lunes, 27 de noviembre de 2023

O fin da guerrilla

  En 1952 chegou o fin definitivo da guerrilla antifranquista en case toda Galicia (só quedou algún combatente illado como José Castro Veiga o Piloto na zona de Chantada).
 
  E marzo de 1952 resultou ser o principio dese fin. O domingo 9 na Costa da Regueira en Oza dos Ríos foi detido ademais de ser gravemente ferido nunha perna o lendario Benigno Andrade Foucellas
  O tenente da Garda Civil Enrique Vázquez Martínez foi informado de que o guerrilleiro estaba refuxiado nunha cova no lugar da costa. Achegáronse os gardas ata alí sobre as 8 da tarde e rodearon o lugar. Foucellas saiu da cova para asearse no río, momento no que foi abordado, capturado e ferido nunha perna, resultando ferido tamén o garda Nicanor Álvarez. Na cova quedaba o guerrilleiro Manuel Vilar Arnoso que foi abatido, mentres a Garda Civil sufriu a morte de Cesáreo Díaz Pérez. Foucellas sería logo trasladado ao cuartel da Garda Civil en Betanzos onde foi interrogado e torturado.
 

  Pero o último golpe á guerrilla tivo lugar na comarca de Ordes, máis concretamente en Visantoña (Mesía). Alí atopábanse o día 22 de xullo os guerrilleiros José Galán Núñez, Manuel Ramiro Souto e Juan Couto Sanjurjo.
  Os tres estaban agochados nas cortes da taberna de Lino de Visantoña, casa que tamén tiña unha parada de sementais. Rapidamente presentáronse numerosos gardas civís procedentes dos postos do Abelar (Abegondo), do Peñasco (entre Ordes e Frades) e de Xanceda.
  Esa fulgurante resposta da Garda Civil fixo crer que o dono da casa decatouse da súa presenza e avisou ás autoridades, pero máis tarde tamén se especulou que Juan Couto (ou algún dos seus irmáns) delatara a súa posición a cambio de saír con vida e dunha estancia breve no cárcere. En todo caso non hai probas de ningunha destas suposicións e tamén se puido dar o caso de que os gardas xa estivesen detrás da súa pista.
  A única realidade coñecida é que ese martes unha choiva de balas caeu sobre os tres guerrilleiros. Galán e Ramiro morreron debido en ambos os dous casos, segundo consta no libro de defuncións, a unha "lesión endocranial" -ou sexa, disparo(s) na cabeza-.
  Juan Couto Sanjurjo rendeuse e foi collido con vida. En 1953 someteríano a un xuízo no que a inicial pena de morte sería conmutada por 30 anos de prisión, dos que cumpriría 10, xa que lograría a liberdade en 1963.
 
José Galán Núñez o Dereito naceu en Alvedro, no concello de Culleredo, sobre 1922, fillo de José Galán e Dolores Núñez. Desertou do servizo militar cando lle faltaban tres meses para rematalo e uniuse á guerrilla, ao grupo de Foucellas, co que participou en diversas accións. Morreu en Visantoña en 1952 e no seu cemiterio foi soterrado.
Manuel Ramiro Souto naceu en Ombre, tamén no concello de Culleredo, en 1925. De profesión albanel, uniuse á guerrilla e formou parte do destacamento Manolito Bello da IV Agrupación que actuaba na zona das Mariñas do norte de Lugo. En 1949 comezou a actuar na zona de Ordes ata a súa morte en 1952 en Visantoña, lugar onde foi soterrado.
 
  Catro días máis tarde da morte de Galán e Ramiro, o sábado 26 de xuño de 1952 na Agrupación da Sanidade Militar da Coruña  tivo lugar o Consello de Guerra contra Benigno Andrade. Foi sentenciado a morte no garrote vil, sentencia que se cumpriu o 7 de agosto de 1952 na prisión provincial da Coruña.
FONTE: "A Guerra silenciada" de Manuel Pazos Gómez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario