incremento da violencia e o botellón.
 
  Nos 90 apenas houbo problemas pero, claro, aumentou o número de xente (nalgún momento viñan autobuses ata de Vegadeo en Asturias) e por pura matemática tamén ía aumentar o número de elementos nada recomendables que viñan no medio. O primeiro aviso foi o máis dramático: xa no ano 1999 tivo lugar o asasinato dun taxista santiagués por un cliente drogadicto que despois foi tranquilamente de marcha cos cartos que lle roubou. Por fortuna non se volveu a repetir un feito tan lamentable, pero os primeiros anos do século XXI estiveron cheos de incidentes cada vez máis graves.
  A Policía Municipal tivo que ser reforzada con axentes do Concello de Arteixo para poder controlar aos usuarios da movida e aínda así non era quen de evitar os numerosos actos vandálicos que se producían todos os fins de semana.
  A principios do ano 2002, unha gran liorta involucrou a numerosos mozos. En novembro dese mesmo ano un xoven de Sigüeiro levou tres navallazos nunha pelexa e tivo que ser levado ao hospital. Este incidente deu que falar e a movida empezou a ser vista con malos ollos. En febreiro de 2003 houbo outra monumental pelexa fronte a LP na que participaron uns 200 mozos, principalmente do Birloque e de Monte Alto, e que durou con intermitencias desde as 3 e media ata as 6. Os municipais quedaron abraiados: «Poucas veces temos visto isto: Chegamos cos uniformes cheos de cuspe e sangue». En xaneiro de 2004, un mozo de Deixebre recibiu un navallazo ao mediar noutra pelexa e na mesma noite un de Visantoña rematou co tabique nasal fracturado. Os catro partidos políticos pecharon filas arredor da movida e aseguraron que tomarían mediadas para facela máis segura, aínda que a afluencia non baixara a pesar de todos estes incidentes.
 
  O outro problema foi máis grave a nivel económico. Coa chegada do novo milenio, tamén chegou unha nova xeración que empezaba a saír moito antes dos 18 anos, que tiña menos cartos (especialmente coa inflación do cambio da peseta ao euro no 2002) e que atopou unha nova maneira de vivir o ocio nocturno: o botellón.
  Manuel López Cernadas, un dos propietarios de LP, lamentaba que eses mozos culparan aos hostaleiros de orixinar o botellón polo alto prezo da bebida:  «Me han llegado a decir "Manolo, es que ponéis las copas muy caras", y yo me quedaba atónito. ¡Por favor, no se puede decir eso! Lo normal es que, si bebes, tomes una o dos copas, porque si no el bolsillo se resiente. Poner las copas tiradas de precio es lo mismo que promocionar el alcohol. Además en los locales de fiesta te aseguras de que solo se vende alcohol a mayores de edad, pero en el botellón no lo puedes controlar».
  Deste modo era unha estampa habitual naqueles tempos ver na zona dos soportais da piscina unha morea de mozos con bolsas aos seus pés, bebendo e oíndo música a través dos altofalantes dalgún coche tuneado. Posteriormente, cando xa ían cocidos, desperdigábanse polos locais do Campo da Feira.
 
  Estes non deixaran de aumentar. Houbo un momento no que nas dúas rúas a totalidade dos baixos, agás tres, estaban ocupados por pubs ou bares.
  A mediados da década Ordes seguía sendo o "epicentro da movida coruñesa". Os incidentes fóronse controlando máis e moreas de mozos continuaban invadindo a vila todos os fins de semana. Novos locais (ou antigos remozados) atendían a esta multitude: Planet no Recreo, Chupitos, Copas, Scoita, Tibet, Up&down... na Rúa do Muíño, Komik, Cartelera, Mueve, Tabú, Paparazzi, Colors, Tubos... na Rúa da Feira. Volvía a haber certa variedade (Kopas, Colors e Tubos programaban máis música latina, Barmacia destacaba polos seus preparados especiais e as súas gogós...), ata a raíña nai LP45 abría de outubro a abril os domingos e traía orquestras como nos vellos tempos para atender á clientela máis fanática do fenómeno verbeneiro que nesa década comezou a resurxir.
 

 
  Pero estaba claro que o gran globo comezaba a desincharse. Os mozos que rebasaban os 30 anos cada vez saían menos, quedaban nas súas cidades ou vilas evitando a N-550 (con controis permanentes da Garda Civil) ou buscaban outros lugares máis tranquilos e acordes coa súa idade. As novas xeracións que debían darlles o relevo chegaban con novos hábitos: saían cada vez máis tarde das súas casas, quedando logo ata o amencer, e consumían menos nos locais (coíncidiu o comezo da crise económica) porque moitos ían de botellón antes.
  Así que empezou a haber algo menos de afluencia e de facturación. A proba definitiva de que as cousas ían mal foi cando en decembro de 2008 se creou a Asociación de Hostaleiros de Ordes. Pero xa non había remedio. Foi como o xogo das fichas de dominó, empezou a haber claros nalgún local e logo noutro e así sucesivamente. No ano 2009 o globo desinchouse a toda velocidade, a movida ordense atopou o novo competidor que a derrotaría: Santa Comba.
  Os locais de Santa Comba tiñan licenza de "tablao flamenco", é dicir podían abrir ata as 5 da mañá. Pronto centenares de mozos abandonaron Ordes e desprazáronse á capital do Xallas que herdou o rimbombante título de "epicentro da movida". Ata 43 locais de Santa Comba chegaron a ter este tipo de licenza. Algún dos empresarios de Ordes viu claro o que ía suceder e montou "sucursais" dos seus pubs alí (como Tubos e Barmacia). Outros clientes marcharon a Melide e os máis novos quedaban o domingo na Fashion de Sigüeiro.
  É fácil subirse ao carro e colaborar cando as cousas van ben, pero é moi difícil reverter unha mala dinámica. Vendo o exemplo de Santa Comba os pubs de Ordes decidiron seguir a mesma senda e pedir licenza de "tablao" para poder pechar máis tarde. Unhas 20 foron concedidas, dándose o paradoxo de que había máis "tablaos flamencos" entre Santa Comba e Ordes que en toda Andalucía.
  Pero foi de balde, a situación cambiou, pero para peor. Agobiada por esta inesperada competencia no ano 2012 pechou a alma mater da movida, a propia LP45. En principio ía ser un peche parcial e continuaría facendo eventos illados, pero estes eventos cada vez foron máis de tarde en tarde. Os 5 partidos políticos de Ordes crearon unha comisión "para a reactivación do ocio nocturno" pero foi inútil. Se os empresarios dos pubs pensaban que podían sobrevivir sen o efecto chamada de LP pronto se desenganaron.
  No ano 2013 quedaban 9 locais que se xuntaron nunha asociación chamada "Movida Ordes" e consideraban un éxito reunir mil persoas no Campo da Feira (e iso cando organizaban un evento). O globo pinchara completamente.
  O peche definitivo de LP e a súa conversión nun plató televisivo no ano 2016, foi o triste e retrasado epitafio a aquelas dúas colosais décadas de xigantesca movida. 
 

lunes, 7 de febrero de 2022

Parroquias de Ordes

   Velaquí un mapa das 13 parroquias de Ordes. Se vos parece que os lindes son un pouco raros é porque seguen a última modificación (a mediados de 2021) da cartografía oficial da Xunta de Galicia.

  Na táboa inferior tedes a súa extensión, poboación no ano 2000 e 2021, a porcentaxe de poboación que gañaron ou perderon desde o ano 2000 (todas perderon agás Ordes) e a súa densidade de poboación. A cor verde son as 3 primeiras parroquias da clasificación e a rosada as 3 últimas.

  Se queredes saber máis sobre algunha parroquia en particular, pinchade nas ligazóns.

 

PARROQUIA

Km2

2000

2021

+- %

H./ Km2

S. Pedro de Ardemil

20,48

1.146

  920

- 19,7%

 45

Sta Mª de Barbeiros

 9,62

283

  221

- 21,9%

 22

Sta Mª de Beán

10,30

345

  248

- 28,1%

 24

San Paio de Buscás

13,24

545

  502

- 7,8%

 37

Sta Mª de Leira

16,28

674

  620

- 8,0%

 38

Sto André de Lesta

 9,38

269

  189

- 29,7%

 21

S. Clemente de Mercurín

11,09

325

  251

- 22,7%

 22

Sta Cruz de Montaos

 9,68

870

  808

- 7,1%

 83

Sta Mª de Ordes

18,62

6.003

7.628

+ 27,0%

408

Sta Mariña de Parada

11,21

353

  283

- 19,8%

 26

Santaia de Pereira

 6,64

361

  313

- 13,2%

 47

San Xian de Poulo

 9,66

346

  317

- 8,3%

 31

Santiago de Vilamaior

10,79

422

  305

- 27,7%

 29

 

  De propina aquí tedes outro mapa con algúns núcleos de poboación.